Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Mércores, 7 de xullo de 2021 Páx. 34701

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

DECRETO 97/2021, do 10 de xuño, polo que se determinan as festas da Comunidade Autónoma de Galicia do calendario laboral para o ano 2022.

O artigo 37.2 do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, sobre regulación da xornada de traballo, xornadas especiais e descansos, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, determinan o calendario de festas laborais de ámbito estatal, de carácter retribuído e non recuperable. Respecto dalgunhas destas festas de ámbito estatal as comunidades autónomas teñen facultades de opción e tamén as poderán substituír, cando haxa festas estatais que coincidan con domingo, incorporando outras da comunidade autónoma que lles sexan tradicionais.

Conforme o referido anteriormente, e facendo uso das facultades de opción e substitución, óptase polo 25 de xullo, festa de Santiago Apóstolo, como Día Nacional de Galicia. Por coincidir en domingo o día 1 de maio, Festa do Traballo, substitúese polo día 17 de maio, Día das Letras Galegas e o 25 de decembro, Natividade do Señor substitúese polo 24 de xuño, San Xoán.

Segundo o establecido na Constitución española e no artigo 29.1 do Estatuto de autonomía de Galicia, en relación co Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos á Comunidade Autónoma de Galicia, na súa virtude e facendo uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, por proposta da conselleira de Emprego e Igualdade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dez de xuño de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1. Festas laborais da Comunidade Autónoma de Galicia para 2022

De non se produciren modificacións no calendario laboral de carácter estatal, as festas laborais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022 serán as seguintes:

1 de xaneiro

Aninovo

6 de xaneiro

Epifanía do Señor (Día de Reis)

14 de abril

Xoves Santo

15 de abril

Venres Santo

17 de maio

Día das Letras Galegas

24 de xuño

San Xoán

25 de xullo

Día Nacional de Galicia

15 de agosto

Asunción da Virxe

12 de outubro

Festa Nacional de España

1 de novembro

Todos os Santos

6 de decembro

Día da Constitución Española

8 de decembro

Inmaculada Concepción

As festas mencionadas terán carácter obrigatorio e non recuperable.

Artigo 2. Festas locais

Conforme o disposto no artigo 37.2 do Estatuto dos traballadores, no artigo 46 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, e no artigo 1.11 do Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais, propostas polo órgano municipal competente dos respectivos concellos, cuxa publicación no boletín oficial de cada unha das provincias da comunidade autónoma será determinada pola persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Emprego e Igualdade. As ditas festas locais publicaranse, así mesmo, no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 3. Cómputo de prazos

De acordo co que dispón o artigo 30.7 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as festas laborais sinaladas no artigo 1 terán o carácter de días inhábiles para os efectos de cómputo de prazos.

Disposición derradeira primeira. Comunicación ao Ministerio de Traballo e Economía Social

Do disposto no presente decreto darase traslado ao Ministerio de Traballo e Economía Social antes do 30 de setembro de 2021.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto producirá efectos desde o día un de xaneiro do ano dous mil vinte e dous.

Santiago de Compostela, dez de xuño de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente da Xunta de Galicia

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade