Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Martes, 13 de xullo de 2021 Páx. 35662

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 7 de xullo de 2021 pola que se amplía o prazo de execución dos proxectos e de presentación da solicitude de cobramento da Resolución do 9 de xaneiro de 2020 pola que se dá publicidade do Acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (código de procedemento IG421A).

No DOG núm. 19, do 29 de xaneiro de 2020, publicouse a Resolución do 9 de xaneiro de 2020 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas para a execución de accións de promoción exterior conxunta das empresas galegas (Galicia Exporta Organismos Intermedios), cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva.

Nesta resolución, no punto quinto, establecíase que o prazo de execución dos proxectos non poderá exceder o 15 de novembro de 2020 para as solicitudes con accións para realizar ata esta data, e do 30 de xuño de 2021 para solicitudes con accións para realizar ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as últimas datas admisibles de facturación e pagamento. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de cobramento. As accións realizadas entre o 16 de novembro de 2020 e o 31 de decembro do 2020 poderán ser imputadas ao 2021.

Mediante a Resolución do 16 de xuño de 2020 (DOG núm. 118, do 17 de xuño) ampliouse o prazo de execución dos proxectos e de solicitude de cobramento ata o 30 de novembro de 2021 para as solicitudes con accións para realizar ata esta data, polo que é esta a data última admisible de facturación e pagamento.

Tendo en conta que a persistencia da situación mundial provocada pola emerxencia sanitaria COVID-19 motivou a cancelación a nivel internacional de numerosos eventos promotores e viaxes de prospección e afectou considerablemente a execución normal dos programas de internacionalización dos organismos intermedios, impedindo en ocasións a súa realización e quedando noutras ocasións pospostos para datas futuras, e considerando que ante o crecente índice de vacinación e a diminución no grao de incidencia do virus se pospuxeron múltiples eventos expositivos ata o último trimestre do ano 2021, incluído o mes de decembro, o cal ten unha repercusión directa no desenvolvemento dos proxectos de internacionalización das empresas apoiados polo programa Galicia Exporta Organismos Intermedios 2020, coa intención de mitigar os prexuízos ocasionados por esta circunstancia e apoiar os esforzos realizados polos organismos intermedios na internacionalización das súas empresas, e de conformidade co disposto no artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dado que non se causan prexuízos a terceiros,

RESOLVO:

Artigo 1.

Fixar no 15 de decembro de 2021 a data límite de execución dos proxectos, establecida no punto quinto da Resolución do 9 de xaneiro de 2020, para as solicitudes con accións para realizar ata esta data. Esta data é a data última admisible de facturación e pagamento. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de cobramento.

Artigo 2

Esta modificación entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2021

Fernando Guldrís Iglesias
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica