Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Mércores, 7 de xullo de 2021 Páx. 34704

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións para proxectos de enerxía fotovoltaica para o ano 2021-2022, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020 (código de procedemento IN421S).

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo, prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en Axencia polo Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición á Consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre cuxas funcións destacan a de incidir na utilización racional da enerxía, así como diversificar as fontes enerxéticas e reducir, na medida do posible, a dependencia exterior.

O Inega establece este sistema de subvencións co obxectivo de fomentar a utilización de fontes de enerxía renovables. Máis concretamente, pretende fomentar a utilización da enerxía fotovoltaica, o que implica toda unha serie de vantaxes tanto sociais como ambientais, económicas e enerxéticas. Non se debe esquecer que a fotovoltaica é unha enerxía renovable cun reducido impacto ambiental que, polo seu carácter de recurso autóctono, favorece, dentro do campo enerxético, a redución de emisións de CO2, o autoabastecemento e a seguridade da subministración a prezos competitivos. Especificamente nun esquema de autoconsumo considerase que contribuirán á descarbonización do sistema eléctrico. Polo tanto, no contexto actual este sistema de axudas é necesario tendo en conta as recentes modificacións normativas que regulan o autoconsumo eléctrico e que esta actividade aínda está nunha fase inicial de desenvolvemento.

A dotación da presente convocatoria con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2021-2022 ascende a 4.500.000 euros financiados con fondos comunitarios derivados do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020.

Trátase de actuacións desenvolvidas pola Xunta de Galicia encadradas no obxectivo temático 4-Favorecer a transición a unha economía baixa en carbono en todos os sectores, na prioridade de investimento 1-Fomento da produción e distribución da enerxía derivada de fontes renovables, e no obxectivo específico 1-Aumentar a proporción no consumo final de enerxía das fontes renovables para produción de electricidade, incluídas as redes de transporte e distribución necesarias para a súa integración no sistema eléctrico, en consonancia co Plan de enerxías renovables 2011-2020. O financiamento da convocatoria correspóndese con fondos comunitarios derivados do programa Galicia 2014-2020, Feder nun 80 %, computándose como cofinanciamento nacional ou investimento privado o investimento privado elixible dos beneficiarios.

O uso das enerxías renovables pode representar para Galicia un gran xacemento de nova actividade, e por iso, a Xunta de Galicia entende que é preciso facer unha aposta firme e realista de cara ao futuro, materializando esta a través da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva.

Por todo o anterior, en virtude do disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 16 do Decreto 142/2016, de 22 de setembro , polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos a Axencia Instituto Enerxético de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de enerxías renovables fotovoltaicas cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder-Galicia 2014-2020, para o exercicio 2021-2022, e convocar a todos aqueles interesados en solicitalas en función do establecido nestas.

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. O obxecto destas bases e apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso racional das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de electricidade mediante paneis solares fotovoltaicos (procedemento IN421S).

2. O procedemento administrativo para a concesión destas subvencións será o de concorrencia non competitiva, segundo o disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nestas bases tramitaranse e resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

Xustifícase a excepcionalidade porque nestes casos non é necesaria a comparación de proxectos entre si, polo interese especial en promover proxectos que fomenten a xeración e aproveitamento de enerxía procedente de fontes renovables, que cumprindo os requisitos especificados nas presentes bases poidan levarse adiante en Galicia. Así mesmo, a concorrencia non competitiva é o mecanismo que permite que os proxectos subvencionables poidan ser atendidos en todo momento, mantendo a posibilidade de solicitude aberta de maneira continuada.

Non se poden determinar circunstancias valorables que permitan establecer unha orde de prelación entre unhas solicitudes e outras e ademais co réxime de concorrencia non competitiva poderanse atender todas as necesidades que vaian xurdindo ao longo do ano.

3. As axudas recollidas nestas bases reguladoras, a excepción daquelas en que os beneficiarios sexan administracións públicas locais ou entidades xurídicas sen ánimo de lucro que non poidan emprender actividades económicas que repercutan en terceiros, están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías) publicado no DOUE L 187, do 26 de xuño de 2014.

As entidades xurídicas sen ánimo de lucro cando realicen actividades económicas de forma regular estarán suxeitas ás condicións que se establecen no citado capítulo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

A presente convocatoria refírese ás axudas que aparecen definidas no capítulo III, sección 7, artigo 41.6.b. Axudas ao investimento para a promoción de enerxía procedente de fontes renovables do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, do 14 de xuño de 2014.

Artigo 2. Condicións dos proxectos

1. Poderán obter dereito á subvención todas aquelas actuacións descritas no artigo 6 destas bases que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma e o prazo de execución dos proxectos subvencionables iniciarase unha vez se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará no prazo previsto no artigo 25 destas bases.

2. Non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da data de presentación da solicitude de axuda, en aplicación do efecto incentivador previsto no artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

3. Entendese por inicio dos traballos, conforme a definición recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, ou ben o inicio dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido de equipos ou outros compromisos que faga o investimento irreversible, se esta data é anterior.

Artigo 3. Financiamento

1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2021-2022.

Beneficiarios axudas

Anualidade 2021

Anualidade 2022

Aplicación orzamentaria

Empresas

3.300.000

875.000

06.A3.733A.770.7

Administración local

100.000

100.000

06.A3.733A.760.8

Entidades sen ánimo de lucro

100.000

25.000

06.A3.733A.781.7

Total

3.500.000

1.000.000

4.500.000 €

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído se nalgunha das epígrafes non se rexistran solicitudes suficientes para esgotar os fondos dispoñibles e noutra das epígrafes existe listaxe de espera.

2. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes.

De producirse a ampliación do crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán acceder á condición de beneficiarios das presentes subvencións:

a) As entidades locais de Galicia e entidades dela dependentes.

b) As entidades sen ánimo de lucro.

c) Empresas legalmente constituídas e autónomos; incluídas as empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía.

Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación das presentes bases.

Para poder ser destinatarias últimas das axudas, estas empresas deberán actuar en función dun contrato de servizos enerxéticos con algunha empresa das incluídas no ámbito de actuación das presentes bases e deberán contar en todo caso co visto e prace do titular da instalación, por se a concesión da axuda dese lugar a modificación do contrato existente entre ambas as partes.

As empresas de servizos enerxéticos deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 56/2016 para o desenvolvemento da actividade profesional de provedor de servizos enerxéticos, e deberán estar incluídos na listaxe de provedores de servizos enerxéticos regulado no capítulo III do citado real decreto.

Segundo a definición da Directiva 2006/32/CE do 5 de abril sobre a eficiencia do uso final da enerxía e dos servizos enerxéticos, e para os efectos destas bases, entenderase por empresas de servizos enerxéticos, aquela persoa física ou xurídica que poida proporcionar servizos enerxéticos na forma definida no parágrafo seguinte, nas instalacións ou locais dun usuario e afronte certo grado de risco económico ao facelo. Todo isto, sempre que o pagamento dos servizos prestados se base, xa sexa en parte ou totalmente, na obtención de aforros de enerxía por introdución de melloras da eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos.

O servizo enerxético prestado pola empresa de servizos enerxéticos consistirá nun conxunto de prestacións incluíndo a realización de investimentos inmateriais, de obras ou de subministracións necesarias para optimizar a calidade e a redución dos custos enerxéticos. Esta actuación poderá comprender ademais da construción, instalación ou transformación de obras, equipos e sistemas, o seu mantemento, actualización ou renovación, a súa explotación ou a súa xestión derivados da incorporación de tecnoloxías eficientes. O servizo enerxético así definido deberá prestarse baseándose nun contrato que deberá levar asociado un aforro de enerxía verificable, medible ou estimable.

As persoas ou entidades que resulten beneficiarias da subvención e con posterioridade contratasen a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos enerxéticos das definidas anteriormente poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última, xuntando unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto, podendo dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.

2. As empresas deberán cumprir co criterio de autonomía e demais requisitos que se establecen no anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías.

3. Os requisitos para obter a condición de beneficiarios deberanse cumprir, a máis tardar, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.

4. As entidades sen ánimo de lucro non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 5. Persoas e entidades excluídas destas axudas

1. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das causas de exclusión previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as empresas dos sectores excluídos do ámbito de aplicación do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño de 2014, no seu artigo 1.2, entre as que figuran:

a) As empresas do sector da pesca e da acuicultura segundo se recolle no Regulamento (UE) núm. 1379/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2013.

b) Aquelas que operan na transformación e comercialización dos produtos agrícolas:

1º. Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

2º. Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a súa totalidade se repercute aos produtos primarios.

3. Non poderán ter condición de beneficiaria as empresas que operan do sector de produción agrícola primaria coas actividades incluídas na sección A e, en concreto, as clases desde a 1.11 á 02.40 do CNAE-2009, ambas excluídas como beneficiarias.

4. Non poderán concederse axudas con fondos Feder, segundo o disposto no artigo 3.3 do Regulamento (UE) 1301/2013, do 17 de decembro de 2013, nos seguintes ámbitos:

a) Investimentos para lograr redución das emisións de gases de efecto invernadoiro procedentes de actividades enumeradas no anexo I da Directiva 2003/87/CE.

b) As empresas consideradas en crise antes do 31 de decembro do 2019 ou que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que declarara unha axuda ilegal e incompatible co mercado común, segundo a definición do Regulamento (UE) 651/2014.

Artigo 6. Investimentos subvencionables

1. Os paneis solares fotovoltaicos.

2. O acondicionamento da enerxía eléctrica (inversores, convertedores, reguladores, cadros eléctricos, elementos de interconexión, proteccións, cablaxe, equipamentos de medidas e outros equivalentes), monitorización (sensores, adquisición de datos, comunicación remota e outros equivalentes) e sistema de acumulación con baterías.

3. O resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.

4. O custo de montaxe e conexionado.

5. Non son subvencionables:

a) O IVE (imposto sobre o valor engadido), excepto cando non sexa recuperable. Os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, número 1 da Directiva 2006/112/CE do Consello, polo que o IVE soportado por estes considerarase subvencionable.

En todo caso aquelas persoas xurídicas que gocen da exención de IVE, ou dun réxime de pro rata, deberán acreditar esta circunstancia mediante a presentación do correspondente certificado emitido pola Administración tributaria ou documentación acreditativa da pro rata do último exercicio.

b) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.

c) As obras de mantemento.

d) A obra civil non asociada a instalación dos equipamentos nin os gastos de legalización.

e) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa fosen obxecto de subvención anteriormente; tampouco serán subvencionables as ampliacións de instalacións fotovoltaicas que xa foron obxecto de axuda do Inega en anos anteriores.

6. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Artigo 7. Proxectos que se subvencionan e investimentos elixibles

1. Co obxectivo de garantir o correcto funcionamento das instalación, con carácter xeral, cando sexa de aplicación, cumprirase o Regulamento electrotécnico de baixa tensión (REBT) ou de alta tensión se for o caso. Por outra banda, establécese un rendemento mínimo do panel fotovoltaico do 17 % para que o proxecto sexa subvencionable.

2. A potencia máxima dos paneis fotovoltaicos do proxecto será de 100 kWp.

3. O investimento elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) estará limitado polos 840 €/kWp que poderán incrementarse ata os 1.100 €/kWp no caso de que se instale un sistema de baterías de litio cunha capacidade de acumulación en kWh igual ou superior á potencia pico da instalación.

Artigo 8. Contía da axuda

1. A intensidade máxima da axuda, segundo tipo de beneficiario, será a seguinte:

Beneficiarios

Porcentaxe máxima de axuda

Entidades locais

80 %

Entidades xurídicas sen ánimo de lucro (que non realicen actividade económica)

80 %

Empresas, as súas agrupacións e asociacións, así como entidades sen ánimo de lucro que realicen actividade económica. No caso de pequenas empresas, a axuda incrementarase en 10 puntos porcentuais e no caso de medianas empresas en 5 puntos porcentuais.

20 %

2. A contía máxima da axuda por proxecto para empresas e entidades locais será de 40.000 € e de 25.000 € en entidades sen ánimo de lucro.

3. En ningún caso, o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.

Artigo 9. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes (anexo I) subscribiranse directamente polos interesados ou pola persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación das solicitudes de axuda comezará o 16 de xullo, as 9.00 horas, e finalizará o 1 de decembro de 2021.

3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios da solicitude no DOG faise unicamente para os efectos informativos.

Os autónomos presentarán as súas solicitudes por medios electrónicos, para os trámites e actuacións que realicen coas administracións públicas no exercicio da súa actividade profesional, como así o establece o artigo 10.1 letra a) da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

4. Para formular a solicitude e que esta sexa válida, ademais de encher o correspondente formulario cos datos de identificación do solicitante e xerais da actuación (anexo I de solicitude), deberase achegar a través da aplicación, a seguinte documentación mínima:

– Poder de representación da persoa que presenta a solicitude (anexo II), cando proceda.

– Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal).

– Tres ofertas de distintos provedores cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.

5. Os fondos solicitados e os validados polo Inega poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará dos fondos dispoñibles a contía de axuda correspondente ao expediente.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera. As inadmisións, desestimentos, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lle corresponda.

Artigo 10. Documentación necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación obrigatoria:

a) Poder de representación da persoa que presenta a solicitude (anexo II) cando proceda.

b) Para acreditar a titularidade ou dispoñibilidade dos terreos se admitirán os seguintes documentos: título de propiedade ou contrato de arrendamento ou cesión de uso, acompañado de documento que acredite a titularidade do arrendador ou cedente.

Tamén se admitirá certificado catastral ou recibo de pagamento do IBI acompañado, en ambos os dous casos, de declaración responsable (asinada polo representante legal da empresa solicitante) de que os datos contidos no certificado ou no recibo non sufriron variación.

c) As tres ofertas que debe ter solicitado o solicitante da axuda, salvo cando se trate dunha entidade local, cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €.

As ofertas presentadas teñen que ser sempre con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben.

As ofertas deberan respectar a moderación de custos tal como establece o artigo 48.2.e) do Regulamento de execución (UE) 809/2014 da Comisión, do 17 de xullo de 2014. Para iso, para todos os gastos incluídos na solicitude de axuda deberá solicitarse como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación e presentar coa solicitude de axuda. As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:

1º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta, salvo na compra de terreos e edificacións.

Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

2º. Deberán incluír como mínimo o NIF, nome e enderezo da empresa oferente, o nome ou razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír no caso de obra civil e instalacións a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe, no caso de subministración de maquinaria e equipamentos a súa marca, modelo así como características técnicas, e no caso de prestación de servizos a descrición detallada destes.

3º. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado en que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se considerarán subvencionables os gastos en que non se xustifique a moderación de custos conforme os criterios e requisitos sinalados.

d) Memoria técnica da actuación, asinada por un técnico competente, que incluirá como mínimo:

1º. Descrición da instalación proxectada segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal ) e unha memoria técnica en que se describirán, de forma detallada, os sistemas do equipamento xerador e do resto dos compoñentes principais da instalación, especificando o sistema de conexión. Tamén incluirá unha xustificación da enerxía xerada, autoconsumida e excedentes e tamén das emisións evitadas de gases de efecto invernadoiro.

2º. Plano de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación (Sixpac, catastro). Croques ou planos en que se localicen os equipamentos na edificación, especificando o sistema de integración dos paneis.

3º. Folla de características dos equipos xeradores.

4º. Orzamento desagregado.

5º. Oferta técnica dun provedor no caso de que o solicitante sexa unha empresa, autónomo ou entidade sen ánimo de lucro.

6º. Facturas de consumo eléctrico.

7º. Solicitude de punto de conexión se é necesaria pola normativa vixente.

e) As administracións locais, ademais da documentación sinalada nos puntos anteriores, deberán achegar:

1º. Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

2º. Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases, se procede.

3º. Certificación de que a entidade solicitante remitiu as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigado ao Consello de Contas. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

f) As empresas, xunto coa solicitude, presentarán a documentación prevista nas letras a), b) e c) deste artigo, e cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente (non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública).

g) As empresas deben de acreditar a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

h) Cando unha empresa de servizos enerxéticos xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberá achegar ademais:

– Copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o que se solicita a axuda.

– Constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

i) As entidades sen ánimo, xunto coa solicitude presentarán a documentación prevista nas letras a), b) e c) deste artigo e ademais deberán achegar a documentación que acredite a representación correspondente.

j) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que é realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supera os tamaños máximos establecidos (10MB) ou ten un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

Artigo 11. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

1º. DNI/NIE do solicitante, cando se trate dunha persoa física.

2º. NIF do solicitante, cando se trate dunha persoa xurídica.

3º. DNI/NIE da persoa representante, cando se trate dunha persoa física.

4º. NIF da entidade representante, cando se trate dunha persoa xurídica.

5º. Certificacións de estar ao día no pagamento coa AEAT, a Seguridade Social e Facenda autonómica.

6º. Certificado de alta no imposto de actividades económicas.

7º. Consulta dos administradores da sociedade cando se trate dunha persoa xurídica.

2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esa consulta, deberá indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilita a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Publicidade

1. O Inega publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal ) e no Diario Oficial de Galicia e expresará a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

3. Na publicación que se faga no DOG e no taboleiro electrónico das axudas cofinanciadas con fondos Feder e individualmente concedidas ao abeiro desta convocatoria, incluirase unha referencia expresa ás disposicións pertinentes do Regulamento (UE) núm. 651/2014 da Comisión, ao seu título e á data de publicación no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE).

Artigo 15. Compatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán compatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que non se supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, o límite máximo establecido no artigo 8 das bases reguladoras, no marco dos números 7 a 9 do artigo 41.7 do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014.

Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, o proxecto poderá recibir axuda doutros fondos EIE, dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, coa condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 21 destas bases reguladoras.

Artigo 16. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións e corresponde á directora do Inega ditar as diferentes resolucións que se deriven do dito procedemento.

Artigo 17. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda con reserva de fondos será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada.

De ser o caso, tamén poderán ser avaliadas as solicitudes de axudas que figuren nos postos de máis prelación da listaxe de espera, sen que tal avaliación supoña garantía de que os expedientes se cheguen a subvencionar ata que, eventualmente, recaia resolución expresa de concesión de axuda.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixer, se lle terá por desistido na súa petición e se arquivará o expediente.

Igual requirimento efectuarase no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda e da verificación do DNI/NIE.

2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

3. Tras o informe dos servizos técnico e xurídico, as solicitudes serán avaliadas por un comité de avaliación formado pola persoa titular do Departamento de Enerxía e Planificación Enerxética, a persoa titular da Área de Enerxías Renovables e dous técnicos do Inega (un da Área de Enerxías Renovables e outro da Xerencia). O comité de avaliación elaborará unha proposta en que figuren de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter subvención, así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible.

Artigo 18. Resolución de concesión

1. Unha vez avaliada a solicitude, a proposta de resolución elevarase ao director do Inega. O procedemento de concesión resolverase no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o contido da resolución.

