Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 129 Xoves, 8 de xullo de 2021 Páx. 34851

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 100/2021, do 24 de xuño, polo que se aproba o Catálogo de estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia.

Segundo o teor do número 3 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Catálogo de estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia deberá ser aprobado por decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas.

O 22 de xullo de 2003, de conformidade co previsto na entón vixente Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, entrou en vigor o Decreto 308/2003, do 26 de xuño, polo que se aprobaba a relación de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia.

A entrada en vigor da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, introduce o concepto de catálogo de estradas e defíneo no número 1 do seu artigo 10 como o instrumento público que serve para identificar, inventariar, clasificar e, se for o caso, categorizar funcionalmente as estradas das redes de cada Administración titular.

Ademais, a citada Lei 8/2013, xunto co Regulamento xeral de estradas de Galicia, aprobado polo Decreto 66/2016, do 26 de maio, establecen unha nova clasificación técnica das estradas en autoestradas, autovías, vías para automóbiles e estradas convencionais, e unha nova categorización funcional das estradas en rede estruturante, rede complementaria e rede local.

Por outro lado, a execución de novas estradas ou variantes de estradas existentes e a transferencia de titularidade de estradas ou treitos destas a outras administracións, entre outras actuacións, provocan que a relación de estradas autonómicas aprobada no ano 2003 resulte obsoleta.

Por tanto, resulta xustificada a necesidade de aprobar un catálogo de estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia, actualizado e adaptado á normativa vixente en materia de estradas, que substitúa a relación de estradas autonómicas aprobada no ano 2003.

Por Resolución da Axencia Galega de Infraestruturas, do 16 de febreiro de 2021, aprobouse provisionalmente o Catálogo de estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia.

O Catálogo de estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia someteuse a información pública mediante anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia núm. 40, do 1 de marzo de 2021, a fin de que calquera persoa física ou xurídica puidese formular as alegacións que considerase pertinentes.

O Catálogo de estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia contén, de conformidade co previsto no número 2 do artigo 19 do Regulamento xeral de estradas de Galicia a clasificación técnica das estradas que forman parte da Rede autonómica de estradas de Galicia en autoestradas, autovías, vías para automóbiles e estradas convencionais, a súa identificación e denominación, os puntos inicial e final de cada un dos treitos que as constitúen e a súa respectiva lonxitude, así como a súa representación gráfica. Ademais, o Catálogo categoriza funcionalmente as estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia en rede estruturante, rede complementaria e rede local.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e catro de xuño de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único

Aprobar o Catálogo de estradas da Rede autonómica de estradas de Galicia.

O documento pode consultarse na páxina web da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade (https://infraestruturasemobilidade.xunta.gal/tema/c/CIV_Infraestruturas_Estradas).

Disposición derrogatoria única

Queda derrogado o Decreto 308/2003, do 26 de xuño, polo que se aproba a relación de estradas de titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única

Este decreto entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de xuño de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade