Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Luns, 19 de xullo de 2021 Páx. 36831

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 9 de xullo de 2021 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación A Coruña Convention & Visitors Bureau.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación A Coruña Convention & Visitors Bureau, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos:

1. O 11 de maio de 2021, José Blanco Castiñeira, na súa condición de presidente do padroado da Fundación, presentou solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación A Coruña Convention & Visitors Bureau constituírona o Consorcio de Turismo y Congresos (Turismo de A Coruña), representado por Juan Ignacio Borrego Vázquez; a Fundación Instituto Ferial de A Coruña (Ifeco), representada por Pilar López Cordal; a Asociación Empresarial de Hospedaje de A Coruña (Hospeco), representada por Richard Huerta Nicholson; a entidade Orzán Congres, S.L., representada por María Paloma Orjales Mariño; a entidade Océano Azul Comunicación, S.L., representada por Marta Guimaraens Domínguez; a entidade DMC Galicia Group Travel, S.L., representada por Pablo Zunzunegui Salillas, e a Sociedad de Fomento y Desarrollo Turístico, S.A., representada por Juana Abellaneda Bermejo, mediante escritura pública outorgada na Coruña o 22 de abril de 2021, ante o notario Emilio López de Paz, co número de protocolo 730.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación ten como obxectivo «o desenvolvemento da economía produtiva e o fomento da economía social de Galicia, mediante a potenciación e o desenvolvemento das infraestruturas turísticas e de servizos específicos no ámbito do turismo de reunións e a captación de congresos, convencións, viaxes de incentivo, feiras e eventos deportivos e culturais para a cidade da Coruña».

4. Na escritura de constitución constan as cuestións relativas á personalidade do fundador, á súa capacidade e vontade de constituír a Fundación conforme os preceptos da Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

5. Nos estatutos da Fundación constan a súa denominación e natureza, o seu domicilio, obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das súas rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos seus beneficiarios, e a designación do padroado inicial.

6. O padroado inicial da Fundación está formado pola Asociación Empresarial de Hospedaje de A Coruña (Hospeco), representada por José Blanco Castiñeira, como presidente; o Consorcio de Turismo y Congresos (Turismo de A Coruña), representado por Juan Ignacio Borrego Vázquez, como vicepresidente; a entidade DMC Galicia Group Travel, S.L., representada por Pablo Zunzunegui Salillas, como secretaria; a Sociedad de Fomento y Desarrollo Turístico, S.A., representada por Juana Abellaneda Bermejo, como tesoureira, e, como vogais, a entidade Orzán Congres, S.L., representada por María Paloma Orjales Mariño, a Fundación Instituto Ferial de A Coruña (Ifeco), representada por Pilar López Cordal, e a entidade Océano Azul Comunicación, S.L., representada por Marta Guimaraens Domínguez.

7. A Comisión integrada polos secretarios xerais técnicos de todas as consellerías elevoulle ao vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo proposta de clasificación como de interese para o fomento do turismo en Galicia da Fundación A Coruña Convention & Visitors Bureau atendendo á diversidade do obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, e de conformidade co establecido nos artigos 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

8. De conformidade con esta proposta, mediante a Orde da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, do 7 de xuño de 2021, clasificouse como de interese para o fomento do turismo en Galicia a Fundación A Coruña Convention & Visitors Bureau e adscribiuse á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2 do Decreto 15/2009 en relación co Decreto 214/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, correspóndelle á Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo a declaración de interese galego mediante Resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación A Coruña Convention & Visitors Bureau, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006 e nos decretos 14/2009 e 15/2009, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación A Coruña Convention & Visitors Bureau, polo que, á vista da proposta de resolución formulada polo Servizo de Entidades Xurídicas e Corporativas, do 8 de xullo de 2021,

RESOLVO:

1. Declarar de interese galego a Fundación A Coruña Convention & Visitors Bureau.

2. Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

3. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego; ao Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e ao Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como á demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, a ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, así como a presentación anual da documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo.

Contra esta resolución pódese interpoñer un recurso de alzada, ante o vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 9 de xullo de 2021

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería
de Presidencia, Xustiza e Turismo