2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación do beneficiario, contía da subvención, obrigacións dos beneficiarios, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o Plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operacións que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de catro (4) meses, contados desde a data de presentación da solicitude ou, se for o caso da súa emenda.

Se transcorre o prazo sen que recaia resolución expresa os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Os interesados poderán consultar na aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e na Carpeta cidadá-A miña sede o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 20. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro destas bases poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 21. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os requisitos previstos no punto seguinte.

Cando a modificación do proxecto afecte o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA), o Inega deberá emitir unha resolución de modificación (anexo DECA) que recolla as ditas modificacións e, se for o caso, os valores estimados dos indicadores de produtividade.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de xeito previo non aporten a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento, sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no número 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado pola Dirección do Inega, logo da instrución do correspondente expediente no cal se lles dará audiencia aos interesados.

Artigo 22. Aceptación e renuncia

No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito, por medios electrónicos a través da aplicación informática, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará ao interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 19.2 destas bases reguladoras.

Artigo 23. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

3. Dispoñer da capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se conceda a axuda.

4. Someterse ás actuacións de comprobación que se efectuasen polo Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, as comprobacións e verificacións que vaian realizar o organismo intermedio, a autoridade de xestión e a autoridade de control, e, de ser o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e outras instancias de control, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

Os beneficiarios someteranse ás verificacións que levará a cabo a autoridade de xestión sobre a base do disposto nos números 4 e 5 do artigo 125 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013 polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347 do 20.12.2013), así como ás comprobacións pertinentes dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeos.

5. Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

6. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de 5 anos a que se contarán desde o último pagamento ao beneficiario e 3 anos en caso de pemes, previsión que para o suposto de cofinanciamento con fondos comunitarios está recollida no artigo 71 do Regulamento UE núm. 1303/2013 polo que se fixan as disposicións xerais relativas ao Feder, FSE e ao Fondo de Cohesión.

Nos contratos de servizos enerxéticos que teñan unha duración inferior a 5 anos, terase que achegar un documento asinado polo propietario dos terreos en que se instalen os equipos xeradores no cal asume o compromiso de manter o investimento hasta que se cumpra este período.

7. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos, no caso de operacións cun gasto subvencionable inferior a un 1.000.000 € a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación. O Inega informará os beneficiarios das contas en que estean incluídos os gastos definitivos da operación concluída.

8. En cumprimento do artigo 15.3 da Lei de 9/2007, de subvencións de Galicia, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberá constar o cofinanciamento con fondos da Xunta de Galicia a través do Instituto Enerxético de Galicia, que se efectuará incorporando de forma visible o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia, do Feder e do Inega.

9. En relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o beneficiario deberá:

a) En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, deberá recoñecer o apoio do Inega, da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto incluíndo a imaxe institucional do Inega e da Xunta de Galicia e mostrando o emblema da Unión, así como unha referencia á Unión Europea, e unha referencia ao Fondo, que dá apoio á operación, o lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

b) Durante a realización do proxecto, e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego, o beneficiario informará o público do apoio obtido do Inega, Xunta de Galicia e Feder: a) facendo unha breve descrición no seu sitio da internet, no caso de que dispoña dun, da operación, de maneira proporcional ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión; b) colocando, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que mencionará a axuda financeira da Unión, nun lugar ben visible para o público, por exemplo na entrada dun edificio.

O Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 especifica nos artigos 3 e 4 a forma en que debe crearse o emblema e as súas características técnicas.

Inega facilitará modelos aos beneficiarios a través da súa páxina web.

10. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

11. A aceptación da axuda cofinanciada con fondos Feder 2014-2020, implica a aceptación da inclusión dos beneficiarios na lista de operacións a que fai referencia o artigo 115, número 2, e co contido previsto no anexo XII, do Regulamento (UE) nº 1303/2013, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda: http://www.dgfc.sepg.minhafp.gob.es/sitios/dgfc/es-Es/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

12. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 24. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución de ata o 100 % da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvención de Galicia.

Artigo 25. Prazo para a execución da instalación

A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 15 de xullo de 2022.

Artigo 26. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarse de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación das subvencións aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 19 destas bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física), CIF o NIF do solicitante (persoa xurídica) e NIF do representante da persoa xurídica.

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei correspondan.

Artigo 27. Documentación xustificativa da subvención

1. Os documentos de xustificación deberán presentarse dentro do prazo establecido no artigo 25 destas bases reguladoras, debendo estar, nese momento, os investimentos plenamente realizados, operativos e verificables.

2. Para o cobramento polo solicitante da subvención concedida, deberá presentará toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo III, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

3. Documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento:

a) Conta xustificativa composta de facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa pagados, en orixinal ou copias. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

No caso das administracións públicas presentaranse facturas orixinais, ou facturas electrónicas rexistradas no Punto Xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención).

Os provedores non poderán estar vinculados co organismo solicitante ou coa empresa beneficiaria final, ou cos seus órganos directivos ou xestores.

Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

1º. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario do ingreso efectivo polo portelo), en que conste: o titular da conta desde a que se realiza a operación ou a persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir en todo caso coa persoa beneficiaria da subvención, receptor do pagamento (empresa ou autónomo) e número de factura obxecto do pagamento.

2º. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, xustificante de recepción asinado e selado polo provedor en que se especifiquen o número de factura pagada, número e data do cheque e NIF e nome da persoa receptora do cobramento.

Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para os efectos de data de pagamento, estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque ao provedor.

3º. Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico, nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 25 das bases reguladoras.

En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos previstos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

No caso da Administración local, a certificación ten que estar expedida pola Intervención ou o órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a que foi concedida. Facendo constar como mínimo:

i. O cumprimento da finalidade da subvención.

ii. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente. Salvo disposición expresa das bases reguladoras, e sen prexuízo do previsto na letra c) deste mesmo artigo, non será exixible a remisión dos documentos relacionados no artigo 48.2.b) do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

b) No caso da Administración local certificación expedida por la secretaría ou persoa responsable do control de legalidade da entidade en que se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública e se faga referencia á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención.

c) Os concellos, para as obras públicas que promovan, deberán achegar o acordo municipal de aprobación do proxecto.

d) Fotografías dos principais equipamentos instalados.

e) Memoria técnica de xustificación da publicidade de fondos Feder, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

f) O beneficiario achegará un certificado asinado polo técnico instalador, en que se indique a data de finalización da instalación que se subvenciona. Naqueles proxectos con potencia superior a 10 kW, deberá achegarse o certificado de dirección de obra asinado polo técnico. Naquelas instalacións que requiran a súa inscrición no rexistro de instalacións eléctricas de baixa ou alta tensión, segundo corresponda, da consellería competente en materia de industria, o beneficiario deberá achegar o xustificante de solicitude de inscrición da instalación nese rexistro. Nese xustificante deberán figurar as características técnicas e o correspondente código de acceso ao referido rexistro, para ter a posibilidade de verificación no caso de que fose necesario.

g) No caso de que fose exixible pola normativa vixente, presentarase a concesión do punto de conexión pola compañía distribuidora e a autorización administrativa de construción da instalación.

4. Con carácter xeral, a documentación presentada permitirá ao Inega medir os indicadores de produtividade asociados a estas bases reguladoras, que son CO30- Capacidade adicional para producir enerxía renovable (MW) e CO34-Redución anual estimada de gases efecto invernadoiro (GEI) (toneladas equivalentes de CO2/ano).

Artigo 28. Pagamento das axudas

1. O beneficiario poderá solicitar un anticipo unha vez notificada a resolución de concesión e coa data límite do 1 de decembro de 2021.

2. Os interesados poderán solicitar un anticipo de ata o 50 % do importe da subvención concedida, naqueles supostos en que o investimento exixa pagamentos inmediatos e sen que se supere a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. A solicitude de anticipo será obxecto de resolución motivada polo órgano concedente da subvención.

3. A súa concesión supeditarase á constitución, con carácter previo ao pagamento, dunha garantía bancaria nos termos previstos no artigo 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que deberá cubrir o 110 % da cantidade que se vai aboar.

A presentación da garantía realizarase ante o órgano concédente no prazo de quince (15) días a partir da notificación da resolución de concesión. Este prazo poderá ser ampliado cando concorran circunstancias que dificulten a súa formalización.

A presentación da garantía terá validez ata que o Inega autorice a súa cancelación, unha vez que o beneficiario da axuda acredite a realización e pagamento dos investimentos e o cumprimento dos obxectivos e condicións estipulados na resolución de concesión da axuda.

4. Cando se prevexa a posibilidade de realizar anticipos, quedan exonerados de constituír garantía, os beneficiarios previstos no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro entre os que figuran:

a) As administracións públicas, os seus organismos vinculados ou dependentes e as sociedades mercantís estatais e as fundacións do sector público estatal.

b) As entidades non lucrativas, así como as federacións, confederacións ou agrupacións destas, que desenvolvan proxectos ou programas de acción social ou cooperación internacional.

c) As entidades que por lei estean exentas de presentación de caución, finanzas ou depósitos perante as administracións públicas ou os seus organismos e entidades vinculadas ou dependentes.

d) Os beneficiarios das subvencións concedidas das cales os pagamentos non superen os 18.000 €. No caso de pagamentos anticipados e/ou pagamentos á conta, o importe anterior enténdese referido á cantidade acumulada dos pagamentos realizados.

5. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

6. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 29. Perdida do dereito á subvención e reintegro das axudas

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total: se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, e a xustificación sexa igual ou superior ao 60 %, poderá apreciarse un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión.

Sen prexuízo doutros supostos que poidan concorrer, no caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.

4. Reintegro das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases:

a) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

b) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido nestas bases.

c) Suporá a perda dun 5 % non comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaran a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Suporá a perda da subvención de forma proporcional ao período en que se incumpra o requisito de non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período exixido no artigo 71 do Regulamento UE núm. 1303/2013.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecten en controis posteriores o pagamento dalgún incumprimento relativo a esas obrigas.

Artigo 30. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 31. Fiscalización e control

1. Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo e as verificacións do artigo 125 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013 polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20.12.2013).

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puideran ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención General de la Administración del Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Artigo 32. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gastos será de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos das operacións, tal e como se define no artigo 140 do Regulamento (CE) núm. 1303/2013 polo que se fixan as disposicións comúns relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión (DOUE L 347, do 20.12.2013).

2. Para todo o non previsto no punto anterior, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño de subvencións de Galicia, e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.

3. O Inega realizará comprobacións sobre aqueles aspectos declarados polos beneficiarios no relativo ao tamaño da empresa e a consideración como empresa en crise.

Artigo 33. Remisión normativa

As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:

a) Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE l 187, do 26 de xuño de 2014).

b) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, Fondo Social Europeo, Fondo de Cohesión, Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da pesca e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

c) Regulamento (UE) nº 1301/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

d) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular, a seguinte:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

e) Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

f) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) Lei 4/2019, do 17 de xuño, de administración dixital de Galicia.

h) Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE, do 26 de febreiro de 2014.

i) Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

j) Regulamento xeral de protección de datos (RXPD): norma de aplicación directa en toda a Unión Europea, relativa á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos.

k) Real decreto 3/2010, do 8 de xaneiro, polo que se regula o Esquema Nacional de Seguridade no ámbito da Administración electrónica (ENS)-versión consolidada.

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2021

Paula María Uría Traba
Directora do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file