Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Martes, 13 de xullo de 2021 Páx. 35478

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 22 de xuño de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para 2021 as axudas para proxectos de I+D+i relacionados coa COVID-19 que favorezan a recuperación e a transición dixital das pemes galegas, programa Conecta COVID, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (códigos de procedemento IN852D e IN852E), como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da COVID-19.

O Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, ten por obxecto establecer o marco para o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, da transferencia e valorización de resultados e da innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente. Esta lei, no seu capítulo III, crea o Plan galego de investigación e innovación como unha ferramenta encamiñada ao logro deste obxectivo.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación tecnolóxica dentro da Administración galega e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de tecnoloxías e programas de innovación eficientes.

O 11 de marzo de 2020, a Organización Mundial da Saúde declarou a situación de pandemia internacional. A rápida evolución dos acontecementos, a nivel nacional e internacional, requiriu a adopción de medidas rápidas e eficaces para afrontar esta situación.

O 19 de marzo de 2020 aprobouse a Comunicación da Comisión do marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual gromo da COVID-19 (en diante, o marco temporal comunitario). A partir de entón, o marco temporal comunitario adaptouse en sucesivas ocasións co fin de incorporar novas modalidades de axuda ou para adecuar os límites na aplicación das preexistentes.

Este marco temporal comunitario supón un marco especial, aprobado con carácter de urxencia, para facilitar a concesión de medidas de apoio temporais a empresas a través de distintos instrumentos, recollendo entre as modalidades de axuda permitidas, exentas de notificación, as axudas á investigación e desenvolvemento relacionadas coa COVID-19 como medida para a contención da pandemia.

Por outra banda, as institucións da Unión Europea tamén aprobaron instrumentos, como o Regulamento (UE) nº 2020/558, coa finalidade de dotar dunha maior flexibilidade o uso dos fondos estruturais e de investimento europeos na resposta á crise orixinada pola COVID-19.

O 28 de decembro de 2020 publicábase o Regulamento (UE) nº 2020/2221, que establecía as normas e disposicións de execución referentes aos recursos adicionais achegados en calidade de axuda á recuperación para a cohesión e os territorios de Europa (REACT-UE), co fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia da COVID-19 e as súas consecuencias sociais, e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

A pandemia de coronavirus está tendo un enorme impacto socioeconómico a nivel mundial e é fundamental mitigar este impacto con políticas que fagan que as economías e sociedades sexan máis sustentables, máis resilientes e estean mellor preparadas para os desafíos e oportunidades das transicións dixital e verde.

Tal e como se recolle no preámbulo deste regulamento, no caso do Feder os recursos REACT-UE, cos cales se financia esta convocatoria, utilizaranse para apoiar o investimento en produtos e servizos para os servizos de saúde e que contribúan á transición cara a unha economía dixital e verde.

Os recursos REACT-UE deben utilizarse ademais, de conformidade cos principios de desenvolvemento sustentable, tendo en conta o Acordo de París e os obxectivos de Desenvolvemento Sustentable das Nacións Unidas, así como a transversalidade e a integración da perspectiva de xénero.

Un obxectivo esencial da Xunta de Galicia é continuar coa loita contra a COVID-19 para evitar novas repuntas e, pola súa vez, avanzar na recuperación económica de Galicia. A investigación e innovación desempeñan un papel esencial na resposta ao brote de COVID-19 e son panca crítica para garantir unha recuperación sustentable e inclusiva, ao tempo que impulsan a resiliencia dos nosos sectores produtivos, a competitividade das nosas economías e a transformación dos nosos sistemas socioeconómicos.

No marco deste obxectivo, estas axudas céntranse en medidas directas para facer fronte á pandemia, a través do financiamento de desenvolvementos eficaces para o control da COVID-19 e tamén na recuperación económica, apoiando a transición dixital das pemes a través da integración de tecnoloxías dixitais nos proxectos de I+D+i financiables. Apóianse proxectos onde as tecnoloxías dixitais son un vector condutor, favorecendo con iso a transición cara a unha economía dixital das pemes galegas. Un dobre enfoque, para maximizar a eficiencia dos fondos, que se define de xeito coherente coas prioridades políticas europeas:

– A Estratexia anual de crecemento sustentable 2021 da Comisión Europea, recolle que a pandemia da COVID-19 acelerou as tendencias cara á transformación dixital e que debe axilizarse a dixitalización das empresas mediante a adopción sustentable dunha transformación dixital resiliente en todos os sectores, investindo no fomento das tecnoloxías dixitais (intelixencia artificial, informática de alto rendemento, ciberseguridade, a conectividade segura, etc).

– O recente Plan estratéxico do Programa Horizonte Europa inclúe entre as súas catro orientacións estratéxicas para os investimentos en I+D+i a de promover unha autonomía estratéxica aberta liderando o desenvolvemento de tecnoloxías, sectores e cadeas de valor dixitais, capacitadores e emerxentes que se consideren clave.

Por outra banda, a especialización intelixente seguirá desempeñando un papel importante no desenvolvemento rexional e a cohesión, despregándosen o novo período 2021-2027 cinco obxectivos políticos xerais que inclúen a mellora do crecemento sustentable e a dixitalización.

Para articular este apoio á transición dixital do xeito máis eficiente posible adaptándose ás necesidades das pemes tecido galego e ao modelo de especialización intelixente de Galicia, nestas axudas cóntase coa colaboración dos hubs de innovación dixital considerados estratéxicos no marco do proceso de selección aberto pola Axencia Galega de Innovación no ano 2018: DIHGIGAL e Datalife.

No marco da recuperación é imprescindible adoptar un novo enfoque da innovación: «con» e «para» as persoas, que permita tamén unha transformación social integradora. Así, ademais do apoio ás tecnoloxías dixitais, nestas axudas considéranse tamén, de xeito complementario e coherente cos requirimentos dos fondos REACT-UE, outros eixes fundamentais para facer fronte á crise derivada da pandemia. Así, a sustentabilidade, no marco da transición verde, e o aspecto máis social da innovación a través da innovación responsable, os principios de desenvolvemento sustentable a través dos ODS (obxectivos de desenvolvemento sustentable) e a integración da perspectiva de xénero forman parte dos criterios de selección dos proxectos.

Consecuentemente con todo o anterior, a directora da Axencia Galega de Innovación, en exercicio das facultades que lle confire o artigo 17.3 do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación,

DISPÓN:

Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión das axudas da Axencia Galega de Innovación no marco do Programa Conecta COVID para proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental e innovación en produto, que aborden a investigación relacionada coa COVID-19 para facer fronte á pandemia.

Neste proxecto poderá incluírse a investigación sobre vacinas, medicamentos e tratamentos, produtos sanitarios e equipos hospitalarios e médicos, desinfectantes e roupa e equipamentos de protección, así como as innovacións de procesos pertinentes con vistas a unha produción eficiente dos produtos necesarios.

Ademais de facer fronte á pandemia, os proxectos deberán contribuír á transición dixital das pemes galegas nos ámbitos estratéxicos dos hubs galegos de innovación: Dihigal e Datalife e estar orientados á recuperación da economía galega. Deste xeito, será preciso, a inclusión no desenvolvemento dos proxectos das tecnoloxías dixitais ás cales se orienta cada un dos hubs no marco da súa especialización.

Atendendo ás definicións recollidas no artigo 2, nestas axudas diferéncianse dúas liñas:

– Liña 1: proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental, relacionada coa COVID-19 (código de procedemento IN852D).

– Liña 2: proxectos de innovación en produto, relacionada coa COVID-19 (código de procedemento IN852E).

No artigo 3 seguinte inclúese o detalle dos requisitos que deberán cumprir os proxectos.

2. Así mesmo, por medio desta resolución, convócanse as ditas axudas para o ano 2021 en réxime de concorrencia competitiva (códigos de procedemento IN852D e IN852E), axustándose as axudas concedidas no marco da presente resolución ao establecido nos seguintes regulamentos e decisións da Comisión Europea:

– Liña 1 (IN852D): ao marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda para a contención sanitaria da COVID-19, a través do apoio á I+D, ao desenvolvemento de infraestruturas de ensaio e ampliación de escala e á fabricación de produtos e materiais médicos necesarios, así como axudas urxentes en forma de aprazamento do pagamento de impostos e cotizacións á Seguridade Social e subsidios salariais para empregados para evitar reducións de cadro de persoal no contexto do actual gromo de COVID-19, aprobado pola Comisión Europea na súa Decisión SA.56851 (2020/N), do 24 de abril, e modificado polas decisións: SA.57019, SA.58778, SA.59196, SA.60136, SA.59723 (2020/N) e SA.61875 (en diante, marco nacional temporal).

– Liña 2 (IN852E): ao Regulamento (CE) 1407/2013, relativo ás axudas de minimis.

As axudas dirixidas a organismos de investigación non teñen a consideración de axudas de Estado para os efectos do número 1 do artigo 107 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, ao se destinaren exclusivamente ao financiamento de actividades de I+D+i en colaboración efectiva con empresas e que, polo tanto, poden considerarse actividades de natureza non económica (I+D independente para mellorar os coñecementos e a comprensión), conforme o establecido no punto 19.a) do número 2.1.1 do Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2014/C 198/01).

Artigo 2. Definicións

1. Empresa: segundo o artigo 1 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase empresa toda entidade, independentemente da súa forma xurídica, que exerza unha actividade económica. En particular, consideraranse empresas as entidades que exerzan unha actividade artesanal ou outras actividades a título individual ou familiar, así como as sociedades de persoas e as asociacións que exerzan unha actividade económica de forma regular.

2. Pequena e mediana empresa (peme): segundo o artigo 2 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014, consideraranse pemes as empresas que ocupan menos de 250 persoas e o seu volume de negocio anual non excede os 50 millóns de euros ou o seu balance xeral non excede os 43 millóns de euros. Dentro das pemes, considerarase pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e o seu volume de negocio anual ou balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros.

Para o cálculo destes efectivos, deberán considerarse as indicacións incluídas nos artigos 3, 4, 5 e 6 do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

3. Grande empresa: enténdese toda empresa que non cumpre cos requisitos para ser considerada como peme nos termos establecidos no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.

4. Organismos de investigación e difusión de coñecementos: son organismos de investigación e difusión de coñecementos (en diante, organismos de investigación), segundo a definición do artigo 2.83 do Regulamento (UE) nº 651/2014, toda entidade (por exemplo, universidades ou centros de investigación, organismos de transferencia de tecnoloxía, intermediarios de innovación ou entidades colaborativas reais ou virtuais orientadas á investigación), independentemente da súa personalidade xurídica (de dereito público ou privado) ou forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar, de xeito independente, investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental, ou difundir amplamente os resultados delas mediante o ensino, a publicación ou a transferencia de coñecementos. Cando unha entidade deste tipo leve a cabo tamén actividades económicas, o financiamento, os custos e os ingresos das ditas actividades deberán contabilizarse por separado. As empresas que poidan exercer unha influencia decisiva nas ditas entidades, por exemplo, en calidade de accionistas ou membros, non poderán gozar de acceso preferente aos resultados que xere.

5. Agrupación de entidades beneficiarias: para os efectos desta resolución, enténdese por agrupación de entidades beneficiarias, empresas e organismos de investigación, aquelas que participan de xeito conxunto no proxecto obxecto da subvención, a través dunha relación de «colaboración efectiva» (véxase punto 6 seguinte), entre as cales exista un acordo regulador que recolla, polo menos, os mínimos establecidos no artigo 4 desta resolución.

6. Colaboración efectiva: colaboración entre polo menos dúas partes independentes para o intercambio de coñecementos e tecnoloxía, ou para acadar un obxectivo común sobre a base da división do traballo, en que as partes implicadas definen conxuntamente o ámbito do proxecto en colaboración, contribúen á súa aplicación e comparten os seus riscos e os seus resultados; unha ou varias das partes poden soportar a totalidade dos custos do proxecto e liberar así as outras partes dos seus riscos financeiros.

As condicións dun proxecto de colaboración, en particular en canto a contribucións aos seus custos, os riscos e resultados compartidos, a difusión dos resultados, acceso aos dereitos de propiedade intelectual e industrial (en diante, DPI) e normas para a súa asignación, deben concluírse antes do inicio do proxecto. Isto non inclúe os acordos definitivos sobre o valor de mercado dos DPI resultantes e o valor das contribucións ao proxecto.

A investigación baixo contrato ou a prestación de servizos de investigación non se considerarán formas de colaboración.

7. Empresa en crise: a que así se defina consonte o previsto no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014 e as directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise, DOUE C 249, do 31.7.2014, ou documento que o substitúa.

8. Empresa vinculada: son empresas vinculadas segundo o artigo 3.3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 aquelas empresas entre as cales existe algunha das seguintes relacións:

a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto dos accionistas ou socios da outra empresa.

b) Unha ten dereito a nomear ou revogar a maioría dos membros do órgano de administración, dirección ou control da outra empresa.

c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato subscrito con ela ou dunha cláusula estatutaria da segunda empresa.

d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla soa, en virtude dun acordo subscrito con outros accionistas ou socios da segunda empresa, a maioría dos dereitos de voto dos seus accionistas ou socios.

Presumirase que non existe influencia dominante cando os investidores enunciados no artigo 3.2 (segundo parágrafo) do citado anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 non teñan implicación directa ou indirecta na xestión da empresa en cuestión, sen prexuízo dos dereitos que lles correspondan na súa calidade de accionistas.

As empresas que manteñan calquera das relacións recollidas no parágrafo primeiro do artigo 3 do citado anexo I a través doutra ou doutras empresas, ou cos investidores enumerados no punto 2 do mesmo artigo, consideraranse tamén vinculadas.

Tamén se considerarán empresas vinculadas as que manteñan algunha das ditas relacións a través dunha persoa física ou un grupo de persoas físicas que actúen de común acordo, se as ditas empresas exercen a súa actividade ou parte desta no mesmo mercado de referencia ou en mercados contiguos, considerándose mercado contiguo o mercado dun produto ou servizo situado nunha posición inmediatamente anterior ou posterior á do mercado en cuestión.

8. Reto estratéxico: sintetiza o conxunto de prioridades tecnolóxicas e de innovación da Estratexia RIS3 de Galicia, baseadas tanto en actividades existentes como en oportunidades de futuro. Os retos estratéxicos son:

Reto 1. Xestión innovadora de recursos naturais e culturais. Modernización dos sectores tradicionais galegos a través da introdución de innovacións que incidan na mellora da eficiencia e rendemento no uso dos recursos endóxenos e a súa reorientación cara a usos alternativos con maior valor engadido en actividades enerxéticas, acuícolas, farmacolóxicas, cosméticas, alimentarias e culturais.

Reto 2. O modelo industrial da Galicia do futuro. Aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia, a través da hibridación e das tecnoloxías facilitadoras esenciais.

Reto 3. Novo modelo de vida saudable baseado no envellecemento activo. Posicionar Galicia para o ano 2020 como a rexión líder no sur de Europa na oferta de servizos e produtos intensivos en coñecemento relacionados cun modelo de vida saudable: envellecemento activo, a aplicación terapéutica de recursos hídricos e mariños e a nutrición funcional.

9. Investigación industrial: investigación planificada ou estudos críticos encamiñados a adquirir novos coñecementos e aptitudes que poidan ser útiles para desenvolver novos produtos, procesos ou servizos, ou permitan mellorar considerablemente os xa existentes. Comprende a creación de compoñentes de sistemas complexos e pode incluír a construción de prototipos nunha contorna de laboratorio ou nunha contorna con interfaces simuladas cos sistemas existentes, así como liñas piloto cando sexa necesario para a investigación industrial e, en particular, para a validación de tecnoloxía xenérica.

10. Desenvolvemento experimental: a adquisición, combinación, configuración e emprego de coñecementos e técnicas xa existentes, de índole científica, tecnolóxica, empresarial ou doutro tipo, con vistas á elaboración de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados. Pode incluír tamén, por exemplo, actividades de definición conceptual, planificación e documentación de novos produtos, procesos e servizos. Entre as actividades poderá figurar a elaboración de proxectos, deseños, plans e demais tipos de documentación, sempre e cando non vaia destinada a usos comerciais.

O desenvolvemento experimental poderá comprender a creación de prototipos, a demostración, a elaboración de proxectos piloto, o ensaio e a validación de produtos, procesos ou servizos novos ou mellorados, en contornas representativas de condicións reais de funcionamento, sempre que o obxectivo principal sexa achegar novas melloras técnicas a produtos, procesos ou servizos que non estean substancialmente asentados. Pode incluír o desenvolvemento de prototipos ou proxectos piloto que poidan utilizarse comercialmente cando sexan necesariamente o produto comercial final e a súa fabricación resulte demasiado onerosa para o seu uso exclusivo con fins de demostración e validación.

O desenvolvemento experimental non inclúe as modificacións habituais ou periódicas efectuadas en produtos, liñas de produción, procesos de fabricación, servizos existentes e outras operacións en curso, aínda cando as ditas modificacións poidan representar melloras deles.

11. Innovación en produto: introdución no mercado dun produto mellorado que difire significativamente dos produtos ou servizos previos tanto para a entidade que os desenvolve como para o mercado que os usa.

O resultado final do proxecto deberá concretarse na fabricación do produto ou na obtención dun prototipo probado nun contorno real.

12. Hubs de innovación dixital estratéxicos:

Hubs seleccionados na convocatoria lanzada en 2018 pola Axencia Galega de Innovación, na cal se tivo en conta o seu carácter estratéxico, atendendo á súa visión e plan operativo, para avanzar na Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3). En concreto, foron seleccionados os seguintes hubs:

– Dihigal (antes Factories of the Future), liderada polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e centrada en internet das cousas e intelixencia artificial, e

– Datalife, liderada polo Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga) orientado ao manexo de grandes cantidades de información (big data).

Artigo 3. Actuacións subvencionables

1. Os proxectos de I+D+i subvencionables, ademais de estaren orientados ao desenvolvemento de medidas innovadoras eficaces para facer fronte á pandemia da COVID-19 e contribuír á transición dixital segundo o recollido no artigo 1, deberán axustarse ademais aos seguintes requisitos:

1.1. Poderán desenvolverse de xeito individual ou en colaboración efectiva (tal e como se define no artigo 2 anterior) formando unha agrupación. Valoraranse de xeito preferente estes últimos.

1.2. No marco do dobre obxectivo que deberán ter os proxectos: facer fronte á pandemia e contribuír á transición dixital favorecendo a recuperación económica de Galicia. Estes ademais terán que:

– Estar orientados ao apoio ás pemes galegas. As empresas grandes, sempre que exerzan un efecto tractor sobre as pemes, poderán acceder a estas axudas. Este efecto tractor deberá xustificarse.

– Contribuír á transición/transformación dixital das pemes galegas nos ámbitos estratéxicos dos hubs galegos de innovación dixital: Dihigal e Datalife. Neste senso, será precisa a inclusión no desenvolvemento dos proxectos das tecnoloxías dixitais ás cales se orienta cada un dos hubs no marco da súa especialización.

– Estar orientados ao mercado e á mellora da competitividade das pemes galegas, especialmente nos sectores máis castigados pola crise da COVID-19, permitindo unha implementación e posta en marcha de resultados concretos no tecido galego.

– De xeito complementario, tamén será tida en conta a contribución dos proxectos con outros ámbitos estratéxicos como a transición verde da economía galega, así como a integración dun enfoque da I+D+i «con» e «para» as persoas, no marco da innovación responsable, en liña cos ODS (obxectivos de desenvolvemento sustentable) e na que a perspectiva de xénero estea incluída.

1.3. Os proxectos deberán ter un orzamento mínimo de 150.000 euros e un máximo de 1.000.000 €.

1.4. De acordo co establecido no marco nacional temporal, considerarase que os proxectos de I+D (liña 1-(IN852D) teñen efecto incentivador, sempre que fosen iniciados a partir do 1 de febreiro de 2020. Este requisito non é necesario para os proxectos de innovación en produto (liña 2-(IN852E).

1.5. Os proxectos de ambas as liñas (IN852D e IN852E) poderán ser anuais ou plurianuais. Serán subvencionables os custos executados a partir do 1 de xaneiro de 2021 e ata o 30 de abril de 2023.

Os proxectos non poderán estar rematados materialmente antes da data de presentación da solicitude.

No caso de proxectos que rematen en 2023, o orzamento desta última anualidade non poderá ser inferior ao 20 % do orzamento total do proxecto.

1.6. No caso de proxectos de I+D en colaboración efectiva entre organismos de investigación e empresas previstos na liña 1 (IN852D), é preciso que se cumpran algunha destas condicións:

a) Ampla difusión dos resultados da colaboración que non xeren DPI, e todo DPI resultante das actividades dos organismos de investigación se cede integramente das ditas entidades, ou

b) Todo DPI resultante do proxecto, así como os correspondentes dereitos de acceso, son atribuídos aos distintos socios da colaboración de forma axeitada e en función das súas tarefas, contribucións e intereses respectivos, ou

c) Os organismos de investigación reciben unha compensación equivalente ao prezo de mercado dos dereitos de propiedade industrial que resulten das súas actividades e que se asignen ás empresas participantes, ou aos que se asignen dereitos de acceso ás empresas participantes.

O importe absoluto do valor de toda contribución, tanto financeira como non financeira, das empresas participantes aos custos das actividades dos organismos de investigación resultantes dos DPI correspondentes pode deducirse desa compensación.

1.7. Será requisito imprescindible en todas as liñas de axuda (IN852D e IN852E) que a proposta para a cal se solicita a axuda estea aliñada cos retos e prioridades da RIS3 Galicia. A descrición destes retos e o detalle das súas liñas prioritarias detállase no artigo 2.

2. Só se financiarán as actividades do proxecto desenvolvidas na Comunidade Autónoma galega, sen prexuízo de que as subcontratacións, asistencias técnicas ou colaboracións externas poidan encomendarse a entidades que operen fóra do territorio galego. Todos os membros da agrupación deberán levar a cabo as súas actividades en Galicia, de xeito que deberán ter na Comunidade o seu domicilio social ou algún centro de traballo onde realicen as actividades susceptibles de obter a axuda. De non ter este centro de traballo no momento de presentar a súa solicitude, deberán achegar unha declaración da entidade solicitante que acredite que se establecerá en Galicia antes de iniciarse o proxecto.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:

– As empresas pequenas, medianas ou grandes, segundo as definicións contidas no artigo 2.

– As agrupacións de empresas e de empresas ou organismos de investigación, nos termos previstos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, cando realicen proxectos de I+D+i en colaboración.

– Organismos de investigación e difusión de coñecementos cando participen en proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental, en colaboración efectiva con empresas, nos termos previstos no Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación e desenvolvemento e innovación (2014/C 198/01). A axuda recibida non pode destinarse ao financiamento de actividades de natureza económica.

Cando un destes organismos leve a cabo tamén actividades económicas, o financiamento, os custos e os ingresos das ditas actividades deberanse contabilizar por separado. Ademais, as empresas que poidan exercer unha influencia decisiva nas ditas entidades, por exemplo, en calidade de accionistas ou membros, non poderán gozar de acceso preferente aos resultados que xere.

2. As entidades beneficiarias, tanto empresas como organismos de investigación e difusión de coñecementos, deberán ter domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as cales se solicita a axuda e contar con capacidade administrativa, financeira e operativa suficiente para a execución da axuda que se lles conceda, cuxas condicións se determinarán no Documento que establece as condicións da axuda (DECA), conforme o disposto no artigo 23.4 da presente resolución.

3. As entidades beneficiarias na liña 1 (IN852D) deben comprometerse a conceder licencias non exclusivas en condicións de mercado non discriminatorias a terceiros no Espazo Económico Europeo.

4. Non poderán acceder á condición de beneficiarias as persoas ou entidades nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007. Ademais, tampouco poderán ser beneficiarios:

– Na liña 1 (IN852D), as empresas consideradas en crise antes do 31 de decembro de 2019, con excepción das microempresas e pequenas empresas, sempre que no estean incursas nun procedemento de concurso de acreedores na data na que se lles conceda á axuda e non teñan recibido axudas de salvamento nin de reestruturación.

– Na liña 2 (IN852E), aquelas empresas que, pola actividade que desenvolvan ou o sector a que pertenzan, se encontren entre as excepcións recollidas no artigo 1.1 do Regulamento (UE) 1407/2013, relativo ás axudas de minimis.

5. A Axencia Galega de Innovación poderá realizar as comprobacións documentais necesarias para garantir que as empresas beneficiarias que así o declaren teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014, e que con data 31 de decembro de 2019, non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no punto 18 do artigo 2 do mesmo texto normativo para considerar unha empresa en crise.

6. No caso de agrupacións que presenten un proxecto en colaboración:

6.1. Cada agrupación debe estar constituída por un mínimo de dúas entidades non vinculadas entre si e un máximo de seis. En todo caso, o tamaño da agrupación será o necesario para garantir unha xestión eficaz desta. A participación de cada entidade deberá estar xustificada, ser relevante e equilibrada, e non poderá superar nunca unha mesma entidade (ou entidades vinculadas) o 65 % do orzamento subvencionable total do proxecto. Non se exixirá un orzamento mínimo por entidade da agrupación.

6.2. Se a agrupación non ten personalidade xurídica, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude como na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En todo caso, deberá nomearse un líder, que será o representante único da agrupación, único interlocutor coa Administración en todo o procedemento, e con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, lle corresponden á agrupación.

6.3. As agrupacións rexeranse polo documento contractual que as regule. O funcionamento interno da agrupación responderá a criterios de autonomía de xestión, asumindo un dos socios, o líder, a dirección do proxecto e a representación da agrupación ante a Administración, o cal deberá constar expresamente no documento contractual que se realice para ese efecto.

O documento contractual de regulación da agrupación deberá recoller, como mínimo, o seguinte:

a) Distribución das actividades e do orzamento total e o achegado por cada un dos membros da agrupación.

b) Acordo de representación da agrupación e elección do seu representante ante a Administración para os efectos de interlocución con ela.

c) Acordos de confidencialidade.

d) Propiedade, protección legal (patentes) e divulgación dos resultados.

e) Xestión da agrupación, plan de continxencias e distribución de responsabilidades ante posibles dificultades.

f) Designación dun xefe técnico do proxecto. Esta figura será única para toda a agrupación.

Con todo, o orzamento e as actividades quedarán suxeitos ao establecido na resolución de concesión da axuda.

No caso de proxectos en colaboración efectiva entre organismos de investigación e empresas, é preciso que determinasen, antes de iniciar o proxecto, as contribucións aos seus custos, os riscos e resultados compartidos, a difusión dos resultados, acceso aos dereitos de propiedade intelectual e industrial (en diante, DPI) e normas para a súa asignación. Isto non inclúe os acordos definitivos sobre o valor de mercado dos DPI resultantes e o valor das contribucións ao proxecto.

6.4. Todas as entidades que forman parte da agrupación e que obteñan a axuda terán a condición de beneficiarias e deberán cumprir as súas obrigas como tales. Tanto na solicitude como na resolución de concesión deberán constar os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles. A concesión e o pagamento da axuda efectuaranse a cada unha das entidades participantes en proporción á parte dos gastos que lles corresponda realizar no proxecto.

6.5. A agrupación de empresas, ou de empresas e organismos de investigación, non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto no artigo 35 da Lei 9/2007.

6.6. Cando nun proxecto en colaboración interveñan empresas vinculadas, consonte a definición que destas empresas se realiza no artigo 2 desta resolución e no artigo 43.2 do Decreto 11/2009, só poderán facelo como membros da agrupación. Se empresas vinculadas participan como entidades subcontratadas, como provedores, prestadores de servizos, ou dalgún outro xeito a súa actividade non será subvencionable.

Artigo 5. Financiamento

Eixe

OE

Beneficiarios

Aplicación

orzamentaria

2021 (€)

2022 (€)

2023 (€)

Total

1

OE 20.1.1- OE REACT- UE 1

Empresas pemes

06.A2.561A.770.0

Total

840.000

840.000

240.000

1.920.000

Liña 1 (IN852D)

490.000

490.000

140.000

1.120.000

Liña 2 (IN852E)

350.000

350.000

100.000

800.000

1

OE 20.1.1- OE REACT- UE 1

Empresas grandes

06.A2.561A.770.0

Total

420.000

420.000

120.000

960.000

Liña 1 (IN852D)

245.000

245.000

70.000

560.000

Liña 2 (IN852E)

175.000

175.000

50.000

400.000

1

OE 20.1.1- OE REACT- UE 1

Organismos de investigación e difusión

06.A2.561A.781.0

Total

490.000

490.000

140.000

1.120.000

Liña 1 (IN852D)

490.000

490.000

140.000

1.120.000

Total

4.000.000 €

1. As subvencións imputaranse ás aplicacións orzamentarias que se indican neste artigo. Poderán ampliarse os créditos dedicados a esta convocatoria logo da declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia das circunstancias establecidas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A distribución de fondos entre liñas de actuación, aplicacións orzamentarias, tipoloxía de beneficiarios e anualidades sinaladas na táboa anterior é unha previsión que deberá axustarse segundo a valoración das solicitudes recibidas, e será posible incluso a incorporación de novos conceptos de gasto tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias, sempre sen incrementar o crédito total.

2. As axudas da presente convocatoria serán susceptibles de financiamento no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 no eixe REACT-UE (obxectivo específico OE 20.1.1- OE REACT-UE 1) como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, contribuíndo ao indicador CV33: «Entidades axudadas na loita contra a COVID». A taxa de financiamento Feder será do 100 %.

Artigo 6. Intensidade das axudas e concorrencia

1. As axudas que se concedan ao abeiro destas bases concederanse en forma de subvención, como unha porcentaxe do investimento subvencionable dentro dos límites de intensidade que se indican a continuación:

1.1. Proxectos individuais.

Tipo de proxecto

Pequena empresa

Mediana empresa

Grande empresa

Proxectos de investigación industrial

80 %

80 %

50 %

Proxectos de desenvolvemento experimental

80 %

80 %

50 %

Proxectos de innovación en produto

80 %

80 %

50 %

1.2. Proxectos en colaboración efectiva.

Segundo a categoría da participación de cada membro da agrupación no proxecto:

Categoría da participación de cada entidade no proxecto

Pequena empresa

Mediana empresa

Grande empresa

Organismo de investigación (2)

Proxectos de investigación industrial

80 %

80 %

65 %

100 %

Proxectos de desenvolvemento experimental

80 %

80 %

65 %

100 %

Proxectos de innovación en produto

80 %

80 %

65 %

(2) Non poden ser beneficiarios no caso de proxectos de innovación en produto (artigo 4) e no caso de proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental deberán participar en colaboración efectiva con empresas.

A intensidade de axuda deberá determinarse para cada entidade beneficiaria, de acordo co establecido nesta táboa, segundo a súa categoría de participación no proxecto.

2. As axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación, ao abeiro desta convocatoria, serán incompatibles coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

Artigo 7. Conceptos subvencionables

1. Terán a consideración de gastos susceptibles de recibir axuda aqueles que respondan á natureza da actividade subvencionada e resulten estritamente necesarios para o desenvolvemento do proxecto concedido con base na descrición do proxecto achegada na memoria técnica e na solicitude. Todo gasto non xustificado polo solicitante será eliminado do orzamento elexible do proxecto. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

2. A estes gastos seralles de aplicación o previsto na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para período 2014-2020 e a HAC/114/2021, do 5 de febreiro, que a modifica.

3. Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados dentro do período de execución indicado na resolución da concesión da axuda, respectando sempre o período subvencionable incluído nesta convocatoria. Deste xeito, considerarase gasto subvencionable o que foi executado e pagado dentro do prazo de execución indicado na resolución da axuda. No caso das anualidades 2022 e 2023, admitiranse os gastos realizados dentro do período comprendido entre a data límite de execución da anualidade anterior e a data límite de execución da anualidade corrente.

Exceptúanse desta regra xeral aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por se axustaren aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes en que ao beneficiario lle corresponde liquidar eses gastos.

4. Conceptos subvencionables:

4.1. Admitiranse os seguintes custos directos:

4.1.1. Comúns para as dúas liñas:

– Custos de persoal: custos relacionados cos investigadores, técnicos e demais persoal auxiliar, na medida en que estean dedicados ao proxecto.

– Equipamento e material instrumental. Cando este equipamento e material non se use de forma exclusiva para o desenvolvemento do proxecto ou poida seguir usándose despois da súa finalización, só se considerarán subvencionables os custos de amortización

– Materiais, funxibles, subministracións e produtos similares. Poderanse imputar os gastos de material funxible directamente destinados ás actividades financiadas.

– Custos relacionados coa obtención de patentes e outros activos inmateriais. As patentes deberán ser adquiridas ou obtidas por licenza de fontes externas ao solicitante, sempre e cando a operación se realizase en condicións de plena competencia e sen ningún elemento de colusión.

– Servizos tecnolóxicos externos: actividades distintas á investigación prestadas por terceiros de forma puntual, tales como análises e ensaios de laboratorio, enxeñaría para a montaxe e operación, estudos e actividades complementarias, avaliación da viabilidade tecnolóxica, potencial comercial e xestión da propiedade intelectual, consultorías, asistencias técnicas e servizos equivalentes. Se a actividade que se vai realizar forma parte da propia investigación, deberá ser considerada como subcontratación.

– Subcontratacións.

4.1.2. Específicos para cada liña:

Ademais dos custos comúns indicados no número anterior, en cada liña poderán incluírse os seguintes:

– Na liña 1 (IN852D): proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental:

• Custos relacionados coa realización de ensaios preclínicos e clínicos (fases de ensaio I-IV). Os custos relativos a ensaios de fase IV serán subvencionables sempre que permitan novos avances científicos ou tecnolóxicos.

– Na liña 2 (IN852E): proxectos de innovación en produto:

• Certificacións e homologacións necesarias para comercializar un novo produto.

5. Os custos deberán respectar os aspectos específicos que para certos tipos de custos se inclúen nos artigos seguintes.

6. Non se considerarán subvencionables en ningunha das liñas:

a) Os bens e os servizos adquiridos ou prestados por:

– Persoas, entidades o empresas vinculadas coa empresa beneficiaria, entendendo por tales as que respondan á definición do artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

b) Os bens de equipo de segunda man.

c) Os custos de material de oficina e consumibles informáticos.

d) Os custos indirectos.

No suposto de que o importe do IVE non sexa recuperable, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación da entidade con respecto ao IVE.

Artigo 8. Custos de persoal

1. Poderanse subvencionar os custos de persoal propio da empresa ou organismo de investigación, así como os gastos do persoal de nova contratación que se incorpore á entidade para realizar a actuación para a cal se solicita a axuda (persoal investigador, técnico e persoal auxiliar que realice actividades de investigación), no tempo imputado exclusivamente para o seu desenvolvemento.

Para cada entidade, o custo de persoal propio será como máximo o 75 % do custo subvencionable.

2. No caso de persoal de nova contratación deberá dedicarse de xeito exclusivo cunha dedicación do 100 % ao proxecto. Debe incorporarse no contrato de traballo a vinculación exclusiva deste persoal ao proxecto que motiva a contratación.

3. No caso de persoal propio, cando a imputación ao proxecto non sexa do 100 %, na memoria que se achegue á solicitude deberán xustificarse os motivos da porcentaxe de imputación do tempo de dedicación ao proxecto. Non será suficiente unha xustificación xenérica que non permita valorar a adecuación, pertinencia e verificabilidade do tempo imputado.

Só no caso de pequenas empresas, poderán subvencionarse os custos de persoal directivo e xerencial que realice actividades do proxecto cunha dedicación máxima do 30 %, computándose neste valor a dedicación noutras actividades/proxectos de I+D+i financiados con axudas procedentes de calquera Administración pública. Na memoria que se achegará coa solicitude xustificaranse detalladamente as funcións/tarefas concretas que desenvolverá este persoal nas diferentes actividades recollidas no plan, xustificando a súa necesidade e a vinculación directa coas tarefas de I+D+i do proxecto. Estas funcións deberán ser compatibles co seu labor directivo ou xerencial. Todo custo non xustificado será eliminado do orzamento subvencionable do proxecto.

4. Só serán subvencionables aqueles gastos de persoal relacionados con actividades que a entidade non levaría a cabo se non realizase a operación subvencionada. Consideraranse custos de persoal subvencionables os custos brutos de emprego do persoal do beneficiario nos termos indicados na Orde HAC/114/2021, que modifica a norma 6, punto 2 da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

5. Os custos de persoal non poderán superar os custos máximos anuais por grupo de cotización que se establecen no seguinte cadro:

Grupo de cotización

Titulación/categoría profesional

Total anual

(Soldo bruto + Seguridade Social a cargo da empresa/organismo de investigación)

1

Enxeñeiros/licenciados/persoal de alta dirección

45.000 €

2

Enxeñeiros técnicos, peritos e axudantes titulados/diplomados

39.375 €

3

Xefes administrativos e de taller (técnicos especialistas)

31.500 €

4

Axudantes non titulados

25.875 €

5

Oficiais administrativos

25.875 €

6

Subalternos

25.875 €

7

Auxiliares administrativos

25.875 €

8

Oficiais de primeira e segunda

20.250 €

9

Resto de oficiais

20.250 €

10

Peóns

20.250 €

11

Traballadores menores de 18 anos

20.250 €

6. Non se considerarán subvencionables:

a) Os gastos relacionados con aqueles traballadores que non estean dados de alta nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia onde se desenvolve o proxecto.

b) Os gastos de persoal que non teña relación contractual laboral coa entidade beneficiaria da subvención, agás que se trate:

– De socios traballadores de cooperativas ou sociedades laborais.

– De socios da empresa con labor directivo e xerencial e coas limitacións establecidas no punto 3 deste artigo.

c) Os conceptos incluídos na retribución bruta polo traballador que non garden relación coa actividade subvencionada.

d) Os custos de persoal administrativo relacionados con tarefas de xestión do proxecto.

e) Os custos de viaxes, indemnizacións ou axudas de custo non teñen natureza de gastos de persoal.

f) Os custos de persoal directivo e xerencial que realice labores de I+D+i no caso de empresas que non teñan a categoría de pequenas empresas, tendo en conta as restricións incluídas no artigo 8.3 anterior.

g) As contratacións en formación, as de prácticas, as de bolseiros/as e as contratacións a tempo parcial, agás nos supostos de redución voluntaria da xornada previstos no Estatuto dos traballadores.

h) As contratacións en grupos de cotización inferiores aos correspondentes ás titulacións/categorías profesionais que son establecidas pola Seguridade Social ao regular as bases de cotización por continxencias comúns indicadas na táboa que figura no número 5.

7. Calquera modificación no cadro de persoal asignado ao proxecto deberá ser motivada e xustificada e para a súa realización será necesario obter a autorización previa da Axencia Galega de Innovación. No suposto de que se substitúa unha persoa por outra con idéntico perfil, non será preciso obter a autorización previa. Non obstante, deberán acreditalo documentalmente.

Artigo 9. Custos de equipamento e material instrumental

1. Serán subvencionables os custos de equipamento e material instrumental na medida e durante o período en que se utilicen para o proxecto.

Se o equipamento e material instrumental se dedica exclusivamente á actuación subvencionada e a súa vida útil se esgota ao termo do período de execución, será subvencionable o custo de adquisición. Deberá xustificarse na memoria do proxecto a vida útil do equipamento ou material instrumental.

Se o equipamento e material instrumental non se utilizan exclusivamente para o proxecto, por exceder a súa vida útil a duración deste, só serán subvencionables os custos de amortización que correspondan á duración do proxecto, calculados sobre a base das boas prácticas contables. Para que este custo sexa subvencionable, deberá detallarse na memoria do proxecto o procedemento de cálculo seguido para calcular os custos de amortización, tendo en conta o tempo concreto de imputación ao proxecto.

Non serán subvencionables bens de equipo de segunda man.

Serán subvencionables os custos de depreciación dos bens amortizables sempre que se cumpran as condicións establecidas na norma número 8 da Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas de gastos subvencionables dos programas operativos do Feder 2014-2020. Conforme o indicado no punto b) da citada norma, os activos depreciados non poderán ser adquiridos con axuda de subvencións públicas, nin a súa adquisición pode ter sido obxecto de cofinanciamento por parte dos fondos.

2. As novas licenzas e as renovacións de licenzas de software atópanse dentro da categoría de material inventariable e considéranse gastos subvencionables se son de uso específico para o proxecto e non de uso xeral.

3. Admitiranse gastos de leasing, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) Deberá existir un compromiso oficial por escrito de adquisición do activo ao remate do contrato de leasing.

b) Soamente serán subvencionables os custos na medida e durante o período en que se dediquen ao proxecto.

c) As cotas de arrendamento subvencionables deberán ser constantes ou crecentes e comezar con posterioridade á data da presentación da solicitude da subvención, e poderán imputarse só as cotas pagadas dentro do período de xustificación de cada anualidade.

d) Non serán gastos subvencionables a marxe do arrendador, os custos de refinanciamento dos xuros, os gastos xerais e os gastos de seguro.

Artigo 10. Ofertas

De acordo co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable, no caso de adquisición de bens de equipo e contratación de servizos ou subministracións e materiais, iguale ou supere os 15.000 €, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non será preceptiva a presentación das tres ofertas cando o gasto fose realizado con anterioridade á presentación da solicitude da axuda.

No caso de que un organismo de investigación beneficiario estea suxeito á Lei 9/2017 de contratos do sector público, deberá respectar no que proceda a citada normativa nos procedementos de contratación pública.

Artigo 11. Subcontratación

1. As entidades beneficiarias das axudas poderán subcontratar as actuacións subvencionadas ata unha porcentaxe máxima do 50 % do orzamento subvencionable. A subcontratación deberá estar debidamente xustificada e motivada na memoria técnica.

Deberán achegarse 3 ofertas de diferentes provedores nos casos recollidos no artigo 10 anterior.

2. Será obrigatoria a subscrición dun contrato entre a beneficiaria e a entidade subcontratista, que poderá condicionarse a resultar beneficiario da subvención. Este contrato deberá recoller, como mínimo, os seguintes aspectos: obxectivos do contrato, descrición das actividades, data de inicio e duración total, identificación dos investigadores participantes, orzamento total e desagregación por anualidades, así como o acordo sobre a propiedade dos resultados. No contrato deberanse detallar as persoas que participan no proxecto, unha descrición específica das actividades realizadas por cada unha delas nel e a porcentaxe de dedicación ao proxecto. Todos estes aspectos serán revisados pola Axencia Galega de Innovación.

Este contrato deberá ser autorizado pola Axencia Galega de Innovación. En caso de aprobación do proxecto, este contrato entenderase autorizado pola Axencia desde a data de inicio da súa execución, sempre que esta sexa posterior á de entrega da solicitude do proxecto.

4. En ningún caso a entidade beneficiaria poderá subcontratar con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións que se recollen no artigo 10 da Lei 9/2007.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.

c) Intermediarios ou asesores en que os pagamentos se definan como unha porcentaxe do custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades solicitantes da axuda na mesma convocatoria e programa que non obtivesen a subvención por non reuniren os requisitos ou non acadar a valoración suficiente.

e) Persoas ou entidades en que concorran algunhas das circunstancias detalladas no artigo 43.2 do Decreto 11/2009.

Artigo 12. Presentación das solicitudes

1. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. No caso de proxectos en colaboración, cada membro da agrupación, agás o líder, presentará a súa solicitude expresando claramente o título do proxecto e a información contida nos anexos I-X. Desta presentación resultará un número de rexistro, que deberá facilitar á entidade líder.

Posteriormente, a entidade líder de cada agrupación presentará a súa solicitude. Para os efectos de presentación da solicitude do proxecto, unicamente se terá en conta a data de presentación da solicitude da entidade líder, sendo esta a súa responsabilidade, polo que se entenderán inadmitidas as solicitudes que non dispoñan da presentación do líder.

3. Nos formularios de solicitudes (anexos I e II) inclúense as seguintes declaracións responsables, relativas á empresa solicitante, no caso de proxectos individuais, e a todas as entidades participantes, no caso de proxectos en cooperación:

1º. Declaración responsable de todas as axudas solicitadas e concedidas para a mesma finalidade ou os mesmos custos, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional.

2º. Declaración responsable de que os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos e acepta as condicións e as obrigas recollidas para cada liña de axudas nesta convocatoria.

3º. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4º. Declaración responsable de que non está incurso en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5º. Declaración responsable de que está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e de reembolso de préstamos ou anticipos concedidos con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade autónoma.

6º. Declaración responsable de que desenvolverán en Galicia as actividades para as cales se solicita a axuda.

7º. Declaración responsable de que o solicitante coñece que os provedores non poderán estar asociados nin vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores, e que non concorren, neles ningunha das prohibicións recollidas no artigo 27.7 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nin no artigo 43 do regulamento que desenvolve a citada lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, tendo en conta, ademais, o disposto no Regulamento (UE) nº 651/2014 sobre empresas vinculadas.

8º. Declaración responsable de que ten capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o cal solicita a axuda.

9º. Declaración responsable de que manterá un sistema de contabilidade separada ou un código contable adecuado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionados, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados con fondos Feder.

10º. Declaración responsable de que conservará toda a documentación relativa a esta subvención durante un período de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas en que estean incluídos os gastos da operación (art. 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).

11º. Declaración responsable de que asumirá a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

12º. Declaración responsable de que cumprirá a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación.

13º. So no caso de pequenas empresas, declaración responsable de que a dedicación do persoal directivo e xerencial que se solicita non supón, de xeito conxunto coa incluída noutras actividades/proxectos de I+D+i financiados con axudas procedentes de calquera Administración pública, unha dedicación superior ao 30 %.

Só no caso de proxectos de investigación industrial e desenvolvemento experimental (liña 1-(IN852D):

14º. Só no caso de grandes e medianas empresas, declaración responsable de non consideración de empresa en crise antes do 31 de decembro de 2019, conforme o disposto no marco temporal nacional. No obstante, a Axencia Galega de Innovación utilizará os medios que considere oportunos para a súa verificación e requiriralle ao solicitante, se for necesario, os documentos oportunos.

15º. Só no caso de microempresas e pequenas empresas, declaración responsable de que non está incursa nun procedemento de concurso de acreedores.

16º. Só no caso de microempresas e pequenas empresas, declaración responsable de que non recibiu axudas de salvamento nin de reestruturación.

17º. Declaración responsable de que, se é o caso, se concederá unha licenza non exclusiva en condicións de mercado non discriminatorias a terceiros no Espazo Económico Europeo respecto dos desenvolvementos obtidos no proxecto subvencionado.

18º. Declaración do conxunto de axudas amparadas nos marcos temporais europeos ou nos Marcos Nacionais Temporais para apoiar a economía no contexto do actual brote COVID-19 (non precisa no caso de que a entidade solicitante sexa un organismo de investigación).

19º. Declaración responsable de que o proxecto non se iniciou antes do 1 de febreiro de 2020 (efecto incentivador).

20º. Declaración responsable de que, se é o caso, non vai realizar ningunha utilización comercial posterior do prototipo ou proxecto piloto incluído no proxecto, excepto no caso de que o desenvolvemento de prototipo ou proxecto piloto sexa necesariamente o produto comercial final e a súa fabricación resulte demasiado onerosa para o seu uso exclusivo con fins de demostración e validación.

No caso de organismos de investigación:

21º. Declaración responsable de que a axuda non se destinará ao financiamento de actividades de natureza económica.

22º. Declaración responsable de que, no caso de levar a cabo tamén actividades económicas, o financiamento, os custos e os ingresos das ditas actividades se contabilizan por separado.

23º. Declaración responsable de que as empresas que poidan exercer unha influencia decisiva neles, por exemplo, en calidade de accionistas ou membros, non gozarán de acceso preferente aos resultados que xeren.

Só no caso de proxectos de innovación en produto (liña 2-(IN852E):

24º. Declaración do conxunto de axudas recibidas pola entidade en concepto de minimis, durante os dous exercicios fiscais anteriores, e durante o exercicio fiscal en curso en que se presenta a solicitude.

Deberase comunicar calquera variación das circunstancias recollidas na ditas declaracións no momento en que se produza.

4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día de publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. Deberá achegarse xunto coas solicitudes a seguinte documentación complementaria.

– Documentación económico-administrativa:

a) Declaración de conformidade de participación no proxecto e autorización a favor do representante da agrupación, no caso de proxectos en colaboración (anexo XI).

b) Modelo de autorización das persoas socias mancomunadas a favor do representante da entidade solicitante, no caso de poder mancomunado (anexo XII).

c) Modelo de comprobación de datos das persoas socias mancomunados, no caso de poder mancomunado (anexo XIII).

d) Modelo de comprobación de datos do equipo investigador (anexo XIV).

e) Declaración responsable relativa á condición de peme, no caso que sexa de aplicación (anexo XV).

f) Copia da resolución de concesión, no caso de ter concedida algunha axuda para a mesma finalidade ou os mesmos custos ou:

– unha axuda amparada do marco temporal, no caso da liña 1 (IN852D),

– unha axuda de minimis, no caso da liña 2 (IN852E),

g) Contrato/s subscrito/s de subcontratación debidamente asinado/s, no caso en que sexa necesario.

h) Poder da persoa representante que presenta a solicitude, inscrito no rexistro competente, que acredite o seu poder bastante. Deberá achegarse no caso de achegarse de entidades mercantís distintos de administración única, administración solidaria ou mancomunada, ou tamén o cargo de conselleiro delegado, dadas as características técnicas da consulta ao Rexistro Mercantil.

Ademais desta documentación, no caso de proxectos en colaboración a entidade líder da agrupación presentará tamén:

i) Acordo regulador da agrupación debidamente asinado por todos os membros. Neste documento contractual deben establecerse os dereitos e obrigas que asume cada membro da agrupación, co contido mínimo sinalado no artigo 4 desta resolución.

– Documentación técnica.

a) Memoria técnica do proxecto, segundo o índice do anexo XVI (en formato PDF, máximo 3 MB). Nela incluirase unha descrición clara dos obxectivos e actividades do proxecto. Ademais, deberá incluír a xustificación dos conceptos de gasto para os cales se solicita financiamento.

No caso de proxectos en colaboración, será común para todos os membros e entregaraa só o líder.

b) Currículos en formato libre do equipo investigador do proxecto.

c) Para a liña 1 (IN852D):

– Anexo III-Información sobre o proxecto.

– Anexo IV-Plan de traballo do proxecto.

– Anexo V-Orzamento detallado do proxecto.

– Anexo VI-Datos da entidade.

d) Para a liña 2 (IN852E):

Anexo VII-Información sobre o proxecto.

Anexo VIII-Plan de traballo do proxecto.

Anexo IX-Orzamento detallado do proxecto.

Anexo X-Datos da entidade.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 14. Comprobación de datos

1. Para tramitar este procedemento consultarase automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificados de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social, das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia e das obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT).

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante que asine a solicitude.

d) DNI/NIE do persoal investigador.

e) Títulos oficiais non universitarios do persoal investigador.

f) Títulos oficiais universitarios do persoal investigador.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Concesións de subvencións e axudas.

i) Concesións pola regra de minimis (só no caso da liña 2 IN852E).

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) DNI/NIE das persoas socias mancomunadas. No caso de que os representantes mancomunados sexan persoas xurídicas, comprobarase o NIF.

b) Poder do representante que presenta a solicitude inscrito no rexistro competente. Esta consulta poderá facerse nos casos de administración única, administración solidaria ou mancomunada, ou tamén para o cargo de conselleiro delegado. Para outros apoderados de entidades mercantís distintos dos anteriores, aínda que dispoñan de poderes xerais ou especiais inscritos nun rexistro mercantil, non poderá acreditarse a súa representación por esta vía, dadas as características técnicas da consulta ao Rexistro Mercantil, e terá que achegarse o poder do representante que presenta a solicitude inscrito no rexistro competente.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a estas consultas, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente (anexo I, II, XIII ou XIV) e achegar os ditos documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

4. A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións documentadas necesarias para garantir que as empresas beneficiarias que así o declaren teñen a condición de peme, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do referido Regulamento (UE) nº 651/2014. Ademais, comprobará que non incorren en ningunha das circunstancias enumeradas no punto 6 do artigo 2 desta convocatoria para considerar unha empresa en crise con data do 31 de decembro de 2019.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitiralles ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorran dez días naturais desde a posta a disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia

Artigo 17. Información aos interesados

1. Sobre as diferentes liñas de axudas desta convocatoria poderase obter información adicional na Axencia Galega de Innovación, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal, na súa epígrafe de axudas.

b) No teléfono 981 54 10 71 da axencia.

c) No enderezo electrónico programas.gain@xunta.gal

d) Persoalmente.

e) Na Guía de procedementos e servizos administrativos, no enderezo http://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

2. Así mesmo, para cuestións xerais sobre este procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia 012.

3. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias quedan informadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións.

4. Por outra banda, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Instrución do procedemento e tramitación

1. A Área de Programas será a competente para a instrución do procedemento de concesión das subvencións e será competencia da Dirección da Axencia Galega de Innovación ditar as resolucións de outorgamento das ditas axudas.

2. Na xestión desta convocatoria, a Axencia Galega de Innovación contará co apoio, como entidades colaboradoras, dos hubs de innovación dixital acreditados como estratéxicos na Convocatoria para a selección de proxectos de hubs de innovación dixital que contribúan ao avance da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3) (Resolución do 4 de decembro de 2018, publicada no DOG do 18 de decembro).

3. Ao abeiro do disposto no artigo 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG), estes hubs serán entidades colaboradoras e como tales asinarán o respectivo convenio de colaboración que se anexa con estas bases (anexo XXII). Neste documento regúlase a participación e obrigas das ditas entidades nesta convocatoria.

4. Aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos establecidos nas bases da convocatoria serán remitidos aos hubs. Os DIH deberán emitir un informe motivado para cada un dos proxectos remitidos. O informe declarará a idoneidade ou a non do proxecto presentado en relación:

– Coa integración eficiente no plan de traballo do proxecto das tecnoloxías dixitais en que os hubs están especializados.

– Coa súa potencial contribución á transformación dixital das pemes galegas no seus ámbitos estratéxicos, así como a súa contribución a preparar unha recuperación dixital da economía galega.

Será preciso o cumprimento destes dous aspectos para que o informe de idoneidade sexa positivo.

Tanto as tecnoloxías como os ámbitos estratéxicos en que están especializados DIHGIGAL e Datalife están recollidos nas súas paxina web. (www. dihgigal.com e www.dihdatalife.com).

O informe deberá ser remitido á Axencia Galega de Innovación no prazo de 20 días naturais e terá un carácter preceptivo e non vinculante para a Administración. Sen prexuízo do anterior, a Axencia Galega de Innovación poderá solicitar toda a documentación aclaratoria respecto dos informes emitidos, así como solicitar unha ampliación dos argumentos contidos nos informes, ou formular calquera dúbida necesaria para poder levar a cabo a avaliación dos proxectos.

Para a adxudicación de proxectos entre os dous hubs, atenderase ao indicado no formulario pola entidade/agrupación solicitante, que deberá seleccionar, segundo o ámbito do seu proxecto, a que hub deberá remitirse para a realización deste informe. No caso de ámbitos comúns de colaboración entre os dous hubs, a entidade/agrupación solicitante poderá seleccionar que o seu proxecto sexa remitido aos dous, que deberán colaborar e redactar un informe integrado respecto a el. No caso de proxectos en colaboración, esta asignación deberá ser única para todos os membros da agrupación e recaerá sobre o líder.

5. De conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nesta convocatoria ou non se xunta a documentación exixida, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución. No caso de proxectos en cooperación, este requerimento remitirase exclusivamente ao líder do proxecto que canaliza a relación de todos os participantes coa Axencia Galega de Innovación. Non se considerará enmendable a falta de presentación ou a presentación fóra de prazo da solicitude de axuda e/ou memoria do proxecto.

A documentación requirida presentarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, de acordo co disposto no artigo 14 da Lei 39/2015.

6. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que forneza cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento e para o seguimento e avaliación da RIS3 Galicia en que se enmarcan estas axudas.

7. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, aqueles expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán avaliados polos hubs e polos expertos e remitidos á Comisión de Selección.

8. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta. A inadmisión dun dos membros da agrupación por non reunir algún dos requisitos establecidos na resolución de convocatoria suporá a inadmisión do proxecto.

9. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, serán causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007.

Artigo 20. Comisión de Selección

1. A Comisión de Selección será o órgano colexiado encargado de seleccionar as solicitudes e estará composto por:

a) Un/unha director/a de área da Axencia Galega de Innovación, ou persoa en quen delegue, que actuará como presidente.

b) Un/unha xefe/a de departamento da Axencia Galega de Innovación ou persoa en quen delegue.

c) Dous empregados públicos da Axencia Galega de Innovación, actuando un deles como secretario, con voz e sen voto.

2. A comisión realizará a selección de acordo co informe de avaliación realizado para cada solicitude, conforme os criterios de valoración establecidos no artigo seguinte.

Proporase a concesión das solicitudes por orde decrecente de valoración ata esgotar os créditos dispoñibles, e quedarán, de ser o caso, como suplentes aquelas para as cales non se dispón de crédito suficiente, pero que acadaron unha puntuación igual ou superior á puntuación mínima requirida.

3. A Comisión de Selección emitirá un informe final no cal figurarán, de xeito individualizado, as solicitudes propostas para obter a subvención, especificándose a avaliación que lles corresponde. Así mesmo, indicarase o importe da subvención para cada unha delas sen superar o crédito dispoñible.

Artigo 21. Criterios de valoración

A avaliación de cada solicitude que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria será realizada por xestores/as técnicos/as da Gain, que contarán co apoio de persoal experto externo.

1. A valoración de cada proxecto presentado que reúna os requisitos exixidos nesta convocatoria será realizarada sobre un total de 100 puntos, que se outorgarán atendendo á súa excelencia, á súa proposta de implementación e o seu potencial impacto, segundo os seguintes criterios de valoración:

2. Desagregación dos criterios de valoración:

A) Excelencia científico-técnica (líña 1-(IN852D) ou innovadora (liña 2-(IN852E) (máximo 25 puntos).

A.1) Grao de excelencia (liña 1-(IN852D) ou de innovación (liña 2-(IN852E) dos obxectivos tecnolóxicos do proxecto (máximo 12,5 puntos).

A.2) Calidade e claridade da memoria técnica do proxecto. Viabilidade técnica da proposta (máximo 12,5 puntos).

B) implementación do proxecto (máximo 35 puntos).

B.1) Modalidade en que se desenvolve o proxecto: proxecto individual ou en colaboración (2,5 puntos no caso de proxectos en colaboración).

B.2) Capacidade técnica e económico-financeira da entidade solicitante/ou da agrupación (no caso de proxectos en colaboración) para o desenvolvemento do proxecto (máximo 6 puntos).

B.3) Valoración da metodoloxía. Valorarase de xeito especial a adecuación da planificación proposta para o desenvolvemento rápido do proxecto (máximo 6 puntos).

B.4) Integración eficiente no plan de traballo de tecnoloxías dixitais consideradas estratéxicas para o tecido galego (máximo 6 puntos).

B.5) Adecuación e xustificación do orzamento ao plan de traballo do proxecto (máximo 6 puntos).

B.6) Integración das pemes no proxecto. No caso de grandes empresas, xustificación do efecto tractor que exercerá o proxecto sobre as pemes (máximo 6 puntos).

B.7) Grao de cooperación con outros axentes do Sistema galego de innovación. Colaboracións con organismos de investigación (máximo 2,5 puntos).

C) Impacto do proxecto (máximo 40 puntos).

C.1. Tecnolóxico (máximo 10 puntos):

C.1.2. Adecuación dos obxectivos de mercado. Viabilidade da proposta de explotación dos resultados. Plan de xestión da propiedade industrial (máximo 10 puntos).

C.2. Impacto da proposta para facer fronte á pandemia da COVID-19 no territorio galego (máximo 20 puntos).

C.2.1. Contribución do proxecto á recuperación de sectores especialmente afectados pola pandemia (máximo 5 puntos).

C.2.2. Contribución do proxecto a preparar unha recuperación da economía galega, considerando a súa potencial repercusión na transición dixital das pemes no marco dos ámbitos estratéxicos dos hubs de innovación dixital (máximo 5 puntos).

C.2.3. Sinerxías e complementariedades con outras prioridades da recuperación (máximo 10 puntos):

C.2.3.1. Contribución do proxecto á transición verde (máximo 5 puntos).

C.2.3.2. Innovación responsable: fomento do equilibro de xénero, grao de compromiso coa cidadanía e as súas necesidades e aportación aos ODS (máximo 5 puntos).

C.3. Socioeconómico (máximo 10 puntos):

C.3.1. Grao de mobilización do investimento privado (máximo 5 puntos).

C.3.2. Xeración de emprego de calidade. Terase en conta a estabilidade do persoal da entidade dedicado a tarefas de I+D+i, así como o número e a duración dos novos contratos (máximo 5 puntos).

Para que unha solicitude poida ser financiada, deberá ter unha nota final igual ou superior aos 65 puntos.

3. De cada proxecto faranse dúas avaliacións realizadas por asesores científicos externos que sexan especialistas na materia a que o proxecto se refira. Estes asesores avaliarán: a excelencia, a proposta de implementación do proxecto e o seu impacto tecnolóxico. Establecerase un panel de coordinación para unificar os criterios dos avaliadores.

No caso de que a diferenza entre as puntuacións das avaliacións externas sexa inferior a 15 puntos, a nota final corresponderá á media aritmética das dúas avaliacións. De existir unha discrepancia de 15 puntos ou máis entre as dúas avaliacións externas, un terceiro avaliador externo deberá corrixir a dita puntuación, de xeito que esta quede sempre comprendida entre as notas inferior ou superior outorgadas polos outros dous asesores científicos externos.

O xestor técnico da Axencia Galega de Innovación a que se lle encomende o proxecto avaliará o seu impacto socioeconómico na economía galega e para facer fronte á pandemia da COVID-19, e emitirá un informe técnico en que se determinará o custo subvencionable do proxecto e a intensidade de axuda que lle corresponde, segundo o establecido no artigo 6.

Deberán absterse de avaliar un proxecto aquelas persoas que estean vinculadas con el por calquera circunstancia, ás que lles son de aplicación, ademais, as causas de abstención e recusación previstas nos artigos 23 e 24 da Lei 40/2015.

6. No caso de empate nas puntuacións, como criterio de desempate terán preferencia as propostas cunha maior puntuación na epígrafe de impacto. No caso de persistir o empate, terase en conta a puntuación obtida no criterio de implantación.

Artigo 22. Audiencia

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución en cada unha das liñas desta convocatoria, porase de manifesto aos interesados para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

2. Poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

Artigo 23. Resolución e notificación

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a proposta de resolución e o informe emitido pola Comisión de Selección á directora da Axencia Galega de Innovación para ditar a resolución de concesión, que deberá estar debidamente motivada.

Na proposta de resolución figurarán de xeito individualizado as solicitudes propostas para obteren a subvención e especificarase a avaliación que lles corresponde segundo os criterios recollidos nestas bases reguladoras. Indicarase, así mesmo, o importe da subvención para cada unha delas.

2. Á vista da proposta formulada e segundo o que dispón o artigo 21.4 da Lei 9/2007, ao non seren tidos en conta outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polos interesados, a directora da Axencia Galega de Innovación ditará as correspondentes resolucións definitivas de concesión ou denegación, que serán motivadas de acordo cos criterios de valoración establecidos.

3. As resolucións expresarán, cando menos:

a) A relación de entidades beneficiarias da axuda.

b) O importe global da axuda para cada entidade e a desagregación do dito importe por anualidades.

c) A lista de solicitudes denegadas, xunto coa súa causa de denegación.

d) A desestimación expresa do resto das solicitudes.

4. En todo caso, deberá notificarse a cada beneficiario un documento en que deberán figurar, como mínimo, a identificación do beneficiario, a contía da subvención e obrigas que correspondan, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse coa axuda, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa comunitaria para a selección de operacións que debe conter o documento polo que se establecen as condicións de axuda (DECA).

5. A aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión das entidades beneficiarias na lista de operacións, que se publicará no portal da Dirección Xeral de Fondos Comunitarios do Ministerio de Facenda, co contido previsto no punto 1 do anexo XII e o artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013:

https://www.dgfc.sepg.hacienda.gob.es/sitios/dgfc/es-

ES/loFeder 1420/porFeder /Paginas/inicio.aspx

6. No expediente da subvención tamén se fará constar o informe do órgano instrutor en que conste que da información que ten no seu poder se desprende que os beneficiarios cumpren os requisitos necesarios para acceder ás axudas.

7. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de cinco meses, contados a partir do día seguinte ao de remate do prazo para a presentación de solicitudes, e sempre anterior ao 30 de decembro de 2021. De non mediar resolución expresa no dito prazo mediante a publicación da correspondente resolución no Diario Oficial de Galicia, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

8. Todas as resolucións serán notificadas de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, a notificación individual de concesión da axuda poderase acompañar tamén coa publicación no Diario Oficial de Galicia e na páxina web http://gain.xunta.gal, con indicación da data da convocatoria, do beneficiario, da cantidade concedida e da finalidade da axuda outorgada.

Artigo 24. Modificación da resolución

1. As actuacións subvencionadas deben executarse no tempo e forma que se determinen nas resolucións de concesión, e deberase obter a autorización previa da Axencia Galega de Innovación para realizar cambios no proxecto.

2. Cando xurdan circunstancias concretas que alteren as condicións técnicas ou económicas tidas en conta para a concesión da axuda, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión polo órgano concedente.

3. Tamén se poderá acordar a modificación da resolución de concesión por instancia do beneficiario se se cumpren os seguintes requisitos:

a) Que a modificación sexa autorizada expresamente polo órgano concedente.

b) Que a modificación non afecte os obxectivos perseguidos coa axuda, os seus aspectos fundamentais ou que fosen determinantes para a concesión da axuda, á determinación do beneficiario, nin dan dereitos de terceiros.

c) Que as modificacións obedezan a causas sobrevidas que non puideron preverse no momento da solicitude. Os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non poderían supor a denegación da subvención nin poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, teñan lugar con posterioridade a ela.

Permitiranse, sen necesidade de autorización previa polo órgano concedente, incrementos que non superen o 20 % dos conceptos subvencionables de axuda que figuren na resolución de concesión, sempre que se compensen con diminucións doutros, que non afecte custos de persoal e que non se altere o importe total da anualidade e da axuda no seu conxunto. O beneficiario deberá acreditar debidamente o cambio na documentación de xustificación presentada.

4. A solicitude de modificación debe ser formulada polo representante legal da entidade beneficiaria, expresando os motivos dos cambios que se propoñen e xustificando a imposibilidade de cumprir as condicións expostas na resolución de concesión.

Salvo naqueles supostos en que proceda a aplicación do establecido no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, non se admitirán cambios con data anterior á entrada en rexistro da solicitude de modificación.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado pola directora da Axencia Galega de Innovación, logo da instrución do correspondente expediente, no cal se lle dará audiencia ao interesado. A autorización da modificación deberá realizarse de forma expresa, e notificaráselle ao interesado.

6. Para os efectos de facilitar a xestión do orzamento adxudicado, poderase solicitar unha redistribución entre as anualidades concedidas, cun límite do vinte por cento do custo concedido para cada anualidade, variando proporcionalmente a seguinte anualidade orzada. Esta redistribución deberá ser solicitada antes do 1 de setembro no caso da anualidade 2022. Na anualidade 2023 esta redistribución non poderá solicitarse.

Artigo 25. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se publicará na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal) (anexo XVII), así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A directora da Axencia Galega de Innovación ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da dita norma.

Artigo 26. Réxime de recursos

1. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta convocatoria, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpor recurso de alzada, no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, ante o presidente da Axencia Galega de Innovación, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015.

2. Contra as resolucións de reintegro, que poñen fin á vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se o acto non for expreso, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor o recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo co previsto nesta resolución, se produzan os efectos do silencio administrativo. Todo isto segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015.

Artigo 27. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como daqueloutras específicas que se indican nesta convocatoria, os beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución quedan obrigados a:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención e a acreditalo ante o órgano concedente, así como ao cumprimento dos requisitos, os prazos e das condicións establecidos nas normas reguladoras, na convocatoria e na resolución de concesión, e no documento no cal se establecen as condicións da axuda.

b) Xustificar ante a Axencia Galega de Innovación, de acordo co previsto nestas bases e na normativa reguladora de subvencións, o cumprimento dos requisitos e condicións, a realización da actividade e dos gastos subvencionables e o cumprimento da finalidade que determinan a concesión e desfrute da subvención.

c) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto de casos previstos na Lei 9/2007.

d) Subministrarlle á Administración, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento das obrigas previstas na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

e) Cumprir a normativa aplicable ao Feder, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 e o Regulamento (UE) nº 1301/2013, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

f) Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión, ás comprobacións do artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

g) Comunicarlle á Axencia Galega de Innovación a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar a un procedemento de reintegro.

h) Desenvolver as actividades financiadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

i) Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención, que non poderá ser inferior a cinco anos en caso de bens inscritibles nun rexistro público, nin a dous anos para o resto de bens. No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida. Isto debe ser obxecto de inscrición no rexistro público correspondente. Esta condición non impedirá a substitución de instalacións ou equipamentos que queden obsoletos, dentro do prazo indicado, debido á rápida evolución da tecnoloxía, sempre que a actividade económica se manteña en Galicia durante ese período.

k) Solicitarlle á Axencia Galega de Innovación autorización para realizar aquelas modificacións no desenvolvemento das actuacións aprobadas que estean suxeitas a autorización previa. A realización de modificacións non autorizadas no orzamento financiable suporá a non admisión das cantidades desviadas.

l) Dar publicidade ás axudas recibidas nos contratos de servizos, así como en calquera outro convenio ou contrato relacionado coa execución da actuación, incluída a subcontratación, e en axudas, publicacións, relatorios, equipamentos, material inventariable e actividades de difusión de resultados financiadas con elas, mencionando expresamente a súa orixe e o cofinanciamento con fondos estruturais da Unión Europea. Ademais, deberán publicar a concesión da axuda na páxina web e mantela actualizada. Na páxina web deberán figurar, como mínimo, os obxectivos e os principais avances. Concretamente, na documentación, carteis, propaganda ou publicacións que se elaboren para a súa difusión pública deberá figurar o logotipo da Axencia Galega de Innovación e a frase «Subvencionado pola Axencia Galega de Innovación», así como cofinanciado con cargo aos fondos Feder. Así mesmo, deberá informarse que foi apoiado pola Xunta de Galicia.

As instrucións detalladas relativas ás obrigas de publicidade da axuda estarán á disposición na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), na súa epígrafe de axudas.

m) Realizar un evento de difusión á finalización do proxecto para expor os resultados non suxeitos a confidencialidade, así como outras accións de comunicación. Sempre deberá pór de manifesto o apoio do Feder e da Xunta de Galicia.

n) Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, punto 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e atendendo ao sinalado no capítulo II do Regulamento de execución (UE) nº 821/2014 da Comisión, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1303/2013, o beneficiario deberá, durante a realización da operación:

1. Recoñecer o apoio do Feder á operación mostrando en todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo o emblema da Unión, así como referencias á Unión Europea, ao Fondo Feder e unha mención a que a operación está financiada como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19. Tamén se incluirá o lema «Unha maneira de facer Europa».

2. Informar o público do apoio obtido do Feder durante a realización do proxecto facendo unha breve descrición na páxina web da entidade beneficiaria, de xeito proporcionado ao nivel de apoio prestado, cos seus obxectivos e resultados, e destacando o apoio financeiro da Unión. Cando se mencione o Fondo Feder completarase cunha referencia relativa a que se financia como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19.

3. Colocar durante a execución do proxecto nun lugar visible un cartel informativo, de tamaño A3, para informar o público do apoio obtido. Ademais, no caso de que o proxecto consista na compra dalgún obxecto físico e o custo total subvencionable sexa superior aos 500.000 euros deberá colocarse, nun lugar ben visible para o público, unha placa permanente de tamaño significativo. O cartel informativo e a placa permanente indicarán o nome e o obxectivo principal da operación e elaboraranse de acordo coas características técnicas adoptadas pola Comisión no Regulamento de execución (UE) nº 821/2014, do 28 de xullo de 2014, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 1302/2013. Pode ademais consultarse a Guía de comunicación do PO Feder Galicia 2014-2020, no seguinte enderezo:

http://www.fondoseuropeos.gal/documents/12405111/20497915/GuiaComunicacion_1420_20170208/0f6734e4-f57-4e6e-bb47-003c30dd21db

4. No caso de persoal de nova contratación, farase mención expresa no contrato ao cofinanciamento Feder no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (obxectivo específico OE OE 20.1.1- OE REACT-UE 1), como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19 e a presente convocatoria.

Para o resto de persoal dedicado ás actividades financiadas, o beneficiario deberá comunicar por escrito ao traballador que parte do seu salario está a ser cofinanciado con fondos Feder no marco do eixe REACT-UE do programa operativo Feder Galicia 2014-2020 (obxectivo específico OE OE 20.1.1- OE REACT-UE 1) como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, e incluirá unha mención expresa ao nome da proposta financiada, a presente convocatoria e a porcentaxe de imputación do seu tempo ás actividades financiadas.

ñ) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta resolución.

o) Conservar os libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como a documentación xustificativa da realización e aboamento dos gastos e investimentos subvencionables durante un período de 3 anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas anuais en que estean incluídos os gastos da operación (artigo 125.4.d) e 140.1 do Regulamento 1303/2013).

O órgano concedente informará o beneficiario da data de inicio a que se refire esta obriga.

p) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a avaliación do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia e a Estratexia galega de hubs de innovación dixital ou outros instrumentos relacionados coa medición da innovación. No marco do Plan de avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na compilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias, así como o seu nivel de satisfacción co apoio recibido. Para tales efectos, e por indicación da Axencia Galega de Innovación, durante a execución e ao finalizar da axuda (ex-post), os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os cales se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+I e os de produtividade do proxecto.

q) Asistir a unha xornada formativa impartida pola Axencia Galega de Innovación sobre as obrigas desta axuda e outros aspectos relacionados cos obxectivos da Axencia, para o cal será convocado expresamente con antelación. Á dita xornada deberá acudir, como mínimo, unha persoa pertencente ao cadro de persoal do beneficiario vinculada ás tarefas de innovación.

r) Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiadas total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá pór os feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-

comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

s) No caso de organismos de investigación, deberá contar cunha contabilidade separada de actividades económicas e non económicas e quedan obrigados a destinar a axuda recibida soamente a actividades non económicas.

t) Calquera outra obriga imposta de maneira expresa aos beneficiarios na resolución de concesión ou no documento en que se establecen as condicións da axuda.

Artigo 28. Xustificación da subvención

1. Para ter dereito ao pagamento da axuda deberá presentarse electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, a documentación xustificativa da subvención utilizando os formularios dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal. No caso de proxectos en cooperación, a entidade líder do proxecto, como representante da agrupación, farao para todos os socios.

2. Prazos de xustificación:

2.1. Períodos de emisión das facturas (realización de gastos) e realización de pagamentos dos gastos executados:

– Primeira anualidade: desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de decembro de 2021.

– Segunda anualidade: desde o 1 de xaneiro de 2022 ata o 30 de decembro de 2022.

– Terceira anualidade: desde o 1 de xaneiro de 2023 ata o 30 de abril de 2023.

2.2. Prazos de presentación da documentación:

– Primeira anualidade: ata o 31 de marzo de 2022.

– Segunda anualidade: ata o 31 de marzo de 2023.

– Terceira anualidade: ata o 15 de maio de 2023.

Exceptúanse desta regra xeral aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior por se axustaren aos calendarios de recadación, como os ingresos á conta do IRPF ou cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. A entidade subvencionada quedará obrigada a presentar os documentos acreditativos do seu pagamento antes de finalizar o mes en que ao beneficiario lle corresponde liquidar eses gastos.

3. Debe presentarse a documentación económica xustificativa do custo das actividades e a documentación técnica.

As instrucións detalladas e os formularios correspondentes para a presentación da documentación xustificativa estarán dispoñibles na páxina web da Axencia Galega de Innovación (http://gain.xunta.gal), e será preciso presentar a documentación de xeito ordenado seguindo a estrutura establecida nas instrucións.

4. Sen prexuízo da documentación indicada nos artigos seguintes, poderá requirirse que se acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

5. Se transcorrido o prazo establecido para a xustificación da subvención a entidade non presenta a documentación pertinente segundo o indicado, a Axencia Galega de Innovación requiriraa para que no prazo improrrogable de dez días a presente, e advírtelle que a falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

Artigo 29. Documentación xustificativa económica

1. Resumo global de execución do proxecto e a documentación que se detalle nos puntos seguintes. No caso de proxectos en colaboración, o líder deberá presentar un resumo global de execución para a totalidade do proxecto e unha carpeta separada por cada un dos membros da agrupación en que conste esta documentación:

a) No caso da liña 1 (IN852D), declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade e custos e axudas do marco temporal (anexo XIX). No caso da liña 2 (IN852E), declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade e custos e axudas de minimis (anexo XX).

Todos os modelos estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal e na páxina web da Axencia Galega de Innovación
http://gain.xunta.gal. De ser o caso, deberá achegarse unha copia da resolución da concesión desas outras axudas concedidas para a mesma finalidade e custos.

b) Certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de economía e facenda da Xunta de Galicia, conforme os beneficiarios están ao día nas súas obrigas tributarias, no caso de que se opoñan á súa consulta por parte do órgano xestor.

c) Un resumo da execución do proxecto en que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos xustificantes presentados agrupados por conceptos de gasto.

d) De ser o caso, indicación por concepto subvencionable das cantidades inicialmente orzadas e as súas desviacións de forma xustificada.

e) Documentación xustificativa do investimento: documentos acreditativos dos gastos consistentes en facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico-mercantil ou con eficacia administrativa, segundo o establecido no artigo 28.3 da Lei 9/2007, e no artigo 48 do Decreto 11/2009. As facturas deberán conter suficiente información que permita relacionala co gasto xustificado.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia dos documentos orixinais en papel.

f) Documentación xustificativa do pagamento: os pagamentos xustificaranse con orixinais ou copia de transferencias bancarias, certificacións bancarias, extractos bancarios, ou documentos obtidos a través da banca electrónica. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

Debe terse en conta que, de ser o caso, non deberán achegarse as facturas acreditativas dos custos realizados con anterioridade á data de elixibilidade do gasto, dado que non son financiables.

Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, o número e a satisfacción do importe total da factura de maneira íntegra, así como o concepto a que se refiren. No caso en que no documento de pagamento non se faga referencia ás facturas, deberá ir acompañado da documentación complementaria que permita verificar a correspondencia entre gasto e pagamento.

No caso en que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas, xuntarase unha relación detallada delas en que se poida apreciar que o pagamento se corresponde coas ditas facturas. No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, será necesario achegar o correspondente extracto bancario xunto coa orde de pagamento da entidade coa relación detallada das facturas.

En ningún caso se admitirán pagamentos xustificados mediante recibos do provedor nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

Non serán subvencionables partes de gastos que non estean íntegra e correctamente xustificados consonte o establecido nos parágrafos anteriores.

g) Para a xustificación do custo de persoal destinado ao proxecto deberá achegarse:

1º. Certificación dos custos de persoal emitida polo responsable de recursos humanos co visto e prace do representante legal da entidade, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ás actividades do proxecto, que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na entidade, retribución bruta e líquida mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo ao organismo de investigación/empresa, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado (retribucións e Seguridade Social) segundo a dedicación de cada traballador ás actividades do proxecto.

2º. Follas mensuais comprensivas da totalidade das horas efectivamente dedicadas ao proxecto subvencionado asinadas por cada traballador/a e a persoa responsable da entidade. Con estas follas xuntarase cun resumo onde conste o número total de horas efectivamente dedicadas ao programa no período subvencionable (total de meses e de traballadores).

3º. Xustificación da comunicación por escrito ao traballador de que parte do seu salario está a ser cofinanciado con fondos Feder, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

4º. Declaración asinada polo responsable de recursos humanos cos importes mensuais de retencións do IRPF dos traballadores dedicados ás actividades do proxecto, xunto cos modelos 111 e os seus correspondentes xustificantes bancarios. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe considerarase xustificado coa presentación da citada declaración, e quedan as entidades obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo de dous meses desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria.

5º. Copias das nóminas do persoal dedicado ás actividades do proxecto e copias dos xustificantes bancarios do seu pagamento. Nos xustificantes de pagamento das nóminas deberán vir detallados os seus receptores, así como as cantidades percibidas por cada un deles. Cando a documentación xustificativa deste gasto conste dun xustificante bancario da remesa total mensual, deberá achegarse a listaxe da orde de transferencia en que se detallen os distintos traballadores incluídos.

6º. Boletíns de cotización á Seguridade Social e os seus xustificantes de pagamento. Nos documentos correspondentes a cotas liquidables con posterioridade á data de xustificación, as entidades quedarán obrigadas a presentar os documentos acreditativos da súa liquidación no prazo máximo de dous meses desde a data límite de xustificación establecida na convocatoria.

7º. Informe de vida laboral referida á data de finalización do prazo de xustificación e que comprenda toda a anualidade. No caso de persoal autónomo, certificado de vida laboral referida á data de finalización do prazo de xustificación.

8º. No caso de persoal de nova contratación, deberá achegarse copia do contrato de traballo en que poida verificarse a exclusividade ao proxecto e o resto dos requisitos exixidos nesta convocatoria, xunto coa certificación da súa titulación académica

9º. Declaración responsable da non participación do persoal dedicado ao proxecto, financiado con cargo ás axudas desta convocatoria, noutras actividades/proxectos financiados con axudas procedentes de calquera Administración pública ou, en caso contrario, declaración responsable de non superar, conxuntamente coa dedicación ao proxecto, a porcentaxe do 100 %, utilizando o modelo (anexo XXI) que está dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web da Axencia Galega de Innovación http://gain.xunta.gal

h) Cando o importe do gasto subvencionable iguale ou supere a contía de 15.000 euros, o beneficiario deberá presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación do compromiso da prestación de servizo ou entrega do ben, salvo que polas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que os realicen, presten ou subministren, ou salvo que o gasto fose realizado con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán presentarse na xustificación, deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non será preceptiva a presentación das tres ofertas cando o gasto fose realizado con anterioridade á presentación da solicitude da axuda.

No caso de que un organismo de investigación beneficiario estea suxeito á Lei 9/2017 de contratos do sector público, deberá respectar no que proceda a citada normativa nos procedementos de contratación pública.

i) No caso de equipamento e material instrumental, declaración asinada polo representante legal de cada entidade en que se detalle:

1º. Que o equipamento e material instrumental imputado á subvención non foi adquirido con fondos ou axudas públicas.

2º. De ser o caso, o cadro de amortización de cada equipo calculado sobre a base de boas prácticas contables, así como informe técnico sobre o período de amortización. En todo caso, esta documentación deberá acompañarse dos estados contables da entidade e dos correspondentes documentos xustificativos do gasto e pagamento da compra. A Axencia Galega de Innovación poderá comprobar a veracidade destes datos accedendo, en calquera momento, aos documentos contables da entidade.

k) No caso de alugamento ou leasing, será necesario achegar o contrato, as facturas e os documentos de pagamento das cotas correspondentes ao período de execución do proxecto.

l) No caso das subcontratacións, deberá achegarse a seguinte documentación:

1º. Copia da/s factura/s emitida/s pola entidade subcontratada ao beneficiario en que se especifique claramente o título do proxecto financiado e o contido das actividades do proxecto financiadas.

2º. Xustificante de pagamento da/s factura/s da subcontratación.

3º. Memoria realizada polo subcontratista das súas actividades no proxecto, en que se debe incluír unha relación das persoas que participaron no proxecto, unha descrición específica das actividades realizadas por cada unha delas nel e a súa porcentaxe de dedicación ao proxecto.

m) No caso de organismos de investigación suxeitos á Lei 9/2017 de contratos do sector público, deberá achegarse certificación expedida pola secretaría do organismo en que se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública e na cal se faga referencia á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención.

2. Debido ás dificultades con que se están a encontrar nos rexistros da Xunta de Galicia para poder autenticar grandes volumes de documentación nos prazos exixidos dados os medios materiais e persoais de que dispoñen, será suficiente que nos prazos establecidos polas bases reguladoras se presente a través da sede electrónica toda a documentación exixida, xunto cunha declaración responsable sobre a súa autenticidade, sen prexuízo de que posteriormente se requira aquela documentación que non estea autenticada.

Artigo 30. Documentación xustificativa técnica

1. A documentación xustificativa técnica das actividades desenvolvidas constará de:

a) Informe técnico normalizado, segundo o modelo dispoñible na páxina web da Axencia Galega de Innovación.

b) Memoria redactada en formato libre sobre a evolución do proxecto, na cal deberá incluírse a xustificación do cumprimento das normas de publicidade do artigo 27.

c) Documentación xustificativa (documentación gráfica, fotografías ou calquera outro soporte probatorio) do cumprimento das obrigas de publicidade previstas nesta convocatoria, de conformidade co Regulamento (UE) nº 1303/2013 e co Regulamento de execución (UE) nº 821/2014.

Tanto o informe técnico como a memoria deberán presentarse en formato PDF e en soporte electrónico.

No caso de proxectos en colaboración, esta documentación técnica será única para todos os membros da agrupación e responsabilidade do líder.

Artigo 31. Pagamento

1. O pagamento farase efectivo, para cada anualidade, unha vez presentada e comprobada a correcta xustificación da execución do proxecto.

2. No caso de proxectos en colaboración, o pagamento efectuarase a cada un dos membros da agrupación que participan no proxecto.

3. Poderán realizarse pagamentos anticipados e á conta das subvencións recollidas nesta resolución. De acordo co estipulado no artigo 62.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e logo da autorización do Consello da Xunta de Galicia, estes pagamentos poderán superar o 80 % da axuda concedida.

Estes pagamentos están exentos da presentación de garantías de acordo co establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, conforme á autorización do Consello da Xunta de Galicia.

4. Pagamentos anticipados:

Para a realización de pagamentos anticipados, a entidade beneficiaria deberá presentar solicitude motivada.

De acordo co establecido no artigo 63.3 do Decreto 11/2009, conforme a autorización do Consello da Xunta de Galicia, os pagamentos anticipados axustaranse ás seguintes condicións:

a) Para os proxectos que rematen nos anos 2021 e 2022, os pagamentos anticipados acadarán o 100 % da subvención concedida, é dicir, aboaranse integramente de forma anticipada as anualidades correspondentes.

b) Para os proxectos que rematen no ano 2023, as anualidades 2021 e 2022 pagaranse de forma anticipada. Para a anualidade 2023 poderán realizarse pagamentos anticipados e pagamentos á conta sempre que estes pagamentos xunto cos realizados nas anualidades anteriores non superen o 80 % da subvención concedida.

En ambos os casos, os anticipos non poderán superar o importe da anualidade correspondente.

5. Rematado o proxecto, a Axencia Galega de Innovación comprobará, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007, a xustificación adecuada da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención, e é obrigatoria a realización dunha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación a todos las entidades/membros da agrupación. Logo desta visita, efectuarase unha avaliación do proxecto presentado e valorado na solicitude, e emitirase un informe en que se indique o grao de cumprimento e se foi:

a) Excelente.

b) Positivo.

c) Negativo se non se conseguen as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto inicial por un baixo desempeño ou deficiente organización. Neste caso, no caso de proxectos en colaboración deberá cuantificarse a porcentaxe de incumprimento de cada entidade participante da agrupación.

Se pola situación excepcional creada pola epidemia da COVID-19 non é oportuno realizar a inspección in situ, transitoriamente poderá substituírse pola entrega de xustificación documental en que se constate, de forma razoable e suficiente, a realización da actividade subvencionada, e no caso de activos tanxibles polo envío de materiais fotográficos por parte do beneficiario, de modo que se poida comprobar o correcto funcionamento destes e as súas características, número de serie e o cumprimento dos requisitos de publicidade da normativa Feder, sen prexuízo de que posteriormente, cando sexa posible, se efectúe a dita inspección».

Artigo 32. Garantías

No caso de pagamentos á conta ou anticipos, non se precisará a presentación de garantías de acordo co disposto nos artigos 65.4 e 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 33. Perda do dereito ao cobramento da subvención

1. É causa de perda do dereito ao cobramento da subvención o incumprimento do beneficiario da súa obriga de estar ao día nas súas obrigas coa Facenda estatal e autonómica, e coa Seguridade Social.

2. Así mesmo, son causas de perda do dereito ao cobramento da subvención as previstas como causas de reintegro se non se tivese aboada a axuda.

3. O procedemento para declarar a perda do dereito ao cobramento da subvención é o establecido para o reintegro.

Artigo 34. Causas de reintegro

A entidade beneficiaria deberá cumprir cos obxectivos, actividades e comportamentos que fundamenten a concesión da axuda, así como cos compromisos asumidos durante o tempo de duración da axuda. De non ser así, perderá o dereito ao seu cobramento e/ou, de ser o caso, procederá ao reintegro da subvención.

Tamén deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención e aos xuros de demora correspondentes desde o momento do seu pagamento ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos nos artigos 32 e seguintes da Lei 9/2007. Para facer efectiva esta devolución, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto na citada lei e no Decreto 11/2009.

Son causas de reintegro as seguintes:

a) O falseamento, inexactitude ou omisión dos datos fornecidos polo beneficiario que servisen de base para a concesión da axuda, ou a ocultación daqueles datos cal a impedisen.

b) O incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, tarefas, compromisos ou condicións do proxecto inicial ou da finalidade para a cal a axuda foi concedida.

c) O incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, xustificación fóra do prazo establecido, falsidade, terxiversación ou ocultación nos datos ou documentos que serven de base para xustificar os investimentos subvencionables, ou outras obrigas impostas na resolución de concesión da axuda.

d) O incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo 30 desta resolución.

e) No caso de organismos de investigación, o incumprimento das obrigas de:

– Non destinar a axuda recibida ao financiamento de actividades de natureza económica.

– No caso en que leve, a cabo tanto actividades económicas como non económicas, non contabilizar por separado o financiamento, os custos e os ingresos das ditas actividades.

– Dotar as empresas que poidan exercer influencia decisiva, en calidade de accionistas ou membros, de acceso preferente aos resultados que se xeren.

f) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

g) A obtención de financiamento de distintas procedencias ou concorrencia de subvencións por riba do custo das actividades subvencionadas.

h) Calquera das demais causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007.

Artigo 35. Gradación dos incumprimentos

1. O incumprimento total dos fins para os cales se concedeu a axuda, determinado a través dos mecanismos de seguimento e control, da realización do proxecto ou da obriga de xustificación, será causa de perda do dereito ao cobramento ou de reintegro total da subvención.

En particular, consideraranse incumpridos os obxectivos da axuda cando non se xustifique polo menos o 60 % dos custos previstos no proxecto.

2. O incumprimento parcial dos obxectivos ou a non execución de actividades concretas do proxecto darán lugar á perda parcial do dereito ao cobramento da subvención nas porcentaxes que se determinen nos parágrafos seguintes ou, de ser o caso, ao reintegro parcial da subvención.

O alcance do incumprimento determinarase en proporción ao investimento deixado de practicar ou practicado indebidamente, e minorarase a subvención proporcionalmente.

3. Nos seguintes casos de incumprimento reducirase a intensidade da axuda do seguinte xeito:

a) Se se incumprise a obriga de dar publicidade do financiamento do proxecto, consonte o establecido nesta resolución, ou a obriga de comunicar a obtención doutras axudas para o mesmo proxecto, aplicarase un factor de corrección do 0,95.

b) Se se incumprisen as tarefas, compromisos, obxectivos ou condicións do proxecto, dando lugar a un informe final negativo, o incumprimento valorarase en función deste e suporá a aplicación dun factor de corrección igual á porcentaxe de incumprimento sinalada no informe técnico.

A concorrencia de distintas causas de incumprimento dará lugar á apreciación conxunta destas, aplicando á intensidade da axuda o factor que resulte do produto de todos os factores de corrección. No caso de que algún dos factores de corrección sexa negativo, a intensidade da axuda será cero.

A aplicación do factor de corrección realizarase coa revisión da xustificación da última anualidade e, de ser o caso, requirirase a entidade beneficiaria para que devolva os fondos percibidos indebidamente. A falta de devolución destes nos prazos requiridos dará lugar á incoación do expediente de reintegro, nos termos recollidos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no título V do Decreto 11/2009.

No caso das condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar na fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto soamente resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecten en controis posteriores ao pagamento por algún incumprimento relativo a estas obrigas.

Artigo 36. Procedemento de reintegro

1. Se aboada parte ou a totalidade da axuda acaecesen os motivos que se indican no artigo 34 desta resolución, incoarase o correspondente expediente de reintegro, o cal se tramitará conforme o previsto nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007.

2. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento de pagamento da axuda ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro.

3. O procedemento de reintegro de subvencións iniciarase de oficio por acordo do órgano concedente destas e comunicaráselle ao beneficiario a iniciación do procedemento de declaración de perda do dereito, ou de reintegro, e as causas que o fundamentan, seguindo o procedemento establecido para o reintegro nos artigos 37 e seguintes da Lei 9/2007, e 77 e seguintes do Decreto 11/2009.

4. A resolución do procedemento de reintegro porá fin á vía administrativa.

5. Sen prexuízo do anterior, aos beneficiarios das subvencións reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 e seguintes da Lei 9/2007 e no título VI do Decreto 11/2009.

Artigo 37. Prescrición

1. O dereito da Administración a recoñecer ou liquidar o reintegro prescribirá aos catro anos.

2. Este prazo computarase, en cada caso:

a) Desde o momento en que venceu o prazo para presentar a xustificación por parte do beneficiario.

b) Desde o momento da concesión, no suposto previsto no punto 9 do artigo 28 da Lei 9/2007.

c) No suposto de que se establecesen condicións ou obrigas que debesen ser cumpridas ou mantidas por parte do beneficiario ou da entidade colaboradora durante un período determinado de tempo, desde o momento en que venceu o dito prazo.

3. O cómputo do prazo de prescrición interromperase:

a) Por calquera acción da Administración realizada con coñecemento formal do beneficiario ou da entidade colaboradora que conduza a determinar a existencia dalgunha das causas de reintegro.

b) Pola interposición de recursos de calquera clase, pola remisión do tanto de culpa á xurisdición penal ou pola presentación de denuncia ante o Ministerio Fiscal, así como polas actuacións realizadas con coñecemento formal do beneficiario ou da entidade colaboradora no curso dos ditos recursos.

c) Por calquera actuación fidedigna do beneficiario ou da entidade colaboradora conducente á liquidación da subvención ou do reintegro.

Artigo 38. Control

1. A Axencia Galega de Innovación poderá facer as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento do obxectivo das subvencións.

2. A Axencia Galega de Innovación, polos medios que considere, poderá realizar en calquera momento aos beneficiarios as visitas, comprobacións e solicitudes de aclaracións que considere necesarias para o correcto desenvolvemento das actuacións financiadas, así como para acreditar o cumprimento das medidas de publicidade de orixe dos fondos. Se se constata unha incorrecta utilización dos fondos ou desvío dos obxectivos, proporase o reintegro da subvención concedida.

3. Así mesmo, no caso de axudas plurianuais, a Axencia Galega de Innovación poderá convocar anualmente os beneficiarios a unha entrevista para coñecer a planificación das actividades en curso e valorar a consecución dos obxectivos e resultados do ano anterior.

4. Previamente ao pagamento final da subvención, será obrigatorio realizar unha actividade de inspección por parte da Axencia Galega de Innovación. Ademais desta actividade final de inspección, a axencia, no marco do seu plan anual de inspección, poderá realizar as visitas e comprobacións iniciais, intermedias e finais que considere convenientes.

5. Conforme o sinalado no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso de subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento pola Axencia Galega de Innovación e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración como polo beneficiario.

6. Ademais do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercidos pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, ás da autoridade de xestión do programa operativo Feder , así como ás verificacións do artigo 125.5 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 39. Normativa aplicable

As axudas obxecto desta convocatoria réxense polas normas comunitarias aplicables por razón do cofinanciamento pola Unión Europea e polas normas nacionais de desenvolvemento ou transposición destas. En particular, seralles de aplicación a seguinte normativa comunitaria:

a) Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda para a contención sanitaria da COVID-19, a través do apoio á I+D, ao desenvolvemento de infraestruturas de ensaio e ampliación de escala e á fabricación de produtos e materiais médicos necesarios, así como axudas urxentes en forma de aprazamento do pagamento de impostos e cotizacións á Seguridade Social e subsidios salariais para empregados para evitar reducións de cadro de persoal no contexto do actual gromo de COVID-19, aprobado pola Comisión Europea na súa Decisión SA.56851 (2020/N), do 24 de abril, e modificado polas decisións SA.57019, SA.58778, SA.59196, SA.60136, SA.59723 (2020/N) e SA.61875 (en diante, marco temporal nacional).

b) Regulamento 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

c) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

d) Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre as disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego, e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

e) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

f) Orden HAC/114/2021, de 5 de febreiro, pola que se modifica a Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

g) A Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia; o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e de xeito supletorio a normativa básica da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

h) Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

i) A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

k) Regulamento (UE) nº 2020/460 do Parlamento e o Consello, do 30 de marzo de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1301/2013, (UE) nº 1303/2013 e (UE) nº 508/2014, no relativo a medidas específicas para mobilizar investimentos nos sistemas de atención sanitaria dos Estados membros e noutros sectores das súas economías, en resposta ao brote de COVID-19 (Iniciativa de investimento en resposta ao coronavirus).

l) Regulamento (UE) nº 2020/558 do Parlamento e o Consello, do 23 de abril de 2020, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1301/2013 e (UE) nº 1303/2013 no que respecta a medidas específicas para ofrecer unha flexibilidade excepcional no uso dos fondos estruturais e de investimento europeos en resposta ao brote de COVID-19.

m) Regulamento (UE) nº 2020/2221, que establecía as normas e disposicións de execución referentes aos recursos adicionais achegados en calidade de axuda á recuperación para a cohesión e os territorios de Europa (REACT-UE), co fin de prestar asistencia para favorecer a reparación da crise no contexto da pandemia de COVID-19 e as súas consecuencias sociais e para preparar unha recuperación verde, dixital e resiliente da economía.

Artigo 40. Publicidade

No prazo máximo de tres meses, contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

Disposición adicional. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá pór os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitado para o efecto:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-

comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facúltase a directora da Axencia Galega de Innovación para que leve a cabo as actuacións que sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021

Patricia Argerey Vilar
Directora da Axencia Galega de Innovación

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO XVI

Índice de memorias técnicas

1. Resumo do proxecto.

2. Excelencia da proposta.

– Descrición dos obxectivos tecnolóxicos do proxecto de maneira xeral e específica. No caso de proxectos en cooperación, deberá especificarse para cada unha das entidades integrantes da agrupación.

– Antecedentes e estado da arte nacional e internacional. Xustificación da novidade que supón con respecto a estes antecedentes. Necesidade de abordar o proxecto.

– Xustificación da viabilidade técnica da proposta.

3. Implementación da proposta.

3.1. Descrición xeral da agrupación.

– Adecuación do proxecto ás actividades e estratexia da/s entidade/s solicitante/s con indicación dos antecedentes. Descrición das capacidades tecnolóxicas, comerciais e produtivas da/s entidade/s solicitante/s que aseguran a viabilidade do desenvolvemento do proxecto. Antecedentes que avalan esta capacidade.

– Xustificación do equilibrio e complementariedade entre as diferentes entidades da agrupación no caso de proxectos en colaboración.

– Xustificación da capacidade técnica dos membros do equipo tendo en conta os seus CV.

3.2. Descrición detallada do plan de traballo do proxecto:

– Identificación e descrición das principais fases/actividades técnicas do proxecto (paquetes de traballo con tarefas e subtarefas asociadas) con indicación para cada unha: dos seus obxectivos científico-técnicos específicos, das entidades participantes, dos resultados esperados e do seu orzamento e da integración de tecnoloxías dixitais.

– Cronograma das fases/actividades previstas (Gantt, PERT). Metodoloxía de execución das distintas tarefas e subtarefas descritas con indicación da súa interrelación.

No caso da liña 2, deberase describir o novo produto que se vai desenvolver, incluíndo a súa posible integración no sistema produtivo da/s entidade/s solicitante/s. Será necesario, ademais, detallar as normas e homologacións que terá que cumprir e a maneira prevista para conseguilas.

– Descrición da estrutura organizativa do proxecto. Mecanismos de control e seguimento do desenvolvemento das actividades.

– Descrición detallada das tarefas que van desenvolver organismos de I+D+i (centros tecnolóxicos, universidades, etc.) que se subcontraten, acreditando a necesidade desa subcontratación segundo a súa contribución e adecuación aos obxectivos e actuacións do proxecto.

– Descrición detallada da participación de pequenas empresas no proxecto. No caso de participar unha grande empresa deberá xustificarse a capacidade tractora do proxecto sobre pemes.

3.3. Xustificación do orzamento solicitado.

– Xustificación das distintas partidas en que se distribúe o orzamento do proxecto, detallado a nivel de socio no caso de proxectos en colaboración. Descrición dos aparellos e equipamentos de investigación que se van adquirir, dos materiais, das subcontratacións e doutro tipo de colaboracións técnicas, así como dos custos de persoal, xustificando a súa necesidade.

Deberanse describir de maneira detallada aquelas partidas de gasto xa executadas e xustificar a súa necesidade.

– Adecuación do orzamento ao tamaño e capacidade da/s entidade/s solicitante/s. Xustificación da solvencia financeira para asumir a execución do seu orzamento no proxecto.

4. Impacto.

4.1. Impacto tecnolóxico:

– Descrición detallada dos obxectivos de mercado do proxecto.

– Mercado potencial e plan de negocio previsto para a comercialización dos resultados de I+D+i do proxecto. Xustificación da capacidade da/s entidade/s solicitante/s para o seu desenvolvemento.

– Describir o impacto do proxecto na competitividade da/s entidade/s solicitante/s.

– Xustificación do impacto potencial do proxecto en mercados internacionais. Capacidade de internacionalización das empresas derivada do proxecto.

– Plan de continuidade de novos desenvolvementos na/s área/s estratéxica/s a que se orienta o proxecto.

– Plan de xestión da propiedade intelectual e industrial derivado do proxecto. Asignación de dereitos de propiedade sobre os resultados, mecanismos de protección previstos, etc.

4.2. Impacto para facer fronte á pandemia da COVID-19.

– Xustificación da contribución do proxecto:

• Á recuperación de sectores especialmente afectados pola pandemia.

• Á recuperación da economía galega, considerando a súa potencial repercusión na transición dixital das pemes nos ámbitos estratégicos dos hubs de innovación dixital.

• Sinerxías e complementariedades con outras prioridades da recuperación: transición verde e innovación responsable.

4.3. Impacto socioeconómico.

– Descrición do grao de mobilización do investimento privado derivado do proxecto.

– Descrición da creación de emprego de calidade para o desenvolvemento do proxecto e a derivada del detallando homes e mulleres.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO XXII

Convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Innovación e as entidades colaboradoras, Asociación para la Digitalización de la Industria de Galicia e asociación DIH Datalife, para o apoio na xestión da convocatoria para a selección de proxectos no marco do programa Conecta COVID

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021

Reunidos:

Dunha parte, Francisco José Conde López, conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e presidente da Axencia Galega de Innovación (en diante, Gain), actuando no exercicio das competencias que ten atribuídas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, modificada polas leis 11/1988, do 20 de outubro; 7/2002, do 27 de decembro; 2/2007, do 28 de marzo, e 12/2007, do 27 de xullo, e polo Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, modificado polo Decreto 15/2014, do 6 de febreiro.

Doutra parte, Juan Antonio Lloves Guntín, con NIF 36100892T-T, en nome e representación do hub Asociación para la Digitalización de la Industria de Galicia (NIF G-27877166), na súa calidade de presidente, en virtude de acta fundacional, con capacidade para asinar convenios segundo o artigo 33 dos estatutos da dita entidade.

Doutra parte, Pablo Álvarez Freire, con NIF 52495311-L, en nome e representación do hub Asociación DIH Datalife-Hub de Innovación Dixital Datalife (NIF G-70603063), na súa calidade de presidente, en virtude de Acta fundacional da Asociación, con capacidade para asinar convenios segundo o artigo 23, letra f), dos estatutos da dita entidade.

Ambas as partes recoñécense capacidade legal e xurídica suficiente para formalizar o presente convenio e para o efecto

Expoñen:

Primeiro

Que a Axencia Galega de Innovación é unha axencia pública autonómica encadrada nas entidades instrumentais do sector público autonómico reguladas no título III da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral do sector público autonómico, tal e como se recolle no Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos. A Axencia está adscrita á Consellería de Economía, Emprego e Industria e conta con personalidade xurídica propia diferenciada respecto da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, patrimonio e tesouraría propios e autonomía de xestión nos termos que precisen as leis.

Que os estatutos da Gain lle atribúen, entre outras funcións, as de ordenación, planificación, coordinación, execución e seguimento das competencias en materia de fomento da investigación que ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do establecido no artigo 27.19 do Estatuto de autonomía de Galicia; a promoción, a xestión e execución do Plan galego de investigación e innovación, asumindo a súa coordinación, seguimento e avaliación.

Así mesmo, de acordo cos seus estatutos, ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas, a través da posta en marcha de estratexias de innovación eficientes.

Para a consecución dos seus obxectivos, a Gain, de acordo co artigo 10 dos seus estatutos, poderá cooperar con outras administracións públicas, no ámbito das súas respectivas competencias e funcións, e con entes do sector privado, a través dos correspondentes convenios de colaboración.

Segundo

A Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia) define o marco para as políticas de investigación e innovación supeditando as prioridades de investimento a tres retos. Cada un destes retos ten asociadas unha serie de prioridades e liñas de acción específicas, aliñadas cos obxectivos e principais programas de innovación nacionais e europeos, entre os cales cabe destacar as respectivas axendas dixitais e o programa H2020.

Considerando este contexto, a Xunta de Galicia, de forma coherente e coordinada coas orientacións en materia de dixitalización e especialización intelixente da Comisión Europea, aposta por un modelo de hubs de innovación dixital que lle permitan á pequena e mediana empresa innovar a través das novas tecnoloxías, logrando ser así máis competitivas e gañar en tamaño. Así, a través de dinámicas de colaboración público-privada que agrupen e articulen de forma aberta todos os axentes do ecosistema de I+D+i en ámbitos estratéxicos para Galicia, búscase mellorar a competitividade da economía galega.

Os hubs de innovación dixital son estruturas funcionais de soporte que axudan as empresas para ser máis competitivas, a mellorar os seus procesos comerciais/de produción, así como os seus produtos e servizos a través das tecnoloxías dixitais.

Os hubs de innovación dixital permiten aliñar máis eficientemente o coñecemento coas necesidades do tecido empresarial e os mercados, facilítalle á industria o acceso a diferentes servizos de innovación que posibilitan unha adecuada integración de tecnoloxías emerxentes na súa estratexia de negocio. O enfoque tecnolóxico dos hubs de innovación dixital debe cubrir de forma prioritaria tecnoloxías que presenten un potencial importante para a industria, pero cunha taxa de penetración actual limitada.

Terceiro

Que a Gain ten previsto publicar proximamente as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de axudas para proxectos de I+D+i relacionados coa COVID-19 que favorezan a recuperación e a transición dixital das pemes galegas (programa Conecta COVID), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) dentro do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19. Estas axudas están dentro do marco da RIS3 Galicia.

Cuarto

Que o hub Asociación para la Digitalización de la Industria de Galicia (NIF G-27877166), constituído o 28 de novembro de 2019, é unha entidade sen ánimo de lucro con personalidade xurídica propia e con plena capacidade de obrar.

Que o hub Asociación DIH Datalife-Hub de Innovación Dixital Datalife (NIF G-70603063), constituído o 31 de outubro de 2019, é unha entidade sen ánimo de lucro con personalidade xurídica propia e con plena capacidade de obrar.

Quinto

Que segundo a Resolución do 5 de abril de 2019 (DOG do 3 de maio de 2019), os hubs Asociación para la Digitalización de la Industria de Galicia e Asociación DIH Datalife resultaron seleccionados na convocatoria (Resolución do 4 de decembro de 2018, publicada no DOG do 18 de decembro) para a selección de proxectos de hubs de innovación dixital que contribúan ao avance da Estratexia de especialización intelixente de Galicia (RIS3), recoñendo así o seu carácter estratéxico no marco da RIS3 Galicia.

Que o 16 de decembro de 2019 os hubs Asociación para la Digitalización de la Industria de Galicia e Asociación DIH Datalife asinaron cadanseu convenio de colaboración coa Gain para o financiamento das actuacións necesarias para a creación, definición, planificación e posta en marcha do hub de innovación dixital. A distribución do orzamento nas anualidades 2019 e 2020 deses convenios foi modificada nas respectivas addendas asinadas, en ambos os dous casos, o 31 de decembro de 2019.

Sexto

Que a selección dos hubs Asociación para la Digitalización de la Industria de Galicia e Asociación DIH Datalife na convocatoria sinalada no punto anterior implica o recoñecemento do seu carácter estratéxico por parte da Administración galega e, polo tanto, permite a súa participación como entidade colaboradora apoiando a GAIN na xestión da convocatoria para a selección de proxectos no marco do programa Conecta COVID.

Ambas as entidades xa participan como entidades colaboradoras no programa Conecta hub da Axencia Galega de Innovación.

Sétimo

Que as partes consideran que, co fin de asegurar a idoneidade destas axudas coa integración eficiente das tecnoloxías dixitais ao abeiro do modelo de especialización intelixente de Galicia, optimizando, pola súa vez, a contribución dos proxectos que se financien á transformación dixital das pemes galegas para avanzar na recuperación económica; e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir o presente convenio de colaboración, de conformidade coas seguintes

Cláusulas:

Primeira. Obxecto

O presente convenio ten por obxecto regular as condicións da colaboración entre a Axencia Galega de Innovación, a Asociación para la Digitalización de la Industria de Galicia e a Asociación DIH Datalife para a participación dos hubs asinantes, como entidades colaboradoras, apoiando a Gain na xestión da convocatoria para a selección de proxectos no marco do programa Conecta COVID.

Segunda. Entidades colaboradoras

Os hubs Asociación para la Digitalización de la Industria de Galicia e Asociación DIH Datalife actuarán como entidades colaboradoras, segundo o disposto no artigo 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia, apoiando a Gain na xestión da convocatoria para a selección de proxectos no marco do programa Conecta COVID. O obxectivo desta actuación é impulsar o papel dos hubs como axentes articuladores do Sistema galego de innovación, continuando co labor iniciado no programa Conecta hub, asegurando a coherencia dos apoios aos proxectos do programa Conecta COVID coas tecnoloxías dixitais ao abeiro do modelo de especialización intelixente de Galicia e a maximización a súa contribución á transformación dixital das pemes galegas para preparar unha recuperación dixital da economía galega.

Terceira. Descrición da participación como entidades colaboradoras

A participación, como entidades colaboradoras, da Asociación para la Digitalización de la Industria de Galicia e da Asociación DIH Datalife no programa Conecta COVID será efectiva nos ámbitos que se indican a continuación:

• Colaborando coa Gain na xestión da convocatoria para a selección de proxectos no marco do programa Conecta COVID. Esta actuación intégrase tamén no marco de traballo compartido ao abeiro dos respectivos convenios xa asinados coa Gain para optimizar o impacto do financiamento público ao supervisar a coherencia das propostas financiadas na convocatoria do programa Conecta COVID cos obxectivos estrátexicos e o Plan de explotación dos hubs.

• Colaborando coas empresas participantes na resolución de dúbidas que poidan ter en relación cos obxectivos, tecnoloxías e co desenvolvemento dos hubs.

• Difundindo a convocatoria e os seus resultados como entidade facilitadora próxima ao tecido produtivo.

Os hubs Asociación para la Digitalización de la Industria de Galicia e Asociación DIH Datalife emitirán os seguintes informes:

• Fase de selección de proxectos:

– O sentido do informe versará sobre a idoneidade ou a non idoneidade do proxecto en relación:

– Coa integración eficiente no plan de traballo do proxecto das tecnoloxías dixitais en que os hubs están especializados.

– Coa súa potencial contribución á transformación dixital das pemes galegas no seus ámbitos estratéxicos, así como a súa contribución a preparar unha recuperación dixital da economía galega.

– O informe solicitado deberá ser presentado no prazo de 20 días naturais, preceptivo pero non vinculante para a Administración.

– Sen prexuízo do anterior, a GAIN poderá solicitar toda documentación aclaratoria respecto dos informes emitidos, así como solicitar unha ampliación dos argumentos contidos nos informes, ou formular calquera dúbida necesaria para poder levar a cabo a avaliación dos proxectos.

• Fase de seguimento dos proxectos financiados: cada hub emitirá os informes individuais dos proxectos financiados que lle sexan asignados en relación coa coherencia do desenvolvemento de cada proxecto cos aspectos antes citados.

Cuarta. Obrigas de cada entidade colaboradora

Cada entidade colaboradora obrígase, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ao seguinte:

a) Redactar os informes e cumprir os demais aspectos da colaboración que se establecen nas cláusulas deste convenio e que se poderán concretar nas respectivas bases reguladoras e convocatoria do programa Conecta COVID.

b) Divulgar o programa Conecta COVID da Gain e dar publicidade á iniciativa mediante anuncios indicativos e visibles na páxina web, onde consten con notoriedade os logotipos da Xunta de Galicia e da GAIN.

c) Difundir os resultados dos proxectos que se desenvolvan no marco do programa Conecta COVID.

d) Presentar a documentación que a Gain considere necesaria para a correcta xestión e seguimento da convocatoria.

e) Cumprir as obrigas previstas para as entidades colaboradoras no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Cumprir as normas sobre confidencialidade de datos, concretamente a Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

g) Subministrar toda a información necesaria para que a Gain poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno. As consecuencias do incumprimento desta obriga serán as establecidas no artigo 4.4 da dita lei.

h) Dar consentimento expreso á Gain para incluír e facer públicos, nos rexistros regulados polo Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e sancións, os datos referidos ao presente convenio.

i) Consentir expresamente a utilización de medios electrónicos na comunicación entre a entidade colaboradora e a Gain nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

j) Presentar a Gain unha declaración individual de confidencialidade e ausencia de conflito de intereses (segundo o modelo do anexo I) de cada persoa que vaia participar nas actuacións que se desenvolven no marco deste convenio.

Quinta. Financiamento

As actuacións desenvolvidas no marco deste convenio non xerarán nin darán lugar a ningunha clase de contraprestación económica entre as entidades asinantes.

Sexta. Compromisos de cada entidade colaboradora previos á sinatura do convenio

Presentar a seguinte documentación:

• Declaración responsable de non estar incursa en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora consideradas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

• Presentar as declaracións individuais de confidencialidade e ausencia de conflito de intereses establecidas na letra h) da cláusula cuarta deste convenio. Se despois da sinatura do convenio se incorpora algunha persoa máis ao equipo que terá acceso á información e documentación enviada pola Gain, o hub deberalle enviar á Gain a correspondente declaración antes de que esa persoa teña acceso á referida información e/ou documentación.

• Presentar os obxectivos estratéxicos e os retos específicos.

• Cada hub deberá publicar na súa páxina web os seus obxectivos e tecnoloxías estratéxicas e os retos específicos.

Sétima. Seguimento e evolución

Para garantir a correcta execución e seguimento do pactado neste convenio, constituirase unha Comisión de Seguimento e Coordinación integrada por dous representantes da Gain e un representante de cada entidade colaboradora designados para tal efecto por cada parte.

Son funcións da Comisión as seguintes:

1. Realizar o seguimento das actuacións do convenio. Para garantir un correcto seguimento, a Comisión realizará as reunións que sexan necesarias para garantir o correcto desenvolvemento da convocatoria.

2. Propor solucións aos conflitos que puidesen xurdir na aplicación e interpretación das cláusulas.

3. As que sexan precisas para garantir a correcta execución do convenio.

A Comisión poderá reunirse as veces que sexan precisas por solicitude de calquera das partes asinantes.

Esta comisión rexerase en canto á súa constitución, funcionamento e adopción de acordos pola normativa vixente en materia de órganos colexiados, regulada na sección 3ª do capítulo primeiro do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Oitava. Causas de resolución

Serán causas de resolución do presente convenio as seguintes:

– O incumprimento de calquera das cláusulas establecidas no convenio.

– O transcurso do tempo establecido sen que se desenvolvan as actividades previstas.

– O mutuo acordo das partes.

Novena. Publicidade e rexistro de convenios, transparencia e bo goberno

Cada entidade colaboradora do presente convenio consente expresamente o tratamento necesario dos datos relevantes deste convenio e a súa publicación na páxina web da Gain e no Diario Oficial de Galicia, coas excepcións previstas no artigo 15.2.d) da Lei  /2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

A sinatura deste convenio suporá o consentimento expreso por parte de cada entidade colaboradora para que a Administración galega inclúa e faga públicos os datos referidos ao presente convenio, de conformidade co artigo 5 da Lei 1/2016, de transparencia e bo goberno, relativo aos deberes específicos en materia de información sobre convenios, e co disposto no Decreto 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia.

Décima. Inexistencia de relación laboral

A subscrición do presente convenio non implica relación laboral, contractual ou de calquera outro tipo entre os profesionais que vaian desenvolver as actividades deste e a Gain, de maneira que non se lle poderá exixir ningunha responsabilidade, nin directa nin subsidiaria, polos actos ou feitos acaecidos no seu desenvolvemento.

Décimo primeira. Vixencia

O presente convenio de colaboración estará en vigor desde o momento da súa sinatura e estará vixente durante o mesmo período de duración que o dos proxectos que resulten seleccionados na convocatoria Conecta COVID.

Décimo segunda. Natureza xurídica e resolución de conflitos

Este convenio terá carácter administrativo e rexerase polas súas propias cláusulas e en todo o non recollido nelas aplicaráselle o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no seu regulamento aprobado no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e pola restante normativa que, de ser o caso, resulte de aplicación.

E en proba de conformidade, subscriben o presente documento por triplicado exemplar no lugar e na data indicados no encabezamento.

Pola Axencia Galega de Innovación
Francisco José Conde López

Pola Asociación para la Digitalización de la Industria de Galicia

Juan Antonio Lloves Guntín

Pola Asociación DIH Datalife

Pablo Álvarez Freire

ANEXO I

Declaración de confidencialidade e ausencia de conflito de intereses para a participación, como parte da entidade colaboradora .................................................................................., No programa Conecta COVID

…………………………………................…….., con DNI nº …………...

DECLARO:

• Que coñezo que a documentación que me facilitará a Gain, a través do hub ....................................................................................................................., para a realización das actividades indicadas nas cláusulas do convenio subscrito entre a dita entidade e a Axencia Galega de Innovación, ten carácter confidencial.

• Que me comprometo a manter e gardar a máis absoluta confidencialidade, segredo profesional e reserva de todos os datos e información intercambiada, así como da documentación derivada que puidese xerarse; a utilizala única e exclusivamente para os efectos de desempeñar as tarefas atribuídas ao hub .......................................................................como entidade colaboradora no programa Conecta COVID, todo iso de conformidade co establecido nas cláusulas do Convenio subscrito entre a devandita entidade e a Axencia Galega de Innovación.

• Que, en caso de cesión ou acceso por terceiros, comprométome a informar do carácter confidencial da información cedida/accedida e das medidas e implicacións desta cualificación.

• Que non estou incurso nunha situación de conflito de intereses nin teño ningún tipo de incompatibilidade para analizar a información e a documentación que me sexa asignada.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2021

SINATURA: