O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que aquela asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas aos sectores da mocidade, infancia, terceira idade e sectores marxinados.
O artigo 33 da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, establece que a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia exercerá as súas competencias a través da consellería competente en materia de xuventude, á cal lle corresponden, entre outras funcións, a xestión das actuacións en materia de xuventude, así como as políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil.
Pola súa parte, o artigo 9 da citada lei (xuventude, creatividade e espírito emprendedor) reflicte que a Xunta de Galicia fomentará o espírito emprendedor, potenciando entre a xuventude un sistema de actitudes e preocupacións do que formen parte a iniciativa propia, a responsabilidade, a planificación de obxectivos vitais, a perseveranza, o compromiso e a flexibilidade; e adoptará medidas e accións tendentes a que a xuventude encontre facilidades para a creación do seu propio posto de traballo, así como posta en marcha dos seus propios proxectos empresariais.
Segundo o Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica de Xunta de Galicia, e o Decreto 216/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social, correspóndelle á Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, entre outras funcións, a xestión das actuacións en materia de mocidade, así como das políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil.
A Consellería de Política Social, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a inquedanza artística individual e colectiva da xuventude galega, convoca unha serie de actividades que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e que constitúen o programa Xuventude Crea.
Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de subvencións; ao establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; ás disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; á Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno; o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006; e a Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.
Na súa virtude, e no uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia.
RESOLVO:
CAPÍTULO I
Parte xeral
Artigo 1. Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que rexen a concesión dos premios do programa Xuventude Crea e convocalos para o ano 2021.
2. Cos premios do programa Xuventude Crea trátase de favorecer o traballo creativo da xuventude galega, coa finalidade de fomentar a actividade creadora, facilitar a súa promoción e a difusión da súa obra, nas especialidades de artes plásticas, banda deseñada, cociña, creación de videoxogos, danza moderna, deseño de xoias, fotografía, graffiti, moda, música, novela curta, poesía, teatro e videocreación.
3. O código de procedemento administrativo é o BS310Q.
Artigo 2. Convocatoria e especialidades
1. A Consellería de Política Social convoca estes premios para o ano 2021. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos no artigo 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En todo o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Os premios do programa Xuventude Crea que se convocan inclúen as seguintes modalidades:
a) Artes plásticas.
b) Banda deseñada.
c) Cociña.
d) Creación de videoxogos.
e) Danza moderna.
f) Deseño de xoias.
g) Fotografía.
h) Graffiti.
i) Moda.
j) Música.
k) Novela curta.
l) Poesía.
ll) Teatro.
m) Videocreación.
Artigo 3. Premios
1. Establécense os seguintes premios por cada unha das especialidades:
Un primeiro premio de 3.000 €.
Un segundo premio de 1.500 €.
Un terceiro premio de 1.000 €.
Poderanse outorgar mencións de honra, que carecerán de dotación económica, nas diferentes especialidades a aquelas obras que, coa avaliación da comisión de selección, acaden a suficiente calidade.
2. Cada persoa participante non poderá recibir máis dun premio por especialidade.
3. A dotación destes premios será complementada de acordo co disposto na parte específica de cada especialidade respecto das persoas solicitantes que sexan seleccionadas para a fase final.
4. As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicas e estarán suxeitas ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.
5. Segundo a calidade das obras poderían ser declarados desertos ou compartidos algúns dos premios. Neste último caso, a contía do premio repartirase de xeito directamente proporcional ao número de obras premiadas.
6. Entregarase un diploma acreditativo a todas as persoas premiadas e ás persoas finalistas.
7. A obtención dun premio económico neste programa suporá a incompatibilidade de presentar a obra premiada a outros certames.
Artigo 4. Orzamento
Para o financiamento destes premios e das axudas para o desenvolvemento da fase final das especialidades determinadas na parte específica desta orde, destínase un crédito de 93.100 euros, con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.313A.480.10 consignada na Lei 3/2021, do 28 de xaneiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.
Artigo 5. Persoas destinatarias e requisitos
1. Poderán solicitar a participación as persoas galegas ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2021 agás o establecido no capítulo II para cada especialidade.
2. Enténdese por profesional, aquela persoa que mantén unha relación contractual permanente ou ocasional con algunha empresa vinculada á especialidade concreta en que solicita participar, levando a cabo traballos directamente relacionados con ela, ou que está dada de alta como autónoma nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade.
3. A participación será sempre a título individual, salvo no caso das especialidades de teatro, música, graffiti, creación de videoxogos, cociña e danza moderna.
Nestas especialidades, poderán presentarse asociacións privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas ou grupos informais, nos cales unha das persoas integrantes asumirá o papel de representante único/a do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden ao grupo e, en consecuencia, a todas as persoas que o forman.
4. Non poderán participar nunha especialidade aquelas persoas que gañasen o primeiro premio desa mesma especialidade na edición do ano anterior.
5. A información contida neste artigo debe ser consignada de acordo co disposto no capítulo II (parte específica).
Artigo 6. Obras
1. Cada persoa participante poderá presentar unha obra por especialidade.
2. As obras presentadas polas persoas participantes non poderán ter sido premiadas, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes, noutros certames ou concursos.
3. As obras non poderán incluír contidos xenófobos ou de calquera outro tipo que atente contra a dignidade das persoas.
4. As obras presentadas polas persoas participantes non poderán ter sido beneficiarias de axudas económicas da Administración autonómica para a súa realización, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes.
5. A Consellería de Política Social quedará eximida de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera transgresión da lexislación vixente en que, en materia de propiedade intelectual, puideren incorrer as persoas participantes.
Artigo 7. Solicitude e prazo de presentación de solicitudes
1. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (anexo I).
A presentación electrónica será obrigatoria para as asociacións privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requeriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Os grupos informais e demais persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
2. Os grupos informais presentarán unha única solicitude (anexo I) e deberán xuntar relación das persoas integrantes do grupo (anexo III), de acordo co previsto no artigo seguinte. As comunicacións efectuarase coa persoa que conste como representante único/a do grupo informal no dito anexo III, cos poderes establecido no artigo 5.3.
3. O prazo de presentación de solicitudes será de trinta (30) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
4. Para poder optar aos premios do programa Xuventude Crea, as persoas participantes deberán presentar a documentación establecida no artigo seguinte desta orde.
5. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria. Unicamente a Consellería de Política Social queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da interpretación destas bases, así como para decidir a suspensión dunha especialidade no caso de non se acadar unha participación mínima de catro proxectos.
Artigo 8. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:
a) No caso de que calquera persoa participante, a título individual ou colectivo, sexa menor de idade precísase autorización do/da pai/nai ou titor/a legal para participar nesta convocatoria, así como para calquera cuestión con ela relacionada.
b) A obra e documentación que corresponda, de acordo co disposto na parte específica para cada especialidade concreta.
En todo caso, calquera soporte audiovisual que se envíe (memoria USB, CD, DVD...) deberá ter as óptimas condicións de visionado e gravado.
c) No caso de grupos informais, ademais:
1º. Anexo II, para a comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.
2º. Anexo III, en que constará a relación de persoas que compoñen o grupo e o poder de representación para unha das persoas integrantes.
d) No caso de asociacións privadas sen ánimo de lucro, ademais:
Acreditación da persoa que, en nome e representación da entidade, asina a solicitude, mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta, onde se determine a dita representación.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente da persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.
A presentación electrónica será obrigatoria para as asociacións privadas sen ánimo de lucro legalmente constituídas. Se algunha destas persoas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se deben presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, en especial, as especialidades de creación de videoxogos, danza moderna, moda, música, teatro e videocreación, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 9. Emenda das solicitudes
Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, o órgano instrutor requirirá a persoa solicitante para que, no prazo de 10 días contados desde o seguinte ao da publicación da notificación no Diario Oficial de Galicia, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se non o fai, considerase desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de resolución, que será ditada nos termos do seu artigo 21.
Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán realizarse os ditos trámites presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 11. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Documento acreditativo da identidade da persoa solicitante e dos membros do grupo informal, de ser o caso, consistente no número de identificación fiscal (NIF) no caso de persoas xurídicas e no documento nacional de identidade (DNI) ou número de identidade de estranxeiro/a (NIE) no caso de persoas físicas.
b) DNI/NIE da persoa representante, de ser o caso.
c) Datos de residencia con data de última variación padroal da persoa solicitante.
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social da persoa solicitante e dos membros do grupo informal, de ser o caso.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma da persoa solicitante e dos membros do grupo informal, de ser o caso.
f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) da persoa solicitante e dos membros do grupo informal, de ser o caso.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán facer constar a súa oposición expresa no cadro habilitado para o efecto no anexo I (solicitude) e anexo II (en caso de grupos) e achegar os documentos correspondentes.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 12. Instrución do procedemento
O órgano instrutor do procedemento será a Subdirección Xeral de Programas para a Xuventude da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. Unha vez completos os expedientes remitiraos á comisión de selección prevista no artigo seguinte para a súa valoración, de conformidade co disposto na parte específica para cada especialidade e unha vez emitido por este o informe previsto no artigo 14 elevará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver o procedemento.
Artigo 13. Comisión de selección
1. Para o exame e valoración dos expedientes constituirase unha comisión de selección en cada especialidade designada para o efecto por resolución da persoa titular da Consellería de Política Social, por proposta da persoa titular da dirección xeral competente en materia de xuventude.
Cada comisión de selección estará integrada por:
– Un/unha presidente/a, cargo que será exercido pola persoa titular da dirección xeral competente en materia de xuventude ou pola persoa designada para que a substitúa.
– Vogais, ata un máximo de cinco, todas estas persoas profesionais e expertos/as de recoñecido prestixio na especialidade concreta que se valore.
– Un/unha secretario/a, cargo que recaerá nun/nunha técnico/a da Consellería de Política Social.
2. Na composición da comisión de selección procurarase acadar a presenza equilibrada de mulleres e homes.
3. Os nomes das persoas integrantes de cada unha das comisións de selección serán publicados na páxina web http://xuventude.xunta.gal
4. No caso de ausencia de calquera das persoas que compoñen a comisión de selección, ou da persoa secretaria desta, será substituída por outra persoa nomeada, así mesmo, pola persoa titular da Consellería de Política Social conforme os mesmos criterios de elección recollidos no número 1 deste artigo.
5. A comisión, como órgano colexiado, rexerase pola Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público, e pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Artigo 14. Valoración das solicitudes admitidas
A comisión de selección examinará e valorará as obras presentadas paras as distintas especialidades, que lles serán remitidas polo órgano instrutor de xeito anonimizado empregando o pseudónimo que conste na solicitude, en función dos seguintes criterios:
a) Artes plásticas: valorarase a orixinalidade, a innovación, a presentación e a calidade da obra.
b) Banda deseñada: valorarase a técnica, a orixinalidade e as ilustracións (relación co texto, orixinalidade e calidade artística).
c) Cociña: valorarase a presentación, a orixinalidade, a innovación, o emprego de produtos galegos de calidade e o sabor.
d) Creación de videoxogos: valorarase a orixinalidade, a arte, a técnica, o audio, a narrativa e o deseño de xogo e niveis.
e) Danza moderna: valorarase a técnica, a dificultade, a orixinalidade, a musicalidade, a posta en escena e a coreografía.
f) Deseño de xoias: valorarase a orixinalidade, a selección de materiais, terminacións e os acabamentos.
g) Fotografía: valorarase a orixinalidade, a técnica, a presentación e calidade da obra.
h) Graffiti: valorarase a orixinalidade, a dificultade de execución, o deseño, a estrutura e a calidade da obra.
i) Moda: valorarase a orixinalidade, a experimentación formal nos deseños, a selección de tecidos, o colorido, os patróns, os volumes e as texturas.
j) Música: valorarase a orixinalidade, a técnica, a dificultade, o ritmo, a voz ou voces, a harmonía e a posta en escena.
k) Novela curta: valorarase a orixinalidade, a técnica, a estrutura, o estilo, a corrección ortográfica e gramatical, a claridade e a calidade da obra.
l) Poesía: valorarase a orixinalidade, o ritmo, o estilo, o uso de recursos estilísticos e literarios, a claridade e a calidade da obra.
ll) Teatro: valorarase a orixinalidade, a interpretación, o dominio do espazo, a vestimenta e escenografía, o ritmo e a representación (expresión oral, expresión corporal, construción do/da personaxe).
m) Videocreación: valorarase a orixinalidade, a eficacia comunicativa, a técnica e a calidade da obra.
A comisión de selección emitirá un informe-proposta de obra premiada para cada especialidade, que elevará ao órgano instrutor.
Artigo 15. Resolución e publicación
1. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe valoración da comisión de selección, elevará ao órgano competente para resolver o procedemento a proposta de resolución dos premios por cada especialidade ou declaración de deserta, se for o caso.
2. O órgano competente para resolver será a dirección xeral competente en materia de xuventude, por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social.
A resolución será notificada de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, no prazo máximo de catro meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Esta publicación terá os efectos de notificación.
Será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da dirección xeral competente en materia de xuventude, con carácter complementario.
3. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen se ditar resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
Artigo 16. Réxime de recursos
1. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, polo que, contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que as ditase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación.
2. Así mesmo, ao abeiro do artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado a partir do día seguinte á publicación da resolución.
Artigo 17. Difusión das obras
1. A participación nesta convocatoria supón a autorización das persoas participantes, a favor da Consellería de Política Social dos dereitos de difusión dos proxectos presentados no marco deste programa, así como para montar exposicións e/ou para a exhibición, reprodución ou publicación da imaxe ou contido das obras presentadas por calquera medio que se coide oportuno, sen máis limitacións que as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.
2. As obras das persoas participantes, deberán ser retiradas por elas ou pola persoa autorizada no lugar que determine a persoa titular da dirección xeral competente en materia de xuventude, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación coa decisión da persoa titular da dirección xeral competente en materia de xuventude.
Transcorrido este prazo, as obras non retiradas quedarán á disposición da dirección xeral competente en materia de xuventude, da Consellería de Política Social, entendéndose que os seus autores e autoras renuncian a todo tipo de dereito sobre elas, a cal poderá darlles o destino que considere oportuno.
Artigo 18. Obrigas das persoas seleccionadas para a fase final e das persoas premiadas
1. As persoas participantes seleccionadas para a fase final e as persoas premiadas deberán subministrar á Consellería de Política Social os arquivos de código fonte necesarios para que os proxectos finalistas e premiados poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.
2. As persoas participantes seleccionadas para a fase final nos termos dos artigos 25, 31, 35, 37, 39 e 43 e as persoas premiadas deberán:
a) Acreditar, previamente á concesión e pagamento das axudas previstas para a participación na fase final e para os premios, que están ao día no cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social.
b) Reintegrar, total ou parcialmente, o importe da axuda da fase final e do premio no suposto de incumprimento dos requisitos e condicións establecidos para a súa concesión e das demais obrigas contidas nesta orde, na Lei 9/2007 ou na restante normativa que sexa de aplicación. Para a efectividade da devolución, tramitarase o correspondente procedemento de reintegro segundo o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.
c) Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.
d) Cumprir os requisitos e obrigas recollidas nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 3 de xuño, e coas restantes obrigas contidas nesta orde e demais normativa aplicable.
3. As persoas premiadas, ademais das obrigas establecidas nos números 1 e 2, deberán:
a) Colaborar nas accións de difusión que se organicen así como a autorización de edición e reprodución a favor da Consellería de Política Social para a súa publicidade, difusión e divulgación a través do portal web da dirección xeral competente en materia de xuventude, da Consellería de Política Social (http://xuventude.xunta.es/), redes sociais e demais medios de difusión da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) Conservar os orixinais das obras premiadas e poñelos a disposición da dirección xeral competente en materia de xuventude, para a súa exhibición ou difusión por calquera medio ata o 31 de decembro do ano natural seguinte ao da concesión do premio.
c) No caso de que a obra sexa obxecto de posterior exhibición ou difusión pola persoa premiada deberá indicarse de forma expresa e visible a súa condición de premiada neste programa.
Artigo 19. Publicación dos actos e resolucións
1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os actos administrativos e as correspondentes resolucións deste procedemento. Esta publicación producirá os efectos de notificación.
2. A relación de premiados/as de cada especialidade será publicada, con carácter complementario, na páxina web: http://xuventude.xunta.es
Artigo 20. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
CAPÍTULO II
Parte específica
Sección 1ª. Artes plásticas
Artigo 21. Condicións xerais
1. Establécense as seguintes modalidades: pintura e escultura.
2. Xunto coa documentación indicada no artigo 8, as persoas participantes presentarán:
a) Unha ou varias fotografías en cor ou branco e negro da obra presentada, ficha técnica da obra, na cal se indicará o título, o ano de realización, a técnica empregada, as dimensións reais, así como o seu peso (isto último só no caso da escultura). No caso de obras escultóricas, as fotografías deberán presentarse desde diferentes perspectivas para que se poida realizar a valoración adecuada destas. As obras orixinais serán requiridas ás persoas participantes, só no caso de que fosen seleccionadas para a exposición ou previamente para a avaliación pola comisión de selección, e sexa necesario velas co fin de outorgar os premios.
b) Declaración responsable de que a obra presentada non forma parte doutra exposición e está en propiedade do autor ou autora.
No caso de escultura o peso máximo da obra non poderá superar os 50 Kg.
No caso de presentación presencial, tanto a obra como a documentación achegarase en memoria USB/CD ou DVD.
Artigo 22. Desenvolvemento
1. Para unha exposición a comisión de selección avaliará as obras que acaden a maior calidade artística, que se exhibirán no lugar e data que determine a dirección xeral competente en materia de xuventude.
2. A dirección xeral competente en materia de xuventude no seu momento, porase en contacto cos autores e autoras das obras seleccionadas para a súa exposición co fin de establecer as mellores condicións de entrega e recollida en cada caso e, ademais, comunicará o lugar e a data en que terá lugar a exposición, todo isto sen prexuízo do disposto no número 8.
3. As persoas participantes seleccionadas para a exposición presentarán as súas obras en perfecto estado e cos elementos necesarios para realizar a montaxe. Cando a súa complexidade o requira, a montaxe farase polo autor ou autora.
4. As obras seleccionadas para a exposición serán enviadas empregando unha embalaxe cun material ríxido e suficientemente sólido que asegure a súa integridade.
5. As obras presentadas serán orixinais.
6. O tema e as técnicas serán libres.
7. As pinturas deberán levar marco ou bastidor.
8. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.
Sección 2ª. Banda deseñada
Artigo 23. Condicións xerais
1. As obras serán orixinais e inéditas.
2. A temática será libre, con textos en galego.
3. A técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor.
4. A obra presentarase en formato dixital (tamaño de páxina A4 ou A3) e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas.
No caso de presentación presencial, tanto a obra como a documentación achegaranse en memoria USB/CD ou DVD.
5. Cada obra deberá levar pseudónimo e título.
6. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.
Sección 3ª. Cociña
Artigo 24. Condicións xerais
1. Os traballos poderán ser individuais ou en parella.
2. Só se admitirá unha receita por participante, sexa individual ou en parella.
3. A receita presentada por cada participante –individual ou en parella- pode ser a elaboración dun prato salgado ou doce. A base do prato será a utilización de produtos avalados polas diferentes denominacións de orixe de Galicia ou ben pola Federación de Prazas de Abastos de Galicia.
4. Xunto coa documentación indicada no artigo 8, as persoas participantes presentarán:
a) A receita, que deberá estar escrita en lingua galega e terá que incluír: o título do prato, a relación de ingredientes –avalados, prioritariamente, por algunha das denominacións de orixe de Galicia– e o proceso de elaboración.
b) Unha ou varias fotografías en cor do prato presentado.
No caso de presentación presencial, tanto a obra como a documentación achegarase en memoria USB/CD ou DVD.
5. O tempo de elaboración do prato non poderá exceder as 2 horas.
Artigo 25. Desenvolvemento
A comisión poderá avaliar para a fase final ata un máximo de 6 persoas participantes seleccionadas para a dita fase que confeccionarán o prato proposto no lugar e data que determine a Consellería de Política Social a través da dirección xeral competente en materia de xuventude e solicitáraselles a presentación dunha listaxe de necesidades técnicas para realizar o seu prato.
Para o financiamento dos gastos de material necesarios para o desenvolvemento da fase final desta especialidade a Consellería de Política Social destinará un crédito por un importe máximo de 75 € por participante (individual ou parella).
O tempo máximo de elaboración do prato será de 2 horas. As persoas participantes levarán a súa propia vaixela e enxoval, agás a cociña, que será proporcionada pola organización.
Sección 4ª. Creación de videoxogos
Artigo 26. Condicións xerais
1. Os proxectos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso cun máximo de cinco integrantes.
Admitirase que ata un 25 % das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos.
2. Ningunha persoa participante poderá formar parte de máis dun grupo.
3. Os proxectos consistirán nun prototipo funcional ou xogo completo co aspecto e calidade final. Serán orixinais, inéditos e os textos e o audio en galego, agás a banda sonora que poderá estar en calquera lingua.
4. A temática será libre.
5. Só se poderán presentar videoxogos para PC e MAC.
6. Xunto coa documentación indicada no artigo 8, as persoas participantes presentarán, preferiblemente nun mesmo soporte:
a) Ficha técnica na cal se inclúa título, ano de realización, plataforma de execución, instrucións de instalación e funcionamento e requisitos mínimos para o seu correcto funcionamento.
b) Memoria USB, CD ou DVD que conteña o videoxogo, co título e o pseudónimo da persoa autora.
En todo caso, a gravación deberá estar feita a velocidade real para que a súa duración corresponda desde o inicio ata a finalización do videoxogo e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe como de son, para a súa correcta visión, xa que en caso contrario a obra será rexeitada.
Nesta especialidade a presentación da documentación poderá ser presencial debido ao tamaño e aos formatos de presentación da obra.
Artigo 27. Desenvolvemento
1. A comisión poderá avaliar para a fase final ata un máximo de 6 proxectos para unha exhibición en directo na data, horario e lugar que determine a dirección xeral competente en materia de xuventude.
2. As persoas seleccionadas para esta exhibición final deberán acudir cunha copia de seguridade do videoxogo.
Sección 5ª. Danza moderna
Artigo 28. Condicións xerais
1. Especialidades: danza contemporánea, danza urbana, lírico e danza experimental.
2. Os proxectos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso cun mínimo de 2 e máximo de 30 membros.
3. Ningunha persoa participante poderá formar parte de máis dun grupo.
4. A duración da actuación non pode superar os cinco (5) minutos.
5. A coreografía debe ser inédita.
6. Xunto coa documentación indicada no artigo 8, as persoas participantes presentarán, preferiblemente nun mesmo soporte:
a) Unha gravación que recolla a actuación. A obra poderá ser producida en calquera formato de vídeo, pero deberán presentalo en memoria USB, CD ou DVD, onde figurará o título e o pseudónimo do autor ou autora.
En todo caso, a gravación debe estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real da representación, e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe coma de son, para a súa correcta visión.
b) Música da coreografía.
c) Ficha técnica en que se detalle título da obra, duración, coreógrafo/a, música e atrezo da coreografía.
d) No caso de que os/as participantes presenten un proxecto acompañado de música orixinal, ficha técnica na cal se detalle: nome do/da compositor/a; relación nominal dos músicos intérpretes con indicación dos instrumentos que tocan; especificación de se a música foi composta especialmente para a coreografía presentada e, por tanto, é orixinal; e indicación se, para o caso de ser seleccionada para a fase final, a música será gravada ou interpretada en directo.
e) Autorización escrita para gravar ou emitir a súa actuación, se é o caso, na fase final da especialidade.
Nesta modalidade a presentación da documentación poderá ser presencial debido aos formatos de presentación da obra.
Artigo 29. Desenvolvemento
1. A comisión poderá avaliar para a fase final un máximo de seis proxectos, que serán os que representarán a súa intervención en directo no día, lugar e hora que determine a dirección xeral competente en materia de xuventude.
2. As persoas seleccionadas para esta actuación final deberán acudir cunha copia de seguridade da montaxe musical, xa sexa en CD ou memoria USB, que deben conter só a montaxe musical da actuación.
3. Para as actuacións da fase final as persoas participantes levarán os seus propios instrumentos.
4. O equipo técnico de son e luces proporcionarao a organización en coordinación cos grupos finalistas e será manexado polo persoal técnico da organización.
5. A dirección xeral competente en materia de xuventude reserva para si a posibilidade de utilizar un fragmento da obra de ata un máximo de tres minutos, para a súa posible difusión nas redes sociais e medios de comunicación, nos termos recollidos no artigo 17.
Sección 6ª. Deseño de xoias
Artigo 30. Condicións xerais
1. A colección debe ser orixinal e estará composta por tres xoias. O remate das pezas debe traballarse en metal con pezas de xoiaría, excluíndo a utilización de fornituras compradas.
2. Xunto coa documentación indicada no artigo 8, as persoas participantes presentarán:
a) Unha fotografía de cada unha das tres xoias que poderán ser tanto para home como para muller.
b) Unha ficha técnica da colección, onde se explicarán os materiais utilizados e todos os datos que sexan de interese na colección.
No caso de presentación presencial, tanto a obra como a documentación farase en memoria USB/CD ou DVD.
Artigo 31. Desenvolvemento
A comisión poderá avaliar para a fase final ata un máximo de seis participantes que exhibirán as súas obras no lugar e data que determine a dirección xeral competente en materia de xuventude.
Para o financiamento dos gastos de material necesarios para o desenvolvemento da fase final desta especialidade a Consellería de Política Social destinará un crédito por un importe máximo de 75 € por participante.
Sección 7ª. Fotografía
Artigo 32. Condicións xerais
Xunto coa documentación indicada no artigo 8, as persoas participantes presentarán:
a) Unha ou varias fotografías, ata un máximo de seis, en cor ou branco e negro da obra presentada, ficha técnica da obra na cal se indicará o título, o ano de realización, a técnica empregada e as dimensións reais. As obras orixinais serán requiridas ás persoas participantes, só no caso de que fosen seleccionadas para a exposición ou previamente para a avaliación pola comisión de selección cando sexa necesario velas co fin de outorgar os premios.
b) Declaración responsable de que a obra presentada non forma parte doutra exposición e está en propiedade do autor ou autora.
No caso de presentación presencial, tanto a obra como a documentación farase en memoria USB/CD ou DVD.
Artigo 33. Desenvolvemento
1. Para a exposición a comisión avaliará as obras que acaden a maior calidade artística, que se exhibirán no lugar e data que determine a dirección xeral competente en materia de xuventude.
2. A dirección xeral competente en materia de xuventude no seu momento, porase en contacto cos autores e autoras das obras seleccionadas para a exposición, co fin de establecer as mellores condicións de entrega e recollida en cada caso, e ademais comunicará o lugar e a data en que terá lugar o evento, todo isto sen prexuízo do disposto no número 7.
3. As persoas participantes seleccionadas para a exposición presentarán as súas obras en perfecto estado e cos elementos necesarios para realizar a montaxe. Cando a súa complexidade o requira, a montaxe será realizada pola persoa autora.
4. As obras seleccionadas para a exposición serán enviadas empregando unha embalaxe cun material ríxido e suficientemente sólido que asegure a súa integridade.
5. As obras presentadas serán orixinais.
6. O tema e as técnicas serán libres.
7. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.
Sección 8ª. Graffiti
Artigo 34. Condicións xerais
1. As obras serán orixinais, inéditas e, de ter texto, este estará en galego.
2. O tema e a técnica serán libres.
3. Os traballos poderán ser individuais ou en grupo, neste último caso poderán ter un máximo de tres membros.
4. Xunto coa documentación indicada no artigo 8, as persoas participantes presentarán:
a) A obra en formato dixital en tamaño páxina A3 (realizado á man e presentado a cor).
b) Fotografías dos graffitis realizados máis recentemente pola persoa solicitante (ou enderezo da internet onde se poidan ver os traballos).
No caso de presentación presencial, tanto a obra como a documentación farase en memoria USB/CD ou DVD.
Artigo 35. Desenvolvemento
1. A comisión poderá avaliar para a fase final ata un máximo de 10 persoas participantes, que serán requiridas para realizar un mural de aproximadamente 4 m × 2 m (en posición horizontal) ante esta, no lugar e na data que determine a dirección xeral competente en materia de xuventude.
Para o financiamento dos gastos de material necesarios para o desenvolvemento da fase final desta especialidade, a Consellería de Política Social destinará un crédito por un importe máximo de 300 € por participante individual ou grupo.
2. A comisión de selección poderá avaliar a descualificación da persoa finalista pola realización do graffiti fóra dos espazos e horarios asignados pola organización.
Sección 9ª. Moda
Artigo 36. Condicións xerais
1. As coleccións deben ser orixinais.
2. Xunto coa documentación indicada no artigo 8, as persoas participantes presentarán:
a) Unha colección coherente de cinco modelos de home ou muller. Terá que definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas de formato A3 (297 mm × 420 mm), con deseño de fronte e de costas.
b) Ficha técnica da colección e mostras dos tecidos que se empregarán na súa confección.
Nesta especialidade, a presentación da documentación poderá ser presencial debido aos formatos de presentación da obra.
Artigo 37. Desenvolvemento
A comisión poderá avaliar para unha exposición ata un máximo de 10 participantes que confeccionarán a colección de cinco modelos obrigatorios e que se exhibirán no lugar e data que determine a dirección xeral competente en materia de xuventude.
Para o financiamento dos gastos de material necesarios para o desenvolvemento da fase final desta especialidade, a Consellería de Política Social destinará un crédito por un importe máximo de 500 € por participante.
Sección 10ª. Música
Artigo 38. Condicións xerais
1. Poderán concorrer solistas e grupos de pop, folk, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea.
Admitirase que ata un 25 % das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos. Tamén poderá superar a idade máxima a persoa que desenvolva a función de acompañamento musical coas persoas participantes que se presenten como solistas.
2. Xunto coa documentación indicada no artigo 8, as persoas participantes presentarán, preferiblemente nun mesmo soporte:
a) Maqueta en memoria USB/CD ou DVD debidamente identificada, co pseudónimo e título, e gravada polas persoas compoñentes inscritas, con dous temas, que serán os que avaliará a comisión de selección, e unha duración máxima de dez minutos. Valorarase positivamente a utilización do galego, e en calquera caso un dos temas deberá ser en galego, agás que se trate de pezas instrumentais.
b) Ficha técnica en que se detalle o título, duración e autoría dos temas presentados, seguindo a orde presentada na gravación.
c) Fotografía recente do grupo ou solista.
d) Declaración responsable acreditativa de que o grupo ou solista dispoñen dun repertorio dun mínimo de 30 minutos.
e) Letras, se as houber, dos temas incluídos na maqueta, debidamente mecanografadas.
f) Autorización escrita para gravar ou emitir a súa actuación, se é o caso, na fase final da especialidade.
Nesta especialidade a presentación da documentación poderá ser presencial debido aos formatos de presentación da obra.
3. Os temas serán de creación propia e nunca antes editados comercialmente.
Artigo 39. Desenvolvemento
1. A comisión poderá avaliar para a fase final ata un máximo de seis proxectos participantes que serán as que actuarán ante esta, no lugar e data que determine a dirección xeral competente en materia de xuventude.
Para o financiamento dos gastos da actuación necesarios para o desenvolvemento da fase final desta especialidade, a Consellería de Política Social destinará un crédito por un importe máximo de 600 € no caso de grupos, ou de 300 € no caso de solistas.
2. Para as actuacións da fase final as persoas participantes levarán os seus propios instrumentos, agás a batería, que será proporcionada pola organización.
3. O equipo técnico de son e luces proporcionarao a organización en coordinación cos grupos finalistas e será manexado polo persoal técnico da organización.
Sección 11ª. Novela curta
Artigo 40. Condicións xerais
1. A obra será orixinal, inédita e en galego.
2. O tema será libre.
3. A obra realizarase a ordenador, en tamaño 12 e a dobre espazo. Terá unha extensión mínima de 80 páxinas e máxima de 200, e as follas estarán numeradas.
No caso de presentación presencial, tanto a obra como a documentación farase en memoria USB/CD ou DVD.
4. O proxecto gañador do primeiro premio poderá ser obxecto de edición e publicación, asumindo a dirección xeral competente en materia de xuventude os custos da primeira edición, de ser o caso.
Sección 12ª. Poesía
Artigo 41. Condicións xerais
1. A obra será orixinal, inédita e en galego.
2. O tema e a técnica serán libres.
3. A obra realizarase a ordenador, en tamaño 12 e a dobre espazo. Terá unha extensión mínima de 50 versos e máxima de 100 e as follas estarán numeradas.
No caso de presentación presencial, tanto a obra como a documentación farase en memoria USB/CD ou DVD.
Sección 13ª. Teatro
Artigo 42. Condicións xerais
1. Poderán concorrer grupos teatrais, non profesionais, compostos por persoas galegas ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2021. Admitirase que ata un 25 % das persoas compoñentes do grupo supere os 30 anos ou teñan entre 14 e menos de 16 anos.
En calquera caso, tanto as persoas integrantes da dirección como o do equipo técnico non se verán afectados polo disposto no artigo 5.1.
2. Xunto coa documentación indicada no artigo 8, os grupos participantes presentarán, preferentemente nun mesmo soporte:
a) Unha síntese da obra: título, persoa autora e adaptación dos diálogos, de ser o caso e da posta en escena: número de personaxes, tipo de decorado, vestiario, espazo que se precisa.
b) Memoria USB/CD ou DVD dunha representación da obra presentada a concurso ou dun ensaio xeral, feito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2020.
En todo caso, a gravación debe estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real da representación, e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe coma de son, para a súa correcta visión.
Nesta especialidade a presentación da documentación poderá ser presencial debido ao tamaño e aos formatos de presentación da obra.
3. As representacións serán en lingua galega.
4. As obras poderán ser de autoría galega, española ou estranxeira.
5. Poderán presentarse obras orixinais.
6. A duración da representación de cada obra non poderá exceder unha hora e trinta minutos.
Artigo 43. Desenvolvemento
A comisión poderá avaliar para a fase final ata un máximo de seis grupos que serán os que representen as obras ante esta, no lugar e na data que determine a dirección xeral competente en materia de xuventude.
Para o financiamento dos gastos da actuación necesarios para o desenvolvemento da fase final desta especialidade, a Consellería de Política Social destinará un crédito por un importe máximo de 600 € por grupo.
Sección 14ª. Videocreación
Artigo 44. Condicións xerais
1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.
2. O tema será libre, máis deberá dar prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental. Enténdese por experimental a obra que se sitúa fóra dos códigos convencionais, que aposta por fórmulas audiovisuais onde se dá prioridade á subxectividade.
3. Xunto coa documentación indicada no artigo 8, as persoas participantes presentarán unha memoria USB/CD ou DVD coa obra e ficha técnica na cal se inclúa o título, un breve argumento, a data e o lugar de realización, unha fotografía da videocreación e datos técnicos e artísticos de interese.
4. As obras poderán ser producidas en calquera formato de vídeo.
En todo caso, a gravación deberá estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe como de son, para a súa correcta visión, xa que en caso contrario a obra será rexeitada.
Nesta especialidade a presentación da documentación poderá ser presencial debido ao tamaño e aos formatos de presentación da obra.
5. A duración de cada obra será dun mínimo de 2 minutos e un máximo de 8 minutos.
6. A realización das obras debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2020.
7. A Consellería de Política Social reserva para si o dereito a solicitar das persoas participantes unha copia en formato orixinal para a súa proxección pública. Así mesmo, reserva para si a posibilidade de utilizar un fragmento da obra de ata un máximo de tres minutos, para a súa posible difusión nas redes sociais e nos medios de comunicación, nos termos recollidos no artigo 17.
Disposición adicional. Base de datos nacional de subvenciones
A Consellería de Política Social transmitirá á Base de datos nacional de subvencións a información necesaria de conformidade co disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
Disposición derradeira primeira. Delegación da competencias
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da dirección xeral competente en materia de xuventude para ditar as oportunas resolucións no ámbito desta orde.
Disposición derradeira segunda. Habilitación competencial
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado para ditar no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2021
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social