Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Venres, 2 de xullo de 2021 Páx. 33775

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 15 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas á conciliación da vida familiar e laboral, por redución da xornada de traballo como medida de fomento da conciliación e corresponsabilidade, susceptible de ser financiada con fondos REACT-UE no marco do Programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento SI440A).

A Declaración das Nacións Unidas de Beixing e a Plataforma de acción de 1995 para potenciar o papel da muller xa alentaban os homes a participar no fomento da igualdade de xénero, todo o cal se reiterou no debate sobre o tema do papel dos homes e dos nenos de cara a acadar a igualdade de xénero, mantido na Comisión da Condición Xurídica e Social da Muller en 2004.

A folla de ruta da igualdade entre homes e mulleres (2006/2010) da Comisión Europea declaraba que os homes aínda estaban a participar menos que as mulleres nas responsabilidades domésticas e familiares; pola súa banda, o Consello da Unión Europea, no documento «Os homes e a igualdade de xénero», observa que para mellorar a situación das mulleres e fomentar a igualdade de xénero debe prestarse maior atención á maneira en que os homes se involucran na consecución da igualdade de xénero e o impacto positivo que esta ten sobre os homes e as mulleres, e sobre o benestar da sociedade no seu conxunto. Así mesmo, recoñece a importancia de establecer políticas de reconciliación da vida profesional e privada tanto para homes como para mulleres co fin de apoiar que se compartan dunha forma equilibrada as responsabilidades e as tarefas domésticas e de coidado de persoas a cargo, e insta os Estados membros a dar pasos concretos para promover que os homes compartan coas mulleres as responsabilidades parentais e outras responsabilidades de coidado.

Malia os logros acadados durante estes anos, cómpre pór de manifesto que os indicadores de igualdade en relación co traballo doméstico e de coidados, así como cos usos do tempo, seguen mostrando unha realidade de relacións persoais e sociais asimétricas entre mulleres e homes, como o reflicten os datos socioeconómicos nos ámbitos europeo, estatal e de Galicia. Isto mostra que aínda persisten roles e estereotipos sociais que inciden no imaxinario colectivo respecto da suposta maior capacidade das mulleres para atender as responsabilidades de carácter familiar, o que continúa dificultando o seu acceso e permanencia no mercado laboral debido, entre outras cuestións, a que son as que seguen acolléndose maioritariamente ás diferentes medidas postas en marcha desde as diferentes administracións públicas para promover políticas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Por iso, no marco das políticas da Unión Europea, nas súas diferentes normas e documentos de programación e planificación, como a Estratexia europea para a igualdade de xénero 2020-2025, e a a Directiva UE 2019/1158 do Parlamento Europeo e do Consello, relativa á conciliación da vida familiar e a vida profesional dos proxenitores e das persoas coidadoras, que introduce normas mínimas para os permisos familiares e as fórmulas de traballo flexible e promove a repartición equitativa das responsabilidades asistenciais entre ambos os proxenitores, se recolle que a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes segue a ser un valor fundamental, con referencia explícita á necesidade de avanzar e promover a mellora da conciliación da vida laboral e privada para mulleres e homes ao longo de toda a súa vida.

O desequilibrio na repartición dos tempos dedicados ás tarefas de reprodución e coidado produce efectos negativos na empregabilidade e promoción profesional das mulleres. Por iso, «mellorar a conciliación da vida familiar e laboral e promover a corresponsabilidade entre mulleres e homes para contribuír a acadar o principio de igualdade por razón de xénero en todos os ámbitos e á revitalización demográfica» segue a ser un obxectivo estratéxico na nosa comunidade autónoma.

A Comunidade Autónoma de Galicia recoñece, tanto nas leis de igualdade, hoxe recollidas no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, como na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, e na Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, a importancia da corresponsabilidade na vida familiar, particularmente no mantemento, coidado e educación dos fillos e fillas, e comprométese a promover a igualdade de mulleres e homes no acceso ao mundo laboral e na asunción das tarefas familiares, mediante actuacións que procuren a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Tamén a Lei 2/2014, do 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia, recoñece a necesidade de facer efectivo o principio de igualdade de trato e de non discriminación por razón de orientación sexual en todos os ámbitos e, en particular, entre outras, nas áreas laboral e familiar.

Ademais, tamén esta convocatoria se inscribe no Plan estratéxico de Galicia 2015-2020, e así mesmo vaise incluír no novo plan estratéxico que está en proceso de elaboración, no cal a promoción da igualdade entre mulleres e homes constitúe un principio horizontal que se incorpora de forma transversal para abordar e reducir as fendas de xénero a través de accións específicas nos diferentes eixes e ámbitos de actuación; pola súa vez, tamén prevé actuacións máis directamente relacionadas coa igualdade de xénero; no eixe prioritario 2 «Benestar das persoas e as familias e cohesión social» hai dúas prioridades de actuación que recollen os obxectivos estratéxicos de mellorar a conciliación da vida familiar e laboral e promover a corresponsabilidade entre mulleres e homes para contribuír a acadar o principio de igualdade por razón de xénero, impulsar a igualdade de oportunidades por razón de xénero, a inclusión e mellora social, o acceso á actividade e ao emprego das mulleres, así como reducir a violencia de xénero articulando unha resposta global e coordinada en calquera das súas modalidades e consecuencias.

Nesta mesma liña, os sucesivos documentos autonómicos de planificación estratéxica para a igualdade entre mulleres e homes conteñen como unha das áreas prioritarias de actuación a conciliación corresponsable e a calidade de vida, co obxectivo de reforzar unha asunción equilibrada entre mulleres e homes dos tempos dedicados ás tarefas domésticas e familiares e dos tempos dedicados aos traballos remunerados e á formación, de forma que se reduza a fenda de xénero e se avance nun modelo de organización social que facilite unha boa calidade de vida para todas as persoas. En concreto, no VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020 recóllese como 2ª área estratéxica a «igualdade na xestión dos tempos e dos traballos», no seu obxectivo específico 2.4 recolle como medida concreta o «fomento do uso de permisos e medidas de conciliación que fomenten a corresponsabilidade por parte dos homes».

Esta prioridade e compromiso do Goberno galego tamén se reflicte de forma exhaustiva e singularizada nos instrumentos de planificación, concretamente no Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021, aprobado polo Consello da Xunta na súa sesión do día 5 de abril de 2018.

O Plan galego de conciliación e corresponsabilidade ten por finalidade a posta en marcha, a consolidación e a visibilización de actuacións de distinta índole que inciden na conciliación, desde a base da corresponsabilidade familiar, poñendo o foco nunha repartición equitativa das responsabilidades doméstico-familiares entre mulleres e homes, en liña coas últimas decisións adoptadas pola Comisión Europea que tratan de apoiar a conciliación da vida familiar e a vida profesional, a través da mobilización de instrumentos financeiros e instando á reorientación dos recursos existentes do orzamento da Unión Europea cara a investimentos prioritarios que contribúan á súa consecución.

O plan é o resultado dun traballo compartido pola totalidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma e do sector público autonómico en aplicación do espírito de cooperación e coordinación institucional que forma parte dos principios reitores deste plan.

O plan estrutúrase en cinco áreas estratéxicas de actuación nas cales traballar para avanzar na conciliación corresponsable. As bases reguladoras que aquí se presentan enmarcaranse na área estratéxica «5. Fortalecendo os recursos de apoio», no obxectivo estratéxico «5.2. Consolidar e ampliar as medidas económicas para favorecer a harmonización dos tempos dedicados á esfera persoal, familiar e laboral», e constitúe a medida de código «5.2.1. Promoción da conciliación e fomento da corresponsabilidade para incidir na decisión dos homes de acollerse á redución da súa xornada de traballo para o coidado de menores ao seu cargo».

De acordo co previsto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, creouse a Consellería de Emprego e Igualdade e en desenvolvemento del aprobouse o Decreto 130/2020, do 17 de setembro polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e segundo o establecido no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, correspóndenlle á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica en materia de igualdade, entre outras, as funcións de planificar, deseñar, coordinar e avaliar a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de promoción da corresponsabilidade entre mulleres e homes no eido persoal, familiar e laboral, así como tamén propor medidas, programas e normas dirixidas á promoción do exercicio efectivo dos dereitos das mulleres, a incrementar a súa participación na vida económica, laboral, política, social e cultural, e a eliminar as discriminacións existentes entre sexos.

Neste ámbito de actuación, a Secretaría Xeral da Igualdade vén desenvolvendo programas, actuacións e medidas dirixidos a acadar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, entre eles «os incentivos á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á redución da súa xornada de traballo», coa dobre vontade de apoiar a asunción de responsabilidades familiares por parte dos homes e de axudar á desaparición dos estereotipos sobre a mellor ou menor disposición de mulleres e homes para asumiren as tarefas do coidado dos e das menores, mediante o apoio económico a aqueles traballadores que se acollan a esta medida de conciliación e, pola súa vez, facilitar o mantemento das traballadoras que teñen responsabilidades familiares no mercado de traballo. As familias monoparentais, pola súa situación, precisan dun apoio específico para favorecer a conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Por iso, tamén son incluídas como beneficiarias neste programa.

A principal finalidade desta convocatoria radica en levar a cabo a promoción dunha repartición equilibrada das tarefas no eido doméstico, reprodutivo, do coidado de fillos e/ou fillas menores de 3 anos. Ata agora, na gran maioría dos casos quen se ocupa destas tarefas seguen a ser as mulleres (nais) e sobre elas recae na súa maioría a responsabilidade de conciliar. Ademais, tamén se pretende ter en conta os novos modelos de familia, como as familias monoparentais e as familias integradas por persoas do mesmo sexo. Por isto, as principais persoas destinatarias destas axudas son os homes (pais) que, ben como titulares de unidades familiares monoparentais ou ben formando parte dunha parella, traballen e se acollan á redución da súa xornada laboral para coidar á súa filla e/ou fillo menor de tres anos. Tamén as mulleres (nais) poderán ser beneficiarias destas axudas, nos casos que sexan as titulares de unidades familiares monoparentais ou nos casos de parellas formadas por dúas mulleres.

Así mesmo, é preciso indicar que as necesidades de conciliación e de fomento da corresponsabilidade resultaron incrementadas pola situación sanitaria, económica e social derivada da COVID-19, tanto polas restricións de mobilidade, de apertura de actividades non esenciais e de capacidades que impediron a realización de determinadas medidas de conciliación de entidades locais ou de iniciativa, e necesidades emerxentes neste ámbito relacionadas coas novas formas de teletraballo e de relacións sociais que intensifican a carga de conciliación nas mulleres, que xustifican a necesidade de financiamento con fondos REACT-U.

Nesta convocatoria téñense en conta as posibles situacións laborais adversas provocadas pola crise sanitaria da COVID-19.

Estas axudas son susceptibles de seren financiadas polo FSE no marco do Programa operativo FSE Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.

Nesta convocatoria incorpórase o establecemento de métodos de custos simplificados conforme o disposto no artigo 14 do Regulamento (UE) 1304/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo de 2018, «as normas xerais aplicables ás opcións de custos simplificados a título do FSE establécense nos artigos 67, 68, 68 bis e 68 ter do Regulamento (UE) 1303/2013».

A convocatoria destas axudas axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (DOG núm. 214, do 5 de novembro); e no que resulte de aplicación na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro), e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo).

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, en uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria das axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para as persoas traballadoras e as familias monoparentais que, entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021, ambos os dous inclusive, teñan unha situación de redución da súa xornada de traballo para o coidado de fillos e fillas, sempre que se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta resolución.

2. A denominación e o código do procedemento correspondente a estas axudas é o seguinte: SI440A-Axudas á conciliación da vida familiar e laboral como medida de fomento da corresponsabilidade para os traballadores que se acollan á situación de redución da súa xornada de traballo.

Artigo 2. Procedemento de concesión

1. O procedemento para a concesión das axudas recollidas nesta resolución tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As axudas concederanse por orde de puntuación segundo os criterios e pautas de valoración previstos no artigo 16 desta resolución ata esgotar o crédito dispoñible.

3. A súa xestión realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 3. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destinarase un crédito por un importe total de cincocentos setenta e cinco mil douscentos corenta e oito euros (575.248 euros) con cargo á aplicación orzamentaria 11.02.312G.480.0, código de proxecto 2021 00061, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2021.

Por outra banda, se houbese lista de agarda e logo da adxudicación hai un remanente igual ou superior a 500 €, este poderá asignarse ao primeiro expediente da lista de agarda correspondente segundo a orde de puntuación obtida con base nos criterios de valoración do artigo 16 desta convocatoria.

2. Estas axudas son susceptibles de ser financiadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 100 %, a través do eixe prioritario R (REACT-UE), obxectivo temático «Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía»; prioridade de investimento R.1 «Favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia de COVID-19 e as súas consecuencias sociais e preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía; obxectivo específico R.1.1 (OE REACT-UE 1). Apoiar o acceso ao mercado de traballo das persoas en situación de vulnerabilidade, o acceso aos sistemas sociais e as medidas de inclusión social e erradicación da pobreza», e liña de actuación 125 «Programa de fomento da conciliación e da corresponsabilidade en Galicia».

3. O importe máximo inicial do crédito destinado ás axudas obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda, logo de informe favorable do organismo intermedio do Programa operativo FSE Galicia 2014-2020 (actualmente a Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos). A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que isto implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 4. Compatibilidade das axudas

As axudas previstas nesta convocatoria son incompatibles con calquera outra subvención pública co mesmo obxecto e finalidade.

Artigo 5. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as persoas físicas que no período comprendido entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021, ambos os dous inclusive, se acollan á medida de redución de xornada para o coidado dun fillo ou filla menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %, e que reúnan os seguintes requisitos:

a) No caso de unidades familiares non monoparentais, co obxectivo de fomentar a corresponsabilidade, poderán ser beneficiarios os homes que se acollan á redución de xornada laboral para o coidado de fillas e fillos segundo o establecido no artigo 6 desta resolución e sexan traballadores por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.

b) No caso de unidades familiares monoparentais, poderá ser beneficiaria a persoa, home ou muller, que se acolla á redución de xornada laboral para o coidado de fillas e fillos segundo o establecido no artigo 6 desta resolución e sexa traballadora por conta allea, tanto da empresa privada como das administracións públicas, organismos autónomos, entes públicos de dereito privado e empresas públicas dependentes delas, con independencia de que o seu vínculo sexa laboral, funcionarial ou estatutario.

Para os efectos destas axudas, entenderase por familia monoparental, segundo o artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, e a disposición derradeira terceira da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, que se refire á Modificación da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e a convivencia de Galicia, no seu punto 2, o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas ao seu cargo, nos seguintes supostos:

a) Os homes ou as mulleres que afrontan a paternidade ou a maternidade en solitario.

b) As familias formadas por unha ou un cónxuxe viúvo e os fillos e fillas.

c) As familias formadas por un pai ou nai que queda a cargo das fillas e fillos sen que haxa custodia compartida.

2. Para obter a condición de beneficiarias, as persoas solicitantes deberán cumprir todos os requisitos, condicións e obrigas establecidos nesta convocatoria e na normativa xeral de subvencións, en particular os seguintes:

a) Estaren empadroadas en calquera concello da Comunidade Autónoma galega, como mínimo, desde o 1 de xaneiro de 2020 e manteren esta condición durante todo o período subvencionable.

b) Conviviren coa filla ou o fillo durante o período subvencionable. Nos casos en que exista un acordo de custodia compartida, computarase o tempo de convivencia e o cálculo do período obxecto da subvención en proporción, segundo os termos do citado acordo.

c) No caso de familias non monoparentais, a persoa cónxuxe ou parella deberá ser unha persoa traballadora por conta allea ou ben autónoma e manter esa situación durante todo o período subvencionado. Entenderase cumprido este requisito cando, existindo períodos non traballados, a suma destes non supere 30 días naturais dentro do período subvencionado, sexa este continuado ou fraccionado. Excepcionalmente, debido a causas xustificadas debidamente acreditadas derivadas da situación de crise sanitaria pola COVID-19 e da declaración do estado de alarma, no cómputo dos períodos non traballados non se terá en conta o tempo de suspensión do contrato de traballo como consecuencia dun expediente de regulación temporal de emprego que teña a súa causa na declaración do estado de alarma.

d) Os ingresos da unidade familiar non poderán ser superiores a 7 veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2020.

e) Non encontrarse en ningunha das circunstancias e prohibicións establecidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estar incursa en ningunha delas realizarase mediante declaración responsable da persoa interesada.

3. En ningún caso poderán ser beneficiarias desta axuda as persoas proxenitoras privadas da patria potestade das súas fillas ou fillos, ou se a súa tutela ou garda foi asumida por unha institución pública.

Artigo 6. Accións subvencionables

1. A redución da xornada de traballo para o coidado dunha filla ou dun fillo menor de tres anos, ou menor de 12 anos no suposto de que padeza unha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33 %. A redución de xornada terá que ser de polo menos o 12,5 % da xornada ou porcentaxe equivalente para o caso de que a xornada sexa a tempo parcial.

Así mesmo, poderán acollerse a esta axuda as persoas traballadoras que, cumprindo os requisitos establecidos neste artigo, adopten unha persoa menor ou a teñan en situación de acollemento familiar, nas modalidades de acollemento familiar permanente ou acollemento familiar preadoptivo. Nestes supostos, para ter dereito á axuda non poderán ter transcorrido tres anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial de acollemento ou da resolución xudicial pola cal se constitúe a adopción. En calquera caso, a filla ou fillo por quen se solicita a axuda terá que ser menor de 12 anos.

2. O período máximo subvencionable, continuado ou fraccionado, será de oito (8) meses comprendidos entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021, ambos os dous inclusive. Para determinar o período subvencionable, terase en conta o seguinte:

a) Serán acumulables todos os períodos traballados con redución de xornada en que se cumpran os requisitos entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021, ambos os dous inclusive, co límite máximo de oito (8) meses. No caso de familias non monoparentais, para o cómputo do período total subvencionable terase en conta o disposto na letra c) do artigo 5.2 desta resolución.

b) O período para o cal se solicita a subvención non pode coincidir co permiso por maternidade nin con calquera outro permiso, licenza ou excedencia para a mesma finalidade da persoa solicitante ou da súa persoa cónxuxe ou parella. De se producir este suposto, o período coincidente non se terá en conta no cómputo do período subvencionable. Excepcionalmente, no caso de que a parella desfrute o permiso de maternidade a media xornada, para o cálculo do período subvencionable só se considerará como período coincidente a metade do período do permiso por maternidade.

Non obstante, si se computará o período coincidente cando se trate do permiso de maternidade da persoa cónxuxe ou parella que estea orixinado polo nacemento ou acollida doutro fillo/a no transcurso do período subvencionable.

Artigo 7. Contía das axudas

1. A contía desta axuda determinarase en función da porcentaxe de redución da xornada laboral e da súa duración, en atención ao número de fillas e fillos a cargo da persoa solicitante, de acordo cos seguintes tramos:

a) Cando a redución de xornada sexa de entre o 12,5 % e ata o 25 % dunha xornada laboral a tempo completo ou período equivalente no caso de xornada a tempo parcial, e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

1º. Cun fillo ou filla a cargo: 1.700 euros.

2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 2.000 euros.

3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 2.300 euros.

b) Cando a redución de xornada sexa superior ao 25 % e ata o 37,50 % dunha xornada laboral a tempo completo ou período equivalente no caso de xornada a tempo parcial, e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

1º. Cun fillo ou filla a cargo: 2.800 euros.

2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.100 euros.

3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.400 euros.

c) Cando a redución de xornada sexa superior ao 37,50 % e ata o 50 % ou máis dunha xornada laboral a tempo completo ou período equivalente no caso de xornada a tempo parcial, e a súa duración se estenda á totalidade do período subvencionable (8 meses):

1º. Cun fillo ou filla a cargo: 3.100 euros.

2º. Con dous fillos ou fillas a cargo: 3.400 euros.

3º. Con tres ou máis fillos ou fillas a cargo: 3.700 euros.

2. Para o cómputo do número de fillos e fillas, teranse en conta unicamente os fillos e fillas menores de 12 anos, incluídos aqueles polos cales se solicita a redución de xornada.

3. A contía da axuda reducirase proporcionalmente cando o período subvencionable sexa inferior a 8 meses. Para o cálculo da contía da axuda computaranse meses de 30 días.

Artigo 8. Método de custos simplificados

Para a determinación do importe da axuda establécese un método de custos simplificados, utilizando o método de baremo estándar de custo unitario, neste caso baseado no dato do custo salarial total por cada persoa traballadora, como media dos catro trimestres do ano 2020, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), (custo laboral segundo compoñentes do custo por unidade de medida. Base 2008), cun importe de 1.738,8 €/mes, e ao abeiro do artigo 67.1.b) do Regulamento CE 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013.

Artigo 9. Presentación de solicitudes e prazo

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

A obriga de presentación por medios electrónicos xustifícase con base no colectivo de persoas físicas as que se destinan as axudas obxecto desta resolución, persoas traballadoras, en situación laboral de ocupación, cuxas parellas ou cónxuxes, de ser o caso, tamén estean en situación de ocupación no mercado laboral. Por isto, presúmese acreditar a súa capacidade económica e de acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios e, así mesmo, a capacidade técnica con base na franxa de idade das persoas beneficiarias, a maioría no tramo dos 25 aos 40 anos de idade, con coñecementos e hábitos no eido das novas tecnoloxías da información. Ademais, o feito de ter presentación electrónica constitúe máis ben unha vantaxe para conciliar e diminuír o tempo de presentación, xa que permite facelo en calquera momento do día e de calquera día da semana.

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar a solicitude (anexo I) xunto coa seguinte documentación:

a) Anexo II. Para unidades familiares monoparentais exclusivamente. Declaración responsable de non convivencia co/coa proxenitor/a e con outra parella ou relación análoga.

b) Anexo III. Comprobación de datos de terceiras persoas interesadas (cónxuxe ou parella).

c) Certificado de convivencia das persoas que viven no domicilio, agás que a non convivencia resulte acreditada noutros documentos achegados xunto coa solicitude e só para o caso de familias monoparentais que non dispoñan de certificado de monoparentalidade.

d) Documento da Tesouraría Xeral da Seguridade Social (IDC, facilitado pola empresa) no cal se acredite a situación de redución de xornada por coidado de fillo/a menor durante o período polo cal se solicita a axuda. No caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos ao da Seguridade Social (Muface, Isfas, Muxexu, etc.), certificación en que se acredite a referida situación en papel oficial do organismo que emite o certificado debidamente selado e coa identificación da persoa responsable que certifica.

No suposto de que durante o período de redución de xornada polo cal se solicita a axuda se produza un aumento ou diminución da porcentaxe inicial de redución da xornada de traballo, deberase presentar un documento acreditativo por cada período diferente, no cal se reflectirá cada variación como un período independente. Igualmente, se a redución de xornada non se desfruta de modo ininterrompido, deberá reflectirse separadamente cada un dos períodos nos cales se estivo nesta situación.

e) Para o caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos ao da Seguridade Social (Muface, Isfas, Muxexu, etc.), certificación acreditativa equivalente á vida laboral relativa á persoa cónxuxe ou parella, en papel oficial do organismo que emite o certificado debidamente selado e coa identificación da persoa responsable que certifica.

A documentación a que se refiren os ditos puntos 1.d), e e) deste artigo requirirase novamente coa documentación xustificativa que acompaña o anexo IV, de solicitude de pagamento, sempre que o período subvencionable sexa superior ao período xustificado no momento de presentar a solicitude de axuda ou da emenda no seu caso.

f) De ser o caso, certificación ou resolución do recoñecemento do dereito do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), relativa ao desfrute do permiso de maternidade en datas comprendidas entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021, ambos os dous inclusive, da persoa solicitante ou da persoa cónxuxe ou parella, relativo ao fillo ou filla por quen se solicita a axuda, ou certificación acreditativa equivalente no caso doutro sistema de previsión social (Muface, Isfas, Muxexu, etc.).

g) Libro de familia completo ou inscrición no rexistro.

h) Convenio regulador ratificado polo xulgado da nulidade, separación ou divorcio, se é o caso.

i) Nos supostos de adopción, resolución xudicial pola cal se constitúa a adopción.

j) Resolución administrativa ou xudicial de acollemento familiar dos fillos e fillas menores de 12 anos na dita situación, de ser o caso, cando non fose expedida pola Xunta de Galicia.

k) Resolución administrativa de recoñecemento dun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % dos fillos ou fillas menores de doce anos, cando non fose expedida pola Xunta de Galicia.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos poderase consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante e do seu cónxuxe ou parella.

b) Certificado de empadroamento da persoa solicitante no cal se acredite que leva empadroado no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, como mínimo, desde o 1 de xaneiro de 2020.

c) Certificado de monoparentalidade expedido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, no caso de unidades familiares monoparentais.

d) Ingresos percibidos no exercicio 2019 (IRPF 2019 da persoa solicitante e do seu cónxuxe ou parella).

e) Certificación de vida laboral emitida pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social relativa á persoa cónxuxe ou parella, do período comprendido entre o 1 de xullo de 2020 e o 30 de xuño de 2021.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

f) Resolución administrativa de acollemento familiar respecto dos fillos ou fillas menores de doce anos na dita situación cando fose expedida pola Xunta de Galicia.

g) Resolución administrativa de recoñecemento dun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % dos fillos ou fillas menores de doce anos, de ser o caso, cando fose expedida pola Xunta de Galicia.

h) Resolución administrativa de autorización do expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) que acredite que o posto de traballo da persoa solicitante, e/ou no caso que proceda da persoa cónxuxe, foi obxecto de suspensión/extinción por causas derivadas da situación de crise sanitaria pola COVID-19 e da declaración do estado de alarma, cando fose expedida pola Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Emenda da solicitude

1. Se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación exixida, a unidade administrativa encargada de tramitar o expediente requirirá a persoa solicitante para que, no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se considerará que desistiu da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, logo de que se dite resolución nos termos previstos no artigo 21 da citada lei.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os citados requirimentos de emenda faranse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Así mesmo, poderanse publicar na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade para efectos informativos.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue a información e a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

Artigo 14. Instrución dos procedementos

1. A instrución dos procedementos previstos nesta resolución correspóndelle á Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade.

Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos serán remitidos á Comisión de Valoración regulada no seguinte artigo.

2. A Comisión de Valoración poderalles requirir ás persoas solicitantes información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e relación directa para unha mellor valoración das solicitudes.

3. Avaliadas as solicitudes segundo os criterios e as pautas de baremación establecidos no artigo 16 e tendo en conta o crédito dispoñible, a Comisión de Valoración emitirá un informe segundo o cal o órgano instrutor formulará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver a concesión ou denegación da subvención solicitada, e proporá a concesión da subvención segundo a orde de puntuación e polo importe da axuda que corresponda ata esgotar o crédito dispoñible.

4. No caso de existiren solicitudes susceptibles de axuda pero que non se inclúen na proposta de concesión anterior por terse esgotado o crédito dispoñible, quedarán en lista de agarda para seren atendidas, ben co crédito que quedase libre por producirse algunha renuncia ou ben por incremento do crédito orzamentario destinado a estas subvencións. Para estes efectos, poderanse realizar sucesivas propostas de resolución complementarias seguindo a orde de puntuación obtida.

Artigo 15. Comisión de Valoración

1. De conformidade co establecido no artigo 21 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as solicitudes serán examinadas por unha Comisión de Valoración, que terá a seguinte composición:

– Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade ou persoa en quen delegue.

– Secretaría: a persoa titular do Servizo de Planificación e Programación.

– Vogalías: a persoa titular do Servizo de Fomento, a persoa titular do Servizo de Promoción e Cooperación Institucional e a persoa titular do Servizo de Apoio Técnico-Administrativo.

No caso de ausencia dalgunha das persoas que integran a Comisión de Valoración, será substituída pola persoa funcionaria designada pola persoa que exerza a Presidencia da Comisión.

2. Na composición da Comisión de Valoración respectarase o principio de presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 16. Criterios de valoración

1. A Comisión valorará as solicitudes consonte os seguintes criterios:

1.1. Polo nivel de ingresos da unidade familiar, ata 35 puntos segundo o seguinte:

a) Ata 1 vez o IPREM: 35 puntos.

b) Máis de 1 vez e ata 2,5 veces o IPREM: 30 puntos.

c) Máis de 2,5 e ata 3 veces o IPREM: 25 puntos.

c) Máis de 3 e ata 4 veces o IPREM: 20 puntos.

d) Máis de 4 e ata 5,5 veces o IPREM: 15 puntos.

e) Máis de 5,5 e ata 6 veces o IPREM: 10 puntos.

f) Máis de 6 e ata 7 veces o IPREM: 5 puntos.

1.2. Polo número de fillas e fillos menores de 12 anos no período subvencionable, ata 25 puntos segundo o seguinte:

a) 4 fillos/as ou máis menores de 12 anos: 25 puntos.

b) 3 fillos/as menores de 12 anos: 20 puntos.

c) 2 fillos/as menores de 12 anos: 15 puntos.

d) 1 fillo/a menor de 12 anos: 10 puntos.

Para estes efectos, para o caso de fillas ou fillos menores de 12 anos con discapacidade cunha porcentaxe igual ou superior ao 33 %, computaranse aplicando un coeficiente multiplicador de 2.

2. No suposto de que máis dunha proposta obteña a mesma puntuación e por razóns orzamentarias non sexa posible adxudicar a axuda a todas elas, para os efectos de resolver o desempate, terase en conta a puntuación obtida en cada criterio de valoración segundo a orde en que figuran relacionados no punto anterior, empezando polo primeiro, ata que se produza o desempate. No caso de persistir o empate, a preferencia determinarase pola data e a hora de presentación da solicitude.

Artigo 17. Resolución

1. De conformidade co previsto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica das vicepresidencias e das consellerías da Xunta de Galicia, e segundo o establecido no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, por proposta do órgano instrutor e logo da fiscalización por parte da Intervención Delegada, a resolución destas axudas correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade.

2. O prazo para resolver e notificar será de catro meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, entenderase desestimada por silencio administrativo.

3. Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva e de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as resolucións destas subvencións serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, a cal producirá os mesmos efectos da notificación. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada, así como as solicitudes desestimadas, con expresión sucinta dos motivos da desestimación.

Na resolución de concesión será informada a persoa ou entidade beneficiaria de que a axuda é susceptible de ser financiada polo Fondo Social Europeo (FSE) como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19, con expresión do obxectivo temático, prioridade de investimento, obxectivo específico e porcentaxe de financiamento correspondente. Así mesmo, será informada de que a aceptación da subvención comunitaria implicará a súa aparición na lista pública de operacións cos nomes dos ou das beneficiarias, no suposto de seren entidades xurídicas, así como a outra información recollida no anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013, modificado polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046, e polo Regulamento (UE) 2020/2221, en relación co artigo 115.2 da mesma norma xurídica.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a persoa beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días a súa aceptación e comprometerse a executar a actuación subvencionada no prazo e nas condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 18. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.

Artigo 20. Réxime de recursos

1. A presente resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interporse recurso potestativo de reposición perante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro da presente resolución porán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor recurso potestativo de reposición ante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ben recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.

Artigo 21. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O órgano competente para conceder estas axudas, nos supostos en que proceda, poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria e coa debida antelación. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos en que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa aplicable.

Artigo 22. Solicitude de pagamento e prazo

1. A axuda concedida será aboada nun pagamento único polo importe que corresponda segundo as contías determinadas no artigo 7 desta resolución, unha vez presentada a documentación sinalada no número 2 deste artigo, coa data límite para a súa presentación que figure na resolución de concesión, e que, en todo caso, non excederá do 13 de decembro de 2021. O pagamento farase por transferencia na conta que as persoas solicitantes fagan constar no modelo de solicitude (anexo I).

2. Dentro do prazo establecido no número 1 anterior, deberán presentar a seguinte documentación:

a) Anexo IV. Solicitude de pagamento da axuda concedida, na cal conste, entre outras, unha declaración complementaria e actualizada das axudas concedidas ou percibidas para a mesma actuación, así como a de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

b) Folla de recollida de datos co obxecto, entre outros, de acreditar e dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e de resultado enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) 1304/2013, obriga recollida no artigo 23 desta convocatoria, referidos á persoa solicitante. Os datos relativos aos indicadores de produtividade e de resultado achegaranse, de forma obrigatoria e debidamente asinado, no modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

c) Documento da Tesouraría Xeral da Seguridade Social (IDC, facilitado pola empresa) no cal se acredite a situación de redución de xornada por coidado de fillo/a menor durante o período polo cal se solicita a axuda. No caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos ao da Seguridade Social (Muface, Isfas, Muxexu, etc.), certificación, en que se acredite a referida situación en papel oficial do organismo que emite o certificado debidamente selado e coa identificación da persoa responsable que certifica. Só no caso que o período subvencionable sexa superior ao período xustificado no momento de presentar a solicitude de axuda ou da emenda no seu caso.

d) Certificación acreditativa equivalente á vida laboral relativa á persoa cónxuxe ou parella, en papel oficial do organismo que emite o certificado debidamente selado e coa identificación da persoa responsable que certifica. Só no caso en que o período subvencionable sexa superior ao período xustificado no momento de presentar a solicitude de axuda ou da emenda, de ser o caso. Para o caso de pertencer a sistemas de previsión social distintos ao da Seguridade Social (Muface, Isfas, Muxexu, etc.).

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da citada lei.

No caso de que a xustificación sexa incorrecta e/ou incompleta, requirirase a persoa beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez (10) días, e advírteselle que, de non o facer, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Para o caso de que non se xustifique a situación de redución de xornada na totalidade do período subvencionado, a subvención reducirase proporcionalmente.

Artigo 23. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas exixidos nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación; en particular, as seguintes:

1. Facilitar todos os datos dos indicadores de produtividade e de resultado de FSE: realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de produtividade e resultado previstos no artigo 5 do Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao FSE. Neste sentido, na súa cobertura deberase respectar o principio de integridade dos datos. Os indicadores de produtividade relativos á persoa solicitante deberanse referir á data inmediatamente anterior ao inicio do período de redución de xornada subvencionado, e nas catro semanas seguintes á súa finalización deberanse cubrir os indicadores de resultado inmediato, que se deberá facilitar no período de xustificación da correspondente subvención consonte os modelos de follas de seguimento dispoñibles na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade. Así mesmo, a Administración poderá requirir a actualización destes datos no prazo de seis meses desde que finalice esta actividade, coa finalidade de formalizar os indicadores de resultado a longo prazo descritos no dito regulamento. Para estes efectos, seranlles facilitados os oportunos cuestionarios que terán que respectar o principio de integridade dos datos e darase de alta na correspondente aplicación informática Participa 1420.

2. Facilitar toda a información requirida pola Secretaría Xeral da Igualdade, polos órganos verificadores que se establezan en aplicación dos artigos 72, 73 e 74 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, comprensivas de verificacións administrativas ou sobre o terreo, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas e outros órganos de control impostos pola normativa comunitaria no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

3. Manter unha pista de auditoría suficiente, conservando os documentos xustificativos que permitan a comprobación do ingreso da axuda percibida, incluíndo o xustificante bancario do ingreso, durante os dous anos, a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas anuais en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. O comenzo dese prazo será oportunamente comunicado pola Dirección Xeral de Política Financeira, Tesouro e Fondos Europeos.

Artigo 24. Reintegro e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes.

Para facer efectiva a devolución a que se refire o parágrafo anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Procederá o reintegro total da axuda percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas que financien as actuacións subvencionadas.

3. Procederá o reintegro do 10  % da axuda percibida no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas para a mesma finalidade.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 25. Control

1. A Secretaría Xeral da Igualdade levará a cabo as actividades de control que considere oportunas para controlar o cumprimento das axudas reguladas nesta convocatoria.

2. Todas as axudas estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e a aqueloutras que determine a súa condición de subvencionada polo FSE, ao abeiro do programa operativo FSE Galicia 2014-2020.

Artigo 26. Remisión normativa

Para todo o non previsto nesta convocatoria observarase o disposto no Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo (FSE), ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello; no Regulamento (UE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo ao Fondo Social Europeo e polo que se derroga o Regulamento (CE) 1081/2006, do Consello, ambos modificados polo Regulamento (UE, Euratom) 2018/1046 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de xullo, sobre as normas financeiras aplicables ao orzamento xeral da Unión, polo que se modifican os regulamentos (UE) 1296/2013, (UE) 1301/2013, (UE) 1303/2013, (UE) 1304/2013, (UE) 1309/2013, (UE) 1316/2013, (UE) 223/2014 e (UE) 283/2014 e a Decisión 541/2014/UE e polo que se deroga o Regulamento (UE, Euratom) 966/2012; na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; no disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, e nas normas de subvencionabilidade ditadas pola autoridade de xestión para o período 2014-2020, en particular, a Orde ESS/1924/2016, do 13 de decembro, pola que se determinan os gastos subvencionables polo Fondo Social Europeo durante o período de programación 2014-2020 (BOE núm. 307, do 21 de decembro). Tamén é de aplicación a seguinte normativa europea:

Regulamento (UE) 2020/558, do Parlamento e do Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao brote de COVID-19; Regulamento (UE) 2020/460 do Parlamento e do Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifica, entre outros, o Regulamento (UE) 1303/2013 no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao brote de COVID-19 (iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus) e Regulamento (UE) 2020/2221 do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de decembro de 2020, polo que se modifica o Regulamento (UE) 1303/2013 no que respecta aos recursos adicionais e ás disposicións de execución co fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía (REACT UE).

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Artigo 27. Información ás persoas interesadas

Sobre o procedemento administrativo correspondente a esta convocatoria poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de Igualdade das delegacións territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, http://igualdade.xunta.gal, dos teléfonos 981 95 77 83, 981 54 73 97, 881 99 91 63 e 981 95 76 89, no enderezo electrónico promocion.igualdade@xunta.gal ou presencialmente.

Artigo 28. Loita contra a fraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá por os ditos feitos en coñecemento do Servicio Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 3 de abril, do citado servizo.

Disposición derradeira primeira

A Secretaría Xeral da Igualdade poderá ditar as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xuño de 2021

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file