Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Mércores, 14 de xullo de 2021 Páx. 35849

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 1 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas a entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2021 (código de procedemento MT975I).

Segundo o establecido no Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda esta consellería é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao que lle corresponden as competencias e funcións en materia de ambiente, ordenación do territorio e urbanismo, conservación do patrimonio natural, paisaxe e vivenda, conforme o establecido no Estatuto de autonomía para Galicia nos termos sinalados na Constitución española, co nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos órganos integrantes deste departamento.

En particular, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático exerce as competencias e funcións en materia de avaliación e control da incidencia que sobre o ambiente provoque a actividade humana, o fomento de sistemas e estratexias de corrección da dita incidencia, a avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, a xestión dos sistemas de observación ambiental e predición meteorolóxica de Galicia e o impulso da investigación ambiental e o desenvolvemento tecnolóxico para o logro da adecuada protección ambiental.

Inclúense aquí:

a) A elaboración e o seguimento dos programas autonómicos de prevención de residuos e dos plans autonómicos de xestión de residuos incluídos no ámbito de aplicación da Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia, e das accións de desenvolvemento destes.

b) O fomento das accións de minimización da produción de residuos, da súa reutilización e reciclaxe e dos programas de colaboración cos concellos e con outras organizacións para a aplicación das accións indicadas.

c) A realización de campañas de formación e sensibilización en materia de residuos.

d) A planificación e o fomento de accións relacionadas coa economía circular.

Pola súa banda, as entidades locais son competentes para a xestión dos residuos nos termos establecidos na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local; na Lei 6/2021, do 17 de febreiro, de residuos e solos contaminados de Galicia e na Lei 22/2011, do 28 de xullo, de residuos e solos contaminados e demais normativa de aplicación.

De acordo co que se acaba de sinalar, e tal como se preceptúa no artigo 12, número 5 da mencionada lei básica, corresponde aos concellos como servizo obrigatorio a recollida, transporte e o tratamento dos residuos domésticos xerados nos fogares, comercios e servizos na forma en que establezan nas súas respectivas ordenanzas de conformidade co marco normativo aplicable.

O Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia 2010-2022 establece as bases para impulsar a xestión de residuos urbanos en Galicia cara a un novo escenario máis sustentable e acorde coa xerarquía de residuos marcada pola normativa, facendo especial fincapé na prevención e a valorización dos residuos.

O Plan recolle os obxectivos marcados pola normativa vixente e establece novas metas especialmente en materia de prevención, onde por primeira vez se establece un obxectivo cuantitativo, así como no tocante á despregadura da recollida selectiva da fracción orgánica e ao incremento do resto de recollidas, tanto en cantidade como en calidade.

A partir da diagnose realizada con ocasión da elaboración do plan, as conclusións ou prioridades detectadas incluíron, en materia de xestión de residuos domésticos e polo que atinxe ao obxecto e finalidade da presente orde, as seguintes:

a) Potenciar a xestión/recollida en orixe da fracción orgánica dos residuos municipais.

b) Minimizar a vertedura final en depósitos controlados, especialmente de fracción biodegradable e materiais recuperables.

c) Desenvolver as infraestruturas precisas para tratar os residuos xerados e para acadar os obxectivos e potenciar desta maneira a organización territorial e a capacitación de técnicos, baixo criterios de suficiencia e proximidade, viabilidade económica e ambiental.

Para tal efecto, o Plan organízase arredor de dez grandes liñas estratéxicas que aglutinan as actuacións que se van desenvolver no actual horizonte temporal da planificación autonómica que abrangue, tras a actualización operada en decembro de 2016, ata o ano 2022.

Entre os instrumentos dispoñibles para a consecución dos obxectivos propostos, o PXRUG prevé especificamente o establecemento de liñas de subvencións dirixidas a entidades locais destinadas a impulsar medidas que contribúan á consecución dos obxectivos vixentes nesta materia tras as novidades introducidas no contexto comunitario de conformidade coa folla de ruta cara a unha Europa eficiente no uso dos recursos, no marco da Estratexia 2020, así como tendo en conta as medidas recollidas no paquete de economía circular, aprobado pola Comisión Europea en decembro de 2015, piares básicos para unha xestión eficiente dos recursos e dos residuos que se sustenta, fundamentalmente, na prevención e a reciclaxe e en reforzar o principio de xerarquía nas opcións de xestión de residuos.

Seguindo esta xerarquía, a prevención é a mellor opción de xestión seguida, nesta orde, da preparación para a reutilización, da reciclaxe, doutras formas de valorización (incluída a enerxética) e por último da eliminación (o depósito en vertedoiro, entre outras).

En consecuencia, tendo en conta as competencias asumidas por este departamento, a presente convocatoria vai destinada a apoiar as entidades locais na procura de respostas aos retos e oportunidades asociadas ao cumprimento do actual marco normativo vixente, así como dos obxectivos que a dita planificación persegue.

Para tal fin serán obxecto de financiamento ao abeiro da presente convocatoria os proxectos destinados á implementación de medidas de xestión dos residuos domésticos conforme o esquema de prioridades e o principio de xerarquía aplicable en materia de residuos. En particular, serán susceptibles de englobarse aquí actuacións destinadas a:

a) Favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de residuos domésticos.

O artigo 60.2 da Lei 13/2015, do 24 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, indica que as convocatorias públicas de axudas e subvencións da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e dos entes instrumentais do sector público autonómico destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma, deberán primar, na forma en que se estableza nas correspondentes bases reguladoras, as solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local baixo calquera forma.

Para tales efectos, as presentes bases reguladoras prevén a posibilidade de que as ditas agrupacións de entidades locais poidan acceder á condición de beneficiarios desta subvencións.

Esta orde enmárcase no programa operativo Feder Galicia para o período 2014-2020, de conformidade co disposto no artigo 125.3 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello e no Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

En concreto, as axudas obxecto desta orde estarán confinanciadas nun 80 % polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020; obxectivo temático 6: Conservar e protexer o medio e promover a eficiencia dos recursos; prioridade de investimento 6.1: O investimento no sector dos residuos para cumprir os requisitos do acervo da Unión en materia de ambiente e para dar resposta ás necesidades identificadas polos Estados membros, dun investimento que vaia alén dos ditos requisitos; obxectivo específico 6.1.1: Desenvolver a separación, recollida selectiva e tratamento de residuos incluíndo accións de peche de ciclo; considerando tanto os plans de xestión como os inverstimentos en infraestruturas; actuación 6.1.1.3: Financiamento para o fomento de actuacións que contribúan ao desenvolvemento do Plan de xestión de residuos urbanos de Galicia (PXRUG 2010-2022).

O indicador de produtividade considerado ao abeiro da presente convocatoria é o identificado baixo o código-denominación E022-Capacidade adicional de recollida e transporte de residuos urbanos.

En virtude do anterior, no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e liña de subvención

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión de subvencións, polo procedemento de concorrencia competitiva, ás entidades locais e agrupacións de entidades locais de Galicia para o financiamento de actuacións en materia de residuos de competencia municipal (código de procedemento MT975I) ao tempo que se fai publica a convocatoria para o ano 2021.

2. Resultarán subvencionables as actuacións destinadas a favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de residuos domésticos, a través da adquisición de puntos limpos móbiles para a mellora e ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos existentes na Comunidade Autónoma, para a xestión de residuos especiais de competencia municipal.

Artigo 2. Beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias as entidades locais municipais e supramunicipais e agrupacións de entidades locais de Galicia, de conformidade coas competencias que lle correspondan en materia de xestión de residuos, que cumpran coas seguintes condicións:

a) No caso de entidades locais que presenten solicitude de forma individual, non superar os 3.000 habitantes segundo o último censo de poboación publicado (2020).

b) No caso de solicitudes de agrupacións de entidades locais, o número de entidades locais que non superen os 3.000 habitantes terá que ser maior que o número de entidades locais que superen os 3.000 habitantes, segundo o último censo de poboación publicado (2020).

2. No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, observarase o establecido no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no tocante, en particular, á identificación dos compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, do importe de subvención que se aplicaría a cada un deles que terán, igualmente, a condición de beneficiarios así como en relación co necesario nomeamento da entidade local que actuaría como representante da agrupación para cumprir as obrigas que, como beneficiaria, corresponden á agrupación.

Os concellos agrupados terán, en todo caso, a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos, condicións, obrigas e compromisos establecidos nesta orde. A falta de acreditación do cumprimento dalgún requisito por parte dalgunha das entidades participantes suporá a inadmisión da solicitude conxunta cando afecte a entidade que ten a representación; nos outros casos, manterase a validez da solicitude sempre que se comunique por escrito a exclusión do concello afectado polo incumprimento, dentro do prazo concedido para o efecto.

3. Unha entidade local non pode concorrer á convocatoria de maneira simultánea e para a mesma actuación de maneira individual e a través da entidade supramunicipal ou agrupación en que se integre. De darse o caso, inadmitirase a solicitude que, de conformidade coa data de presentación, sexa posterior no tempo.

4. Para poder ser beneficiaria destas axudas as entidades locais deberán ter presentado as contas a que se refire o artigo 208 e seguintes do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, do exercicio orzamentario que corresponda, no Consello de Contas de Galicia.

5. Non poderán ter a condición de beneficiarios as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 3. Actuacións subvencionables e requisitos

1. Ao abeiro desta orde de axudas serán subvencionables as actuacións destinadas a favorecer a prevención, adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización de residuos domésticos que teñan por finalidade a adquisición de puntos limpos móbiles para a mellora e ampliación dos servizos prestados pola rede galega de puntos limpos existentes na nosa Comunidade Autónoma, para a xestión de residuos especiais de competencia municipal, a fin de favorecer a súa adecuada recollida, clasificación e preparación para a reutilización.

Para os efectos da presente convocatoria teñen a consideración de residuos especiais de competencia municipal aqueles residuos que carecen de sistemas ordinarios de recollida pero que son susceptibles de recuperación ou necesitan recollerse separadamente debido ás súas especiais características (aceites vexetais usados, téxtiles, voluminosos, medicamentos, etc.).

En particular, serán subvencionables accións dirixidas á implantación de puntos limpos móbiles mediante a adquisición de puntos limpos móbiles, con diferentes compartimentos para a recollida de residuos, dos seguintes modelos:

a) Contedor/caixa metálica de gran volume (este modelo poderá ser elixido só se a entidade local dispón de camión adaptado con equipamento de gancho para a súa carga e traslado).

b) Remolque e contedor metálico de gran volume (este modelo poderá ser elixido só se a entidade local dispón de camión adaptado para a súa carga e traslado).

c) Camión con caixa e chasis.

d) Furgoneta adaptada con diferentes contedores ou compartimentos.

e) Outros modelos do mercado, sempre que se xustifique que cumpren os obxectivos deste servizo.

Tratándose de puntos limpos móbiles, serán actuacións subvencionables ademais, dos propios puntos limpos móbiles, equipamentos ou elementos relacionados coa función que prestan, as ferramentas TIC que contribúan a mellorar a súa utilización e as campañas de difusión e de información asociados ás actuacións proxectadas de conformidade co requirido no número 2, letra a) deste mesmo artigo.

2. Os proxectos que se presenten para optar á presente convocatoria deberán observar os seguintes requisitos:

a) Os proxectos de implantación de puntos limpos móbiles presentados deberán incluír a realización de campañas de difusión e sensibilización que teñan como obxectivo fomentar a participación cidadá nas actividades previstas neles considerando gastos subvencionables ata un importe máximo de 5.000 €.

b) Os proxectos de implantación de puntos limpos móbiles presentados deberán incorporar elementos de compra pública verde ou ecolóxica. A prestación de servizos ou a compra de materiais, equipamentos ou medios de recollida e transporte deberán ter en conta criterios ecolóxicos acordes cos obxectivos ambientais relacionados co cambio climático, a utilización dos recursos e a produción e o consumo sustentables (ecodeseño, emprego de materiais reciclados e/ou reciclables, eficiencia enerxética, redución de emisións, redución da pegada de carbono, economía circular, entre outros) que contribúan a reducir o seu impacto ambiental.

c) Para subvencionar a implantación de puntos limpos móbiles a entidade local deberá de acreditar o destino dos residuos recollidos ben a través dun acordo cunha instalación de punto limpo fixa autorizada ou ben directamente a través de acordos con xestores de residuos autorizados. Por outra banda, a entidade local deberá comprometerse ao cumprimento da normativa sectorial en materia de residuos destas instalacións, así como á inscrición no Rexistro de Produtores e Xestores de Galicia, segundo a actividade de xestión tipificada.

Artigo 4. Gastos subvencionables

1. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que, de forma indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionable e cumpran o establecido na Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020 (BOE núm. 315, do 30 de decembro).

2. En particular, non serán gastos subvencionables os seguintes:

a) Os gastos non xustificados correctamente ou que non sexan obxecto de subvención, así como os gastos non imputables ao investimento.

b) No tocante ao imposto sobre o valor engadido, non é subvencionable cando é recuperable. Os concellos e demais entidades de dereito público non teñen a consideración de suxeito pasivo, nos termos previstos no artigo 13, número 1 da Directiva 2006/112/CE do Consello, polo que o IVE soportado por estes se considerará subvencionable.

c) Os gastos financeiros derivados do investimento.

d) Os investimentos realizados mediante contrato de arrendamento financeiro ou leasing.

e) Os gastos de persoal.

f) Os premios ou agasallos non relacionados coa actuación e/ou innecesarios.

g) Os custos asociados aos servizos de recollida e o tratamento dos residuos municipais.

h) Respecto dos bens de equipamento de segunda man, estes serán subvencionables cando se cumpran os requisitos seguintes:

1º Que conste unha declaración do vendedor sobre a orixe dos bens e sobre estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

2º O prezo non poderá ser superior ao valor de mercado e deberá ser inferior ao custo dos bens novos similares, acreditando estes extremos mediante certificación de taxador independente.

i) Así como todos aqueles gastos que figuren no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, como non subvencionables.

3. As entidades solicitantes poderán subcontratar a totalidade da actuación subvencionable, de conformidade co disposto no artigo 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Deberase observar o disposto na normativa aplicable en materia de contratación pública vixente na tramitación do procedemento de contratación e, se é o caso, respecto de contrato menor con adxudicación directa.

Artigo 5. Crédito e contía das axudas

1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, ata un máximo dun millón cincocentos setenta e seis mil setecentos oitenta euros con cincuenta e dous céntimos (1.576.780,52 €).

2. No tocante á contía das axudas, a subvención será o 100 % dos custos totais subvencionables, salvo no caso que, con base no establecido no artigo 14 das bases, o solicitante asuma unha achega superior ao 20 % do custo subvencionable do proxecto.

3. O importe máximo da subvención acadada non poderá superar os 70.000,00 €. Non obstante, esta cantidade poderá ampliarse no caso de solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local en 10.000,00 € máis por cada entidade participante, ata un máximo de 100.000,00 €.

Artigo 6. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, http://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

2. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. As solicitudes poderán ser presentadas individualmente por un concello, no exercicio da competencia que ten asumida na materia, ou conxuntamente por máis dunha entidade local, ben sexa por medio de entidades de carácter supramunicipal que pola súa vez teñen a consideración de entidade local ben baixo a modalidade de agrupación de entidades locais.

No caso de solicitudes conxuntas presentadas baixo a modalidade de agrupación, farase constar na propia solicitude, no parágrafo destinado á identificación do solicitante, a referencia a «Agrupación de» seguida da identificación das entidades de que se trate.

4. As solicitudes (anexo I) serán subscritas directamente polas persoas que teñan a súa representación. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

No caso de solicitudes formuladas por agrupacións de entidades locais, a entidade local designada para actuar como representante deberá xuntar, ademais da documentación requirida ao abeiro do artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, un documento en que se deixe constancia de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude. Este documento realizarase en papel con sinaturas manuscritas e deberá ser escaneado a formato PDF para ser anexado.

5. O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último do mes.

6. Para o caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda pon á disposición dos interesados o seguinte enderezo de correo electrónico: axudas.cmaot@xunta.gal

Artigo 7. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a documentación que se sinala:

a) Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

b) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente en que conste a decisión da entidade ou entidades locais de solicitar a subvención ao abeiro destas bases reguladoras (anexo II).

c) No suposto de que a entidade local achegue fondos ao proxecto/actividade/actuación para a que se solicita subvención, para os efectos do establecido en relación cos criterios de valoración, achegarase tamén declaración responsable en que se faga constar que se dispón de crédito suficiente no orzamento da entidade local para o pagamento da parte proposta para o cofinanciamento pola súa banda.

d) Certificación de que a entidade solicitante remitiu ao Consello de Contas de Galicia as contas do último exercicio orzamentario a que legalmente está obrigada. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes (anexo II).

e) No caso de solicitudes presentadas por agrupacións de entidades locais, deberán xuntar:

1º. Documentación xustificativa da persoa ou entidade local designada para actuar como representante para formular a solicitude presentada.

2º. Identificar a relación de entidades locais participantes.

3º. Xustificación, de ser o caso, de que as persoas representantes das entidades locais participantes autorizan a presentación da solicitude, así como no relativo á remisión das contas do último exercicio orzamentario a que legalmente están obrigadas ao Consello de Contas (anexo II).

4º. Os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación.

5º. O importe de subvención que se vai aplicar por cada entidade membro da agrupación.

f) No tocante á documentación relativa á implantación de puntos limpos móbiles:

1º. Acreditación do destino dos residuos recollidos, ben a través dun acordo cunha instalación de punto limpo fixa ou ben directamente a través de acordos con xestores de residuos autorizados. Se for o caso, o punto limpo deberá dispor da autorización de xestor de residuos ou, polo menos, ter realizado a solicitude de autorización.

2º. Compromiso de cumprimento da normativa sectorial en materia de residuos e de inscrición no Rexistro de Produtores e Xestores de Galicia, segundo a actividade de xestión tipificada.

g) A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

h) Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

i) No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou ten un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

j) De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideren obter os citados documentos, poderán solicitarse novamente á persoa interesada.

2. Xunto coa solicitude deberase presentar unha memoria do proxecto ou actuación para a cal solicita a subvención, que deberá conter unha descrición clara das actividades que se van desenvolver, tanto desde o punto de vista técnico como económico, así como os datos e a información requirida para o tipo de actuación ou actuacións para as cales se solicita a axuda e segundo o que se sinala de seguido.

a) A memoria do proxecto deberá incluír, como mínimo, os seguintes contidos:

1º. Tipoloxía e nome do proxecto.

2º. Breve descrición do proxecto presentado.

3º. Identificación e datos de contacto do responsable técnico.

4º. Introdución e diagnose da situación actual na materia do proxecto dentro do ámbito local de actuación.

5º. Obxectivos do proxecto e das súas actuacións. Será preciso neste punto a referencia ás melloras ou beneficios ambientais que se procuran co proxecto.

6º. Descrición detallada do proxecto, ámbito de actuación, poboación atendida e sectores ou axentes implicados, obxectivos cuantitativos e cualitativos, así como a programación temporal para o desenvolvemento do proxecto en correspondencia coas previsións de gastos incluídos no orzamento que se remita e tendo en conta o establecido nestas bases reguladoras.

7º. O plan de actuación deseñado deberá incluír unha xustificación pormenorizada dos materiais, actuacións e recursos propostos de conformidade cos gastos subvencionables ao abeiro desta orde.

8º. En particular, sinalaranse as campañas de información e sensibilización previstas, así como os seus custos estimados de conformidade co requirido no artigo 3, número 2.

9º. Indicadores e medidas de seguimento.

10º Resultados esperados (residuos recollidos, en quilogramos, por tipoloxía de residuos).

11º. O orzamento deberá identificar con detalle os conceptos por que se concorre na convocatoria chegando á desagregación a nivel de importes unitarios, se for o caso. No caso de agrupacións de entidades locais, no orzamento figurará que importe correspondería a cada unha delas.

3. Así mesmo os proxectos que opten ás subvencións que se rexen polas presentes bases reguladoras deberán acompañarse da documentación acreditativa que xustifique o cumprimento dos requisitos establecidos no artigo 3, número 2.

4. Calquera outra documentación que se considere oportuna para os efectos do establecido no artigo 14 desta orde, co fin de que a Comisión de Avaliación poida avaliar o cumprimento ou non dos criterios fixados para a valoración e prelación das solicitudes presentadas ou declaración responsable, de ser o caso, que permita deixar constancia do seu cumprimento.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar após a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Certificado de non estar incursa en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas das previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

g) Certificado sinalando outras subvencións ou axudas concedidas á entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento de concesión

O procedemento que se empregará para a concesión das axudas será o de concorrencia competitiva mencionado no artigo 19, número 1º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

Artigo 11. Órganos competentes

A Subdirección Xeral de Residuos será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión de subvencións, mentres que corresponde á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda ditar a resolución da concesión.

Artigo 12. Instrución

1. A instrución do procedemento corresponde á Subdirección Xeral de Residuos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, que revisará toda as solicitudes recibidas e a documentación presentada.

2. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras, requirirase o solicitante de acordo co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, para que, no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que, se non o fixer, poderase considerar desistido da súa petición, e que se arquivará sen máis trámites, segundo a resolución que para o efecto se dite.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), á Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e á consellería competente en materia de economía e facenda, tendo que achegar nestes casos o solicitante as correspondentes certificacións ou documentos.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento anterior á proposta de resolución poderase requirir á entidade solicitante que achegue a información e/ou a documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación e comprobación da solicitude presentada.

4. Tales requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, se realizarán a través de medios electrónicos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, de maneira que cando, existindo constancia da posta á disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, salvo que de oficio ou por instancia do destinatario se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.

5. Unha vez revisadas as solicitudes e feitas as emendas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

6. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 13. Comisión de Avaliación

1. As solicitudes completas, xunto coa documentación requirida, serán postas á disposición dunha Comisión de Avaliación para a súa valoración e informe, o cal incluirá unha relación coa puntuación que corresponde a cada unha das solicitudes segundo os criterios establecidos no artigo 14 desta orde.

2. A Comisión de Avaliación estará presidida pola persoa titular da Subdirección Xeral de Residuos ou persoa en que delegue e integrada por dous funcionarios da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, co nivel mínimo de xefe/a de servizo, e actuará como secretario unha persoa funcionaria da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.

3. A referida comisión fará unha proposta de resolución (tendo en conta os criterios sinalados no artigo 14) en que identificarán, de xeito individualizado, os solicitantes que superaron a fase de avaliación mediante unha relación ordenada de todas as solicitudes que cumpren coas condicións, tanto administrativas como técnicas, establecidas nas bases reguladoras. Na proposta constarán tanto as entidades que acadaron a condición de beneficiario ao obteren a puntuación requirida como aquelas outras que non resultasen estimadas por quedaren por debaixo da devandita puntuación ou por terse esgotado a contía máxima do crédito fixado na convocatoria.

4. Unha vez elaborada a correspondente proposta, mediante acta motivada, elevarase á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para a súa resolución.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. A Comisión de Avaliación a que se refire o artigo 13 desta orde valorará e priorizará as solicitudes presentadas aplicando os criterios e puntuacións que de seguido se sinalan para cada un dos grupos de actuacións subvencionables.

2. Para avaliar as solicitudes presentadas para a implantación de puntos limpos móbiles teranse en conta os seguintes criterios de avaliación:

a) A coherencia, calidade e claridade da memoria do proxecto (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo), ata 35 puntos distribuídos da seguinte maneira:

1º. A calidade do proxecto valorarase en función do grao de detalle técnico e descritivo da memoria, en cada un dos seus parágrafos (diagnose, obxectivos, indicadores, resultados previstos, continuidade no tempo); ata 15 puntos.

2º. A coherencia do proxecto valorarase en función do resultado e conclusións da diagnose, da súa viabilidade económica e ambiental, do seu alcance e seguimento e do planeamento de obxectivos en liña cos establecidos no PXRUG 2010-2022; ata 10 puntos.

3º. A claridade do proxecto valorarase en función do nivel de coñecemento, explicación e xustificación das actuacións proxectadas para acadar os beneficios ambientais esperados; ata 10 puntos.

b) Eficiencia da actuación en ratio €/habitantes que se atendan, ata 20 puntos.

c) En función da poboación que se atenda, segundo sexa solicitude individual ou presentada conxuntamente, de forma proporcional:

1º. Habitantes que se atendan (solicitude individual): de 1 ata 8 puntos.

2º. Habitantes que se atendan (solicitude conxunta): de 5 ata 15 puntos.

d) Achega económica da entidade local superior ao 20 % do orzamento total do proxecto, ata 15 puntos.

e) Solicitudes presentadas conxuntamente por máis dunha entidade local para a realización dun proxecto común, ata 10 puntos en virtude da puntuación que resulte coa seguinte desagregación:

1º. Pola presentación dunha solicitude por entidades que se axusten a este carácter supramunicipal ou constituíndo unha agrupación: 5 puntos.

2º. Polo número de concellos participantes no proxecto para o cal se solicita subvención: 1 punto por concello adicional ata un máximo de 5 puntos.

f) Tratándose de proxectos que inclúan a prestación do servizo a concellos que carecen de punto limpo: 5 puntos.

3. A puntuación resultante será a suma da aplicación dos baremos indicados. Co obxectivo de acadar un nivel mínimo de calidade dos proxectos de investimento subvencionados, establécese un nivel mínimo de puntuación de 40 puntos sobre os 100 que como máximo se poderían acadar, para poder optar á subvención. Aquelas solicitudes que non acaden esa puntuación mínima serán rexeitadas.

4. No caso de empate na baremación decidirase a favor do proxecto que obtivese máis puntos na valoración do criterio establecido no primeiro lugar e así de xeito sucesivo co resto dos criterios mencionados, no caso de manterse o empate. De persistir o empate, atenderase á data de presentación da solicitude e, de ser idéntica, ao maior importe do orzamento total da actuación.

5. Á vista das solicitudes recibidas, a Comisión de Avaliación fixará unha relación ordenada de todas as solicitudes que, cumprindo coas condicións administrativas e técnicas establecidas nas bases reguladoras para adquirir a condición de beneficiario e de conformidade coa puntuación outorgada a cada unha delas, permita determinar tanto as que resulten beneficiarias como aqueloutras que non resultasen estimadas por non ter acadado a puntuación mínima requirida ou por terse esgotado a contía máxima do crédito fixado na convocatoria.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. O órgano instrutor ditará proposta de resolución con base no documento elaborado pola Comisión de Avaliación e elevaraa para resolución á persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

2. Na resolución figurarán os seguintes aspectos:

a) A relación de entidades locais beneficiarias.

b) O importe dos gastos considerados subvencionables sobre os cales se fai o cálculo da contía ou porcentaxe de axuda resultante.

c) A contía da axuda.

d) Que a axuda está cofinanciada nun 80 % con cargo ao programa operativo Feder Galicia 2014-2020, o que exixe o cumprimento da normativa aplicable a este fondo, en particular, o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e o Regulamento (UE) nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, así como a súa normativa comunitaria, estatal e autonómica de desenvolvemento.

e) Que a aceptación da axuda implica a aceptación da inclusión do beneficiario na lista de operacións prevista no artigo 115.2 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 e que se publicará co contido previsto no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013 no seguinte sitio web:

http://www.dgfc.sepg.hacienda.gob.es/sitios/dgfc/es-ES/loFEDER1420/porFEDER/Paginas/inicio.aspx

f) Prazo para a execución do servizo.

g) As obrigas que corresponden ao beneficiario, os requisitos específicos relativos ao proxecto subvencionable, o plan financeiro e o calendario de execución, así como os demais requisitos previstos na normativa para a selección da operación que debe conter o documento polo que se establecen as condicións da axuda (DECA).

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán en ningún caso efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para que as persoas interesadas cumpren a obriga de relacionarse por medios electrónicos.

6. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8. O prazo máximo para resolver e notificar será de cinco meses desde a publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

9. Transcorrido o prazo para resolver e notificar sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderá entender as súas pretensións desestimadas por silencio administrativo, conforme prevé o artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo da obriga legal de resolver expresamente conforme o disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 16. Recursos

As resolucións ditadas ao abeiro destas bases porán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, sempre que se cumpran os límites e os requisitos recollidos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 18. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles desde a notificación sen que a entidade beneficiaria comunicase expresamente a renuncia á subvención, entenderase que a acepta e desde ese momento adquire a condición de beneficiario.

2. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución que se notificará ao interesado por medios electrónicos.

Artigo 19. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, das demais condicións e obrigas establecidas nesta orde e todas as que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, as seguintes:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e realizar as actuacións que integran o proxecto subvencionado, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Cumprir a normativa comunitaria, estatal e autonómica de aplicación, en particular, a normativa en materia de subvencións e contratación pública, cando proceda.

4. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

5. Someterse ás actuacións de comprobación e control que deba efectuar o órgano concedente, a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, a Intervención Xeral da Administración do Estado, o Tribunal de Contas, o Consello de Contas, ás comprobacións e verificacións que realice o organismo intermedio, a autoridade de xestión ou a autoridade de certificación e, se for o caso, os órganos de control da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo ou outras instancias de control, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores, así como ás verificacións previstas no artigo 125 do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Consello.

6. Asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no seu ámbito de xestión, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude.

7. Comunicar ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

8. Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con cargo á subvención.

9. Dispor de capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir os obxectivos do proxecto para o que se solicita a axuda.

10. Conservar a documentación xustificativa relativa aos gastos financiados durante un prazo de tres anos a partir do 31 de decembro seguinte á presentación das contas nas cales estean incluídos os gastos da operación.

11. Segundo o establecido no artigo 15, número 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, toda actividade, investimento ou material (incluído o que se difunda de maneira electrónica ou empregando medios audiovisuais) que se realice contando con financiamento obtido a partir destas axudas deberá cumprir os requisitos de comunicación do financiamento público do proxecto, de conformidade co establecido no anexo III destas bases e segundo as obrigas establecidas en materia de información e comunicación, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII, número 2, do Regulamento (UE) núm. 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro.

12. Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de cinco anos desde o pagamento final ao beneficiario, previsión que para o suposto de cofinanciamento con fondos comunitarios está recollida no artigo 71 do Regulamento (UE) nº 1303/2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello, sobre a invariabilidade das operacións durante cinco anos desde o remate da operación, mantendo o investimento sen modificacións substanciais.

13. Facilitar a recollida de indicadores de resultado cuantitativos e cualitativos tras a execución do proxecto subvencionable e nun prazo de entre seis meses e tres anos despois da finalización.

14. Subministrar toda a información necesaria para que a Consellería poida dar cumprimento ás obrigas previstas no título I da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

15. A sinatura da solicitude comporta a realización da declaración relativa a que a entidade beneficiaria dispón das licenzas, permisos e/ou autorizacións administrativas exixidas pola normativa para o exercicio da súa actividade así como, de ser o caso, para o desenvolvemento do proxecto subvencionable.

Artigo 20. Período subvencionable e prazo de execución

1. O período subvencionable será, con carácter xeral, o comprendido entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 30 de novembro de 2021, ambos incluídos, tendo en conta as datas límite para a súa xustificación segundo o sinalado neste mesmo artigo.

2. Non serán subvencionables os proxectos concluídos materialmente na data de presentación da solicitude.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados con anterioridade ao remate da data límite para solicitar o aboamento da axuda e a súa xustificación consonte o establecido no parágrafo seguinte.

4. A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de novembro de 2021.

Artigo 21. Xustificación da subvención

1. Os beneficiarios das axudas quedan obrigados a acreditar, no prazo máximo a que se refire o artigo anterior, a realización dos proxectos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento en virtude do establecido na resolución de concesión que lle foi notificada. En caso de non xustificarse a totalidade do orzamento do proxecto, a subvención será minorada na mesma proporción. En calquera caso, o beneficiario deberá xustificar unha porcentaxe mínima do 50 % do importe concedido; de non acadarse ese mínimo, enténdese que non se lograron os obxectivos propostos na solicitude e, por tanto, determinarase a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

2. A solicitude do pagamento será efectuada polo beneficiario a través de medios electrónicos e con anterioridade a que remate a data límite a que se refire o artigo 20, número 4, mediante a presentación do anexo IV que estará accesible na Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A dita solicitude acompañarase da documentación xustificativa do investimento requirida. A Administración poderá solicitar a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 28.5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados segundo o establecido nas presentes bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará no suposto do resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física) e do representante da persoa xurídica e o NIF do solicitante (persoa xurídica), ou cando como resultado da comprobación se obteña un resultado negativo na comprobación de causas de inhabilitación para recibir subvencións ou axudas, tendo neste caso o solicitante que achegar as correspondentes certificacións ou documentos.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. A presentación da xustificación no prazo adicional establecido neste parágrafo non eximirá o beneficiario das sancións que, conforme a lei, correspondan.

Artigo 22. Documentación xustificativa do investimento

As entidades beneficiarias terán de prazo para presentaren a correspondente xustificación dos investimentos realizados ata o 30 de novembro de 2021.

A conta xustificativa con entrega de xustificantes de gastos, de conformidade co establecido no artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), conterá a seguinte documentación:

1. Solicitude de aboamento efectuada pola entidade beneficiaria conforme o modelo que se facilita no anexo IV que se xunta.

2. Memoria de actuacións xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención que, de conformidade co contido requirido en fase de solicitude, identifique entre outras cuestións as actividades realizadas e dos resultados obtidos en relación, de ser o caso, cos indicadores de seguimento e avaliación propostos.

Esta memoria, xunto coa solicitude de pagamento, acompañarase de calquera outro material informativo (fotografías, publicacións, reseñas en web, etc.) que se considere de interese.

3. Memoria económica xustificativa das actividades realizadas, que conterá:

a) Tanto os xustificantes de gasto como os dos pagamentos deberán ter data comprendida dentro do período de subvencionabilidade previsto no artigo 20 destas bases.

b) A entidade beneficiaria achegará unha certificación que deberá estar expedida pola Intervención ou o órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. Farase constar como mínimo:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Unha relación clasificada dos gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o importe, a data de emisión e a data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue segundo un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

c) As facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior. Os gastos aparecerán desagregados por conceptos ou unidades de obra.

Tratándose de administracións públicas presentaranse facturas orixinais ou facturas electrónicas rexistradas no punto xeral de entrada de facturas electrónicas da Administración xeral do Estado (FACE) ou plataforma similar.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Cando o beneficiario non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia auténtica electrónica dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.

d) Xustificantes bancarios dos aboamentos efectuados (transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario do ingreso efectivo polo portelo) en que deberán constar, ademais do emisor e receptor do pagamento, o número de factura obxecto do pagamento, así como a data en que se tivesen efectuado a cal deberá estar comprendida entre a data de inicio e a data límite da xustificación.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo, así como os xustificantes obtidos a través da internet, se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

e) No caso de adquisición de bens de equipamento de segunda man, certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial e declaración do vendedor en que conste a procedencia dos bens e que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria.

f) No caso de que á hora de puntuar o proxecto obxecto de subvención se tivese considerado a achega económica da entidade local superior ao 20 % do orzamento total do proxecto, incluiranse os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios atendendo aos gastos que, ao abeiro destas bases reguladoras, teñen a consideración de subvencionables.

g) Unha relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada con indicación do importe e a súa procedencia.

No momento da xustificación da execución do proxecto e, en calquera caso, antes do pagamento, o peticionario debe presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

h) Certificación expedida pola secretaría da entidade local na cal se acredite que se respectaron os procedementos de contratación pública e se faga constar a aprobación por parte do órgano competente da conta xustificativa da subvención.

i) Certificado da secretaría ou intervención onde se sinale que o IVE subvencionado non é recuperable polo concello beneficiario.

j) No caso das agrupacións de concellos, presentarase un documento asinado por todos os participantes que conformen a agrupación beneficiaria da axuda no cal se recollan expresamente todos os termos dos aspectos requiridos nas presentes bases para as solicitudes presentadas de forma conxunta.

4. Documentación de ter realizado a publicidade axeitada (fotografías dos carteis informativos, publicidade a través de páxina web, exemplares da documentación escrita, etc.) que xustifique ter dado cumprimento ás obrigas establecidas en materia de información e comunicación, sobre o apoio procedente dos fondos Feder, recollidas no anexo XII, número 2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, e segundo o que se establece no anexo III que acompaña as presentes bases reguladoras.

5. No tocante á implantación de puntos limpos móbiles, deberá presentarse acreditación do destino dos residuos recollidos, ben a través dun acordo cunha instalación de punto limpo fixa ou ben directamente a través de acordos con xestores de residuos autorizados. Se for o caso, o punto limpo deberá dispor da autorización de xestor de residuos ou, polo menos, ter realizado a solicitude de autorización. Por outra banda, a entidade local deberá ter efectuado o trámite requirido en aplicación da normativa sectorial en materia de residuos para estas instalacións, no tocante á súa inscrición no Rexistro de Produtores e Xestores de Galicia, segundo proceda considerando a actividade de xestión tipificada.

Artigo 23. Pagamento da axuda

1. O pagamento das axudas efectuarase con cargo ao exercicio orzamentario, unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou a actividade subvencionable e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria da solicitude de aboamento e da xustificación requirida nestas bases reguladoras.

2. Poderá anticiparse ata o 50 % do importe concedido, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, no artigo 63 do Decreto 11/2009 e nesta convocatoria.

As entidades beneficiarias que queiran acollerse á modalidade de pagamento anticipado deberán manifestalo expresamente no prazo máximo de 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión, mediante a presentación da correspondente solicitude de pagamento anticipado, empregando o modelo que se incorpora como anexo V.

3. De non presentar a solicitude de pagamento anticipado, enténdese que a entidade solicitante renuncia ao anticipo. Neste caso o pagamento das axudas efectuarase unha vez efectuado o investimento ou realizado o gasto ou actividade e logo da presentación por parte da entidade beneficiaria, no prazo establecido, da documentación xustificativa a que se refire o artigo anterior.

4. De conformidade co disposto no artigo 65.4 do Decreto 11/2009, as entidades locais están exoneradas de constituír garantía no caso de solicitar anticipos.

5. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da consellería concedente, antes de proceder ao seu pagamento final, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinaron a concesión da subvención, de acordo co establecido no artigo 30 da Lei 9/2007.

Os órganos competentes da Consellería concedente poderán solicitar ao beneficiario as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes, advertíndolle de que a falta de presentación da xustificación no prazo concedido para o efecto poderá comportar a perda do dereito á subvención e a exixencia do reintegro no caso de ter recibido cantidades en concepto de anticipo, e demais responsabilidades establecidas na Lei 9/2007.

6. Cando o custo xustificado da actividade ou investimento sexa inferior ao que figura na resolución de concesión, manterase a axuda pero diminuirase proporcionalmente o seu importe, sempre que coa parte realmente executada se poida entender cumprida a finalidade da subvención.

7. O pagamento realizarase logo de verificación do órgano concedente do cumprimento da obriga de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 24. Perda do dereito ao cobramento da subvención e procedemento de reintegro

1. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior será o establecido no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Incumprimento dos proxectos:

a) Incumprimento total: se o beneficiario xustifica conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 50 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, por tanto, perderá o dereito de cobramento da subvención.

b) Incumprimento parcial: sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, e a xustificación sexa igual ou superior ao 50 %, poderá apreciarse un incumprimento parcial e deberá resolver sobre o seu alcance aplicando a mesma ponderación que tiña a condición incumprida na resolución de concesión.

Sen prexuízo doutros supostos que poidan concorrer, no caso de condicións referentes á contía ou concepto da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de realizar ou aplicado a un concepto distinto do considerado subvencionable; deberanse, se é o caso, reintegrar as cantidades percibidas na dita proporción.

4. Incorrerase en causa de non pagamento ou reintegro das axudas no caso de non manter as condicións establecidas nestas bases de conformidade coa graduación seguinte:

a) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas e os investimentos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais da contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os conceptos financiados con fondos Feder.

b) Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido nestas bases.

c) Suporá a perda dun 5 % non comunicar ao órgano concedente desta axudas a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

d) Suporá a perda da subvención de forma proporcional ao período en que se incumpra o requisito de manter os investimentos obxecto da subvención durante o período de cinco anos.

5. No caso de condicións que constitúan obrigas que a entidade beneficiaria deba acreditar en fase de xustificación, tales como obrigas de publicidade ou comunicación doutras axudas, estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a graduación fixada no punto anterior só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo ás ditas obrigas.

Artigo 25. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por esta das obrigas previstas na citada lei.

Artigo 26. Financiamento

1. As axudas convocadas ao abeiro desta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.541D.760.1, código de proxecto 2019 89, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021 consonte ao seguinte:

Aplicación

Importe 2021

Total

08.02.541D.760.1

1.576.780,52 €

1.576.780,52 €

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; cando existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo ou no suposto previsto no artigo 25.3 do regulamento. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, de ser o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que procede. A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

Artigo 27. Compatibilidade das axudas

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas destinadas á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou organismo internacional, sempre que o importe total das axudas percibidas non supere o 100 % do investimento subvencionable do proxecto.

2. Non obstante, e de acordo co establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013, unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pagamento correspondente a un dos fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo fondo no marco dun programa distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pagamento dun fondo EIE pode ser calculado para cada fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, segundo o documento en que se establezan as condicións da axuda.

3. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa da execución do servizo.

4. En todo caso, antes de conceder a axuda e no momento da xustificación, solicitarase á entidade solicitante ou beneficiaria unha declaración sobre calquera axuda recibida para este mesmo proxecto.

5. O incumprimento do disposto neste artigo poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos nestas bases reguladoras ou, de ser o caso, á iniciación do procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito ao cobramento da subvención ou para o seu reintegro.

Artigo 28. Infraccións e sancións

O réxime de infraccións e sancións aplicable ao establecido nesta rde é o previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 29. Medidas antifraude

Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que poidan ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total o parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto:

http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf

Artigo 30. Réxime xurídico

Respecto de todo o non previsto nesta orde observarase o disposto nas seguintes normas, entre outras de procedente aplicación:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

f) Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

g) Regulamento (UE) Nº 1301/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, sobre o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e sobre disposicións específicas relativas ao obxectivo de investimento en crecemento e emprego e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1080/2006.

h) Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo, ao Fondo de Cohesión e ao Fondo Europeo Marítimo e da Pesca, e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006 do Consello.

i) Normativa comunitaria de desenvolvemento dos citados regulamentos.

j) Orde HFP/1979/2016, do 29 de decembro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional para o período 2014-2020.

Disposición derradeira primeira

Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde.

Así mesmo, deléganse na persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático as facultades relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para a execución desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2021

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

anexo III

Publicidade do cofinanciamento comunitario

Obrigas dos beneficiarios das subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras:

Ao tratarse de subvencións cofinanciadas con fondos estruturais da Unión Europea, en relación coa publicidade do financiamento, de conformidade co previsto no anexo XII, número 2.2, do Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, o beneficiario deberá cumprir os seguintes requisitos de publicación e comunicación:

1. En todas as medidas de información e comunicación que leve a cabo, o beneficiario deberá recoñecer o apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional correspondente, a marca turística de Galicia, o logotipo do Xacobeo 21-22, e mostrando:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo Feder que dá apoio ao proxecto.

c) Referencia ao lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

O formato que se utiliza é o seguinte:

missing image file

2. Durante a realización do proxecto e durante o período de duración dos compromisos de mantemento do investimento ou emprego:

i. Breve descrición no seu sitio da internet de que dispoña a entidade beneficiaria, do proxecto desenvolvido ao abeiro da subvención concedida, dos obxectivos perseguidos e resultados acadados, na cal se destaque o apoio financeiro da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional correspondente, a marca turística de Galicia, a referencia ao Xacobeo 21-22, e mostrando:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo Feder que dá apoio ao proxecto.

c) Referencia ao lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

d) Mención ao obxectivo «Contribuír á conservación do medio ambiente e o patrimonio cultural».

ii. Colocar, polo menos, un cartel con información sobre o proxecto (dun tamaño mínimo A3), en que se mencionará o apoio financeiro da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia e do Feder ao proxecto, incluíndo a imaxe institucional correspondente, a marca turística de Galicia, a referencia ao Xacobeo 21-22, e mostrando:

a) O emblema da Unión e unha referencia á Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo Feder que dá apoio ao proxecto.

c) Referencia ao lema do Fondo «Unha maneira de facer Europa».

d) Mención ao obxectivo «Contribuír á conservación do medio ambiente e o patrimonio cultural».

O cartel, elaborado con materiais que permitan certa perdurabilidade no tempo, deberase colocar nun lugar visible para o público.

missing image file
missing image file
missing image file

anexo iii
(continuación)

Para os efectos do sinalado, poderase empregar o seguinte modelo tanto para a publicación en web como para a elaboración do cartel:

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file