Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Venres, 9 de xullo de 2021 Páx. 35008

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 101/2021, do 8 de xullo, polo que se crea a Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei orgánica 3/2021, do 24 de marzo, de regulación da eutanasia, no seu artigo 17, determina que existirá unha comisión de garantía e avaliación da eutanasia en cada unha das comunidades autónomas, así como nas cidades de Ceuta e Melilla. A composición de cada unha delas terá carácter multidisciplinar e deberá contar cun número mínimo de sete membros, entre os cales se incluirán persoal médico, de enfermaría e xuristas.

Segundo dispón o mesmo precepto, as comisións, que terán a natureza de órgano administrativo, serán creadas polos respectivos gobernos autonómicos, que determinarán o seu réxime xurídico.

Engade o artigo que cada comisión deberá dispoñer dun regulamento de orde interna, que será elaborado pola citada comisión e autorizado polo órgano competente da Administración autonómica, fixando o mesmo precepto un prazo de tres meses desde a súa entrada en vigor para a creación e constitución das comisións.

No artigo 18 do mesmo texto legal regúlanse as funcións destas comisións e no artigo 19 o deber de segredo dos seus membros.

Trátase dunha regulación de carácter básico, conforme o previsto na disposición derradeira segunda da lei orgánica.

Por tal motivo, procede dar cumprimento ao disposto pola norma básica estatal, creando a Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia, regulando a súa composición e o seu réxime xurídico.

Por outra banda, a disposición derradeira segunda da Lei 5/2015, do 26 de xuño, de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais, impón o mandato de modificación do Decreto 177/2000, do 22 de xuño, polo que se regula a creación e a autorización dos comités de ética asistencial, de tal forma que lles corresponda asesorar e emitir informes sobre as cuestións éticas relacionadas coa práctica clínica que se produzan nos centros e institucións sanitarias, co fin de garantir os dereitos das persoas enfermas terminais, así como os dereitos e deberes das e dos profesionais que as atendan, de acordo co establecido na súa respectiva lexislación específica. Neste sentido, poderán asesorar e propor alternativas ou solucións éticas naquelas decisións clínicas controvertidas, no caso de discrepancia entre as e os profesionais sanitarios e as persoas enfermas terminais ou, de ser o caso, con aquelas persoas que exerzan os seus dereitos, ou entre estas e as institucións sanitarias, en relación coa atención sanitaria prestada ás ditas persoas enfermas terminais, que non se resolvesen mediante acordo entre as partes.

Neste contexto normativo, crease a Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia, coas funcións recollidas no artigo 18 da referida Lei orgánica 3/2021, do 24 de marzo, así como á modificación do Decreto 177/2000, do 22 de xuño.

O decreto consta de seis artigos, unha disposición transitoria única unha disposición derrogatoria única, e tres disposicións derradeiras.

O artigo primeiro refírese ao obxecto da disposición, o artigo segundo á creación da Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia, o artigo terceiro á natureza xurídica e adscrición do órgano administrativo, o artigo cuarto ao réxime xurídico aplicable, o artigo quinto ás funcións asignadas de conformidade coa Lei orgánica 3/2021, do 24 de marzo, e o artigo sexto contén a descrición da composición do órgano.

Completan o texto unha disposición transitoria única, unha disposición derrogatoria única e tres disposicións derradeiras.

A disposición transitoria única recolle o réxime transitorio, indicando que mentres que a comisión non dispoña do seu regulamento de orde interna, o seu funcionamento axustarase ao previsto na disposición transitoria única da Lei orgánica 3/2021, do 24 de marzo.

A disposición derradeira primeira refírese á modificación do Decreto 177/2000, do 22 de xuño, a través da cal se engade unha alínea f) ao artigo 6 do citado decreto.

A disposición derradeira segunda faculta a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para adoptar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto, no que respecta á organización e materias propias do seu departamento.

Finalmente, a disposición derradeira terceira é a relativa á entrada en vigor da disposición regulamentaria.

O contido deste decreto adecúase aos principios de boa regulación previstos no artigo 37.a) da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, e no 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Así, cómpre ter en conta que a Lei orgánica 3/2021, do 24 de marzo, no seu artigo 17, determina que existirá unha comisión de garantía e avaliación da eutanasia en cada unha das comunidades autónomas, así como nas cidades de Ceuta e Melilla. A composición de cada unha delas terá carácter multidisciplinar e deberá contar cun número mínimo de sete membros, entre os cales se incluirán persoal médico, de enfermaría e xuristas.

Estas comisións, que terán a natureza de órgano administrativo, serán creadas polos respectivos gobernos autonómicos, que determinarán o seu réxime xurídico.

Ademais, a citada norma determina que cada comisión de garantía e avaliación da eutanasia deberá crearse e constituírse no prazo de tres meses contados desde a entrada en vigor do citado artigo 17, que tivo lugar o 26 de marzo de 2021.

Por tal motivo, procede dar cumprimento ao disposto pola norma básica estatal, creando e constituíndo a Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia na Comunidade Autónoma de Galicia, como órgano administrativo.

No que atinxe ás peculiaridades da tramitación normativa, cómpre indicar que se prescindiu dos trámites de consulta pública previa e de información pública pola propia consideración de órgano administrativo que a norma básica estatal lle atribúe á Comisión de Garantía e Avaliación, polo que, de conformidade co previsto no artigo 42.6 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e no artigo 133.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, neste caso pode prescindirse dos trámites de consulta, audiencia e información públicas previstos no mesmo artigo por tratarse dun proxecto organizativo que trata sobre a constitución dun órgano colexiado dentro da Administración sanitaria, en execución dunha habillitación legal, o que xustificou a súa remisión ao Consello Consultivo de Galicia.

O resto dos trámites seguiron as previsións contidas nos artigos 40 a 43 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e nos artigos 127 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, antes citadas.

Así, constan no expediente os informes favorables de impacto de xénero, o informe da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos e o emitido pola Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa da Consellería de Facenda e Administración Pública, o informe favorable da Asesoría Xurídica, así como o informe de impacto demográfico emitido pola Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social.

O presente decreto tamén se someteu ao ditame do Consello Consultivo de Galicia, que foi emitido con data 30 de xuño de 2021.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do oito de xullo de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O presente decreto ten por obxecto a creación da Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a regulación da súa composición e do seu réxime xurídico.

Artigo 2. Creación da Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia

Créase a Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 17 da Lei orgánica 3/2021, do 24 de marzo, de regulación da eutanasia.

Artigo 3. Natureza xurídica e adscrición

A Comisión de Garantía e Avaliación da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia ten a natureza xurídica de órgano administrativo de ámbito autonómico, adscrito á consellería competente en materia de sanidade a través da dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

Artigo 4. Réxime xurídico

1. A Comisión rexerase polos preceptos básicos sobre órganos colexiados da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, polo disposto na sección 3ª do capítulo I, do título I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e polo seu regulamento de orde interna.

2. A comisión deberá dispoñer dun regulamento de orde interna, que será elaborado pola propia comisión e autorizado pola consellería competente en materia de sanidade.

Artigo 5. Funcións

As funcións da Comisión son as que se especifican no artigo 18 da Lei orgánica 3/2021, do 24 de marzo.

Artigo 6. Composición

1. A composición da Comisión de Garantías e Avaliación da Eutanasia da Comunidade Autónoma de Galicia terá carácter multidisciplinar e estará integrada por doce membros, un dos cales exercerá a presidencia do órgano.

2. Os membros da Comisión e os seus correspondentes suplentes serán designados pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde, e a súa distribución será a seguinte:

a) Sete membros deberán ser persoal médico especialista, e entre estes/as haberá, polo menos, un/unha internista, un/unha médico de atención primaria e un/unha psiquiatra.

b) Dous membros deberán ser persoal de enfermaría.

c) Tres membros deberán ser xuristas con coñecementos de dereito sanitario ou bioética.

3. A presidencia será designada pola persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de asistencia sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

4. Na composición da comisión procurarase unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

5. A secretaría da comisión será exercida por unha persoa, que deberá ter a condición de funcionaria de carreira ou persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, designada pola persoa titular da Presidencia da comisión. A persoa que ocupe a Secretaría da Comisión terá voz pero non voto nas súas sesións.

6. As persoas integrantes da Comisión virán obrigadas a gardar segredo sobre o contido das súas deliberacións e a protexer a confidencialidade dos datos persoais que, sobre profesionais sanitarios, pacientes, familiares e persoas achegadas, puidesen ter coñecido na súa condición de membros da Comisión, de conformidade co previsto no artigo 19 da Lei orgánica 3/2021, do 24 de marzo, de regulación da eutanasia.

Disposición transitoria única. Réxime transitorio

Mentres a Comisión non dispoña do seu regulamento de orde interna, o seu funcionamento axustarase ao previsto na disposición transitoria única da Lei orgánica 3/2021, do 24 de marzo.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango en canto se opoñan ao previsto no presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Modificación do Decreto 177/2000, do 22 de xuño, polo que se regula a creación e autorización de los comités de ética asistencial

Engádese unha nova letra f) no artigo 6 do Decreto 177/2000, do 22 de xuño, polo que se regula a creación e autorización dos comités de ética asistencial, coa seguinte redacción:

«f) Asesorar e emitir informes sobre as cuestións éticas relacionadas coa práctica clínica que se produzan nos centros e institucións sanitarias, co fin de garantir os dereitos das persoas enfermas terminais, así como os dereitos e deberes das e dos profesionais que as atendan, de acordo co establecido na súa respectiva lexislación específica. Neste sentido, poderán asesorar e propoñer alternativas ou solucións éticas naquelas decisións clínicas controvertidas, no caso de discrepancia entre as e os profesionais sanitarios e as persoas enfermas terminais ou, de ser o caso, con aquelas persoas que exerzan os seus dereitos, ou entre estas e as institucións sanitarias, en relación coa atención sanitaria prestada as ditas persoas enfermas terminais, que non se resolvesen mediante acordo entre as partes».

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para adoptar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento deste decreto, no que respecta á organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, oito de xullo de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade