Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Martes, 20 de xullo de 2021 Páx. 37174

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2021, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se fan públicas as listas definitivas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia de determinados grupos e categorías.

Mediante a resolución da Dirección Xeral da Función Pública, do 8 de xuño de 2021 (DOG núm. 112, do 15 de xuño), fixéronse públicas as listas provisionais para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia de determinados grupos e categorías, elaboradas en cumprimento do artigo 6.2 do Decreto 37/2006, do 2 de marzo, polo que se regula o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia.

Con data do 29 de xuño de 2020 rematou o prazo establecido no punto terceiro da devandita resolución para presentar reclamacións.

Unha vez examinadas e resoltas as reclamacións, a Comisión Permanente constituída ao abeiro do artigo 4 do Decreto 37/2006 acordou elevarlle ao titular da Dirección Xeral da Función Pública as listaxes definitivas de admitidos e excluídos para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

En consecuencia, de conformidade co establecido no artigo 11 do decreto regulador, esta dirección xeral

RESOLVE:

Primeiro. Facer públicas as listas definitivas para a contratación temporal de persoal laboral do grupo I, categorías 2 (médico e outras), 6 (titulado/a superior psicólogo/a) e 11 (titulado/a superior pedagogo/a); grupo II, categorías 2 (ATS e outras), 6 (educador/a. Profesor/a especial), 11 (fisioterapeuta), 17 (asistente social) e 20 (terapeuta ocupacional); grupo III, categoría 50 (técnico/a especialista en xardín de infancia), e grupo IV, categoría 3 (auxiliar de clínica e outras).

Segundo. As listas poderán consultarse no portal web corporativo da Xunta de Galicia http://funcionpublica.xunta.gal, epígrafe de listas de contratación; no Servizo de Atención e Información á Cidadanía, a través do teléfono 012, e nas oficinas de rexistro e atención á cidadanía da Xunta de Galicia (oficinas dos edificios administrativos da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo).

As devanditas listas incluirán a seguinte información:

Solicitantes admitidos/as na lista con indicación da puntuación resultante da aplicación do baremo establecido no artigo 9 do Decreto 37/2006.

Solicitantes excluídos/as con expresión da causa de exclusión.

Terceiro. As listas entrarán en vigor a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. As persoas solicitantes excluídas disporán do prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para solicitar a devolución das taxas por dereitos de inscrición e deben consignar o nome e os apelidos, o NIF, o número da conta bancaria (vinte díxitos) e a localidade desta, segundo o modelo que figura no anexo III da Orde do 22 de febreiro de 2021 (DOG núm. 39, do 26 de febreiro), xunto coa documentación xustificativa de ter aboado as taxas administrativas.

Quinto. Contra esta resolución e de conformidade co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2021

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública