Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Venres, 16 de xullo de 2021 Páx. 36530

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 9 de xullo de 2021 pola que se fai pública a ampliación do importe existente para a concesión das axudas para investimentos en pemes de transformación dos produtos pesqueiros e da acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), convocadas pola Orde do 18 de decembro de 2020.

A Orde do 18 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases e se regula o procedemento tramitado como expediente anticipado de gasto, para a concesión en réxime de concorrencia competitiva de axudas para investimentos en peme de transformación dos produtos pesqueiros e de acuicultura, cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e se convocan para o ano 2021 (DOG nº 262, do 31 de decembro), establece no seu artigo 4 o importe da contía máxima das axudas que ao seu abeiro da mesma poderán ser concedidas aos seus solicitantes.

Unha vez revisados os expedientes presentados ao abeiro da devandita orde, comprobouse que o importe total solicitado destas axudas superaba a existencia de crédito, o que faría imposible atender a demanda da totalidade das solicitudes presentadas.

Tendo en conta o indicado no artigo 4 da Orde do 18 de decembro de 2020, o importe fixado na convocatoria, así como as aplicacións a que se impute, poderase ampliar no caso de que exista crédito dispoñible derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de remanentes doutras convocatorias ou en calquera dos casos e coas condicións establecidas no número 2 do artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro), sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes, salvo indicación expresa en contrario na orde que se publique para o efecto.

Por todo o exposto e no uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo único

Primeiro. Amplíase o importe da contía máxima das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 18 de decembro de 2020 (DOG nº 262, do 31 de decembro) para o exercicio orzamentario 2021, na cantidade de 6.456.621,16, con cargo á aplicación 15.02.723A.771.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.

Segundo. A presente modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Única. A presente orde producirá efectos a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 xullo de 2021

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar