Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Mércores, 21 de xullo de 2021 Páx. 37344

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 2 de xullo de 2021 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan as bolsas de formación de persoal auxiliar en materia de investigación mariña (código de procedemento PE609B).

A Lei 5/2013, do 30 de maio, de fomento da investigación e da innovación de Galicia, no seu artigo 1 establece como obxectivo xeral o fomento da investigación e do desenvolvemento tecnolóxico, da transferencia e valorización de resultados e da innovación en Galicia en todas as súas vertentes, así como da súa xestión eficiente.

O Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar (DOG núm. 58, do 26 de marzo), atribúe a esta as competencias en materia de investigación mariña que desenvolverá en coordinación coa consellería competente en materia de investigación e desenvolvemento tecnolóxico.

Tendo en conta a importancia da investigación científica e a formación en ciencias mariñas no desenvolvemento económico de Galicia, nesta orde procédese á convocatoria de bolsas para que técnicos/as de ciclos formativos de grao superior poidan completar a súa formación como persoal auxiliar de investigación mariña, garantindo a oportunidade de participar en experiencias e programas específicos de investigación e facilitándolles unha preparación práctica cualificada, que é de probada utilidade para a súa inserción posterior na vida laboral.

A Consellería do Mar, dentro da súa estrutura orgánica, conta co Centro de Investigacións Mariñas (en diante, CIMA), como organismo público de investigación non universitario de Galicia. Este centro está estruturado nas áreas de acuicultura, de patoloxía de moluscos, de procesos oceanográficos costeiros e de recursos mariños, e conta cunha ampla experiencia en completar a formación de persoal auxiliar en investigación mariña procedente da formación profesional.

En consecuencia e de acordo co disposto no artigo 30.1.1 e 3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a convocatoria de bolsas para completar a formación de técnicos superiores de ciclos formativos de grao superior como persoal auxiliar de investigación mariña, así como convocar oito (8) bolsas en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, para os anos 2021, 2022 e 2023 (código de procedemento administrativo PE609B).

Artigo 2. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:

1. Estar en posesión do título de técnico/a superior e ter rematados os estudos con posterioridade ao 31 de decembro de 2018 dos ciclos formativos de grao superior dalgunha das especialidades que se relacionan:

a) Solicitantes de bolsas en actividades marítimo-pesqueiras/acuicultura:

– Título de técnico superior en Acuicultura.

b) Solicitantes de bolsas en Química/Análise e Control:

– Título de técnico superior en Análise e Control.

2. Ter nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea ou ser persoa estranxeira con permiso de residencia en España no momento de solicitar a bolsa e con dominio dalgunha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Non estar incapacitado/a fisicamente ou padecer enfermidade que poida impedir a realización normal da actividade formativa obxecto das bolsas que se convocan.

4. Non ter sido persoa beneficiaria destas bolsas ou outras similares en anteriores convocatorias, durante un período dun (1) ano ou superior.

5. Ter cursado os seus estudos nalgún dos centros públicos ou privados situados na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Número, duración, importe e lugar de realización das bolsas

1. O número de bolsas será de oito (8), que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 9 desta convocatoria.

2. As bolsas terán unha duración de dous (2) anos a partir da data de incorporación que se estableza na resolución de concesión e sen posibilidade de prórroga.

3. O importe bruto mensual de cada bolsa será de novecentos euros (900,00 €).

4. Para a concesión destas bolsas destinarase un crédito de cento setenta e dous mil oitocentos euros (172.800,00 €). O seu financiamento farase con cargo á partida orzamentaria 15.03.561A.480.0 (proxecto 2013 00688) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2021 (43.200,00 €), 2022 (86.400,00 €) e 2023 (43.200,00 €).

5. En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais, destinaranse respectivamente nos anos 2021 (3.120,00 €), 2022 (6.720,00 €) e 2023 (3.600,00 €) con cargo á aplicación orzamentaria 15.03.561A.484.0 (proxecto 2013 00688) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Con este obxecto, aplícanse as regras de cotización correspondentes aos contratos para a formación e aprendizaxe establecidas na respectiva Lei de orzamentos xerais do Estado e nas normas de aplicación e desenvolvemento. O cálculo das cotizacións faise tomando como referencia a cota empresarial para o ano 2021, máis unha cantidade adicional para posibles incrementos producidos por altas e baixas na mesma bolsa e no mesmo mes.

6. Non existirá obriga de cotizar pola continxencia de desemprego, así como tampouco ao Fondo de Garantía Salarial nin por formación profesional.

7. As bolsas realizaranse no Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) que está integrado polo Centro de Investigacións Mariñas de Corón-Vilanova de Arousa e o Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo e distribuiranse do seguinte xeito:

Familia/especialidade

Centro

Actividades marítimo-pesqueiras/acuicultura

Corón

3 bolsas

Ribadeo

3 bolsas

Química/análise e control

Corón

2 bolsas

Artigo 4. Presentación das solicitudes, documentación e prazos

1. As solicitudes, xunto coa documentación adicional requirida, presentaranse conforme o modelo oficial que figura como anexo I da convocatoria.

As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

Opcionalmente, poderanse presentar presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expirará o último día do mes.

3. As solicitudes dirixiranse á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, sita na rúa Irmandiños, s/n, Salgueiriños 15701 Santiago de Compostela (A Coruña).

Artigo 5. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación, acompañada dun índice, e ordenada segundo se indica:

a) Certificación académica completa dos estudos realizados, con detalle das materias cursadas e das cualificacións obtidas.

b) Xustificación do pagamento dos dereitos de expedición no caso de non ter o título académico de técnicas/os superiores de ciclos formativos de grao superior.

c) Poder de representación da persoa representante, de ser o caso. A representación acreditarase por calquera dos medios previstos no artigo 5 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Curriculum vitae da persoa solicitante cos documentos acreditativos dos méritos alegados (debidamente relacionados e paxinados). Non serán computables aqueles méritos alegados que non estean convenientemente xustificados.

e) Certificado de Celga ou equivalente non expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. Serán causas de exclusión a demostración da falsidade documental, a non correspondencia cos orixinais e a incorrección na documentación presentada.

Artigo 6. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante, se for o caso.

c) Título académico (non universitario) de técnicos/as superiores de ciclos formativos de grao superior, correspondente co da familia/especialidade da bolsa a que opta.

d) Certificado de estar ao día nos pagamentos das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Certificado de estar ao día nos pagamentos coa Seguridade Social.

f) Consulta da condición de bolseiro/a ou de non ter sido persoa beneficiaria destas bolsas ou outras similares en anteriores convocatorias, durante un período dun (1) ano ou superior.

g) Certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga) cando fosen expedidos pola Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística).

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) No caso de persoas estranxeiras, certificado de residencia con data da última variación padroal da persoa solicitante.

b) Certificado de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias coa AEAT.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 7. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos. As persoas interesadas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos mediante os modelos normalizados dispoñibles.

2. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel) no formulario.

3. No caso de optar pola notificación en papel practicarase a notificación segundo o establecido na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

4. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderase rexeitada cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación, sen que se acceda ao seu contido.

6. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 8. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Criterios de valoración

1. Teranse en conta os seguintes criterios para a valoración das solicitudes:

1º. Expediente académico: (máximo 4 puntos). Puntuarase de acordo co seguinte baremo, aplicándose a fórmula [nº puntos/(nº de materias + nº de convocatorias)]:

Sobresaliente: 4 puntos.

Notable: 3 puntos.

Ben: 2 puntos.

Aprobado: 1 punto.

Suspenso: 0 puntos.

Para efectos de cálculo da nota media non se computarán aquelas materias que consten no expediente académico do alumno como validadas.

2º. Curriculum vitae: (máximo 2 puntos).

Valorarase:

– Cursos ou formación regrada ou non-regrada, ata 0,5 puntos.

a) En materia marítimo-pesqueira axeitada para o desenvolvemento da bolsa: 0,2 puntos por cada 10 horas de formación.

b) En materias de química ou análise e control axeitadas para o desenvolvemento da bolsa: 0,2 puntos por cada 10 horas de formación.

Non se valorarán as titulacións requiridas para a participación nesta convocatoria, nin aquelas titulacións que permitiron o acceso aos estudos necesarios para a obtención da titulación.

Non se valorarán aqueles cursos ou títulos para a realización de actividades deportivas ou de lecer.

– Cursos de idiomas: ata 0,80 puntos.

a) Lingua galega, seguindo os criterios da Orde do 10 de febreiro de 2014, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, pola que se modifica a Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (Celga):

– Celga 1 ou aqueles certificados que sexan validables por este nivel: 0,01 puntos.

– Celga 2 ou aqueles certificados que sexan validables por este nivel: 0,05 puntos.

– Celga 3 ou aqueles certificados que sexan validables por este nivel: 0,10 puntos.

– Celga 4 ou aqueles certificados que sexan validables por este nivel: 0,15 puntos.

b) Linguas estranxeiras: tómase como referencia o MCERL (Marco común europeo de referencia para as linguas do Consello de Europa) e o Real decreto 1041/2017, do 22 de decembro (BOE do 23 de decembro).

1º. Lingua inglesa:

– Polo certificado de nivel básico A2: 0,10 puntos.

– Polo certificado de nivel intermedio B1: 0,15 puntos.

– Polo certificado de nivel intermedio B2: 0,30 puntos.

– Polo certificado de nivel avanzado C1: 0,40 puntos.

– Polo certificado de nivel avanzado C2: 0,50 puntos.

2º. Outros idiomas: polo certificado de nivel intermedio B2 ou superior: 0,15 puntos por cada lingua.

Só se valorará o certificado correspondente ao maior nivel acreditado pola persoa candidata.

– Cursos de informática con aproveitamento (mínimo 30 horas): ata 0,50 puntos.

a) Entre 30 a 50 horas: 0,10 puntos.

b) Entre 51 a 100 horas: 0,20 puntos.

c) Máis de 100 horas: 0,30 puntos.

– Permiso de condución de vehículos clase B: 0,20 puntos.

2. Só se valorarán aqueles méritos acreditados documentalmente pola persoa solicitante xunto coa súa solicitude. A puntuación final obterase da suma do expediente máis o currículo.

3. No caso de que cos criterios enunciados anteriormente exista igualdade de puntuación, o posible empate resolverase por sorteo.

4. As persoas candidatas serán ordenadas por orde decrecente da puntuación obtida e as bolsas adxudicaranse ás persoas candidatas que acaden maior puntuación.

5. A comisión elaborará unha lista de suplentes para cada especialidade por orde decrecente de puntuación, na cal figurarán as persoas solicitantes que, cumprindo os requisitos, non acadaron puntuación suficiente para ser adxudicatarias de bolsa.

Artigo 10. Tramitación

1. O órgano competente para a instrución do procedemento será a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. A dirección xeral comprobará que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos na presente orde e exporase a lista de solicitudes admitidas e excluídas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión na páxina web oficial da Consellería do Mar; enderezo www.mar.xunta.gal

A lista permanecerá exposta durante dez (10) días, e as persoas interesadas poderán, durante ese prazo, emendar erros e falta de documentación, ante a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, e achegar, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, procederase conforme o establecido no artigo 68 Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Unha vez completados os expedientes, remitiranse a unha comisión de avaliación constituída na Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, que os examinará e valorará logo de aplicar os criterios indicados no artigo 9.

3. Comisión de avaliación.

A selección de candidatos será efectuada por unha comisión que estará integrada por:

– Presidente/a: a persoa que ocupe a dirección do CIMA.

Suplente do/da presidente/a: a persoa que ocupe a Subdirección Xeral de Investigación e Apoio Científico-Técnico.

– Secretario/a: actuará como tal un dos membros da comisión de avaliación.

– Vogais: serán catro persoas designadas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, entre o persoal funcionario dos grupos A1 ou A2.

4. A comisión de selección considerarase constituída cando asistan o/a presidente/a ou a persoa que figura como suplente e dúas das persoas que sexan designadas como vogais.

