Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Luns, 19 de xullo de 2021 Páx. 36813

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2021/22, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento DE400A).

A Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, dedica o seu título II ás competencias das Administracións públicas galegas en materia de deporte, e no artigo 5 establece as competencias que lle corresponden á Administración autonómica, segundo o establecido no artigo 27.22 do Estatuto de autonomía de Galicia, especificando no punto 1, alínea m), a atribución desta Administración no fomento e regulación do deporte e dos deportistas de alto nivel de Galicia, así como os seus beneficios.

En prol da definición da política deportiva autonómica, fixando as directrices e os programas de fomento e desenvolvemento do deporte galego dos seus diferentes niveis, a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia está a dotar o deporte de alta competición dos medios necesarios para a mellora do seu nivel técnico. Con este obxectivo establécense as bases reguladoras da concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (en adiante, CGTD) para o curso 2021/22, e se procede á súa convocatoria.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

Establecer, mediante o procedemento con código DE400A, as bases reguladoras e proceder á convocatoria de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade. Estas bolsas estarán destinadas a estudantes de ensinanzas universitarias ou ciclos formativos de grao superior que colaborarán na residencia do CGTD, co fin de dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial a residencia para a atención dos deportistas menores de idade. Os/as beneficiarios/as das bolsas completan a súa formación como estudantes á vez que se familiarizan con actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar.

Os/as beneficiarios/as das bolsas realizarán o seu labor na instalación do CGTD, sita na rúa Fernando Olmedo, 3, da cidade de Pontevedra, dependente da Secretaría Xeral para o Deporte, durante o curso escolar 2021/22.

Artigo 2. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes, para o caso do estudantado universitario segundo o disposto na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, presentaranse por vía electrónica a través do formulario normalizado, que se inclúe no anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. Para o resto dos estudantes non universitarios, as solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado, que se inclúe no anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requerirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes podera empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A presentación da solicitude para participar nesta convocatoria implica o coñecemento e a aceptación das bases que a regulan.

Artigo 3. Beneficiarios

Poderán ser beneficiarias das bolsas para persoal de apoio no CGTD todas aquelas persoas que cumpran os requisitos detallados a seguir:

a) Ter entre 18 e 30 anos no momento de presentar a solicitude.

b) Estar empadroadas en Galicia no momento de presentar a solicitude.

c) Estar cursando estudos universitarios nunha facultade, nunha escola universitaria ou nun ciclo formativo.

d) Non ser beneficiarias dunha bolsa como deportista no CGTD no momento da solicitude.

e) Estar en disposición de cumprir co establecido na Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, que modificou a Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor.

f) No caso de estudantes que teñan bolsa como deportistas na residencia do CGTD, será necesario:

– Que a súa estadía no CGTD sexa valorada como positiva polo equipo directivo do centro.

– Que pasase polo menos un (1) ano desde o remate da súa estadía como deportistas bolseiros/as ata a presentación da solicitude como persoal de apoio.

g) Supletoriamente, no caso de non cubrir as prazas cos requisitos anteriores, poderanse ter en conta solicitudes de persoas que fosen bolseiras no CGTD con anterioridade e que estean cursando estudos non oficiais.

Artigo 4. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se efectúen ou deixen de efectuar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos, deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia efectuará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Prazo de presentación

O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non houber día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación:

a) Matrícula universitaria ou do ciclo formativo correspondente ao curso académico 2021/22.

b) BOE/DOG en que se acredite o recoñecemento de deportista de alto nivel/deportista galego de alto nivel, en caso de posuílo.

c) Certificado da federación nacional correspondente que o acredita como deportista de alto rendemento, en caso de posuílo.

d) BOE/DOG en que se acredite ter formado parte de programas deportivos de tecnificación e rendemento, de ser o caso.

e) Proxecto de actividades que pretenda desenvolver na residencia de acordo co artigo 16 desta resolución.

f) Titulación federativa, en caso de posuíla.

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada que o presente ou, na súa falta que acredite por outros medios os requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirira para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no artigo 2. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de residencia da persoa solicitante.

e) Certificación negativa do Rexistro Central de Delincuentes Sexuais.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

f) Licenciatura/grao/diplomatura en Ciencias da Actividade Física e o Deporte ou Maxisterio por Educación Física (en caso de posuíla).

g) Titulación de grao medio ou grao superior das ensinanzas deportivas de réxime especial (en caso de posuíla).

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os ditos documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permitenlles ás persoas interesadas realizaren trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes, tamén se poderán tramitar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Criterios de valoración

As solicitudes valoraranse conforme os principios de obxectividade, igualdade e non discriminación, tendo en conta os seguintes criterios:

– Ser estudante universitario da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte (6 puntos).

– Proxecto de actividades que pretenda desenvolver na residencia de acordo co artigo 16 desta resolución (4 puntos).

– Que o solicitante conte, no momento de facer a solicitude, coa categoría de deportista galego de alto nivel ou deportista de alto nivel (4 puntos) ou que fose recoñecido con anterioridade aínda que non conte co recoñecemento no momento da solicitude (2 puntos).

– Estar en posesión do título de licenciatura/grao/diplomatura en Ciencias da Actividade Física e o Deporte (4 puntos) ou Maxisterio na especialidade de Educación Física (3 puntos).

– Ser estudante universitario nunha facultade ou escola diferente á do primeiro punto que admitan, polo seu contido e saídas profesionais, a formación práctica a través das diferentes tarefas que se poden desenvolver nunha residencia xuvenil (3 puntos).

– Ser estudante dun ciclo formativo de grao superior que admita, polo seu contido e saídas profesionais, a formación práctica a través das diferentes tarefas que se poden desenvolver nunha residencia xuvenil (2 puntos).

– Ter formado parte de programas deportivos de tecnificación ou rendemento no Centro Galego de Tecnificación Deportiva (2 puntos).

– Que o solicitante teña ou tivese o recoñecemento de deportista de alto rendemento polo Consello Superior de Deportes (1 punto).

– Ter formado parte de programas deportivos de carácter estatal ou de rendemento recoñecidos polo Consello Superior de Deportes nun centro recoñecido para tal efecto fóra da nosa comunidade autónoma (1 punto).

– Estar en posesión de titulacións nalgunha modalidade deportiva; valorarase cada titulación por separado e ata un máximo de 3 puntos.

– Informe da dirección do CGTD, ata un máximo de 3 puntos, en caso de posible renovación da bolsa.

Artigo 10. Órgano instrutor

A instrución do procedemento para a concesión das bolsas corresponde á Comisión de Selección.

Artigo 11. Comisión de Análise

A Comisión de Análise estará constituída por:

– Presidente: director/a do CGTD.

– Vogal: subdirector/a do CGTD.

– Secretario/a: unha persoa funcionaria da Administración.

As funcións da Comisión de Análise serán:

a) Analizar a documentación presentada polas persoas interesadas.

b) Comprobar o cumprimento dos diferentes aspectos da convocatoria.

c) Requirirlle á persoa interesada as modificacións e a documentación necesaria para cumprir co establecido no artigo 6.

Artigo 12. Comisión de Selección

A Comisión de Selección estará constituída por:

– Presidente: subdirector/a xeral de Plans e Programas da Secretaría Xeral para o Deporte.

– Vogal: director/a do CGTD.

– Vogal: subdirector/a do CGTD.

– Secretario: unha persoa funcionaria da Secretaría Xeral para o Deporte.

As funcións da Comisión de Selección serán:

a) Valoración das solicitudes posteriormente á análise realizada pola Comisión de Análise.

b) Valoración e ratificación, se é o caso, dos informes emitidos pola Dirección do centro sobre a estadía como persoa deportista bolseira do CGTD, das solicitudes recibidas, se se dá o caso.

c) Elevar á Secretaría Xeral para o Deporte a proposta de resolución en virtude da cal se outorgará a concesión das bolsas como persoal de apoio e colaborador na residencia do CGTD durante o curso escolar 2021/22.

Artigo 13. Proposta de resolución

1. A Comisión de Selección formulará unha proposta de resolución baseada nas maiores puntuacións obtidas.

2. Esta proposta de resolución provisional exporase a información pública, na páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte, por un prazo de dez (10) días naturais contados a partir do seguinte ao da data de publicación. Durante este prazo, os/as interesados/as poderán formular as alegacións que coiden pertinentes nos lugares e nas formas indicados para a presentación de solicitudes.

3. Se algún dos candidatos propostos tiver a intención de non aceptar a adxudicación da bolsa, deberá comunicalo expresamente dentro do prazo de alegacións e proporase o seguinte con maior puntuación; ante o rexeitamento deste, ofreceráselle ao situado a seguir, e así sucesivamente ata a súa cobertura.

4. Logo de rematar o prazo de alegacións e examinadas estas, se as houber, formularase a proposta de resolución definitiva.

Artigo 14. Resolución e publicación dos actos

1. O prazo máximo para resolver a convocatoria non poderá exceder os tres meses, contados desde o día seguinte ao da data data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De non se resolver neste prazo, as solicitudes entenderanse desestimadas.

2. Baseándose na proposta de resolución definitiva, a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte ditará resolución pola que se adxudican as bolsas para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2021/22. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e, así mesmo, será obxecto de publicidade a través da páxina web da Secretaría Xeral para o Deporte.

3. Notificada a resolución polo órgano concedente, o beneficiario disporá dun prazo de dez (10) días naturais para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase aceptada.

4. As baixas que se produzan unha vez publicada a listaxe definitiva teñen que ser comunicadas inmediatamente e por escrito ao enderezo de correo cgtd@xunta.gal para que poidan ser cubertas.

5. A concesión e a percepción da praza non implica ningún tipo de relación laboral, ou de natureza similar, entre a Xunta de Galicia e as persoas beneficiarias.

6. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da praza e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 15. Beneficios das persoas bolseiras

As persoas beneficiarias destas bolsas disporán do aloxamento de domingo a venres e manutención completa (de luns a venres), durante o curso escolar 2021/22 no CGTD, servizo de lavandaría, instalacións deportivas, servizo médico-deportivo e servizo de fisioterapia.

A concesión destas bolsas é compatible coa obtención de axudas ao estudo, agás aquelas que teñan como compoñente o pagamento de gastos de comedor e/ou residencia escolar.

Artigo 16. Obrigas das persoas bolseiras

Serán obrigas das persoas bolseiras beneficiarias como persoal de apoio as detalladas a seguir:

a) Incorporarse á residencia o mesmo día que os deportistas.

b) Permanecer na residencia nos horarios establecidos polas/polos preceptoras/es.

c) Colaborar en facilitar a convivencia e cumprir e facer cumprir as normas de réxime interno do centro, e informar en todo momento a Dirección do CGTD de calquera infracción que se cometa.

d) Realizar actividades de apoio á Dirección do CGTD, aos técnicos responsables dos grupos de deportistas existentes implicados no programa de formación e na organización e promoción de actividades deportivas, recreativas e académicas.

e) Colaborar coas/cos preceptoras/es na organización e promoción de actividades recreativas e formativas.

f) Axudar nas tarefas de control e seguimento dos estudos dos residentes, así como a colaborar con eles no aproveitamento do seu tempo de estudo.

g) Notificar ás/aos preceptoras/es todas as incidencias que se produzan en relación cos deportistas.

h) Funcións rotatorias diarias:

Almorzo, comida e cea:

Control da listaxe de bolseiros/as e adestradores/as que fan uso do servizo de comedor.

Recordar normas de distanciamento social aos usuarios do comedor.

Hora de estudo:

Supervisión do uso correcto do espazo, control das normas de uso dos estudios.

Colaborar na organización de tarefas aos/as bolseiros/as e distribución do tempo de traballo.

Control de plantas:

Ás 23.00 horas supervisión de que todos/as os/as bolseiros/as estean nos seus dormitorios e cumprindo as normas da residencia.

Actividades no salón de actos/sala de xogos:

Control de capacidade e supervisión do cumprimento das normas por parte dos/das bolseiros/as.

i) Calquera outra actividade que se determine para a correcta convivencia dos deportistas no centro e para o desenvolvemento das súas actividades dentro do CGTD.

Artigo 17. Número de bolsas

O número de prazas convocadas é de seis (6) e precisándose polo menos tres (3) prazas ocupadas polo mesmo sexo (feminino ou masculino), co obxectivo de ter unha representación con paridade para poder garantir unha correcta atención ao colectivo de deportistas do centro.

O número de prazas ofertadas poderas modificar en función das necesidades derivadas da aplicación das medidas de protección estatais ou autonómicas para facer fronte á situación provocada pola COVID-19.

Artigo 18. Duración das bolsas

As bolsas terán, como mínimo, unha duración dun curso escolar (de setembro a xuño) segundo a Orde pola que se aprobe o calendario escolar para o curso 2021/22 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia, e poden ser prorrogadas ata que o/a bolseiro/a remate os seus estudos e sempre que cumpra cos requisitos e obrigas recollidos nos artigos 3 e 16 desta convocatoria.

Artigo 19. Revogación dunha bolsa

A bolsa concedida poderá ser revogada polas seguintes causas:

– Por inadaptación ás normas de convivencia.

– Por incumprimento dalgún dos requisitos establecidos no artigo 3 desta convocatoria.

– Por incumprimento dalgunha das obrigas establecidas no artigo 16 desta convocatoria.

– Por renuncia do/da beneficiario/a.

– Por motivos disciplinarios no caso de faltas moi graves segundo o Regulamento de réxime interno do centro.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberase dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquelas das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Publicidade dos actos

Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por ela mesma, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 22. Réxime xurídico

O réxime xurídico aplicable a esta convocatoria é o seguinte: Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG núm. 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia; Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro), polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007; os preceptos declarados básicos pola disposición derradeira primeira da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE núm. 276, do 18 de novembro), xeral de subvencións, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo (BOE núm. 176, do 25 de xullo), polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003; a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia; a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normativa de xeral aplicación.

Artigo 23. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 a 125 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira primeira

A persoa titular da Secretaría Xeral para o Deporte poderá ditar, no ámbito das súas competencias, cantos actos e medidas sexan precisos para o desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2021

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte

missing image file
missing image file