Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Xoves, 15 de xullo de 2021 Páx. 36368

III. Outras disposicións

Fondo Galego de Garantía Agraria

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 2021 pola que se regula o procedemento para a concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares, e se convocan para o curso escolar 2021/22 (códigos de procedemento MR265B e MR265C).

O Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se crea a organización común de mercados agrarios, prevé dous réximes de axudas destinados a mellorar a distribución de produtos agrarios ao alumnado de centros escolares. O primeiro réxime refírese á distribución de produtos dos sectores das froitas e hortalizas, das froitas e hortalizas transformadas e do plátano (Programa de consumo de froitas e hortalizas nas escolas) e o segundo, á distribución de leite e de produtos lácteos (Programa de consumo de leite nas escolas).

O Regulamento (UE) nº 2016/791 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de maio de 2016, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1308/2013 e (UE) nº 1306/2013 no que atinxe ao réxime de axudas para a distribución nos centros escolares de froitas e hortalizas, plátanos e leite, substitúe estes dous réximes por un único, con efectos a partir do curso escolar 2017/18. Este réxime único dota estas axudas dun marco xurídico e financeiro común, máis adecuado e efectivo, que maximice o impacto da distribución e aumente a eficacia na xestión dos programas escolares.

Xunto con este, o Regulamento (UE) nº 2016/795 do Consello, do 11 de abril de 2016, polo que se modifica o Regulamento (UE) nº 1370/2013, establece medidas relativas á fixación das axudas e restitucións en relación coa organización común de mercados dos produtos agrícolas.

Finalmente, cómpre completar o marco normativo comunitario co Regulamento de execución (UE) nº 2017/39 da Comisión, do 3 de novembro de 2016, polo que se establecen normas de desenvolvemento do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, no que atinxe á axuda da Unión para a distribución nos centros escolares de froitas e hortalizas, plátanos e leite e, finalmente, co Regulamento delegado (UE) nº 2017/40 da Comisión, do 3 de novembro de 2016, polo que se completa o Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello no relativo á axuda da Unión para a subministración de froitas e hortalizas, plátanos e leite nos centros escolares e se modifica o Regulamento delegado (UE) nº 907/2014 da Comisión.

Na actualidade existe unha tendencia descendente no consumo de froitas e hortalizas frescas e de leite de consumo, por iso os regulamentos comunitarios establecen a necesidade de centrar a distribución de forma prioritaria nestes produtos. Así mesmo, deben realizarse esforzos para garantir a distribución de produtos locais e rexionais.

A evolución do programa de leite escolar nos últimos cursos amosa en Galicia unha tendencia á baixa, polo que cómpre darlle efectividade executando de xeito conxunto os programas de froita e de leite escolar.

En Galicia, a regulación da axuda recollida nesta resolución desenvolve a normativa básica estatal contida no Real decreto 511/2017, do 22 de maio, polo que se desenvolve a aplicación en España da normativa da Unión Europea en relación co programa escolar de consumo de froitas, hortalizas e leite, que establece as modalidades de aplicación da nova normativa da Unión Europea en relación cos plans escolares de consumo de froitas, hortalizas e leite. O citado real decreto foi modificado polo Real decreto 77/2019, do 22 de febreiro, de aplicación a partir do curso escolar 2020/21 e que, entre outros, simplifica o procedemento e inclúe como posibles solicitantes os centros escolares.

Esta resolución establece, no seu capítulo I, as bases reguladoras para a tramitación e concesión das axudas para a subministración de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo ao alumnado de centros escolares, e, no seu capítulo II, a convocatoria das axudas para o curso escolar 2021/22.

É de aplicación para a tramitación e concesión de axudas nesta comunidade autónoma a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como, no que resulta de aplicación, a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, que regula os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e sancións administrativas.

Segundo a Lei 7/1994, do 29 de decembro, de creación do Fondo Galego de Garantía Agraria –Fogga– (denominado así en virtude da disposición adicional quinta da Lei 7/2002, do 27 de decembro, de medidas fiscais e de réxime administrativo), e o Decreto 7/2014, do 16 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos do organismo autónomo Fondo Galego de Garantía Agraria, correspóndelle ao dito organismo, entre outras funcións, a execución das accións necesarias para a aplicación da política agrícola común (PAC) no eido agrícola e gandeiro, respecto das axudas e subvencións con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), así como a execución de accións necesarias para o funcionamento das distintas organizacións de mercados e a mellora das estruturas agropecuarias.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, en aplicación da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das facultades previstas no artigo 2 da devandita Lei 7/1994,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras do réxime de axudas destinadas á subministración, ao alumnado de centros escolares na Comunidade Autónoma de Galicia, de froitas frescas, castañas e leite líquido de consumo, recollidas nesta resolución.

2. Igualmente, é obxecto desta resolución a convocatoria das ditas axudas para o curso escolar 2021/22, consonte o disposto no Regulamento (UE) nº 2016/791 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de maio de 2016, polo que se modifican os regulamentos (UE) nº 1308/2013 e (UE) nº 1306/2013 no que atinxe ao réxime de axudas para a distribución nos centros escolares de froitas e hortalizas, plátanos e leite, e no Regulamento (UE) nº 2016/795 do Consello, do 11 de abril de 2016, que modifica o Regulamento (UE) nº 1370/2013, polo que se establecen medidas relativas á fixación de axudas e restitucións en relación coa organización común de mercados dos produtos agrícolas, e os regulamentos que os desenvolven e complementan.

3. A axuda abrangue dous procedementos diferenciados: o procedemento MR265B, de solicitude de autorización e axuda para a subministración de produtos aos centros escolares, e o procedemento MR265C, de solicitude do pagamento da axuda para a subministración de produtos aos centros escolares.

CAPÍTULO I

Bases reguladoras

Artigo 2. Persoas destinatarias

1. Será destinatario final da axuda o alumnado que asista regularmente aos centros ou establecementos escolares, administrados ou recoñecidos polas autoridades competentes da Comunidade Autónoma de Galicia, que pertenza aos seguintes niveis de ensino:

a) Educación infantil.

b) Educación primaria.

c) Educación secundaria, que comprenderá a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional de grao medio.

As persoas destinatarias poderán recibir a axuda unicamente durante os días lectivos de desenvolvemento do curso escolar.

Artigo 3. Produtos que se subvencionan e restricións

1. Serán obxecto de distribución obrigatoria no programa escolar os dous grupos de produtos:

a) Froitas frescas e castañas.

b) Leite líquido de consumo e as súas versións sen lactosa.

2. A axuda da Unión concederase unicamente para os produtos a que se refire o anexo I.

3. Os produtos non poderán ser obxecto de distribución no marco das comidas escolares.

4. Os centros escolares que desexen participar, deberán facelo obrigatoriamente distribuíndo entre o alumnado os dous grupos de produtos (froitas e leite).

5. Os produtos distribuídos serán sempre de excelente calidade. No caso das froitas frescas, serán preferentemente de tempada, atoparanse no seu grao óptimo de madureza de consumo e serán consumidas no seu estado natural, non poderán someterse a ningún procesamento, incluída a elaboración de zume. As castañas consumiranse cocidas ou asadas.

6. Optarase preferentemente pola distribución de produtos da Comunidade Autónoma de Galicia, que empreguen na súa obtención sistemas de produción sustentables e respectuosos co ambiente.

7. Os produtos recollidos no anexo I terán que cumprir, se é o caso, os requisitos do Regulamento (CE) nº 852/2004 e do Regulamento (CE) nº 853/2004 e, en particular, os relativos á preparación nun establecemento autorizado, así como os de marcación de identificación especificados na sección I do anexo II do Regulamento (CE) nº 853/2004.

Artigo 4. Período de subministración, calendario de distribución e racións

1. A subministración dos produtos nos centros escolares farase durante un ou os dous seguintes períodos de repartición autorizados:

1º. período: de novembro de 2021 a febreiro de 2022 (ambos incluídos).

2º. período: de marzo a xuño de 2022 (ambos incluídos).

A distribución de froitas frescas e castañas levarase a cabo, para cada un dos períodos, durante dez (10) días lectivos consecutivos.

A distribución de leite líquido de consumo levarase a cabo, para cada un dos períodos, durante un mínimo de vinte (20) días lectivos consecutivos.

2. A ración máxima de consumo por alumno/a e día é de:

a) Froitas frescas e castañas: 0,17 kg.

b) Leite líquido de consumo e as súas versións sen lactosa: 200 cc.

Artigo 5. Axuda da Unión para a subministración e a distribución de produtos

1. A axuda da Unión destinarase a financiar a subministración e distribución dos produtos subvencionables a que se fai referencia no artigo 3. O IVE será financiado con cargo ao orzamento da Xunta de Galicia.

2. O importe máximo aplicable ao produto será o establecido no anexo I. Para calcular a axuda que se deberá solicitar, os centros escolares deben ter en conta que aos importes unitarios que figuran no anexo I teñen que engadirlle o IVE correspondente.

3. Xunto coa solicitude de pagamento o solicitante deberá achegar, por programa, un mínimo de tres ofertas de diferentes provedores. Deberase avaliar, polo menos, a independencia das ofertas, que os elementos das ofertas sexan comparables, así como a claridade e o detalle da descrición destas. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficacia e economía, debendo xustificarse expresamente a elección cando esta non recaia na proposta económica máis vantaxosa, así como, se é o caso, na inexistencia de suficientes provedores.

4. Os importes do anexo I incrementaranse nun 30 % para produtos avalados por réximes de calidade recoñecidos pola UE, establecidos no Regulamento (UE) nº 1151/2012 do Parlamento e do Consello, do 21 de novembro, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios, e no Regulamento (CE) nº 834/2007 do Consello, do 28 de xuño, sobre produción e etiquetaxe dos produtos ecolóxicos e polo que se derroga o Regulamento (CEE) nº 2092/91, ou dos réximes de calidade a que se refire o artigo 16, número 1, letras b) e c), do Regulamento (UE) nº 1305/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) e polo que se derroga o Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello.

Dentro destes réximes de calidade están incluídos, entre outros: agricultura ecolóxica, denominación de orixe protexida (DOP), indicación xeográfica protexida (IXP) e Leite Galega 100 %.

Artigo 6. Persoas solicitantes da axuda para a subministración e distribución dos produtos

1. Poderán solicitar a axuda os centros escolares que pertenzan aos niveis de ensino citados no artigo 2, que teñan a súa sede na Comunidade Autónoma de Galicia e reúnan os requisitos establecidos nesta resolución.

Para poder participar no programa escolar as persoas solicitantes deberán estar autorizadas nos termos establecidos no artigo 7, e asumir os compromisos que figuran no anexo II.

2. Para os efectos da aplicación da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, será persoa beneficiaria da axuda unha persoa solicitante que fose aprobada para participar no programa no curso escolar 2021/22, de acordo co establecido nesta resolución.

A participación poderá ser suspendida por un período de un a doce meses, ou retirada, pola Dirección do Fogga, en calquera momento atendendo á gravidade da infracción, polo incumprimento dalgún dos compromisos asumidos pola persoa declarante ou pola existencia de irregularidades, logo de ponderar as circunstancias que concorran en cada caso. No suposto de retirada, transcorrido un período mínimo de, polo menos, doce meses, poderá concederse unha nova autorización, por instancia da persoa interesada, logo de valorar os antecedentes que motivaron a retirada da anterior.

3. Non poderá concedérselles a axuda a aqueles que estean incursos nalgunha das causas de prohibición que impiden obter a condición de persoa beneficiaria previstas na normativa aplicable en materia de subvencións.

4. Para os efectos de xustificar o cumprimento dos requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas solicitantes asinarán unha declaración de cumprimento dos ditos requisitos, que contén o anexo II desta resolución.

5. A ordenación e a instrución deste procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Xestión da PAC do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

Artigo 7. Presentación e tramitación da solicitude de autorización e axuda (código de procedemento MR265B)

1. As persoas solicitantes de axuda que pretendan participar no programa deberán ser autorizadas pola dirección do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga). Para estes efectos, presentarán o anexo II desta resolución no prazo establecido no capítulo II. Empregarase un modelo de anexo II para froitas frescas e castañas e outro para leite.

Previamente á presentación da solicitude, a persoa solicitante da axuda gravará na aplicación informática que o Fogga habilitará para estes efectos os datos relativos á repartición de produtos.

Rematada a gravación, a aplicación xerará un código de peche que será imprescindible para cubrir o anexo II de solicitude de autorización e axuda.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. No caso de que os importes solicitados superen a contía das dispoñibilidades orzamentarias dun programa, estas distribuiríanse proporcionalmente tomando como referencia a media do importe por alumno e día na totalidade de solicitudes e tendo en conta que non se adxudicará a cada solicitante máis importe que o solicitado.

4. Unha vez efectuados os controis pertinentes, os servizos territoriais do Fogga validarán, a través da aplicación informática creada para esta xestión, as solicitudes presentadas, para que a Dirección do Fogga dite a correspondente resolución no prazo de tres (3) meses contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación das solicitudes. Entenderanse estimadas por silencio positivo aquelas solicitudes de autorización que non sexan resoltas e notificadas no dito prazo e desestimadas por silencio negativo as solicitudes de axuda.

5. As persoas solicitantes da axuda que foron aprobadas deberán comunicarlle ao Fogga, previamente á repartición dos produtos calquera modificación que pretendan realizar na distribución dos produtos da súa solicitude de axuda (supresión dun dos dous períodos de repartición previstos, cambio da data de inicio da distribución, etc.).

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo II-A de aceptación de compromisos e certificación de datos do centro escolar (para o grupo de produto de froitas frescas e castañas).

b) Anexo II-B de aceptación de compromisos e certificación de datos do centro escolar (para o grupo de produto de leite líquido de consumo).

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

d) Certificación de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma.

e) Certificación de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias co Estado.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Procedemento para o pagamento da axuda (código de procedemento MR265C)

1. As persoas autorizadas e adxudicatarias da axuda solicitarán o pagamento da axuda conforme o modelo previsto no anexo III desta resolución, na forma establecida no artigo 7.2, e dirixirase ao servizo territorial do Fogga da provincia onde radiquen os centros escolares correspondentes.

Previamente á presentación da solicitude, a persoa autorizada e adxudicataria da axuda gravará na aplicación informática que o Fogga habilitará para estes efectos os datos relativos á repartición de produtos do centro escolar.

Rematada a gravación, a aplicación xerará un código de peche que será imprescindible para cubrir o anexo III de solicitude de pagamento.

2. Só será admisible unha única solicitude de pagamento para cada período de distribución e grupo de produto.

3. A solicitude de pagamento presentarase no prazo establecido no artigo 24.1 desta resolución.

Se o prazo de presentación da solicitude de pagamento excedese en menos de 60 días naturais, a axuda verase reducida como se indica a continuación:

a) Un 5 %, se o prazo se supera entre 1 a 30 días naturais.

b) Un 10 %, se o prazo se supera entre 31 a 60 días naturais.

Cando o prazo se exceda en máis de 60 días naturais, a axuda reducirase, ademais, nun 1 % por cada día adicional, calculado sobre o saldo restante.

4. A persoa solicitante cubrirá a declaración de conxunto de todas as solicitudes efectuadas ás distintas administracións ou entes públicos para o mesmo proxecto, das concedidas por estas e doutros ingresos e recursos que financien as actividades subvencionadas, que se inclúe nesta solicitude.

Artigo 11. Documentación complementaria

A persoa solicitante do pagamento xuntará, a través do procedemento establecido na sede electrónica, de acordo co establecido no artigo 8, a seguinte documentación complementaria:

– As correspondentes facturas xustificativas de pagamento dos produtos subministrados ao alumnado que reflectirán, por separado, o custo unitario e o custo total de cada produto subvencionado.

– Unha proba do seu pagamento.

No caso de subministrar produtos avalados polos réximes de calidade recollidos no artigo 5.4 desta resolución, achegarase a documentación acreditativa correspondente:

1º. Se os mercan directamente a persoas produtoras: certificado emitido polo órgano competente correspondente de que os produtos obtidos na súa explotación e distribuídos aos centros escolares están avalados por un réxime de calidade diferenciada, e/ou fotografía da etiquetaxe dos produtos distribuídos onde figure a dita denominación.

2º. Nos demais casos: copia da factura de compra dos produtos que se distribuíron aos centros escolares onde figure a denominación de produto de calidade diferenciada e/ou fotografía da etiquetaxe dos produtos distribuídos onde figure a dita denominación.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

b) Certificación de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa Comunidade Autónoma.

c) Certificación de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias co Estado.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Controis

1. O Fogga establecerá un plan de controis co obxecto de garantir o cumprimento da normativa aplicable a esta axuda, de acordo co establecido nos artigos 9 e 10 do Regulamento de execución (UE) nº 2017/39 da Comisión, do 3 de novembro de 2016.

2. Levaranse a cabo controis administrativos a todas as solicitudes, que incluirán a comprobación dos xustificantes previstos en relación coa distribución dos produtos. Tamén se realizarán controis sobre o terreo nas instalacións do solicitante.

Artigo 14. Irregularidades

1. A existencia de irregularidades na calidade dos produtos subministrados, a distribución incorrecta a todo o alumnado participante (lugar, horario, forma e produto), a superación das racións máximas de consumo por alumno/a e día lectivo, a falsidade de datos, a desviación dos produtos do seu destino, a execución dalgún dos programas de froita o de leite en menos do 50 % do importe adxudicado e, en xeral, calquera impedimento, total ou parcial, para que a axuda repercuta directamente en beneficio do alumnado, poderá implicar a suspensión ou retirada da participación de acordo co previsto no artigo 6.2 desta resolución, sen prexuízo das responsabilidades de calquera tipo en que puidesen incorrer as persoas responsables do centro escolar.

2. Sen prexuízo do anterior, a existencia de calquera irregularidade na execución na liña de axuda prevista nesta resolución poderá dar lugar á denegación ou minoración da axuda solicitada.

3. As medidas previstas nos dous números anteriores non se aplicarán nos supostos de forza maior, así como nos casos en que se determine que as irregularidades non se cometeron deliberadamente ou por neglixencia, sen prexuízo dos apercibimentos e inspeccións que correspondan.

Artigo 15. Tramitación e resolución das solicitudes de pagamento

1. Unha vez efectuados os controis pertinentes, os servizos territoriais do Fogga elevarán a oportuna proposta, a través da xefatura territorial, á dirección do Fogga, sobre as solicitudes de pagamento presentadas, para que esta dite a correspondente resolución.

2. O prazo máximo para emitir a resolución e realizar o pagamento será o establecido no artigo 24.2 desta resolución.

3. A falta de resolución expresa no prazo anterior implica que as solicitudes presentadas se entenderán desestimadas por silencio administrativo.

Artigo 16. Compatibilidade das subvencións

O importe da axuda concedida non poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas, supere o custo dos produtos obxecto de subvención.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta resolución e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 18. Reintegro da axuda

Para a recuperación dos importes pagados indebidamente, será de aplicación mutatis mutandis o artigo 7 do Regulamento de execución (UE) nº 809/2014.

De conformidade co disposto no artigo 8 do Regulamento delegado (UE) nº 2017/40 da Comisión, do 3 de novembro de 2016, no caso de incumprimento das obrigas establecidas en virtude do programa escolar, excepto as recollidas no artigo 64.2, letras a) a d), do Regulamento (UE) nº 1306/2013, a persoa solicitante, ademais de devolver os importes pagados indebidamente, pagará unha sanción administrativa equivalente á diferenza entre o importe exixido inicialmente e o importe a que teña dereito.

Artigo 19. Recursos administrativos

1. Contra as resolucións ditadas en aplicación desta resolución pola Dirección do Fogga poderase interpoñer recurso de alzada, ante a Presidencia do dito organismo, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto nos artigos 112, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Se a resolución non é expresa, poderase interpoñer en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio administrativo.

Artigo 20. Obriga de facilitar información

Ademais da documentación complementaria que, durante a tramitación do procedemento, lles poidan exixir os órganos correspondentes do Fogga, as persoas beneficiarias teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos órganos dependentes do organismo pagador, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.

Artigo 21. Publicidade sobre a distribución de produtos nos centros escolares

Os centros escolares que participen no programa escolar deberán publicitar, na entrada principal do centro e nun lugar onde se poida ver e ler claramente, que este está subvencionado pola Unión Europea, mediante os carteis elaborados e facilitados polo Fogga.

CAPÍTULO II

Convocatoria das axudas para o curso escolar 2021/22

Artigo 22. Axudas obxecto da convocatoria

Mediante a presente resolución convócanse para o curso escolar 2021/22 as axudas para a subministración, ao alumnado de centros escolares, dos produtos sinalados no anexo I da presente resolución.

Artigo 23. Solicitude de autorización e axuda

1. Aqueles que queiran participar no programa escolar solicitarán a axuda ata o 20 de setembro de 2021 (incluído) e asumirán os correspondentes compromisos, segundo o disposto no artigo 8.1 desta resolución.

2. As solicitudes de axuda serán resoltas e notificadas no prazo de tres (3) meses contados desde o día seguinte ao do remate do prazo de presentación das solicitudes de axuda.

Artigo 24. Solicitudes de pagamento

1. As solicitudes de pagamento presentaranse nun prazo máximo de tres meses contados a partir do día seguinte ao do remate de cada período de subministración autorizado establecido no artigo 4.1 desta resolución.

2. O prazo máximo para emitir a resolución e realizar o pagamento será de tres meses contados a partir do día de presentación da solicitude de pagamento válida e completa, a menos de que se iniciasen investigacións administrativas.

Artigo 25. Axuda da Unión

Estas axudas fináncianse no 100 % con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga). O imposto sobre o valor engadido (IVE) será subvencionado coa axuda da Xunta de Galicia.

De conformidade co establecido no artigo 5 desta resolución, o importe aplicable para cada produto será o indicado no anexo I.

Artigo 26. Financiamento

1. Esta convocatoria finánciase con cargo á aplicación orzamentaria 14.80.713F.779.0 do orzamento de gastos do Fondo Galego de Garantía Agraria para o curso 2021/22, polo importe máximo de 1.241.407,95 euros, segundo as seguintes anualidades e grupo de produto:

Exercicio 2021: 124.140,80 euros, dos cales 53.788,98 euros corresponden ao programa de leite (51.720,17 euros de fondos Feaga e 2.068,81 euros de fondos da Xunta de Galicia) e 70.351,82 euros ao programa de froita (67.645,98 euros de fondos Feaga e 2.705,84 euros de fondos da Xunta de Galicia).

Exercicio 2022: 1.117.267,15 euros, dos cales 484.100,80 euros corresponden ao programa de leite (465.481,54 euros de fondos Feaga e 18.619,26 euros de fondos da Xunta de Galicia) e 633.166,35 euros ao programa de froita (608.813,80 euros de fondos Feaga e 24.352,55 euros de fondos da Xunta de Galicia).

2. En todo caso, a concesión da axuda condicionarase á existencia de crédito adecuado e suficiente e limitarase á dispoñibilidade orzamentaria, e deberase proceder á tramitación do oportuno expediente de xeración e ampliación de crédito, no caso de que a cantidade inicialmente consignada non resulte suficiente.

3. As ditas dotacións orzamentarias poderanse incrementar, se for oportuno, con outros fondos procedentes do Fondo Europeo Agrícola de Garantía, dos orzamentos xerais do Estado e da Comunidade Autónoma. Neste suposto, tramitarase o oportuno expediente de xeración, ampliación ou incorporación de crédito.

Artigo 27. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 28. Trámites administrativos posteriores á presentación das solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 29. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrarlle á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Disposición adicional única. Normativa aplicable

Para todo o non previsto nesta resolución será de aplicación a sección I do capítulo II do título I da parte II do Regulamento (UE) nº 1308/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, e as súas normas de desenvolvemento e aplicación, así como o Real decreto 511/2017, do 22 de maio; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, e o seu regulamento, aprobado mediante o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, e tamén a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009.

Disposición derradeira

Esta resolución terá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación para o curso escolar 2021/22.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2021

Silvestre José Balseiros Guinarte
Director do Fondo Galego de Garantía Agraria

ANEXO I

Importe sen IVE máximo aplicable ao produto en €/kg e €/l

a) Froitas frescas e castañas.

Produto

Importe sen IVE máximo aplicable ao produto (€/kg)

Importe sen IVE máximo aplicable ao produto con Réxime de calidade (€/kg)

Albaricoque

3,70

4,81

Ameixa

2,69

3,50

Amorodo

3,75

4,88

Caqui

2,25

2,93

Castaña

10,59

13,77

Cereixa

4,74

6,16

Figo fresco

4,38

5,69

Froitas tropicais (chirimoia, manga, papaia...)

2,62

3,41

Froitos vermellos (framboesa, arando, grosella...)

12,87

16,73

Granada

2,70

3,51

Híbrido de pequenos cítricos

2,07

2,69

Kiwi

2,99

3,89

Laranxa

1,98

2,57

Mandarina

2,72

3,54

Mazá

1,88

2,44

Melón

2,99

3,89

Nectarina

2,56

3,33

Néspera

3,92

5,10

Paraguaio

2,97

3,86

Pera

2,19

2,85

Pexego

2,41

3,13

Plátano

2,45

3,19

Sandía

1,16

1,51

Uva

3,23

4,20

b) Leite líquido de consumo e as súas versións sen lactosa.

Produto

Importe sen IVE máximo aplicable ao produto (€/l)

Importe sen IVE máximo aplicable ao produto con Réxime de calidade (€/l)

Leite tratado termicamente (pasteurizado)

1,40

1,82

Leite tratado termicamente (os demais)

1,38

1,79

Leite tratado termicamente. Sen lactosa

1,40

1,82

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file