Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Luns, 5 de xullo de 2021 Páx. 34024

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 17 de xuño de 2021 pola que se clasifica de interese para o fomento do turismo en Galicia a Fundación A Coruña Convention & Visitors Bureau.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación A Coruña Convention & Visitors Bureau, con domicilio no Peirao de Transatlánticos s/n, na Coruña.

Feitos:

1. O 11 de maio de 2021, José Blanco Castiñeira, na súa condición de presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación A Coruña Convention & Visitors Bureau constituírona o Consorcio de Turismo y Congresos (Turismo da Coruña), representado por Juan Ignacio Borrego Vázquez; a Fundación Instituto Ferial da Coruña (Ifeco), representada por Pilar López Cordal; a Asociación Empresarial de Hospedaje de La Coruña (Hospeco), representada por Richard Huerta Nicholson; a entidade Orzán Congres, S.L., representada por María Paloma Orjales Mariño; a entidade Océano Azul Comunicación, S.L., representada por Marta Guimaraens Domínguez; a entidade DMC Galicia Group Travel, S.L., representada por Pablo Zunzunegui Salillas; e a Sociedade de Fomento y Desarrollo Turístico, S.A., representada por Juana Abellaneda Bermejo, mediante escritura pública outorgada na Coruña o 22 de abril de 2021, ante o notario Emilio López de Paz, co número de protocolo 730.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten como obxectivo «o desenvolvemento da economía produtiva e o fomento da economía social de Galicia, mediante a potenciación e o desenvolvemento das infraestruturas turísticas e de servizos específicos no ámbito do turismo de reunións e a captación de congresos, convencións, viaxes de incentivo, feiras e eventos deportivos e culturais para a cidade da Coruña».

4. O padroado inicial da Fundación está formado pola Asociación Empresarial de Hospedaje de La Coruña (Hospeco), representada por José Blanco Castiñeira, como presidenta; o Consorcio de Turismo y Congresos (Turismo da Coruña), representado por Juan Ignacio Borrego Vázquez, como vicepresidente; a entidade DMC Galicia Group Travel, S.L., representada por Pablo Zunzunegui Salillas, como secretaria; a Sociedade de Fomento y Desarrollo Turístico, S.A., representada por Juana Abellaneda Bermejo, como tesoureira; e como vogais. a entidade Orzán Congres, S.L., representada por María Paloma Orjales Mariño; a Fundación Instituto Ferial da Coruña (Ifeco), representada por Pilar López Cordal. e a entidade Océano Azul Comunicación, S.L., representada por Marta Guimaraens Domínguez.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese para o fomento do turismo en Galicia da Fundación A Coruña Convention & Visitors Bureau, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese para o fomento do turismo en Galicia e a súa adscrición á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle a esta Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade có exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 14 de xuño de 2021,

DISPOÑO:

Clasificar de interese para o fomento do turismo en Galicia a Fundación A Coruña Convention & Visitors Bureau, adscribíndoa ao protectorado da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; previamente e con carácter potestativo poderase interpor recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo