Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Luns, 19 de xullo de 2021 Páx. 36829

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

EXTRACTO da Resolución do 9 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2021/22, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento DE400A).

BDNS (Identif.): 575026.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarias

As persoas que cumpran os requisitos seguintes: ter entre 18 e 30 anos no momento de presentar a solicitude; estar empadroadas en Galicia no momento de presentar a solicitude; estar cursando estudos universitarios nunha facultade, nunha escola universitaria ou nun ciclo formativo; non ser beneficiarias dunha bolsa como deportista no CGTD no momento da solicitude; estar en disposición de cumprir co establecido na Lei 26/2015, do 28 de xullo, de modificación do sistema de protección á infancia e á adolescencia, que modificou a Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor. Supletoriamente, no caso de non cubrir as prazas cos requisitos anteriores, poderanse ter en conta solicitudes de persoas que fosen bolseiras no CGTD con anterioridade e que estean cursando estudos non oficiais.

Segundo. Obxecto

Establecer, mediante o procedemento con código DE400A, as bases reguladoras e proceder á convocatoria de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva e con sometemento aos principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, mérito e capacidade. Estas bolsas estarán destinadas a estudantes de ensinanzas universitarias ou ciclos formativos de grao superior que colaborarán na residencia do CGTD, co fin de dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial a residencia para a atención dos deportistas menores de idade. Os/as beneficiarios/as das bolsas completan a súa formación como estudantes á vez que se familiarizan con actividades relacionadas coas saídas profesionais dos estudos que están a cursar.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 9 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de bolsas, en réxime de concorrencia competitiva, para persoas colaboradoras na residencia do Centro Galego de Tecnificación Deportiva para o curso 2021/22, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento DE400A).

Cuarto. Prazo para presentar as solicitudes

O prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2021

José Ramón Lete Lasa
Secretario xeral para o Deporte