Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Luns, 19 de xullo de 2021 Páx. 36715

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

ORDE do 29 de xuño de 2021 pola que se aproban os estatutos do Ilustre Colexio Oficial de Procuradores de Vigo.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A propia lei orgánica prevé, tal como expón o mandato constitucional, a transferencia de servizos necesarios, que se leva a cabo de forma efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, de traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado en materia de colexios oficiais ou profesionais.

Tendo en conta o dito traspaso, o Decreto 337/1996, do 13 de setembro, estableceu a asunción de funcións transferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asignoulle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, segundo a estrutura establecida no Decreto 214/2020, do 3 de decembro).

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións, para os efectos de verificación da súa adecuación á legalidade, ordenación da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e inscrición no rexistro.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Ilustre Colexio Oficial de Procuradores de Vigo, que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación dos estatutos anteriores

Quedan derrogados os anteriores estatutos do ano 1957 e cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2021

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo

ANEXO

Estatutos do Ilustre Colexio de Procuradores de Vigo

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

O obxecto destes estatutos é regular a organización e o funcionamento do Ilustre Colexio de Procuradores de Vigo (ICP Vigo) que actúa ao servizo do interese xeral da sociedade e dos colexiados mediante o exercicio das funcións e competencias que lle son propias.

Artigo 2. Natureza e personalidade

1. O ICP Vigo é unha corporación de dereito público constituída e recoñecida de conformidade coa lei e integrada por quen exerce a profesión de procurador dos tribunais.

2. O Colexio ten personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

3. Na súa organización e funcionamento goza de plena autonomía no marco deste estatuto e baixo a garantía dos tribunais de xustiza.

Artigo 3. Ámbito territorial e domicilio

1. O ámbito territorial do ICP Vigo circunscríbese á cidade de Vigo e ás demarcacións xudiciais de Redondela, O Porriño, Tui e Ponteareas e a aqueloutras demarcacións que por lei se adscriban a este colexio.

2. Malia o anterior, o Colexio poderá realizar lexitimamente actuacións fóra do seu ámbito territorial, con respecto ás competencias do Consello Xeral e do Consello Galego dos Procuradores, no exercicio dos seus fins e funcións, no marco do disposto nestes estatutos.

3. A sede do ICP Vigo radica no número 2 da rúa Lalín de Vigo, ou na que, de ser o caso, se determine en xunta xeral extraordinaria, sempre comprendida no ámbito territorial do Colexio.

Artigo 4. Fins esenciais

Son fins esenciais do ICP Vigo:

a) Ordenar o exercicio da profesión no ámbito da súa competencia e de acordo co previsto nas leis.

b) Exercer a representación institucional exclusiva da procuradoría no seu ámbito territorial.

c) Defender os intereses profesionais dos procuradores.

d) Velar pola observancia da deontoloxía profesional e pola protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos profesionais dos seus colexiados.

e) Colaborar activamente na obtención e acreditación da capacitación profesional dos procuradores e promover a calidade da actividade profesional dos seus colexiados mediante a formación continuada, e cooperar na mellora dos estudos que, conforme a lexislación vixente, resulten necesarios para a obtención do título que habilite para o exercicio da profesión de procurador dos tribunais.

f) Colaborar, promover e mellorar o funcionamento da Administración de xustiza, así como prestar os servizos que as leis procesuais e orgánicas lle encomendan.

g) Colaborar coas administracións públicas no exercicio das súas competencias de acordo coa lei e con estes estatutos.

Artigo 5. Relacións coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia

1. O ICP Vigo relacionarase coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia nas cuestións relativas aos aspectos institucionais e corporativos e nas cuestións referentes ao contido da profesión, a través da consellería da Xunta de Galicia competente nos termos previstos nas leis.

2. O Colexio poderá exercer, ademais das súas funcións propias, as funcións administrativas que lle atribúa a lexislación básica estatal e autonómica, así como as competencias administrativas que lle delegue o correspondente órgano da Administración. Así mesmo, poderá colaborar coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia facendo uso das técnicas relacionadas no artigo 7 da Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia (LCPCG).

3. O ICP Vigo manterá relacións e atenderá ás vinculacións institucionais que lle correspondan coa Administración xeral do Estado, coas administracións locais e cos demais organismos e institucións públicas.

TÍTULO II

Dos colexiados

CAPÍTULO i

Réxime de colexiación

Artigo 6. Obrigatoriedade

1. Para o exercicio da profesión de procurador están obrigados á incorporación no ICP Vigo os procuradores que teñan o seu domicilio profesional único ou principal no ámbito territorial do Colexio.

2. A incorporación ao ICP Vigo habilita o procurador para exercer a súa profesión en todo o territorio español. O Colexio non lles poderá exixir, aos profesionais que exerzan nun territorio diferente ao da súa colexiación, comunicación nin habilitación ningunha, nin o pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que se exixan habitualmente aos seus colexiados pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios e que non estean cubertos pola cota colexial.

3. Nos supostos de exercicio profesional en territorio distinto ao de colexiación, para os efectos de exercer as competencias de ordenación e potestade disciplinaria que lle corresponden ao ICP Vigo, en beneficio dos consumidores e usuarios, este deberá utilizar os oportunos mecanismos de comunicación e os sistemas de cooperación administrativa entre autoridades competentes, previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio (LAASE).

Artigo 7. Liberdade de establecemento e de prestación de servizos

O exercicio permanente en España da profesión de procurador e a prestación ocasional dos seus servizos con título profesional obtido noutro Estado membro da Unión Europea ou do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo rexeranse polo disposto na súa lexislación específica.

Artigo 8. Adquisición da condición de colexiado

1. Son condicións necesarias para ingresar no ICP Vigo:

a) Posuír o título universitario oficial de licenciado ou de grao en Dereito ou outro título universitario de grao equivalente.

b) Posuír o título profesional de procurador dos tribunais, expedido polo Ministerio de Xustiza.

c) Non encontrarse incapacitado ou inhabilitado legalmente para o exercicio da profesión de procurador e non estar incurso en causa legal de incompatibilidade ou prohibición.

d) Non estar suspendido no exercicio profesional por sanción colexial firme.

e) Aboar a cota colexial de ingreso.

f) Acreditar que formalizou a alta na mutualidade dos procuradores dos tribunais de España, mutualidade de previsión social a prima fixa ou, alternativamente, no réxime especial de traballadores autónomos (RETA).

g) Cumprir os demais requisitos legalmente requiridos para o exercicio en España da profesión de procurador.

2. Quen estea en posesión da titulación requirida e cumpra os requisitos establecidos no punto anterior terá dereito a ser admitido no Colexio.

Artigo 9. Procedemento de incorporación

1. A Xunta de Goberno resolverá e notificará as solicitudes de colexiación no prazo máximo dun mes, e poderá denegalas unicamente cando non se cumpran os requisitos establecidos no artigo anterior. A Xunta poderá delegar nun dos seus membros o exercicio desta competencia.

2. Transcorrido este prazo máximo sen que a Xunta de Goberno notificase a resolución, a solicitude entenderase estimada.

3. Poderase suspender o prazo para resolver, por un período non superior a dous meses, co fin de emendar deficiencias da documentación presentada ou de efectuar as comprobacións pertinentes para verificar a súa autenticidade e suficiencia.

4. A denegación de incorporación ao Colexio deberá ser motivada e unicamente se poderá fundamentar no incumprimento dalgunha das condicións establecidas no artigo anterior. A dita denegación poderá ser impugnada no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante o Consello Galego dos Procuradores, nos termos dispostos no capítulo III do título III dos estatutos.

Artigo 10. Perda da condición de colexiado

1. Son causas da perda da condición de colexiado:

a) A renuncia voluntaria.

b) O incumprimento ou a ausencia sobrevida, debidamente comprobados, das condicións de incorporación ao Colexio consignadas no artigo 8.

c) A expulsión en virtude de sanción disciplinaria firme en vía administrativa.

d) A falta de pagamento das contribucións económicas colexiais. Incorre nesta causa o colexiado que deixe de aboar dous recibos, de forma consecutiva ou alternativa, correspondentes ás cotas ordinarias, fixas ou variables, nun mesmo exercicio, así como o que deixe de aboar os importes correspondentes ao uso individualizado dos servizos que poña á súa disposición o Colexio; ás extraordinarias e ás demais cargas colexiais que estableza a Xunta Xeral. Con todo, poderán rehabilitar os seus dereitos pagando a cantidade debida máis o xuro legal devindicado, máis gastos.

e) O falecemento.

2. Non procederá a baixa por renuncia voluntaria do colexiado no caso de que o procurador estea incurso en procedemento disciplinario ata a súa conclusión e a resultas deste.

3. No suposto previsto na letra b) do punto primeiro, a Xunta de Goberno, constatadas as circunstancias determinantes da eventual baixa colexial, porallas de manifesto ao interesado e concederalle trámite de audiencia por un período de quince días hábiles. Transcorrido este prazo, adoptará a correspondente resolución no prazo máximo dun mes.

4. No caso descrito na letra c), o procedemento que se seguirá será o disciplinario previsto no capítulo V do título III destes estatutos.

5. No suposto previsto na letra d), a Xunta de Goberno poralle de manifesto ao interesado a situación de falta de pagamento das contribucións e concederalle trámite de audiencia por un período de quince días hábiles. Transcorrido este prazo, e á vista das alegacións efectuadas, adoptará a correspondente resolución no prazo máximo dun mes. Acordada a baixa, a eventual reincorporación quedará condicionada ao aboamento das cantidades debidas co xuro legal correspondente.

6. A resolución que determine a perda da condición de colexiado poderá ser impugnada perante o Consello Galego dos Colexios de Procuradores nos termos previstos no artigo anterior para a denegación de acceso ao Colexio e terá efecto en todo o territorio nacional.

Artigo 11. Suspensión da condición de colexiado

1. Son causas da suspensión da condición de colexiado:

a) A inhabilitación ou incapacitación para o exercicio profesional, disposta por resolución xudicial firme.

b) A suspensión no exercicio profesional como consecuencia de sanción colexial firme.

2. A condición de colexiado suspenso manterase mentres subsista a causa determinante da suspensión.

Artigo 12. Tramitación electrónica e comunicacións das resolucións dos procedementos sobre colexiación

1. O Colexio disporá os medios necesarios para que os solicitantes poidan tramitar os procedementos de ingreso ou de baixa colexial por vía electrónica, a través do portelo único a que se refire o artigo 10 da Lei 2/1974, do 13 de febreiro (LCP), e o artigo 10 bis da LCPC Galicia, así como na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizo e o seu exercicio.

2. O Colexio comunicaralles de inmediato as incorporacións, baixas ou suspensións de colexiación, así como os cambios de domicilio profesional, ao Consello Xeral, para os efectos da súa anotación no Rexistro Central de Colexiados, ao Consello Galego dos Colexios dos Procuradores e aos xulgados e tribunais do seu territorio.

3. Así mesmo, o Colexio comunicaralles a situación correspondente aos procuradores xubilados, respecto dos procedementos que continúen en representación dos seus clientes ata a súa finalización.

Artigo 13. Colexiados exercentes e non exercentes

1. Os procuradores incorporados ao ICP Vigo terán a condición de exercentes ou de non exercentes e ambos os dous terán asignado un número de colexiado que deberán consignar en todos os documentos profesionais que subscriban, así como mencionar o Colexio a que pertencen.

2. A condición de exercente desempeñarana aqueles colexiados que estean en activo.

3. A condición de non exercente adquirirase cumprindo os requisitos establecidos pola normativa legal vixente para a incorporación no Colexio sen exercicio activo da profesión. Tamén a desempeñarán naqueles casos en que se produza unha incompatibilidade ou incapacidade temporal mentres a causa que a determine subsista, agás renuncia expresa do colexiado afectado; todo iso sen prexuízo do disposto na disposición transitoria terceira destes estatutos, relativa á subsistencia da dita condición para aqueles que a mantiveren no momento da súa aprobación.

CAPÍTULO II

Dereitos e obrigas

Artigo 14. Principios xerais

1. A incorporación ao ICP Vigo confire os dereitos e as obrigas recollidos nestes estatutos, nos estatutos do Consello Xeral de Procuradores de España e do Consello Galego dos Colexios de Procuradores.

2. Todos os procuradores dos tribunais son iguais nos dereitos e obrigas recoñecidos. Os actos ou acordos colexiais que impliquen restrición indebida ou discriminación dos dereitos ou obrigas serán nulos de pleno dereito.

Artigo 15. Dereitos dos colexiados

Son dereitos dos colexiados:

a) O desenvolvemento da súa actividade con liberdade e independencia conforme a lei, e poderán aceptar ou rexeitar a representación procesual nun asunto determinado, coa única excepción de aceptar as designacións colexiais para a prestación do servizo de representación gratuíta e quenda de oficio, consonte o disposto nestes estatutos. Tamén poderán renunciar á representación aceptada en calquera fase do procedemento, de conformidade co disposto nas leis procesuais, así como salvar a súa responsabilidade, en atención aos termos expresados nun escrito, antepoñendo á súa sinatura a expresión «para o único efecto de representación».

b) A petición de amparo na súa actuación profesional aos órganos corporativos para a protección da súa independencia e da súa liberdade de exercicio. Para tal efecto, poderán pedir, de forma fundamentada, que se poña en coñecemento dos órganos de goberno do poder xudicial, xurisdicionais ou administrativos, a vulneración ou descoñecemento deste dereito.

c) A participación no goberno do Colexio, a intervención e voto nas sesións da Xunta Xeral, a facultade de elixir e ser elixido para formar parte dos órganos de goberno e o dereito a remover os titulares dos ditos órganos mediante votación de censura nos termos regulados nestes estatutos.

d) A formulación de peticións e a presentación de iniciativas, queixas e reclamacións perante os órganos do Colexio, así como o dereito de recurso contra os acordos e resolucións daqueles.

e) A obtención de información regular sobre o goberno corporativo e a actividade de interese profesional, así como o exame dos documentos contables que reflictan a actividade económica do Colexio.

f) A obtención de información e, de ser o caso, a certificación dos documentos e actos colexiais que os afecten persoalmente.

g) A utilización dos servizos colexiais, en particular de formación e de capacitación profesional, na forma e nas condicións que se determinen.

h) Ser mantidos no gozo pleno dos seus dereitos colexiais mentres non se produza a suspensión ou perda da súa condición de colexiado.

i) A ser substituído en calquera actuación profesional por outro procurador en exercicio, ou polo seu oficial habilitado, nas funcións que estes poidan desempeñar, para o cal abondará coa simple aceptación do substituto aos actos de xuízo, actos de comunicación, comparecencias e demais actuacións profesionais.

j) A asociarse con outros procuradores para o exercicio da actividade profesional, ou de distinta profesión, sempre que non sexan incompatibles legalmente.

k) Ao coñecemento a través da páxina web colexial do contido de todos os acordos que adopte o Colexio coas administracións, organismos e demais organizacións e que afecten directamente a profesión.

l) A consultarlle á Xunta de Goberno, e a obter resposta, sobre calquera cuestión dubidosa ou de feito que afecte o exercicio da profesión.

m) A publicitar os seus servizos e despachos con suxeición á lexislación vixente.

Artigo 16. Obrigas dos colexiados

1. Os procuradores están obrigados a:

a) Exercer a profesión con rectitude e sentido ético, con observancia da deontoloxía profesional.

b) Cumprir as obrigas que lles impoñan as leis orgánicas, procesuais e sectoriais, no desempeño da súa profesión e, en particular, de colaboración e cooperación cos órganos xurisdicionais, así como dispoñer dos medios e recursos adecuados e actualizados para isto. Cumprir, especialmente, as obrigas inherentes á aceptación do poder dispostas no artigo 26 da Lei de axuizamento civil (LAC).

c) Acudir aos xulgados e tribunais ante os cales exerza a profesión, ás salas de notificacións e servizos comúns, durante o período hábil de actuacións, para a realización dos actos de comunicacións e demais actuacións profesionais correspondentes.

d) Realizar os actos de comunicación e outros actos de cooperación coa Administración de xustiza que o seu representado lle solicite, ou en interese deste cando así o acorde no transcurso do procedemento o letrado da Administración de xustiza, de conformidade co previsto nas leis procesuais.

e) Coñecer e cumprir, no desempeño da profesión, as disposicións estatutarias, as normas deontolóxicas e as resolucións ditadas polos órganos colexiais.

f) Gardarlles o debido respecto aos titulares dos órganos colexiais e, no exercicio da súa profesión, aos seus colegas, litigantes, letrados, xuíces e maxistrados, fiscais, letrados da Administración de xustiza e demais membros dos corpos de funcionarios ao servizo da Administración de xustiza.

g) Comunicarlle ao Colexio as circunstancias determinantes do seu exercicio profesional, así como as súas modificacións e os demais datos necesarios que lles requiran para o cumprimento das funcións colexiais de ordenación do exercicio profesional. Ademais, deberanlle facilitar un enderezo electrónico, así como informar o Colexio das súas actuacións, de conformidade coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e coa Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica, e demais disposicións aplicables en materia de comunicacións.

h) Manter o segredo sobre os feitos ou noticias de que poidan ter coñecemento por razón da súa actuación profesional. Están igualmente obrigados os procuradores asociados e o procurador colaborador doutro compañeiro.

i) Observar as incompatibilidades profesionais, en particular co exercicio simultáneo da profesión de avogado, nos termos precisados no artigo 23 da LAC, e as causas de abstención legalmente establecidas.

j) Informar o cliente das súas actuacións profesionais e renderlle conta a este dos servizos prestados, con especificación das cantidades percibidas deste conforme as disposicións vixentes e con precisión dos conceptos e importes exactos dos pagamentos realizados.

k) Satisfacer puntualmente as contribucións económicas do Colexio e aboar, de ser o caso, os servizos colexiais de que faga uso, conforme o disposto nas normas estatutarias e nos acordos adoptados polos órganos colexiais para a súa aplicación.

Os procuradores non colexiados no ICP Vigo que exerzan no ámbito territorial do Colexio estarán obrigados a satisfacer as contribucións que se exixan habitualmente aos colexiados pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios e que non estean cubertos pola cota colexial.

l) Actuar con lealdade e dilixencia no desempeño dos cargos colexiais para os cales sexan elixidos ou designados.

m) Poñer en coñecemento do Colexio calquera acto que afecte a independencia, liberdade ou dignidade dun procurador no exercicio das súas funcións.

n) Ter cuberto, mediante un seguro, os riscos de responsabilidade civil en que poidan incorrer como consecuencia do exercicio profesional.

ñ) A devolverlle ao cliente ou ao seu avogado a documentación que figure no seu poder e a facilitar a información necesaria para continuar o proceso cando cese na representación.

o) Os procuradores non se poderán dirixir ás vítimas directas ou indirectas de catástrofes, calamidades públicas ou outros sucesos que producisen un elevado número de vítimas que cumpran os requisitos que se determinen regulamentariamente, e que poidan constituír delito, para ofrecerlles os seus servizos profesionais, ata transcorridos corenta e cinco días desde o feito. Esta prohibición quedará sen efecto no caso de que a prestación destes servizos profesionais fose solicitada expresamente pola vítima.

2. Estas obrigas configuran o réxime necesario da actuación profesional e corporativa do procurador. A súa observancia constitúe o obxecto propio das potestades colexiais de control e disciplina reguladas nestes estatutos.

TÍTULO III

Do Colexio

CAPÍTULO I

Funcións

Sección 1ª. Funcións xerais

Artigo 17. Das funcións do Colexio

Para a consecución dos fins esenciais sinalados no artigo 4 dos estatutos, o ICP Vigo exercerá, no seu ámbito territorial, as funcións que lle atribúe a lexislación estatal e autonómica sobre colexios profesionais, así como as leis orgánicas, procesuais e sectoriais, que se describen nestes estatutos.

Artigo 18. De ordenación do exercicio profesional

Son funcións de ordenación do exercicio profesional as seguintes:

a) O rexistro dos seus colexiados, no cal constarán, polo menos, os seguintes datos: nomes e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais dos que estean en posesión, data de alta, domicilio profesional, enderezo electrónico e situación de habilitación profesional. O Colexio ofreceralles aos consumidores e usuarios acceso gratuíto ao Rexistro de Colexiados a través do seu portelo único.

b) O Rexistro das Sociedades Profesionais con domicilio social no ámbito territorial do Colexio. O Colexio comunicaralles as inscricións efectuadas no seu Rexistro de Sociedades ao Consello Xeral para efectos da súa constancia no Rexistro Central de Sociedades Profesionais e ao Consello Galego dos Colexios de Procuradores.

c) A vixilancia da actividade profesional para que esta se someta, en todo caso, á ética e dignidade da profesión e ao debido respecto aos dereitos dos cidadáns.

d) A observancia do cumprimento das normas que regulan o exercicio profesional, das normas estatutarias e corporativas e das demais resolucións dos órganos colexiais.

e) O exercicio, na orde profesional e colexial, da potestade disciplinaria.

f) A adopción, dentro do ámbito da súa competencia, das medidas conducentes a evitar o intrusionismo e a evitar os actos de competencia desleal que se produzan entre os colexiados.

g) Cumprir e facerlles cumprir aos colexiados as leis xerais e especiais e os estatutos e regulamentos, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais en materia da súa competencia.

h) Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados, así como sobre as sancións firmes que lles impuxese e as peticións de comprobación, inspección ou investigación sobre aqueles que lles formulen as autoridades competentes dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio (LAASE). En particular, as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións deberán estar debidamente motivadas e deberase empregar a información obtida unicamente para a finalidade solicitada.

Artigo 19. De representación e defensa da profesión e dos seus colexiados

O Colexio exercerá as seguintes funcións de representación e defensa da profesión e dos seus colexiados:

a) Exercer, no seu ámbito, a representación e defensa da profesión ante as administracións públicas, os órganos xurisdicionais e demais poderes públicos, así como ante calquera institución, entidade e particular.

b) Defender e amparar os colexiados no exercicio da súa profesión, particularmente na protección da súa independencia e liberdade de exercicio.

c) Actuar ante os xulgados e tribunais en cantos litixios afecten os intereses profesionais, coa lexitimación que a lei lles outorga, e facelo en representación ou en substitución procesual dos seus membros.

d) Intervir nos procedementos, administrativos ou xudiciais, en que se discuta calquera cuestión profesional, cando sexan requiridos para iso ou cando se prevexa a súa participación conforme a lexislación vixente.

e) Emitir informe sobre os proxectos ou anteproxectos de disposicións normativas da Comunidade Autónoma de Galicia que afecten os profesionais da procuradoría ou se refiran aos fins e funcións encomendados a estes.

f) Participar na elaboración dos plans de estudo e manter permanente contacto cos centros docentes correspondentes, nos termos que determine a lexislación sectorial.

g) Participar nos consellos, organismos consultivos, comisións e órganos análogos da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia cando esta o requira ou así se estableza na normativa vixente, así como nos das organizacións, nacionais ou internacionais, cando sexa requirido para iso.

h) Exercer cantas funcións lle sexan encomendadas polas administracións públicas e colaborar con elas mediante a realización de estudos, a emisión de informes, a elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas cos seus fins que lles poden ser solicitadas ou que acorde formular por iniciativa propia.

i) Organizar un servizo de atención de queixas ou reclamacións presentadas polos seus colexiados.

j) Organizar actividades e servizos de interese para os colexiados, de índole profesional, formativa, cultural, médico-profesional e outros análogos, ou a colaboración, de ser o caso, con institucións deste carácter, así como para a cobertura de responsabilidades civís contraídas polos profesionais no desempeño da súa actividade.

k) Desenvolver cantas outras funcións e servizos redunden en beneficio dos intereses profesionais dos colexiados.

l) Adoptar as medidas conducentes a evitar o intrusionismo.

Artigo 20. Da arbitraxe e mediación institucionais

1. O ICP Vigo impulsará e desenvolverá a mediación, e desempeñará funcións de arbitraxe, nacional e internacional, de conformidade co establecido na lexislación vixente.

2. O ICP Vigo poderase instituír, para tal efecto, en entidade de mediación legalmente recoñecida e poderá darse de alta no Rexistro de Institucións de Mediación do Ministerio de Xustiza e constituír un Rexistro de Mediadores en materia civil e mercantil, así como, de ser o caso, nas ordes contencioso-administrativa, laboral e penal ás cales se estenda legalmente a mediación.

Artigo 21. Servizo de atención a consumidores e usuarios

1. O ICP Vigo velará pola protección dos intereses dos consumidores e usuarios.

2. Para estes efectos, dispoñerá dun servizo de atención que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados presente calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais dos seus colexiados, así como asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. As queixas e reclamacións poderanse presentar por vía electrónica. O Colexio resolverá sobre a queixa ou reclamación segundo proceda: ben informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, ben remitíndolles o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, ben arquivando ou ben adoptando calquera outra decisión segundo corresponda e sempre de forma motivada.

Artigo 22. Portelo único

1. O ICP Vigo dispoñerá dunha páxina web para que, a través do portelo único, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no Colexio, a través dun único punto por vía electrónica. A través deste portelo único os profesionais poderán, de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluída a da colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos en que teña consideración de interesado e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a súa resolución polo Colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non sexa posible por outros medios.

d) Ser convocados ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e coñecer a actividade do Colexio no desenvolvemento das súas funcións.

2. Para a mellor defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios, o Colexio ofrecerá, a través do portelo único, a seguinte información, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) O acceso ao Rexistro de Colexiados e ao Rexistro de Sociedades Profesionais.

b) As vías de reclamación e os recursos que se poderán interpoñer en caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado ou o Colexio profesional.

c) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios ás cales os destinatarios dos servizos profesionais se poden dirixir para obteren asistencia.

d) O contido do código deontolóxico.

3. O Colexio deberá adoptar as medidas necesarias para o cumprimento do previsto neste artigo e incorporar para iso as tecnoloxías precisas e crear e manter as plataformas tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con discapacidade.

Artigo 23. Das formas de exercicio profesional e do control do exercicio societario

1. Os procuradores poderán exercer a súa profesión individual ou conxuntamente en unión doutro ou doutros profesionais desta ou de distinta profesión, sempre, neste último caso, que non sexan incompatibles legalmente.

2. Tanto no suposto de exercicio individual como de exercicio conxunto, poderase actuar en forma societaria. O exercicio profesional en forma societaria rexerase polo disposto nas leis.

3. Inscribiranse obrigatoriamente no Rexistro de Sociedades Profesionais do Colexio aquelas sociedades profesionais que teñan o seu domicilio social único ou principal no ámbito territorial do Colexio.

4. A inscrición da sociedade profesional no dito Rexistro de Sociedades Profesionais determina a incorporación da sociedade ao Colexio e a conseguinte suxeición daquela ás competencias que a lexislación estatal e autonómica sobre colexios profesionais lle atribúe ao Colexio sobre os profesionais incorporados a el.

Sección 2ª. Funcións de servizo e colaboración coa Administración de xustiza

Artigo 24. Servizo de Recepción de Notificacións e Traslado de Copias e Documentos

O ICP Vigo organizará o Servizo de Recepción de Notificacións e Traslados de Copias e Documentos (Sercen) de conformidade co disposto nas leis orgánicas e procesuais, que será dirixido e supervisado pola Xunta de Goberno.

Artigo 25. Servizo de representación xurídica gratuíta

1. O ICP Vigo organizará un servizo de representación gratuíta que atenda as peticións de representación procesual derivadas do recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta, previsto na Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta.

2. Para tal efecto, establecerá sistemas de distribución obxectiva e equitativa das distintas quendas e medios para a designación dos profesionais que impidan que o servizo quede desprovisto do número de colexiados necesarios para o seu adecuado funcionamento. Este sistema, que será público para todos os procuradores e poderá ser consultado polos solicitantes de asistencia xurídica gratuíta, organizarase de acordo cos seguintes principios:

a) O territorio do Colexio dividirase nas zonas que regulamentariamente se determinen, para os efectos de prestaren o servizo de representación gratuíta os colexiados.

b) A adscrición ao servizo será voluntaria. Os procuradores adscritos ao servizo deberán cumprir as condicións mínimas de formación e especialización necesarias que regulamentariamente se determinen, co obxecto de asegurar a calidade e competencia profesional.

c) A designación realizada polo Colexio é de aceptación obrigatoria para todos os procuradores. Excepcionalmente, poderase suspender a obriga de prestación en casos debidamente xustificados por razóns graves de carácter persoal ou de orde profesional.

d) Os membros da Xunta de Goberno que así o soliciten poderán ser dispensados da obriga de prestar o servizo de asistencia xurídica gratuíta durante o seu mandato, en atención ao cumprimento dos deberes inherentes ao cargo.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, establecerase a obrigatoriedade de adscrición ao servizo dos colexiados que sexan precisos cando o número de rexistrados polo sistema voluntario non permita garantir a prestación da quenda baixo un réxime de continuidade, igualdade, neutralidade e calidade necesaria para a adecuada satisfacción do dereito á tutela xudicial efectiva dos cidadáns.

Artigo 26. Servizo de quenda de oficio

1. O ICP Vigo organizará un servizo de quenda de oficio para garantir a representación procesual dos xustizables ao abeiro do preceptuado no artigo 24 da Constitución e de acordo co disposto nas leis procesuais.

2. O Colexio designará procurador, por quenda de oficio, cando, sendo a súa intervención preceptiva ou non, o órgano xurisdicional ordene que a parte sexa representada por procurador. Así mesmo, efectuará a designación por instancia do solicitado. O representado estará obrigado ao pagamento dos honorarios e suplidos do procurador pola prestación dos servizos profesionais.

3. A designación realizada polo Colexio é de aceptación obrigatoria para os procuradores adscritos ao servizo. Para este efecto, o Colexio adoptará fórmulas que impidan que o servizo quede desprovisto do número de profesionais necesarios para o seu adecuado funcionamento, e serán de aplicación os mesmos principios previstos e regulados no artigo 25.2 destes estatutos.

Artigo 27. Servizo de depósitos de bens embargados. Designación como entidade especializada na realización de bens

O ICP Vigo poderá constituír e organizar servizos de depósitos de bens embargados, que deberán ser adecuados para asumir as responsabilidades legalmente establecidas para o depositario. De igual modo, poderase constituír e ser designado como entidade especializada en realización de bens, así como organizar un servizo de valoración de bens embargados.

Artigo 28. Servizo Común de Actos de Comunicación

O ICP Vigo organizará o Servizo Común de Actos de Comunicación para a práctica dos actos procesuais e demais funcións atribuídas aos procuradores, conforme o previsto no artigo 23.6 da LAC. Os actos de comunicación realizaranse baixo a dirección dunha Comisión de Actos de Comunicación Xudicial, da cal formarán parte aqueles procuradores que reúnan os requisitos fixados pola Xunta de Goberno, sen prexuízo da obriga destes de lle dar conta a ela, de conformidade co Regulamento de actos de comunicación e protocolos que se diten para o efecto.

Sección 3ª. Da calidade da práctica profesional

Artigo 29. Participación na capacitación profesional

O ICP Vigo intervirá no proceso de capacitación profesional conducente á obtención do título profesional de procurador dos tribunais nos termos previstos na Lei 34/2006, do 30 de outubro, sobre o acceso ás profesións de avogado e procurador dos tribunais, e no seu regulamento de desenvolvemento.

Artigo 30. Réxime dos titores

As condicións que deben satisfacer os procuradores que aspiren a desempeñar as funcións de titor das prácticas externas en actividades propias do exercicio da profesión de procurador, así como o procedemento de selección destes, serán os determinados no Estatuto xeral da organización colexial dos procuradores dos tribunais de España, que regulará, así mesmo, os dereitos e obrigas deles.

Artigo 31. Formación continuada

Os procuradores están obrigados a manter un nivel adecuado e actualizado dos coñecementos requiridos para o desempeño da súa profesión.

CAPÍTULO II

Organización

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 32. Organización básica

1. Son órganos necesarios do ICP Vigo:

a) A Xunta Xeral.

b) A Xunta de Goberno.

c) O decano.

2. O Regulamento de réxime interior do Colexio poderá crear outros órganos de goberno e desenvolver as previsións organizativas destes estatutos.

Artigo 33. Delegacións territoriais

O Colexio poderá establecer delegacións territoriais para o mellor cumprimento dos seus fins e maior eficacia das súas funcións colexiais. As delegacións terán as facultades e competencias que lles delegue a Xunta de Goberno.

Sección 2ª. Xunta Xeral

Artigo 34. Da Xunta Xeral e das súas competencias

1. A Xunta Xeral é o órgano supremo de expresión da vontade do Colexio e constitúena todos os colexiados en pleno exercicio dos seus dereitos.

