Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Mércores, 14 de xullo de 2021 Páx. 35845

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

DECRETO 105/2021, do 1 de xullo, polo que se modifica o Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, autoriza na súa disposición adicional segunda a creación da Axencia Galega de Innovación (Gain), adscrita á Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación. A finalidade da Gain é apoiar e impulsar a innovación das empresas galegas e fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas. No ano 2012 aprobouse o Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos (DOG núm. 19, do 27 de xaneiro).

Mediante o Decreto 15/2014, do 6 de febreiro, modificáronse os seus estatutos como consecuencia da extinción da Fundación para o Fomento da Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia e a adscrición dos seus medios persoais e materiais á Axencia Galega de Innovación.

A Lei 2/2017, do 8 de febreiro, de medidas fiscais, administrativas e de ordenación autoriza, na súa disposición adicional sexta, a creación da Axencia Galega da Industria Forestal, e o Decreto 81/2017, do 3 de agosto, polo que se crea a Axencia Galega de Industria Forestal e se aproban os seus estatutos, establece que esta axencia asumirá os medios persoais e materiais e as competencias do Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira, ata ese momento adscrito á Axencia Galega de Innovación.

Mediante o Decreto 85/2019, do 4 de xullo, modifícase a Comisión de Control da Axencia e a súa estrutura ao crearse o Departamento de Coordinación do Polo Aeroespacial de Rozas.

Por outra parte, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 5 de novembro de 2020, acordou a creación da Comisión Interdepartamental de I+D+i para a planificación e coordinación dos obxectivos, actuacións, instrumentos e fondos da Comunidade Autónoma en materia de I+D+i, co obxectivo de integrar e complementar a visión e perspectivas estratéxicas dos diferentes departamentos neste ámbito. Así mesmo, este acordo crea un grupo técnico que será o encargado de realizar o estudo das iniciativas, propostas e proxectos concretos en materia de I+D+i que posteriormente serán sometidos á Comisión Interdepartamental, así como realizar aqueles traballos que lle encargue a Comisión.

O funcionamento administrativo destes dous órganos colexiados, a preparación das propostas e outra información, a negociación e o desenvolvemento de todos os instrumentos identificados, as análises xurídicas, os mecanismos de recollida de datos, etc., supoñen unha carga adicional de traballo que non é posible asumir coa dotación de persoal actual da Axencia.

É preciso indicar que os ámbitos de actuación da Comisión e, por tanto, do Grupo Técnico van máis aló das competencias da Gain xa que son temas que afectan con carácter xeral todos os departamentos que impulsan a política de I+D+i.

Polo que antecede, cómpre modificar a estrutura organizativa da Axencia Galega de Innovación ata o nivel de departamento para adaptala ás novas necesidades e funcións asignadas para outorgarlle a máxima eficacia no seu exercicio.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de xullo de dous mil vinte e un,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos

Os estatutos da Axencia Galega de Innovación, aprobados polo Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, e modificados polo Decreto 15/2014, do 6 de febreiro, o Decreto 125/2016, do 1 de setembro, e o Decreto 85/2019, do 4 de xullo, quedan modificados como segue:

Un. Modifícase o artigo 20 dos estatutos, que queda redactado como segue:

«Artigo 20. Estrutura organizativa

1. A Axencia Galega de Innovación quedará estruturada en unidades orgánicas dependentes directamente da Dirección da Axencia.

2. As unidades orgánicas en que se estruturará a Axencia serán catro áreas e dous departamentos:

a) Área de Xestión.

b) Área de Programas.

c) Área de Servizos.

d) Área de Centros.

e) Departamento de Coordinación do Polo Aeroespacial de Rozas.

f) Departamento de Apoio á Comisión Interdepartamental de I+D+i».

Dous. Engádese un novo artigo 22 quinquies aos estatutos, que queda redactado como segue:

«Artigo 22 quinquies. Departamento de Apoio á Comisión Interdepartamental de I+D+i

Baixo a dependencia directa da Dirección da Axencia Galega de Innovación, correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A preparación da orde do día e a elaboración das convocatorias da Comisión Interdepartamental de I+D+i e do Grupo Técnico.

b) O asesoramento e a realización dos informes e estudos que en materia de I+D+i lle sexan encomendadas no marco de actuación da Comisión Interdepartamental de I+D+i.

c) A redacción das actas, os acordos e as certificacións correspondentes ás reunións dos órganos citados na alínea precedente.

d) A revisión e arquivo da documentación dos expedientes competencia da Comisión Interdepartamental de I+D+i e do Grupo Técnico.

e) Apoio administrativo aos grupos de traballo que no seo do Grupo Técnico acórdense crear para o estudo das actuacións incluídas no plan de traballo da Comisión Interdepartamental de I+D+i.

f) Aquelas outras funcións que, dentro do seu ámbito, lle sexan asignadas».

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de xullo de dous mil vinte e un

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación