Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Xoves, 15 de xullo de 2021 Páx. 36366

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2021 pola que se amplía o prazo de xustificación das subvencións concedidas ao abeiro da Orde do 2 de xullo de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras, se convoca o procedemento para a concesión de subvencións destinadas a proxectos de investigación sanitaria translacional, programa Translaciona COVID-19. Reforzo da investigación sanitaria de Galicia, e se dá publicidade da encomenda de xestión de carácter técnico á Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde para a tramitación e xestión das citadas axudas (código de procedemento SA304C).

A Consellería de Sanidade publicou no Diario Oficial de Galicia núm. 135, do 8 de xullo de 2020, a Orde do 2 de xullo de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a proxectos de investigación sanitaria translacional, programa Translaciona COVID-19 e se convocan para o ano 2020 (código de procedemento SA304C).

O artigo 18 da referida Orde do 2 de xullo de 2020 establece que o prazo de execución dos proxectos e de xustificación da subvención rematará o 31 de outubro de 2021.

O artigo 45.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, establece a posibilidade de que o órgano concedente das subvencións outorgue, salvo precepto en contra contido nas bases reguladoras, unha ampliación do prazo establecido para presentar a xustificación, que non excederá a metade deste e sempre que con iso non se prexudiquen dereitos de terceiros.

O artigo 32 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, indica que a ampliación se poderá acordar de oficio ou por instancia de parte antes do vencemento do prazo de que se trate e se as circunstancias así o aconsellan.

En consecuencia, tendo en conta que a data de xustificación é o día 31 de outubro de 2021 e que o escenario producido durante o estado de alarma pola pandemia da COVID-19 e os protocolos aplicados nas institucións sanitarias, interromperon ou directamente imposibilitaron a adecuada execución dos proxectos de investigación dos beneficiarios, polas razóns antes expostas,

RESOLVO:

Modificar a data límite de xustificación establecida no artigo 18 da Orde do 2 de xullo de 2020 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións destinadas a proxectos de investigación sanitaria translacional e se convocan para o ano 2020 (SA304C), ampliando o prazo para executar os proxectos de investigación subvencionados e presentar a documentación xustificativa ata o 31 de decembro de 2021.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2021

Julio García Comesaña
Conselleiro de Sanidade