2. Son competencias propias e exclusivas da Xunta Xeral:

a) Aprobar os estatutos do Colexio, o Regulamento de réxime interior e de financiamento, o código deontolóxico do Colexio, o Regulamento do servizo colexial de xustiza gratuíta e quenda de oficio, o Regulamento do servizo de actos de comunicación, o Regulamento de oficiais habilitados e calquera outro regulamento de necesaria creación, así como as súas modificacións, sen prexuízo da facultade da Xunta de Goberno para ditar as correspondentes normativas de desenvolvemento.

b) Coñecer e sancionar a memoria anual do Colexio, que terá o contido que se describe no artigo 10.ter da Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia
(LCPCG) e que se deberá facer pública a través da páxina web do Colexio.

c) Aprobar os orzamentos do Colexio e o importe das contribucións colexiais.

d) Aprobar definitivamente a liquidación dos orzamentos e as contas de gastos e ingresos de cada exercicio vencido.

e) Autorizar os actos de disposición dos bens inmobles e dereitos reais constituídos sobre estes, así como dos restantes bens patrimoniais que figuren inventariados como de considerable valor.

f) Elixir o decano e os membros da Xunta de Goberno, de acordo co procedemento determinado nestes estatutos.

3. A Xunta Xeral tamén poderá coñecer de cantos outros asuntos lle someta a Xunta de Goberno e dos demais previstos nestes estatutos.

Artigo 35. Xuntas xerais ordinarias e extraordinarias

1. A Xunta Xeral pódese reunir en sesións con carácter ordinario ou extraordinario.

2. No primeiro e no último trimestre de cada ano natural realizaranse sesións da Xunta Xeral, que terán carácter ordinario. A primeira delas coñecerá necesariamente dos asuntos descritos nas letras b) e d) da alínea segunda do artigo anterior, e a segunda, do relacionado na letra c) da mesma alínea e artigo.

3. Poderanse realizar tamén sesións extraordinarias para coñecer dos asuntos propios da convocatoria, cando o acorde a Xunta de Goberno, por propia iniciativa, por instancia do decano ou por solicitude de, polo menos, a terceira parte dos colexiados.

Artigo 36. Proposicións dos colexiados

Ata cinco días hábiles antes da xunta xeral ordinaria, os colexiados poderán presentar as proposicións que desexen someter a deliberación e acordo da Xunta Xeral. Serán incluídas na orde do día para seren tratadas na epígrafe denominada «Proposicións» cando se presenten subscritas por un mínimo do vinte por cento do censo de colexiados.

Artigo 37. Convocatoria

1. A Xunta de Goberno convocará as sesións da Xunta Xeral con quince días de antelación, que, nos casos de urxencia debidamente xustificada, se poderán reducir a dez.

2. A convocatoria anunciarase na páxina web do Colexio e por medio de circular que se poderá remitir a cada colexiado por medios electrónicos no enderezo que conste no Colexio.

3. Na convocatoria precisaranse o lugar, o día e a hora de realización. A convocatoria incluirá a orde do día e irá acompañada, cando sexa necesario, da documentación correspondente aos temas que se van debater, aínda que se poderá remitir esta documentación con posterioridade á convocatoria e ata 72 horas antes do comezo da xunta xeral. Os colexiados, en todo caso, poderán exercer o seu dereito á obtención de información sobre os asuntos da orde do día.

Artigo 38. Desenvolvemento das sesións

1. As sesións da Xunta Xeral desenvolveranse no lugar, día e hora sinalados na primeira ou, se procede, na segunda convocatoria, con intervalo de, polo menos, quince minutos. En primeira convocatoria exixirase a concorrencia da metade máis un dos colexiados, na segunda convocatoria non se exixe quórum mínimo.

2. As sesións estarán presididas e dirixidas polo decano do Colexio ou, na súa falta, por quen legalmente o substitúa.

3. Aberta a sesión, procederase á lectura e aprobación, de ser o caso, da acta da sesión anterior, e debateranse a continuación os asuntos incluídos na orde do día definitiva.

4. Se, reunida a Xunta Xeral, non se pode nunha sesión tratar todos os asuntos para os cales fose convocada, por falta de tempo ou por calquera outro motivo, suspenderase e continuará o día ou días que nesta se sinalen ou, na súa falta, nos que designe a Xunta de Goberno.

Artigo 39. Ordenación do debate

1. O decano, ou o membro da Xunta de Goberno a quen este designe no seu lugar e baixo a súa dirección, moderará o debate e concederá a quenda de palabra segundo usos democráticos.

2. O que se encontre no uso da palabra non poderá ser interrompido, senón para ser chamado á orde polo decano presidente, por encontrarse fóra da cuestión, ou por outro motivo xustificado, ao xuízo da Presidencia.

3. Retiraráselle o uso da palabra ao que, dentro da mesma cuestión, fose chamado en tres ocasións á orde.

4. Se algún colexiado continúa faltando á orde despois de que se lle retire o uso da palabra, o presidente poderá tomar as decisións que crea convenientes, incluída a de expulsión do local onde ten lugar a xunta.

Artigo 40. Adopción de acordos

1. As votacións poderán ser ordinarias ou secretas. A Presidencia da Xunta Xeral decidirá a modalidade de votación que se vai empregar. A votación secreta efectuarase mediante papeletas que se deberán depositar nunha urna.

2. Como regra xeral, os acordos adoptaranse por maioría dos votos emitidos. Non obstante, a adopción de acordos relativos á moción de censura, disolución e fusión do Colexio exixirá a concorrencia do quórum de asistencia e de votación especialmente previsto nestes estatutos. O voto dos exercentes terá valor dobre que o dos non exercentes.

3. O voto deberá ser exercido persoalmente, sen que se admitan os votos por escrito dos colexiados non asistentes, nin o voto por delegación.

4. En caso de empate, o decano ou quen legalmente o substitúa terá voto de calidade.

5. Non se poderán adoptar acordos sobre asuntos que non figuren na orde do día.

Artigo 41. Aprobación das actas

Os acordos adoptados na xunta xeral faranse constar en acta que confeccionará o secretario do Colexio e que será autorizada por el mesmo e polo decano. As actas transcribiranse a un libro foliado e debidamente legalizado ou serán incorporadas a un soporte informático. A acta deberá ser ratificada na seguinte sesión da Xunta Xeral.

Sección 3ª. Xunta de Goberno

Artigo 42. Da Xunta de Goberno

1. A Xunta de Goberno é o órgano de administración e dirección do Colexio.

2. A Xunta de Goberno está integrada, polo menos, polos seguintes membros: decano presidente; vicedecano; secretario; vicesecretario; tesoureiro; vicetesoureiro e catro vogais.

Artigo 43. Competencias

A Xunta de Goberno exerce as competencias non reservadas á Xunta Xeral, nin as asignadas especificamente a outros órganos colexiais. Ademais, e con carácter particular, exercerá as seguintes funcións:

1º. Con relación aos colexiados e aos órganos colexiais:

a) Resolver sobre as solicitudes de colexiación, así como sobre a perda e suspensión da condición de colexiado, aínda que pode delegar esta facultade nalgún dos seus membros.

b) Acordar a inscrición de sociedades profesionais no Rexistro Colexial de Sociedades.

c) Organizar e xestionar as quendas de oficio e xustiza gratuíta, así como distribuír as quendas nas causas dos litigantes de xustiza gratuíta ou de quen, sen gozar daquel beneficio, solicite a designación de procurador de oficio.

d) Organizar e xestionar os servizos de notificacións, traslados de escritos, depósitos e realización de bens, e cantos outros servizos lle encomenden as leis procesuais e orgánicas.

e) Exercer as funcións colexiais de control da actividade profesional.

f) Propoñerlle á Xunta Xeral a aprobación ou a modificación dos estatutos colexiais, do Regulamento de réxime interior e de financiamento, do código deontolóxico do Colexio, do Regulamento do servizo colexial de xustiza gratuíta e quenda de oficio, do Regulamento do servizo de actos de comunicación, do Regulamento de oficiais habilitados e de calquera outro regulamento de necesaria creación, sen prexuízo da facultade da Xunta de Goberno para ditar as correspondentes normativas de desenvolvemento destes.

g) Elaborar a memoria anual do Colexio, co contido prescrito polo artigo 10.ter da Lei de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, e darlle publicidade a través da páxina web do Colexio, unha vez aprobada pola Xunta Xeral.

h) Convocar a elección dos membros da Xunta de Goberno, de conformidade co disposto neste capítulo.

i) Coñecer dos recursos que se interpoñan contra os acordos colexiais no suposto descrito no artigo 66 dos estatutos.

j) Exercer a potestade sancionadora de conformidade co disposto no capítulo V do título III.

k) Velar polo cumprimento da normativa legal e colexial, e dos acordos adoptados polo Colexio.

l) Coordinar o funcionamento de toda a actividade e organización do Colexio.

m) Impedir e perseguir ante os tribunais de xustiza o intrusionismo e o exercicio profesional con incumprimento das súas normas reguladoras.

n) Organizar o ensino de formación, actualización e especialización dos profesionais.

ñ) Coidar das publicacións, así como da actividade promocional do Colexio.

o) Aprobar as bases dos concursos que se convoquen para cubrir as prazas de empregados do Colexio e proceder á súa contratación.

p) Resolver as queixas ou reclamacións dos usuarios dos servizos profesionais dos seus colexiados.

q) Organizar e xestionar o servizo de atención aos colexiados.

r) Implantar e organizar novos servizos colexiais, e vixiar, programar e controlar os existentes.

s) Acordar a concesión de honras e distincións.

t) Acordar a realización de auditorías das contas ou da xestión.

u) Garantir a transparencia e bo goberno do Colexio.

v) Velar polo cumprimento do disposto na normativa reguladora do Estatuto da vítima, recollida na Lei 4/2015, do 27 de abril.

w) Velar polo cumprimento das obrigas inherentes á aceptación do poder, dispostas no artigo 26 da LAC.

2º. Con relación á actividade externa do Colexio:

a) Defender e amparar os procuradores cando considere que son perturbados ou perseguidos inxustamente no desempeño das súas funcións profesionais.

b) Emitir ditames, informes e consultas cando os órganos xudiciais, entidades públicas ou privadas, usuarios ou consumidores requiran actuacións do Colexio.

c) Realizar e promover en nome do Colexio cantas melloras se consideren convenientes ao progreso e aos intereses da procuradoría e do correcto funcionamento da Administración de xustiza.

d) Designar os representantes do Colexio nos tribunais, xurados e comisións cando sexa requirida a participación do Colexio.

e) Emitir os comunicados que expresen a opinión do Colexio ante feitos ou acontecementos relevantes para a profesión.

3º. Con relación ao réxime económico do Colexio:

a) Recadar o importe das contribucións colexiais establecidas para o sostemento das cargas do Colexio, así como dos demais recursos económicos previstos, distribuír e administrar o patrimonio do Colexio.

b) Determinar a estrutura económica do Colexio, dos seus orzamentos e do inventario dos seus bens.

c) Elaborar e someter á Xunta Xeral o proxecto anual de orzamentos.

d) Pechar e someter á aprobación da Xunta Xeral a liquidación do orzamento e as contas de ingresos e gastos.

e) Propoñerlle á Xunta Xeral o importe das contribucións colexiais e o establecemento das cotas extraordinarias ou derramas colexiais.

Artigo 44. Réxime de funcionamento

1. A Xunta de Goberno reunirase, polo menos, unha vez ao mes, logo da convocatoria do decano cursada coa antelación necesaria para que estea en poder dos seus compoñentes cun mínimo de corenta e oito horas antes da data fixada para a sesión, agás que razóns de urxencia xustifiquen a convocatoria con menor antelación.

2. Na convocatoria expresaranse o lugar, o día e a hora en que deba ter lugar a sesión e a orde do día, e poderanse incorporar motivadamente outras cuestións de carácter urxente á orde do día sempre que así o acorden os asistentes ao principio da sesión.

3. Para a válida constitución da Xunta de Goberno requirirase a presenza do decano e do secretario, ou de quen os substitúa, e de, polo menos, a metade dos seus compoñentes. Poderá utilizar medios electrónicos ou telemáticos quen non poida asistir de forma persoal ás reunións.

4. Os acordos adoptaranse por maioría de votos. En caso de empate, o decano terá voto de calidade.

5. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure na orde do día, agás que estean presentes todos os membros e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

6. Os membros da Xunta de Goberno terán a obriga de asistir a todas as sesións ás cales sexan convocados, así como de gardar segredo sobre todos os asuntos que se traten nas súas sesións.

Artigo 45. O decano

1. O decano exerce a representación legal do Colexio, executa os acordos adoptados polos órganos de goberno do Colexio, convoca e preside a Xunta Xeral e a Xunta de Goberno e adopta, nos casos de urxencia, as medidas ou acordos procedentes, que someterá posteriormente á Xunta de Goberno para a súa ratificación.

2. Tamén presidirá as reunións dos demais órganos colexiais cando asista e exercerá cantas outras funcións lle asignen estes estatutos e o Regulamento de réxime interior do Colexio.

Artigo 46. Do vicedecano, secretario, vicesecretario, tesoureiro e vicetesoureiro

O Regulamento de réxime interior do Colexio desenvolverá as previsións sobre as competencias dos restantes membros da Xunta de Goberno a partir das seguintes previsións básicas:

a) O vicedecano substituirá o decano en todas as súas funcións nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

b) O secretario dará fe dos actos e acordos do Colexio, levará e custodiará os seus libros, redactando as actas e certificacións, e dirixirá o persoal administrativo seguindo as directrices do decano e da Xunta de Goberno.

c) Correspóndelle ao vicesecretario substituír o secretario nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

d) É competencia do tesoureiro controlar todos os documentos de carácter económico cuxa utilización sexa obrigatoria para os colexiados, xestionando os fondos e demais recursos do Colexio, dar conta á Xunta de Goberno, polo menos de forma trimestral, do estado dos fondos, así como da morosidade que observe nos pagamentos, elaborar o balance de ingresos e gastos de cada exercicio, así como a memoria anual axustada ao previsto no artigo 11 da Lei 2/1974, de colexios profesionais, ou norma que a substitúa.

e) Correspóndelle ao vicetesoureiro substituír o tesoureiro nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante.

Artigo 47. Dos vogais

Os vogais substituirán pola súa orde os titulares de cargos da Xunta de Goberno nos casos de ausencia, enfermidade ou vacante e, ademais, exercerán as funcións que lles confira o decano ou a Xunta de Goberno.

Sección 4ª. Réxime de provisión de cargos

Artigo 48. Carácter electivo e duración do mandato

1. Os cargos da Xunta de Goberno teñen carácter electivo. Son honoríficos e non remunerados.

2. A elección dos membros da Xunta de Goberno farase por sufraxio universal, libre, directo e secreto.

3. A súa duración será de catro anos. Esgotado o período de mandato, poderán ser reelixidos para o mesmo ou distinto cargo, ata un máximo de dous mandatos consecutivos, e poderán ser elixidos para outro cargo.

Artigo 49. Condicións de elixibilidade

1. Para ser candidato a calquera dos cargos da Xunta de Goberno será requisito indispensable estar no exercicio da profesión e contar con cinco anos de exercicio ininterrompido, agás o cargo de decano, que requirirá de dez anos de exercicio tamén ininterrompido.

2. Ademais, non deben estar incursos en ningunha das seguintes situacións:

a) Condenados por sentenza firme que comporte a inhabilitación ou suspensión para cargos públicos.

b) Sancionados disciplinariamente por calquera colexio de procuradores, mentres non sexan canceladas as sancións.

c) Non estar ao día no cumprimento das obrigas das contribucións económicas colexiais.

3. Ningún colexiado se poderá presentar, como candidato, a máis dun cargo dos que vaian ser elixidos na mesma convocatoria.

Artigo 50. Causas de cesamento

Os membros da Xunta de Goberno cesarán polas causas seguintes:

a) Renuncia do interesado por causa xustificada e apreciada pola Xunta de Goberno.

b) Ausencia inicial ou perda sobrevida dos requisitos estatutarios para desempeñar o cargo.

c) Expiración do prazo de mandato para o cal foron elixidos.

d) Falta de asistencia inxustificada a tres sesións consecutivas da Xunta de Goberno ou a cinco alternas no prazo dun ano, co acordo previo da propia Xunta.

e) A aprobación dunha moción de censura, de acordo co previsto no seguinte artigo.

f) O falecemento.

Artigo 51. Moción de censura

1. A moción de censura á Xunta de Goberno ou a algún dos seus membros deberase tramitar sempre en xunta xeral extraordinaria convocada só para ese efecto.

2. A solicitude desa convocatoria de xunta xeral extraordinaria deberá ser subscrita, como mínimo, por un terzo dos colexiados exercentes e expresará, con claridade, as razóns en que se funde.

3. A xunta xeral extraordinaria deberá ter lugar dentro dos trinta días hábiles seguintes ao da presentación da solicitude. Non se poderán debater nela outros asuntos que os expresados na convocatoria.

4. A válida constitución da xunta xeral extraordinaria requirirá a concorrencia persoal de máis da metade do censo colexial con dereito a voto. Nesta xunta o voto será sempre persoal, directo e secreto.

5. Para que prospere a moción de censura será necesario o voto positivo de dous terzos dos asistentes.

6. Ata transcorrido un ano de que esta teña lugar non se poderá volver presentar outra moción de censura.

Artigo 52. Provisión de vacantes

1. Se, por calquera outra causa que non sexa a expiración do prazo para o cal foron elixidos, se producen vacantes na Xunta de Goberno que non excedan o cincuenta por cento do total dos seus membros, os seus postos serán cubertos polo resto de compoñentes da propia Xunta, sen prexuízo de convocar eleccións para cubrir as vacantes habidas.

2. Neste último caso, os electos para cubrir as vacantes exercerán o cargo polo resto de tempo que falte para a expiración do prazo ordinario de duración do mandato.

Artigo 53. Xunta provisional

1. Cando, por calquera causa, quedaren vacantes máis da metade dos cargos da Xunta de Goberno, o Consello Galego dos Colexios de Procuradores designará unha xunta provisional, integrada polos colexiados exercentes con maior antigüidade, a cal convocará eleccións dentro dos trinta días seguintes ao da súa constitución. A Xunta provisional, así constituída, exercerá as súas funcións ata que tomen posesión os designados en virtude de elección, e unicamente poderá tomar acordos que sexan de carácter urxente e inaprazable.

2. Os designados están obrigados a aceptar o cargo, que será irrenunciable, agás razón de grave enfermidade.

Sección 5ª. Réxime electoral

Artigo 54. Dereito de sufraxio activo

Son electores todos os colexiados que na data de convocatoria do proceso electoral se encontren no pleno exercicio dos seus dereitos colexiais.

Artigo 55. Convocatoria

1. A Xunta de Goberno do Colexio convocará eleccións para a provisión de cargos con, polo menos, corenta días naturais de antelación ao da data da súa celebración.

2. A convocatoria deberá conter os puntos seguintes: cargos obxecto de elección, día, hora e lugar da elección, e calendario electoral.

3. A Xunta de Goberno poderá aprobar normas electorais que rexan para cada proceso electoral en desenvolvemento destas previsións estatutarias. Nese caso, deberanse achegar á convocatoria.

Artigo 56. Xunta Electoral

1. Convocadas eleccións, a Xunta de Goberno procederá á designación da Xunta Electoral, que estará integrada por un presidente, un secretario e un vogal elixidos mediante sorteo entre procuradores exercentes con máis de cinco anos de exercicio profesional.

2. O exercicio do cargo de membro da mesa electoral terá carácter obrigatorio para os designados, que só se poderán escusar por causas graves que a Xunta de Goberno deberá considerar xustificadas.

3. A Xunta Electoral velará polo respecto das normas estatutarias e colexiais que rexen o proceso electoral e exercerá as funcións de impulso e ordenación do proceso electoral que se lle atribúen nestes estatutos.

Artigo 57. Censo electoral

1. O secretario do Colexio elaborará o censo electoral, no cal deberán figurar todos os colexiados con dereito a voto na data de convocatoria das eleccións.

2. O censo será exposto na sede do Colexio durante quince días naturais desde a convocatoria das eleccións. Dentro do primeiros dez días naturais poderanse presentar reclamacións sobre a inclusión ou exclusión de electores. As reclamacións serán resoltas pola Xunta Electoral nos cinco días naturais seguintes. Só os colexiados que figuren inscritos no censo poderán participar no proceso electoral.

Artigo 58. Presentación e proclamación de candidatos

1. As candidaturas deberanse presentar na Secretaría do Colexio con, polo menos, vinte días naturais de antelación ao da data sinalada para o acto electoral, en sobre pechado e selado, que permanecerá baixo custodia da Xunta Electoral ata o día seguinte ao da expiración do prazo.

2. As candidaturas poderán ser conxuntas para varios cargos, ou individuais para cargos determinados, e deberán ser subscritas exclusivamente polos propios candidatos.

3. A Xunta Electoral convocará para o día seguinte ao do remate do prazo de presentación de candidaturas un representante de cada unha que, previamente, consignase o seu nome na Secretaría do Colexio, para tal efecto. En presenza de todos os que acudan, abriranse os sobres e redactarase a acta. A continuación, procederase á proclamación de candidatos de quen reúna os requisitos estatutarios.

4. A Xunta Electoral resolverá as reclamacións que haxa dentro dos cinco días naturais seguintes e notificaralles a súa resolución aos reclamantes.

5. A Xunta Electoral proclamará as candidaturas resoltas, de ser o caso, as reclamacións interpostas e daralles coñecemento da proclamación aos colexiados a través da páxina web colexial e mediante a inserción no taboleiro de anuncios da sede colexial. A Xunta Electoral aprobará o modelo oficial de papeletas, cuxa confección se deberá iniciar inmediatamente despois da proclamación.

Artigo 59. Proclamación como electos de candidatos únicos

No suposto de que se presente unha soa candidatura para cada cargo e sexa proclamada pola Xunta Electoral, a Xunta Xeral debidamente constituída acordará a súa proclamación como decano ou membro da Xunta de Goberno sen necesidade de proceder á votación.

Artigo 60. Campaña electoral

1. Proclamados os candidatos, dará comezo a campaña electoral, que rematará corenta e oito horas antes da hora sinalada para o desenvolvemento das eleccións.

2. Non se poderá difundir propaganda electoral nin realizar ningún acto de campaña electoral unha vez que esta legalmente rematase, nin tampouco durante o período comprendido entre a convocatoria das eleccións e o inicio da campaña.

Artigo 61. Modalidades de votación. Voto por correo

1. O voto poderase exercer persoalmente ou por correo.

2. A votación por correo require que quede constancia do envío, se acredite a identidade do votante, se garanta o segredo do voto e sexa recibido pola Xunta Electoral antes de finalizar a votación.

3. O procedemento de votación por correo axustarase aos seguintes requisitos:

a) Cunha antelación mínima de dez días remitirá o seu voto na papeleta oficial, que introducirá nun sobre, que será pechado e, pola súa vez, introducido noutro maior, en que tamén se incluirá unha fotocopia do documento nacional de identidade do elector, quen asinará sobre esta.

b) O voto presentarase en calquera dos rexistros e oficinas públicas previstas na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e deberá constar a data da presentación. O envío farase á sede do Colexio de Procuradores e farase constar xunto cos datos «Para a Xunta Electoral». O Colexio rexistrará a entrada destes envíos e, sen abrir o sobre, entregaráselle á Xunta Electoral o día da votación.

4. O día anterior ao da celebración das eleccións será o último día hábil para recibir o voto por correo.

5. Todo elector poderá revogar o seu voto por correo comparecendo a votar persoalmente. En tal caso, o sobre será destruído no mesmo acto e na súa presenza.

Artigo 62. Escrutinio, proclamación de resultados e reclamacións

1. Corenta e oito horas antes de comezar a votación, as candidaturas poderanlle comunicar á Xunta Electoral a designación dun interventor de mesa. Os interventores poderán asistir a todo o proceso de votación e de escrutinio e formular as reclamacións que xulguen oportunas, que serán resoltas por aquela e recollidas na acta polo secretario. Os interventores e os candidatos poderán examinar, ao rematar o escrutinio, as papeletas que ofrezan dúbidas.

2. Rematada a votación, a Xunta Electoral procederá de inmediato ao escrutinio. Proclamaranse electos para cada cargo os candidatos que obteñan maior número de votos. En caso de empate, entenderase elixido o de maior tempo de exercicio no propio Colexio e, se se mantén o empate, o de maior idade.

3. Acabado o escrutinio, redactarase a acta do resultado e o presidente da Xunta Electoral fará público este aos presentes na sala. A Xunta Electoral proclamará elixidos os candidatos correspondentes e publicará os resultados por medio da acta oportuna.

4. As reclamacións contra o resultado das eleccións presentaranse perante o Consello Galego dos Colexios de Procuradores no prazo máximo dun mes desde a celebración das eleccións.

Artigo 63. Toma de posesión

1. Os novos cargos electos tomarán posesión dentro do prazo dos cinco días seguintes ao da proclamación da súa elección.

2. Nos dez días seguintes, o decano comunicaralles a toma de posesión dos novos cargos ao Consello Xeral de Procuradores, ao Consello Galego dos Colexios de Procuradores, á consellería da Xunta de Galicia competente na materia e aos órganos xudiciais.

CAPÍTULO III

Réxime xurídico

Artigo 64. Normativa aplicable

1. O ICP Vigo rexerase polas seguintes normas:

a) A lexislación básica estatal e a lexislación autonómica en materia de colexios profesionais.

b) Estes estatutos, o Estatuto do Consello Galego dos Colexios de Procuradores e o Estatuto xeral de procuradores.

c) O Regulamento de réxime interior, o código deontolóxico e as demais normas que se adopten en desenvolvemento e aplicación dos estatutos.

d) O resto do ordenamento xurídico en canto lle resulte aplicable.

2. A lexislación vixente sobre o réxime xurídico das administracións públicas e o procedemento administrativo común será de aplicación supletoria en defecto de previsións contidas nas normas estatutarias ou regulamentarias nas actuacións suxeitas ao dereito administrativo.

3. Están suxeitas ao dereito administrativo as actuacións do Colexio relativas á constitución dos seus órganos e ao exercicio de funcións administrativas.

4. Os acordos, decisións ou recomendacións do Colexio deberán observar os límites da Lei 15/2007, do 3 de xullo, de defensa da competencia.

5. En materia de comunicacións comerciais observarase o disposto na Lei 34/1988, do 11 de novembro, xeral de publicidade, e na Lei 3/1991, do 10 de xaneiro, de competencia desleal.

Artigo 65. Eficacia dos actos

1. Os acordos adoptados polo Colexio en exercicio de potestades administrativas consideraranse executivos desde a súa adopción, sen máis requisito que a súa notificación ou publicación cando proceda e agás que dos seus propios termos resulten sometidos a prazo ou condición de eficacia. Desta regra só se exceptúan as resolucións en materia disciplinaria, que se axustarán ao disposto no artigo 82 dos estatutos.

Artigo 66. Réxime xeral de impugnación

1. Os acordos e resolucións dos órganos colexiais, mesmo os actos de trámite que, directa ou indirectamente, decidan o fondo do asunto, impidan a continuación do procedemento, produzan indefensión ou prexuízo irreparable a dereitos e intereses lexítimos son susceptibles de recurso nos seguintes termos:

a) Os acordos da Xunta de Goberno e da Xunta Xeral son impugnables perante o Consello Galego dos Colexios de Procuradores.

b) Os acordos dos demais órganos colexiais serán impugnables, de ser o caso, perante a Xunta de Goberno.

2. A interposición, os prazos e a resolución dos recursos na vía colexial rexeranse polo disposto na lexislación sobre procedemento administrativo común, sen prexuízo das especialidades que se dispoñen no seguinte precepto.

3. Os acordos ditados en uso de facultades ou competencias delegadas da Comunidade Autónoma de Galicia estarán sometidos ao réxime de impugnación xeral dos actos desta.

Artigo 67. Especialidades do procedemento de recurso

1. Os recursos de que coñeza o Consello Galego dos Colexios de Procuradores interpoñeranse ante a Xunta de Goberno, que deberá dirixilos, cos seus antecedentes e co informe que proceda, ao Consello Galego dentro dos quince días seguintes ao da data de presentación.

2. A Xunta de Goberno estará lexitimada en todo caso para recorrer contra os acordos da Xunta Xeral. Se a Xunta de Goberno entende que o acordo impugnado é nulo de pleno dereito ou gravemente prexudicial para os intereses do Colexio, poderalle solicitar a suspensión do acordo impugnado ao Consello Galego, que a poderá acordar ou denegar motivadamente.

Artigo 68. Revisión xurisdicional

Os actos emanados da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno do ICP Vigo, en canto estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotados os recursos corporativos, serán directamente impugnables ante a xurisdición contencioso-administrativa.

CAPÍTULO IV

Réxime económico-financeiro

Artigo 69. Recursos económicos

1. Son ingresos ordinarios do Colexio:

a) Os produtos dos bens, dereitos e obrigas do patrimonio colexial.

b) As contribucións económicas dos procuradores, conforme o disposto no artigo seguinte.

c) As percepcións pola expedición de certificacións ou copias de datos ou documentos que constan nos seus arquivos, ou de copias de documentos producidos por el.

d) Os honorarios pola elaboración de informes, ditames, estudos e calquera outro asesoramento que lle requiran ao Colexio, así como os dereitos por admisión e administración de arbitraxes e mediacións.

e) Os beneficios que obteñan polas súas publicacións ou outros servizos ou actividades remuneradas que realice.

f) Os que por calquera outro concepto legalmente procedan.

2. Constitúen recursos extraordinarios do Colexio:

a) O produto das multas, as subvencións, donativos, herdanzas ou legados de que o Colexio poida ser beneficiario.

b) O produto do alleamento dos bens do seu patrimonio.

c) As cantidades que en calquera concepto lle corresponda percibir ao Colexio por administración de bens alleos.

d) Os ingresos por patrocinio publicitario.

e) Os que por calquera outro concepto legalmente procedan.

Artigo 70. Contribucións económicas dos procuradores

1. Son contribucións económicas dos colexiados:

a) A cota de incorporación ao Colexio. O seu importe non poderá superar en ningún caso os custos asociados á tramitación do ingreso.

b) A cota ordinaria fixa. Terá carácter periódico e será única para todos os colexiados exercentes e non exercentes.

c) Os dereitos económicos que se devindiquen en concepto de cota variable por actuacións profesionais.

d) As cotas extraordinarias ou as derramas colexiais.

e) As cantidades que, de ser o caso, se establezan polo uso individualizado dos servizos colexiais.

2. A Xunta Xeral aprobará a contía das contribucións económicas dos procuradores por proposta da Xunta de Goberno.

3. Aos procuradores colexiados en distinto Colexio que realicen actuacións profesionais no ámbito do ICP Vigo, non sendo as cantidades que procedan pola utilización dos servizos colexiais, non se lles poderán exixir cotas de ingreso, cotas colexiais ordinarias, fixas ou extraordinarias, nin derramas de calquera clase.

Artigo 71. Réxime orzamentario

1. O réxime económico do Colexio é orzamentario. O orzamento será anual, único e equilibrado, e comprenderá a totalidade dos ingresos, gastos e investimentos do Colexio referido a un ano natural.

2. En cada orzamento cifraranse coa suficiente especificación os gastos previstos en función do programa de actividades que desenvolvan os órganos colexiais, así como os ingresos que se prevexan devindicar durante o correspondente exercicio.

Artigo 72. Auditoría

Cando se produza a renovación total dos membros da Xunta de Goberno ou a renovación parcial, en porcentaxe superior ao 50 % do total dos seus membros, o Colexio, co acordo previo da Xunta Xeral convocada para o efecto, deberá ser auditado, por auditor de contas titulado, sen prexuízo da función fiscalizadora que lles corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para iso.

Artigo 73. Do patrimonio e a súa administración

1. Constitúe o patrimonio de cada Colexio o conxunto de todos os seus bens, dereitos e obrigas.

2. A Xunta de Goberno administrará o patrimonio colexial.

Artigo 74. Dos empregados

A Xunta de Goberno aprobará as bases polas cales se deberán rexer os concursos que se convoquen para cubrir as prazas de empregados do Colexio, e procederá á súa designación, xa sexa con ocasión de vacante ou de prazas de nova creación, en función das necesidades da corporación.

CAPÍTULO V

Réxime disciplinario

Sección 1ª. Disposicións xerais

Artigo 75. Da potestade disciplinaria

1. Os procuradores que actúen no ámbito territorial do ICP Vigo deben ter como guía da súa actuación o servizo á comunidade e o cumprimento das obrigas deontolóxicas propias da profesión.

2. O ICP Vigo sancionará disciplinariamente as accións e omisións dos procuradores e, de ser o caso, das sociedades profesionais, que vulneren as normas reguladoras da profesión, os estatutos e regulamentos colexiais ou o código deontolóxico.

3. As infraccións cualificaranse como moi graves, graves ou leves.

Artigo 76. Competencia

1. O exercicio da potestade disciplinaria é competencia ordinaria da Xunta de Goberno do Colexio.

2. A competencia para o exercicio da potestade disciplinaria sobre os membros da Xunta de Goberno do ICP Vigo reside no Consello Galego dos Colexios de Procuradores.

Sección 2ª. Infraccións

Artigo 77. Infraccións moi graves

Son infraccións moi graves:

a) A percepción indebida de dereitos económicos na prestación do servizo de representación gratuíta.

b) A realización de actividades profesionais incompatibles por razón do cargo ou función desempeñada ou en asociación ou colaboración con quen estea afectado pola situación de incompatibilidade.

c) A emisión de facturas por conceptos inexistentes ou actuacións non realizadas.

d) A condena do procurador en sentenza firme pola comisión dun delito no exercicio da súa profesión, cando deriven directamente do contido e efectos da sentenza condenatoria.

e) A inasistencia reiterada e inxustificada aos órganos xurisdicionais ou aos servizos comúns de notificacións e traslados de escritos.

f) A comisión de actos que constitúan ofensa grave á dignidade da profesión ou ás regras deontolóxicas que a gobernan.

g) O encubrimento do intrusionismo unha vez declarada a súa existencia por resolución xudicial firme.

h) O incumprimento da prohibición establecida no artigo 8 da Lei 4/2015, do 27 de abril, do Estatuto da vítima, que establece o período de reflexión en garantía dos dereitos das vítimas.

i) A reiteración de tres faltas graves nun período de dous anos.

Artigo 78. Infraccións graves

Son infraccións graves:

a) O incumprimento dos deberes consignados no código deontolóxico, agás que aquel se tipifique como infracción moi grave ou leve.

b) O incumprimento das obrigas descritas no artigo 16 destes estatutos, agás que aquel se tipifique como infracción moi grave ou leve.

c) A falta de atención ou de dilixencia ou fidelidade no desempeño dos cargos colexiais, ou o incumprimento dos deberes correspondentes ao cargo.

d) O incumprimento ou desatención dos requirimentos dos órganos colexiais competentes.

e) A práctica de comunicacións comerciais non axustadas ao disposto na Lei 34/1988, do 11 de novembro, xeral de publicidade, ou na Lei 3/1991, do 10 de xaneiro, de competencia desleal.

f) A práctica de actos de competencia desleal declarados polo órgano administrativo ou xurisdicional competente.

g) A desconsideración ofensiva cara aos cargos de goberno colexiais.

h) O incumprimento reiterado da obriga de posta á disposición dos destinatarios do servizo profesional da información exixida no artigo 22.2 da Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

i) A reiteración dunha infracción leve.

Artigo 79. Infraccións leves

Son infraccións leves:

a) A falta de consideración aos procuradores.

b) A desconsideración non ofensiva cara aos cargos de goberno colexiais.

c) As accións descritas no artigo anterior cando non teñan a entidade suficiente para seren consideradas faltas graves.

Sección 3ª. Sancións

Artigo 80. Clases de sancións

1. Poderanse impoñer as seguintes sancións disciplinarias:

1ª. Apercibimento por escrito.

2ª. Reprensión pública.

3ª. Multa de ata 300 €.

4ª. Suspensión no exercicio profesional por un prazo de ata seis meses.

5ª. Multa de 301 a 3.000 €.

6ª. Multa desde 3.001 a 6.000 €.

7ª. Suspensión no exercicio profesional por un prazo superior a seis meses e inferior a dous anos.

8ª. Expulsión do Colexio.

2. As sancións 4ª a 8ª implican accesoriamente a suspensión dos dereitos electorais polo mesmo período da súa duración, así como, de ser o caso, o cesamento nos cargos colexiais que se exerzan.

3. Cando as infraccións sexan cometidas por unha sociedade profesional, aplicaranse as mesmas sancións que aos colexiados coas seguintes especialidades:

a) As sancións 4ª e 7ª comportarán simultaneamente a suspensión no exercicio profesional dos procuradores que a integren e a baixa da sociedade no Rexistro de Sociedades Profesionais, polo mesmo período da súa duración.

b) A sanción 8ª consistirá na baixa definitiva do Rexistro de Sociedades Profesionais con prohibición indefinida de exercicio profesional, simultaneamente á expulsión do Colexio dos procuradores que a integren.

c) Non resultará de aplicación a sanción accesoria descrita no punto segundo deste precepto.

Artigo 81. Correspondencia entre infraccións e sancións

1. Ás infraccións leves corresponderanlles as sancións 1ª, 2ª e 3ª descritas no punto primeiro do artigo anterior; ás graves, as sancións 4ª e 5ª; ás moi graves, as sancións 6ª, 7ª e 8ª.

2. Na aplicación das sancións teranse en conta as seguintes circunstancias:

a) Intencionalidade manifesta da conduta.

b) Neglixencia profesional inescusable.

c) Obtención de lucro ilexítimo.

d) Desobediencia reiterada a acordos ou requirimentos colexiais.

e) Dano ou prexuízo grave a terceiros.

f) Estar no exercicio de cargo público ou colexial ao cometer a infracción, cando prevaleza esta condición.

g) Ter sido sancionado anteriormente por resolución colexial firme non cancelada, por mor dunha infracción grave.

Artigo 82. Eficacia e execución das sancións

1. As sancións impostas polo Colexio producirán efectos en todo o territorio español de acordo co disposto no artigo 3.3 da Lei de colexios profesionais (LCP).

2. As sancións non se executarán ata que non acaden firmeza.

3. De todas as sancións, agás da 1ª, así como da súa cancelación, deixarase constancia no expediente do interesado e darase conta ao Consello Xeral, ao Consello Galego e, de ser o caso, ao Colexio de pertenza.

Sección 4ª. Prescrición e cancelación

Artigo 83. Prescrición de infraccións e de sancións

1. As infraccións leves prescribirán aos seis meses; as graves, aos dous anos; as moi graves, aos tres anos.

2. As sancións impostas por infraccións leves prescribirán ao ano; as correspondentes a infraccións graves, aos dous anos; as impostas por infraccións moi graves, aos tres anos.

3. Os prazos de prescrición das infraccións comezarán a contar desde o día da comisión da infracción, e os das sancións, desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución sancionadora.

4. A prescrición das infraccións interromperase por calquera actuación colexial, expresa e manifesta, dirixida a investigar a presunta infracción con coñecemento do interesado. A realización de calquera acto colexial expreso e manifesto de execución da sanción con coñecemento do interesado interromperá o prazo da súa prescrición.

Artigo 84. Cancelación das sancións

As sancións cancelaranse ao ano, se a sanción imposta é a 1ª, 2ª ou 3ª; aos dous anos, se é a 4ª ou 5ª; aos catro anos, se é a 6ª ou 7ª; é aos cinco anos, a 8ª. Os prazos anteriores contaranse a partir do cumprimento efectivo da sanción. A cancelación supón a anulación do antecedente sancionador para todos os efectos.

Sección 5ª. Procedemento disciplinario

Artigo 85. Réxime xurídico do procedemento

1. O exercicio da potestade disciplinaria requirirá a incoación do correspondente procedemento disciplinario.

2. A tramitación do procedemento disciplinario axustarase ao disposto nesta sección e, no non previsto, no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Artigo 86. Actuacións previas

1. Con anterioridade ao comezo do procedemento, a Xunta de Goberno poderá realizar actuacións previas co obxecto de determinar con carácter preliminar se concorren circunstancias que xustifiquen a iniciación.

2. Estas actuacións orientaranse, en especial, a determinar, coa maior precisión posible, os feitos susceptibles de motivar a incoación do procedemento, a identificación do procurador que poida resultar responsable e as circunstancias relevantes que concorran.

3. A apertura deste trámite comunicaráselle ao denunciado, coa achega, de ser o caso, da queixa ou denuncia presentada para que a conteste e formule as alegacións que xulgue oportunas no prazo de dez días.

4. A Xunta de Goberno poderá acordar a práctica de cantas dilixencias de investigación xulgue oportunas.

5. Unha vez concluídas as actuacións previas e, en todo caso, transcorrido o prazo máximo de dous meses desde o seu acordo, a Xunta de Goberno ordenará o arquivamento ou a incoación de procedemento disciplinario a resultas desta. Deberáselles notificar aos interesados con indicación dos recursos que, de ser o caso, procedan contra ela.

Artigo 87. Procedemento disciplinario

1. O procedemento disciplinario será iniciado de oficio pola Xunta de Goberno, como consecuencia de iniciativa propia, por petición razoada do decano ou por denuncia asinada por un procurador ou por un terceiro con interese lexítimo. A denuncia deberá conter a identificación do denunciante, o relato dos feitos que poidan constituír motivo de infracción, así como a súa data e, cando sexa posible, a identificación do presunto responsable.

2. O acordo de iniciación do procedemento disciplinario deberá recoller a identificación do profesional ou profesionais presuntamente responsables, os feitos sucintamente expostos que motivan a incoación do expediente, sen prexuízo do que resulte da instrución, así como a designación do instrutor e, de ser o caso, secretario do procedemento, con indicación do réxime de recusación destes e a indicación do dereito a formular alegacións e á audiencia no procedemento e dos prazos para o seu exercicio. O acordo notificaráselles aos interesados.

3. Tras as oportunas dilixencias indagatorias, o instrutor propoñerá o sobresemento do expediente se non atopa indicios de ilícito disciplinario, ou formulará prego de cargos en caso contrario. A resolución da Xunta de Goberno que dispoña o sobresemento do expediente seralles inmediatamente notificada aos interesados.

4. No prego de cargos indicaranse, con precisión, claridade e debidamente motivados, os actos profesionais ou colexiais que se presumen ilícitos, a cualificación do tipo de infracción en que incorre aquela conduta e a sanción de que, de ser o caso, poida ser acredora.

5. Concederáselle ao interesado un prazo de quince días hábiles para que conteste por escrito e formule escrito de alegacións, achegue documentos e informacións e propoña as probas que xulgue oportunas para a súa defensa. Poderanse utilizar todos os medios de proba admisibles en dereito. O instrutor efectuará as que considere pertinentes entre as propostas ou as que poida acordar. Das audiencias e probas efectuadas deixarase constancia escrita no expediente.

6. A instrución concluirá coa formulación dunha proposta de resolución, que fixará con precisión os feitos imputados ao expedientado, indicará a infracción ou infraccións cometidas e as sancións que correspondan. Desta proposta daráselle traslado ao expedientado, ao cal se lle concederá novo trámite de audiencia para que poida alegar canto considere conveniente ao seu dereito.

7. A Xunta de Goberno adoptará motivadamente a resolución que xulgue conveniente decidindo todas as cuestións presentadas. Non poderá versar sobre feitos distintos dos que serviron de base á proposta de resolución. Se o instrutor forma parte da Xunta de Goberno, non poderá participar nas deliberacións nin na adopción da resolución que poña fin ao procedemento disciplinario.

CAPÍTULO VI

Réxime de distincións, protocolo e símbolos

Artigo 88. Colexiados e cargos de honra

1. A Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno, poderá nomear colexiados de honra as persoas, físicas ou xurídicas, que acrediten méritos ou servizos relevantes prestados á profesión. A distinción poderase conceder, de ser o caso, a título póstumo.

2. A Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno, tamén poderá outorgar a título honorífico a condición de decano. A distinción recaerá naquelas persoas merecedoras de tal consideración polas súas excepcionais calidades profesionais e sociais e a súa contribución á defensa, desenvolvemento e perfeccionamento do Colexio de Procuradores e da procuradoría.

Artigo 89. Outras recompensas

1. A Xunta de Goberno do Colexio poderá conceder outras recompensas honoríficas e de carácter económico-científico.

2. As recompensas honoríficas poderán consistir en felicitacións e mencións, proposta de condecoracións oficiais e designación como membros honoríficos.

3. As recompensas de carácter económico-científico poderán ser as que, en cada momento, decida a Xunta de Goberno e serán concedidas por esta. Poden consistir en premios a traballos de investigación e publicación, por conta do Colexio, daqueles traballos de destacado valor científico ou de investigación que en cada momento se acorde editar.

Artigo 90. Tratamentos honoríficos e protocolarios. Escudo colexial

1. O ICP Vigo terá o tratamento de ilustre e o seu decano de ilustrísimo, que exercerá con carácter vitalicio e terá a consideración honorífica de presidente de sala da Audiencia Provincial. Levará refollos de encaixe na súa toga, así como as medallas e placas correspondentes ao seu cargo, en audiencia pública e actos solemnes a que asista en exercicio del.

2. En tales ocasións, os demais membros da Xunta de Goberno levarán sobre a toga os atributos propios dos seus cargos.

3. O escudo do Colexio, distintivo que tradicionalmente vén usando, consiste nun conxunto integrado polo escudo representativo da xustiza xunto co da cidade de Vigo unidos polo seu vértice superior cunha lixeira inclinación á dereita e á esquerda, respectivamente, e leva na súa parte superior a coroa real e na base de ambos os escudos a palabra «Vigo», todo isto orlado de loureiros coa inscrición na parte superior «I.C.P.V.» (llustre Colexio de Procuradores de Vigo). O escudo distintivo do Colexio non se poderá modificar sen acordo adoptado en xunta xeral.

4. En todos os documentos que o Colexio expida, así como nas súas comunicacións, estamparase un selo en que se represente o escudo distintivo expresado.

CAPÍTULO VII

Dos procedementos de disolución, fusión e segregación

Artigo 91. Disolución do Colexio

1. A disolución do ICP Vigo producirase cando veña determinada por disposición legal, estatal ou autonómica, e será acordada pola Xunta Xeral, convocada para o efecto, e para a súa aprobación será necesaria a asistencia de, polo menos, tres quintas partes dos colexiados e o voto favorable da maioría absoluta dos asistentes. A Xunta Xeral decidirá sobre o destino do patrimonio colexial e designará unha comisión encargada de liquidalo.

2. A Comisión liquidadora será elixida de entre os colexiados exercentes ata ese momento e poderá estar composta por profesionais externos elixidos pola Comisión. Esta comisión elaborará un balance do activo e do pasivo do Colexio, que será sometido á súa aprobación en xunta xeral extraordinaria convocada para o efecto, para que, unha vez aprobado, a Comisión liquidadora proceda á venda dos activos que houber e, co resultado obtido, proceda a saldar as débedas vencidas e pendentes de vencer. No caso de que, unha vez saldadas as débedas, se obteña remanente, este entregarase en primeiro lugar ao Colexio a que pasemos a formar parte; se isto non existe, ao Consello Autonómico, e, en terceiro lugar, ao Consello Xeral.

3. O acordo comunicaráselles á consellería da Xunta de Galicia competente en materia de colexios profesionais, ao Consello Xeral dos Procuradores dos Tribunais de España e ao Consello Galego dos Procuradores.

Artigo 92. Fusión con outros colexios de procuradores de Galicia

1. O ICP Vigo poderase fusionar con todos ou algúns dos colexios de procuradores dos tribunais que desenvolven a súa actividade profesional exclusivamente na Comunidade Autónoma de Galicia e non excedan este ámbito territorial para constituír un novo Colexio Profesional de Procuradores. A documentación que cumprirá presentar para a fusión de colexios de procuradores será a seguinte:

a) Certificación do acordo de fusión ou de segregación adoptado consonte o previsto nos seus estatutos, co visto e prace do decano.

b) Proposta do procedemento para articular a subrogación oportuna nas relacións e situacións xurídicas co Colexio ou colexios preexistentes.

c) Relación dos bens, dereitos e obrigas que pasen á titularidade do novo Colexio, referida ao 31 de decembro do ano anterior a aquel en que se promova a creación do Colexio.

d) Memoria xustificativa dos motivos da creación solicitada, con expresión das causas que fundamenten a necesidade e conveniencia do novo Colexio resultado da fusión.

2. A operación de fusión requirirá a aprobación da Xunta Xeral extraordinaria, convocada para tal efecto, por maioría absoluta dos asistentes, coa asistencia, polo menos, da cuarta parte dos colexiados, que se pronunciará sobre un protocolo de fusión, proposto pola Xunta de Goberno.

3. Acordada a fusión pola Xunta Xeral extraordinaria, someterase ao informe preceptivo do Consello Galego dos Colexios de Procuradores e enviaráselle á consellería da Xunta de Galicia competente en materia de colexios profesionais.

CAPÍTULO VIII

Do procedemento de reforma do estatuto

Artigo 93. Da reforma estatutaria

1. Correspóndelle á Xunta de Goberno impulsar o procedemento de aprobación e reforma dos estatutos, que deberá ser aprobada pola Xunta Xeral extraordinaria convocada para o efecto.

2. Tamén poderán instar a reforma dos estatutos os colexiados que representen, polo menos, unha terceira parte do censo do Colexio. A solicitude dirixirase á Xunta de Goberno, na cal constarán a materia ou materias que pretendan reformar, así como o contido do texto e a súa xustificación.

3. A Xunta de Goberno convocará unha xunta xeral extraordinaria para este efecto no prazo de trinta días e remitiralles copia do contido da proposta a todos os colexiados e, se o considera oportuno, xunto con proposta ou texto alternativo. Para aprobar as modificacións propostas serán necesarios os votos favorables de dous terzos dos asistentes.

4. Unha vez aprobado pola Xunta Xeral, remitiráselles ao Consello Xeral dos Procuradores de España para a súa cualificación de legalidade e ao Consello Galego de Colexios de Procuradores para informe, e, posteriormente, á consellería da Xunta de Galicia competente na materia para a súa aprobación definitiva e inscrición no Rexistro de Colexios Profesionais, así como publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria primeira. Exixencia do título profesional de procurador dos tribunais e dispensas

1. O título profesional de procurador dos tribunais, que se erixe en condición necesaria para o ingreso no Colexio no artigo 8.1.b) destes estatutos, só é exixible desde a entrada en vigor da Lei 34/2006, do 30 de outubro, sobre o acceso ás profesións de avogado e procurador dos tribunais, e coas dispensas previstas nas súas disposicións adicionais oitava e novena e na súa disposición transitoria única.

2. Quen non resulte afectado pola exixencia do título profesional de procurador dos tribunais de acordo co disposto no punto anterior deberá posuír o título oficial de procurador dos tribunais expedido polo Ministerio de Xustiza para poder ingresar no Colexio tal como se establece no artigo 8.d) do Real decreto 1281/2002, do 5 de decembro, e cumprir as demais condicións establecidas no artigo 8.1 destes estatutos.

Disposición transitoria segunda. Exixencia do título de licenciado/graduado en Dereito

1. A condición de licenciado e graduado en Dereito recollida polo artigo 23 da Lei de axuizamento civil, tras a modificación efectuada a esta pola disposición derradeira primeira da Lei 16/2006, do 26 de maio, pola que se regula o Estatuto do membro nacional de Eurojust e as relacións con este órgano da Unión Europea, entenderase exixible desde a entrada en vigor desta última disposición, producida o día 28 de maio de 2006, de acordo co disposto na súa disposición derradeira cuarta.

2. De acordo coa disposición transitoria segunda daquela lei, a exixencia do título de licenciado e graduado en Dereito non afectará as situacións anteriores á súa entrada en vigor, polo que non será de aplicación aos que se encontraren amparados por esta a condición de ingreso ao Colexio contida no artigo 8.1.a) dos estatutos.

Disposición transitoria terceira. Colexiados non exercentes

Os procuradores que teñan a condición de non exercentes conforme o disposto no Estatuto xeral dos procuradores dos tribunais de España, aprobado polo Real decreto 1281/2002, do 5 de decembro, poderán seguir vinculados en tal condición ao Colexio a que pertenzan cos dereitos e obrigas establecidos nestes estatutos. Todo iso sen prexuízo da disposición adicional oitava da Lei 34/2006, do 30 de outubro, de acceso ás profesións de avogado e procurador dos tribunais.

Disposición transitoria cuarta. Mandatos de cargos de goberno do Colexio

1. Os membros dos actuais órganos de goberno do Colexio permanecerán nos seus cargos ata a expiración do seu mandato, sen prexuízo do que se dispón no punto segundo.

2. Nas primeiras eleccións para a provisión da Xunta de Goberno que teñan lugar de acordo co disposto nestes estatutos procederase á renovación completa de todos os seus membros.

Disposición transitoria quinta. Recursos

Os recursos que se encontraren en tramitación no momento da entrada en vigor dos estatutos continuarán esta de acordo coas normas vixentes no momento da súa interposición.

Disposición transitoria sexta. Mantemento de vixencia de previsións dos anteriores estatutos

Mentres non se aprobe o Regulamento de réxime interior do Colexio en desenvolvemento destes estatutos, manteranse en vigor as previsións dos anteriores estatutos sobre competencias dos membros da Xunta de Goberno, sempre que non se opoñan ao disposto nestes estatutos.

Disposición adicional única. Modificación dos partidos xudiciais

A alteración ou supresión dos partidos xudiciais que segundo o artigo 3 destes estatutos determinan o ámbito territorial do Colexio non afectarán, en ningún caso, este, que seguirá tendo o mesmo ámbito espacial.

Disposición derradeira primeira. Adecuación e desenvolvementos normativos

1. A Xunta Xeral do Colexio adecuará a normativa regulamentaria interna do Colexio ás previsións destes estatutos. En particular, aprobará as seguintes normas:

a) Regulamento de réxime interior, en desenvolvemento das previsións organizativas contidas no capítulo II do título III.

b) Regulamento sobre réxime económico-financeiro, en desenvolvemento do capítulo IV do título III.

c) Regulamento de organización do servizo de notificacións e traslados previos de copias de escritos e documentos, para as demarcacións de Vigo, Redondela, O Porriño, Tui e Ponteareas.

d) Regulamento do servizo de avisos e/ou garda para o mes de agosto, para os efectos previstos no artigo 272.2 da Lei orgánica do poder xudicial.

e) Regulamento do servizo para asistencia xurídica gratuíta e quenda de oficio.

f) Regulamento do servizo de garda para atender as designacións dos denominados xuízos rápidos.

g) Manual do procedemento do Colexio para o servizo de depósitos de bens mobles e realización de bens por entidade especializada.

2. A normativa interna do Colexio manterá a súa vixencia en canto non contradiga o disposto nestes estatutos.