Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Martes, 6 de xullo de 2021 Páx. 34481

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 24 de xuño de 2021, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda e Administración Pública, pola que se dá publicidade ao Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2021 polo que se aproban as actuacións en materia de persoal para a xestión dos fondos de recuperación e resiliencia (FRR) e outros fondos europeos.

A Comisión Europea, o Parlamento Europeo e os dirixentes da UE acordaron un Plan de recuperación e resiliencia (FRR) para axudar a reparar os danos económicos e sociais causados pola pandemia do coronavirus, que se destinará a investimentos públicos e reformas para fortalecer as economías dos países da Unión Europea (UE).

Os Estados membros deben elaborar plans nacionais de recuperación que demostren que se centran en ámbitos políticos clave da UE para poderen optar ao dito financiamento.

Para que os fondos transformen a economía española requírese da implicación dun amplo abano de actores, e é vital que todos os niveis da Administración participen, entre eles as comunidades autónomas, que terán un papel moi activo na xestión dos fondos mediante a sinatura de convenios cos ministerios implicados, que deberán atender aos fitos e obxectivos establecidos no Plan de recuperación.

Os novos mecanismos de recuperación e resiliencia supoñen unha oportunidade de financiamento dos proxectos aliñados coas estratexias da Unión e precisan unha execución compasada entre os proxectos e iniciativas e o seu financiamento, que ten unha duración temporal. A simplificación dos procedementos e a eliminación dos solapamentos cobra, pois, unha especial importancia para realizar un exercicio responsable dos instrumentos de financiamento que permita recuperar unha correcta senda económica e na cal terán o seu encaixe principal os proxectos tractores.

Na liña de axilizar os procedementos aprobouse a Lei 9/2021, do 23 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG nº 39, do 26 de xaneiro), que busca evitar duplicidades e solapamentos nos procedementos concorrentes, diminuíndo os atrasos na emisión dos informes co obxectivo de dinamizar o desenvolvemento das iniciativas empresariais en Galicia.

Esta lei dedica o seu título V aos instrumentos de gobernanza dos fondos de recuperación, dentro do exercicio das competencias da Comunidade Autónoma en relación coa planificación, programación, xestión e control dos recursos económicos financiados polo Instrumento europeo de recuperación, aprobado polo Consello Europeo o 21 de xullo de 2020, e dos derivados do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, ou polos mecanismos que os substitúan, que teñan por finalidade financiar iniciativas empresariais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Agora ben, acadar este obxectivo da execución eficiente destes fondos require dunha reorganización interna na Administración en materia de xestión de persoal, flexibilizando os mecanismos tradicionais de asignación de tarefas e captando o talento, a proactividade e a capacidade de innovación existente na organización, motivando o persoal empregado público que interveña de forma directa na xestión dos ditos fondos, sen que isto supoña un menoscabo na unidade de orixe.

Esta reorganización de recursos humanos levarase a efecto a través de dúas vías, unha ordinaria, que será a asignación de tarefas, traslado de efectivos ou creación de grupos (que poden ou non implicar a tramitación de comisións de servizo, cobertura de postos con persoal interino ou reasignación de efectivos), e outra extraordinaria, que será a creación temporal de unidades específicas destinadas á xestión dos fondos.

Por todo o anterior, por proposta da Consellería de Facenda e Administración Pública, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 8 de abril de 2021, adoptou o seguinte

ACORDO:

Aprobar as actuacións en materia de persoal para a xestión dos fondos de recuperación e resiliencia (FRR) e outros fondos europeos, que se recollen no documento anexo.

ANEXO

Acordo sobre as actuacións en materia de persoal para a xestión
dos fondos de recuperación e resilencia (FRR) e outros fondos europeos

A Comisión Europea, o Parlamento Europeo e os dirixentes da UE acordaron un Plan de recuperación e resiliencia (FRR) para axudar a reparar os danos económicos e sociais causados pola pandemia do coronavirus, que se destinará a investimentos públicos e reformas para fortalecer as economías dos países da Unión Europea (UE).

Os estados membros deben elaborar plans nacionais de recuperación que demostren que se centran en ámbitos políticos clave da UE para poderen optar ao dito financiamento.

Para que os fondos transformen a economía española requírese da implicación dun amplo abano de actores, e é vital que todos os niveis da Administración participen, entre eles as comunidades autónomas, que terán un papel moi activo na xestión dos fondos por diversas vías.

Nas áreas de competencias das comunidades autónomas, estas asinarán convenios cos ministerios implicados para a xestión e execución dos fondos, que deberán atender aos fitos e obxectivos establecidos no Plan de recuperación.

Acadar este obxectivo leva consigo a necesidade dunha reorganización interna na Administración que garanta a xestión eficaz dos fondos europeos, flexibilizando os mecanismos tradicionais de asignación de tarefas, captando o talento, a proactividade e a capacidade de innovación existente na organización, motivando o persoal empregado público que interveña de forma directa na xestión dos ditos fondos, sen que isto supoña un menoscabo na xestión ordinaria da unidade de orixe.

Os novos mecanismos de recuperación e resiliencia supoñen unha oportunidade de financiamento dos proxectos aliñados coas estratexias da Unión e precisan unha execución compasada entre os proxectos e iniciativas e o seu financiamento, que ten unha duración temporal. A simplificación dos procedementos e a eliminación dos solapamentos cobra, pois, unha especial importancia para realizar un exercicio responsable dos instrumentos de financiamento que permita recuperar unha correcta senda económica e na cal terán o seu encaixe principal os proxectos tractores.

Na liña de axilizar os procedementos, aprobouse a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia que busca evitar duplicidades e solapamentos nos procedementos concorrentes, diminuíndo os atrasos na emisión dos informes co obxectivo de dinamizar o desenvolvemento das iniciativas empresariais en Galicia.

Esta lei dedica o seu título V aos instrumentos de gobernanza dos fondos de recuperación, dentro do exercicio das competencias da Comunidade Autónoma en relación coa planificación, programación, xestión e control dos recursos económicos financiados polo Instrumento europeo de recuperación, aprobado polo Consello Europeo o 21 de xullo de 2020, e dos derivados do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, ou polos mecanismos que os substitúan, que teñan por finalidade financiar iniciativas empresariais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O modelo de organización do traballo de que se parte está baseado na xestión encamiñada a resultados; polo tanto, resulta fundamental determinar uns criterios para establecer obxectivos e indicadores medibles do grao de cumprimento das actuacións que se pretenden efectuar.

A mera atribución de tarefas de xestión destes fondos de recuperación e resiliencia dentro da xornada habitual de traballo, por non existir no momento de tramitación dos expedientes unha carga excesiva das tarefas habituais do persoal, non pode supoñer a necesidade de aplicar os mecanismos aquí regulados.

Así mesmo, terase en conta o establecido na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia:

– Artigo 37: «2. Os órganos de que dependan funcionalmente os empregados públicos poden asignar a estes con carácter temporal, polo tempo imprescindible e, en todo caso, por un período máximo de seis meses, funcións, tarefas ou responsabilidades distintas ás correspondentes ao posto de traballo que desempeñen, sempre que resulten adecuadas á súa clasificación, categoría e grao, e sempre que as necesidades do servizo o xustifiquen».

– Artigo 100: «1. As administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación desta lei, no marco da planificación xeral dos seus recursos humanos, e sen prexuízo do dereito do persoal funcionario de carreira á mobilidade, poderán trasladar motivadamente este persoal a órganos, unidades administrativas ou entidades públicas instrumentais distintas aos do seu destino cando consideren que existen sectores prioritarios da actividade pública con necesidades específicas de efectivos.

2. O traslado regulado neste artigo, de carácter voluntario, levarase a cabo mediante comisión de servizos, que terá unha duración de seis meses, e que poderá prorrogarse por períodos de seis meses no suposto de que se manteñan as necesidades de servizo ou funcionais, sen que en ningún caso poida exceder o prazo de dous anos».

A concesión da prórroga será automática, sempre que conste a proposta motivada da Secretaria Xeral/Secretaria Xeral Técnica a que estea adscrito o grupo ou unidade.

O presente acordo foi negociado na Mesa xeral ordinaria de empregados públicos do día 22 de marzo e na Comisión extraordinaria de persoal celebrada o día 26 de marzo, cos votos favorables de CC.OO. e UGT.

1. Marco normativo e ámbito de aplicación.

1.1. Marco normativo:

O artigo 75 da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, prevé que naquelas consellerías ou entidades dependentes delas onde se xestionen proxectos financiados con fondos dos instrumentos europeos de recuperación corresponderá ás persoas titulares das secretarías xerais/secretarías xerais técnicas realizar unha análise da carga de traballo existente nas diferentes unidades co fin de poder crear equipos para a realización das actuacións que nesta materia excedan as cargas de traballo ordinarias das distintas unidades.

Estas medidas realizaranse tendo en conta as previsións establecidas na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

A xestión dos fondos abrangue:

• Os fondos que a UE puxo á disposición dos Estados membros a través do Fondo de Recuperación e Resiliencia (Next Generation), e que inclúe tanto o Mecanismo de recuperación e resiliencia como a axuda á recuperación para a cohesión e os territorios, REACT EU.

• A xestión de todos os programas operativos cofinanciados con fondos EIE (Feder, FSE, Feader, FEMP), cuxa execución non finaliza ata decembro de 2023, e cuxa forma de xestión non difire respecto dos fondos REACT UE.

• Os proxectos financiados con fondos europeos do marco 2021-2027.

1.2. Ámbito de aplicación

Tendo en conta que as necesidades de persoal relacionadas co incremento de carga de traballo provocado pola xestión de proxectos financiables con fondos europeos ligados á execución do Plan de recuperación e resiliencia se realizará preferentemente cos efectivos da consellería ou organismo encargado da súa xestión, as presentes instrucións son de aplicación ao persoal funcionario e, no que proceda, ao persoal laboral das seguintes administracións:

a) Da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia enunciadas na letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Este acordo non será de aplicación nos programas temporais e especiais implementados mediante a figura de persoal interino.

1.3. Dirección de grupos:

Cada secretaría xeral/secretaría xeral técnica para cada proxecto ou grupo de proxectos homoxéneos poderá designar motivadamente, con base en criterios de idoneidade entre os empregados públicos da propia consellería, un director de grupo. No suposto de inexistencia de persoal adecuado dentro da propia consellería, este poderá seleccionarse mediante comisión de servizos entre funcionarios públicos da Administración da Xunta de Galicia.

No caso das entidades públicas instrumentais, poderán efectuar unha proposta que será canalizada a través da Secretaría Xeral/Secretaría Xeral técnica correspondente.

Deberá ser en todo caso empregado público, funcionario de carreira do grupo A ou persoal laboral fixo do grupo I. Excepcionalmente, no caso das entidades do sector público autonómico da letra a) do artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, poderá ser designada unha persoa que sexa persoal directivo que non teña a condición de empregado público, sempre atendendo a criterios de especialización que deberán estar debidamente xustificados e motivados.

O director de grupo terá como primeira función, e no suposto de que non estivese conformado o grupo de traballo, propor entre os candidatos existentes os máis adecuados para a constitución do grupo de traballo, de conformidade co indicado no punto 2 do presente acordo. A motivación deberá realizarse en positivo poñendo de manifesto as vantaxes operativas de incorporar a persoa candidata.

A proposta dos candidatos seleccionados será efectuada nun prazo máximo de 10 días hábiles e, dentro dese prazo, a persoa titular da secretaría xeral/secretaría xeral técnica resolverá o que proceda.

Entre as funcións do director do grupo estarán:

• Planificar e confeccionar a memoria de actuacións cos distintos fitos para a consecución dos fins establecidos, priorizando a eficiencia nas actuacións.

• Impulsar e dirixir operativamente a actuación do grupo de traballo.

• Propor o incremento ou a diminución do número de efectivos, en atención ao devir das actuacións encargadas.

• Render contas coa periodicidade que se estableza das distintas fases de actuación do grupo, evolución do traballo e necesidades para a consecución dos fins, no prazo máis breve posible.

2. Actuacións que se realizarán.

2.1. Constitución de grupos de traballo que non impliquen a tramitación de comisións de servizo, cobertura de postos con persoal interino nin reasignación de efectivos:

A creación dos grupos de traballo efectuarase por proposta da secretaria xeral/secretaria xeral técnica.

Coa proposta achegarase unha memoria en que se deixe constancia dos seguintes aspectos:

• Xustificación do persoal que se seleccionará segundo grupo, subgrupo e categoría.

• Xustificación da carga de traballo ordinaria existente no centro directivo que impide que poida ser asumida a tramitación dos expedientes para a xestión destes fondos.

• Unha valoración do custo do grupo de traballo e o seu financiamento.

• Cronograma da tramitación do expediente e período de duración do grupo de traballo.

• Unha proposta do sistema de retribución en función da fixación de obxectivos.

A Dirección Xeral da Función Pública resolverá respecto á viabilidade da constitución do grupo no prazo máximo de 5 días hábiles, despois de recadar o informe da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, que se referirá á carga de traballo encomendada ao grupo, e da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, que terá como finalidade determinar os límites máximos de asignacións orzamentarias en cada centro directivo.

2.2. Constitución de grupos de traballo que impliquen a tramitación de comisións de servizo, cobertura de postos con persoal interino ou reasignación de efectivos:

2.2.1. Creación:

A creación dos grupos de traballo efectuarase por resolución da Dirección Xeral de Función Pública por proposta da secretaría xeral/secretaría xeral técnica direccións/direccións xerais ou órganos asimilados e co informe da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, que se referirá á carga de traballo encomendada ao grupo, e da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, que terá como finalidade determinar os limites máximos de asignacións orzamentarias en cada centro directivo

2.2.1.1. Proposta da secretaría xeral/secretaría xeral técnica/ direccións/direccións xerais ou órganos asimilados.

Coa proposta achegarase unha memoria que inclúa:

• Xustificación do persoal que se seleccionará segundo grupo, subgrupo e categoría.

• Xustificación da carga de traballo ordinaria existente no centro directivo que impide que poida ser asumida a tramitación dos expedientes para a xestión destes fondos.

• Expedientes que se tramitarán e persoal necesario.

• Cronograma da tramitación do expediente e período de duración do grupo de traballo.

• Límite orzamentario para a realización dos traballos.

• Unha proposta do sistema de retribución en función da fixación de obxectivos.

• Unha valoración do custo do grupo de traballo e o seu financiamento.

• De ser o caso, unha análise do persoal interino (efectivos e custo) que sexa preciso para cubrir a substitución parcial das tarefas encomendadas ao grupo de traballo. Para a contratación do persoal interino que sexa necesario acudirase á modalidade de acumulación de tarefas ou programas especiais.

Poderanse conformar grupos de traballo, especialmente no caso das unidades de carácter transversal que emiten informes sectoriais nun procedemento, que integren persoal de diferentes unidades administrativas e que actúen coordinadas por un departamento, por proposta dunha ou varias secretarías xerais técnicas.

A dedicación ao grupo poderá ser a tempo parcial ou completo.

Cando a dedicación sexa a tempo parcial, na proposta de creación do grupo deberá establecerse un límite máximo de horas de dedicación á semana. No suposto de que o dito grupo teña establecido un complemento de produtividade, este límite fixarase nos obxectivos cuxa consecución estea ligada a tempos de realización.

2.2.1.2. Selección do persoal:

En cada consellería abrirase un prazo para a presentación de candidaturas, que deberán axustarse aos perfís técnicos requiridos en cada grupo.

O persoal interesado en participar presentará a súa solicitude telemática e xuntará o seu currículo complementado coa documentación existente no expediente do Portax.

O prazo de presentación de solicitudes será de, polo menos, 5 días hábiles.

A proposta de candidatos será efectuada polo director do grupo nun prazo máximo de 10 días hábiles, e deberá estar debidamente motivada, expoñendo en positivo as vantaxes operativas de incorporar a persoa solicitante ao grupo de traballo.

En caso de necesidade, en calquera momento, poderá reabrirse esta convocatoria por proposta do director do grupo para a súa actualización tanto en efectivos como na procura doutros perfís técnicos destes.

2.2.1.3. Informe da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos:

Este informe emitirase nun prazo preferente e urxente de tramitación, que non poderá ser superior a 5 días hábiles, desde a recepción do expediente completo.

2.2.1.4. Resolución final da Dirección Xeral da Función Pública:

A Dirección Xeral da Función Pública resolverá acerca da viabilidade da constitución do grupo de traballo no prazo de 5 días hábiles e realizará os pronunciamentos precisos no caso de que sexa precisa a incorporación de persoal que non estea na relación de postos de traballo ou no cadro de persoal.

2.2.1.5. Actualización de datos:

Comunicaranse á Dirección Xeral da Función Pública a data de constitución do grupo de traballo, así como as baixas e as altas que se produzan ata o seu remate.

2.3. Unidades administrativas ex novo:

2.3.1. Creación:

A creación de unidades específicas de carácter provisional para a xestión dos fondos europeos será unha medida excepcional e deberá estar suficientemente motivada. Para tal efecto, deberá xustificarse que os expedientes precisos para executar os correspondentes fondos de recuperación e resiliencia non poden ser asumidos coa asunción de tarefas de xeito parcial por parte do persoal nin por medio da creación de grupos de traballo, por ter a súa tramitación un volume inxente de carga de traballo, unha continuidade temporal e unha duración superior a 1 ano.

A tramitación das solicitudes de creación das unidades de xestión de fondos axustarase ao procedemento establecido para a tramitación de proxectos de decretos de estrutura orgánica ou de modificación das relacións de postos de traballo, segundo proceda, coas seguintes particularidades:

O procedemento iniciarase coa solicitude da secretaría xeral/secretaría xeral técnica dirixida á Dirección Xeral da Función Pública, á cal deberá xuntarse unha memoria xustificativa, en que se motive a súa creación, e económica, en que se detalle o seu custo e financiamento, en que se inclúa unha análise do persoal interino (efectivos e custo) que sexa preciso para substituír o persoal que se incorpore á nova unidade.

No caso das entidades públicas instrumentais, poderán efectuar unha proposta de creación de unidade que será canalizada a través da secretaría xeral/secretaría xeral técnica correspondente.

Estas unidades poderán crearse para unha ou varias actuacións (varias ordes e/ou varios expedientes de contratación).

A Dirección Xeral da Función Pública recadará o informe da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos.

A tramitación da proposta será de modo urxente e preferente e será resolta pola Dirección Xeral da Función Pública no menor tempo posible, unha vez recibidos os informes sinalados anteriormente.

A creación da unidade terá unha vixencia temporal coincidente coa do proxecto que se vaia realizar.

Farase constar na columna de observacións do posto que se crea a súa vixencia temporal (VT) e a súa vinculación á xestión dos fondos de recuperación e resiliencia e outros fondos europeos.

Da creación e disolución das unidades administrativas ex novo darase conta á Comisión de Seguimento deste acordo e ás organizacións sindicais con representación na Mesa Xeral de Empregados Públicos.

As unidades administrativas de carácter provisional disolveranse cando finalice o prazo para o desenvolvemento dos proxectos ou a execución do plan encomendado a elas.

O persoal e os postos de traballo provenientes da relación de postos de traballo da consellería ou ente instrumental con que se doten estas unidades retornarán ás súas unidades de orixe unha vez que se cumpra este prazo.

2.3.2. Cobertura:

Os postos das unidades administrativas que se creen serán cubertos con persoal en comisión de servizos e os seus postos de orixe poderán ser cubertos mediante persoal funcionario interino ou persoal laboral temporal coas autorizacións previas, por unha vía preferente e urxente de tramitación, en relación cos informes conxuntos establecidos na lei de orzamentos.

2.4. Determinación de incentivos:

2.4.1. Modalidades de incentivos.

O persoal que preste o seu servizo, tanto nos grupos de traballo como nas unidades creadas para a xestión destes fondos, terá dereito a percibir unha compensación económica en concepto de produtividade ou de gratificacións extraordinarias.

Por outra banda, e de acordo co que estableza ao respecto a Dirección Xeral da Función Pública, poderá terse en conta o traballo desenvolvido para os efectos de recoñecemento profesional ou na carreira administrativa do persoal empregado público.

2.4.2. Incentivos económicos:

A participación nos grupos de traballo ou unidades poderá ser incentivada coa percepción dun complemento de produtividade ou compensada con gratificacións extraordinarias, e corresponderá a cada centro directivo a elección, de xeito motivado, do tipo de incentivo.

O complemento de produtividade, que estará ligado á consecución de obxectivos, estará especialmente indicado na realización de tarefas de especial complexidade, dedicación e esforzo en que a iniciativa e o interese do persoal empregado público resulten decisivos na consecución dos obxectivos establecidos.

As gratificacións extraordinarias estarán especialmente indicadas en tarefas dunha complexidade menor, en que o factor determinante é o tempo de dedicación máis que a iniciativa e esforzo persoal.

A percepción do complemento de produtividade será incompatible coa percepción de gratificacións extraordinarias cando se refiran a un mesmo proxecto.

2.4.2.1. Produtividade:

A percepción dunha compensación económica en concepto de produtividade estará suxeita á consecución dalgún dos seguintes obxectivos:

• Redución dos prazos de elaboración dos documentos ou de resolución dos expedientes correspondentes a cada fase dos procedementos.

• Porcentaxe de execución dos fondos asignados a ese proxecto concreto.

• Grao de cumprimento dos indicadores establecidos para cada proxecto.

• Emisión de informes por riba dun mínimo establecido en atención á carga de traballo correspondente ao mesmo período do ano anterior. Este sistema permitira determinar a devindicación e, de ser o caso, o pagamento da produtividade en atención ao número de actos por riba do mínimo.

• Redución mínima dun terzo dos prazos legais de emisión de informes ou finalización de trámites.

• Elección do proxecto polo órgano competente.

O importe máximo anual que se percibirá por persoa non poderá exceder o 20 % das retribucións anuais; previamente determinarase a periodicidade establecida para o cobramento e o seu importe máximo, vinculados a uns parámetros obxectivos.

Estableceranse criterios progresivos para o cobramento total ou parcial da produtividade en atención á consecución dos obxectivos fixados.

O pagamento realizarase logo de que a secretaría xeral/secretaría xeral técnica certifique o cumprimento dos obxectivos establecidos.

Os custos derivados do establecemento desta produtividade serán asumidos con cargo ás dotacións existentes nos orzamentos de cada consellería conxuntamente coas súas entidades dependentes; para estes efectos, realizaranse as modificacións orzamentarias oportunas.

2.4.2.2. Gratificacións extraordinarias:

Poderán percibirse gratificacións extraordinarias de acordo co réxime normativo xeral establecido para a súa percepción e conforme as seguintes contías/hora para persoal funcionario:

Subgrupo

Importe (€)

A1

39,27

A2

32,17

C1

24,34

C2

18,27

Estas contías actualizaranse anualmente segundo a normativa reguladora da confección de nóminas do persoal ao servizo da Administración pública galega.

Para o persoal laboral o V Convenio establece no artigo 27 que se calcula de acordo co seguinte:

O valor da hora extraordinaria será o resultante de incrementar nun 75 % o valor da hora ordinaria. O seu cálculo farase coa fórmula seguinte:

– Hora extra = salario bruto anual × 1,75/1.665 horas.

– Para as horas extraordinarias que se fagan en domingos ou festivos o coeficiente multiplicador será de 2,25.

– O número máximo anual de horas extras son 80.

Os custos derivados do establecemento destas gratificacións extraordinarias serán asumidos con cargo ás dotacións existentes nos orzamentos de cada consellería conxuntamente coas súas entidades dependentes; para estes efectos, realizaranse as modificacións orzamentarias oportunas.

2.5. Incorporación de candidatos a grupos de traballo ou unidades.

A incorporación do persoal seleccionado aos grupos de traballo ou ás novas unidades levarase a cabo no prazo máximo dunha semana desde o acordo de adscrición ou da resolución da convocatoria, segundo o caso.

A incorporación a tempo parcial suporá o mantemento dos compromisos profesionais da unidade de procedencia, con independencia de que o posto sexa substituído (especialmente no caso de incorporación de xefes de servizo ou subdirectores xerais).

A cobertura dos postos que se reasignen levarase a efecto a través do procedemento ordinario para a cobertura mediante persoal interino ou laboral.

A secretaría xeral/secretaría xeral técnica/dirección/dirección xeral, con carácter previo ao acordo de incorporación dos candidatos, deberá contar co informe do centro directivo en que a persoa solicitante estea a prestar os seus servizos, que deberá ser emitido no prazo de 5 días hábiles.

2.6. Formación:

Adoptaranse as medidas necesarias para a formación do persoal empregado público naquelas materias de especial relevancia para a xestión pública e o desenvolvemento de tarefas vinculadas á execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, para o persoal seleccionado nos distintos grupos ou unidades de traballo.

A Escola Galega de Administración Pública, no ámbito das súas competencias e de acordo coas orientacións da Comisión para a Recuperación, Transformación e Resiliencia, impartirá formación a medida para a execución do Plan en materias tales como planificación estratéxica, licitación pública, procedementos de subvencións e axudas, xestión financeira ou orzamentaria, convenios ou colaboración público-privada, entre outras.

A formación vinculada á execución do Plan de recuperación, transformación e resiliencia terá un enfoque de formación en competencias e orientada ao cumprimento de obxectivos e á resolución de problemas.

3. Comisión de Seguimento.

Constitúese unha comisión coas funcións de vixilancia, interpretación e seguimento, que estará composta por unha persoa de cada unha das organizacións sindicais asinantes, ou adheridas a el, e un número igual de persoas por parte da Administración. Presidirá a persoa titular da Dirección Xeral da Función Pública ou persoa en que este delegue e será secretario/a un funcionario/a público/a con rango de subdirector/a xeral ou xefe/a de servizo, que actuará con voz pero sen voto.

A dita comisión será informada sobre os perfís dos profesionais participantes, así como dos criterios de elección dos incentivos económicos establecidos para os programas de fondos e emitirá recomendacións ao respecto.

Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2021

Jorge Atán Castro
Secretario xeral técnico e do Patrimonio