Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Martes, 20 de xullo de 2021 Páx. 37140

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Resolución do 6 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero (código de procedemento SI451A).

BDNS (Identif.): 575077.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Poderán ser destinatarias das subvencións para o desenvolvemento das actuacións reguladas nesta convocatoria as entidades sen ánimo de lucro que cumpran as obrigas e os requisitos exixidos nesta resolución e, de xeito particular, os seguintes:

• Carecer de ánimo de lucro.

• Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

• Non atoparse en ningunha das situacións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A acreditación de non estaren incursas nas ditas circunstancias realizarase mediante declaración responsable da persoa representante da entidade.

• Cumprir os requisitos e condicións establecidos na normativa xeral de subvencións.

Segundo. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras e convocar, para os anos 2021 e 2022, subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para unha recuperación integral, tendo en conta que a falta de recursos propios, fundamentalmente dun posto de traballo, dificulta en moitas ocasións a ruptura da situación de violencia.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 6 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases que rexerán a concesión de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para programas de deseño e implementación de itinerarios personalizados e accións específicas que favorezan a inserción sociolaboral de mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse 680.000,00 euros imputables á aplicación orzamentaria 11.02.313D.481.2 (código de proxecto 2018 00012), de acordo coa seguinte distribución:

Ano 2021: 180.000,00 euros.

Ano 2022: 500.000,00 euros.

A contía máxima subvencionable para o período comprendido entre o 1 de setembro de 2021 e o 30 de novembro de 2022 será de 25.000,00 €.

A contía máxima subvencionable para o período comprendido entre o 1 de decembro de 2021 e o 30 de xuño de 2022 será de 75.000,00 €.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2021

Susana López Abella
Secretaria xeral da Igualdade