5. O órgano instrutor fará chegar a correspondente proposta de adxudicación e a listaxe de suplentes para cada especialidade á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, quen resolverá, por delegación da conselleira do Mar, a concesión das bolsas. Na dita resolución figurará unha persoa beneficiaria por cada bolsa, así como unha relación de suplentes con todas as persoas solicitantes admitidas, de maior a menor puntuación, para cubrir as vacantes que se poidan producir. Esta resolución publicarase na páxina web oficial da Consellería do Mar, enderezo www.mar.xunta.gal. Así mesmo, a resolución determinará de forma expresa a desestimación do resto de solicitudes.

6. Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

7. O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro desta convocatoria será de tres (3) meses, contados desde a publicación desta orde no DOG. De non mediar resolución expresa no dito prazo, as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Artigo 11. Publicidade

A resolución farase pública, para os efectos de notificación ás persoas interesadas, na páxina web oficial da Consellería do Mar, enderezo www.mar.xunta.gal

Artigo 12. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 13. Aceptación da bolsa

1. Dentro dos dez (10) días naturais seguintes á publicación da resolución de concesión na páxina web oficial da Consellería do Mar, enderezo www.mar.xunta.gal, as persoas beneficiarias das bolsas deberán confirmar a súa aceptación mediante documento asinado polo/a bolseiro/a en que se comprometa a cumprir todas as condicións recollidas nas presentes bases. De non facelo no prazo indicado considerarase tacitamente aceptada a bolsa e as condicións recollidas nestas bases, de conformidade co artigo 21.5, parágrafo segundo, da Lei de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, presentará declaración responsable en que conste que non realiza traballo remunerado nin desfruta doutro tipo de bolsa ou axuda.

3. Do mesmo xeito, de non comparecer no centro de destino no tempo estipulado, o nomeamento quedará sen efecto e será motivo de exclusión na seguinte convocatoria. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro procederá ao chamamento de suplentes para cubriren estas prazas.

4. A aceptación da bolsa supón o compromiso implícito de manter a confidencialidade da información obtida no desenvolvemento das actividades obxecto destas bolsas, de acordo coa normativa aplicable.

Artigo 14. Pagamento das bolsas e xustificación

1. As bolsas aboaranse mensualmente, por mensualidades completas ou fracción proporcional ao tempo de desfrute, para os casos en que a persoa inicie ou remate a súa relación en data que non coincida co primeiro ou co derradeiro día de cada mes respectivamente. É necesario para proceder ao pagamento mensual que o/a director do CIMA certifique a actividade dos/das bolseiros.

2. O pagamento da última mensualidade quedará pendente ata que a persoa beneficiaria presente a memoria final que resuma a actividade realizada por esta durante todo o período de aproveitamento da bolsa, co visto e prace do titor/a da formación, así como dunha declaración de todas as bolsas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes, ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. O prazo máximo para a presentación do informe final será dun (1) mes a partir do remate da realización da bolsa.

3. Así mesmo, as persoas beneficiarias das bolsas están obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 15. Obrigas das persoas bolseiras

1. As persoas bolseiras deberán desempeñar actividades de formación e de colaboración en relación coas tarefas das áreas a que se adscriban.

2. Co fin de facilitar o seu proceso de formación, as persoas bolseiras contarán co asesoramento, orientación e dirección dun/dunha titor/a, que definirá as tarefas que se van realizar, así como a formación que deberán recibir segundo o plan de formación do centro. Será obrigatoria a realización e superación das actividades de formación indicadas.

3. As persoas beneficiarias deberán manter unha actitude participativa, de colaboración e respectuosa co persoal do centro, sen obstrución das tarefas encomendadas nos diferentes servizos. Respectarán os horarios, normas e disciplina do centro onde desenvolven a súa formación.

4. Ao final do período de desfrute da bolsa, a persoa adxudicataria deberá entregar unha memoria de actividades que será supervisada pola persoa titora.

5. Estas bolsas non implican relación laboral algunha co centro a que estea adscrita a persoa beneficiaria, nin supoñen ningún compromiso de incorporación posterior das persoas bolseiras ao seu cadro de persoal.

6. O aproveitamento da bolsa será incompatible con calquera outra bolsa que supoña remuneración directa ou axuda financiada con fondos públicos.

7. Tamén será incompatible con salarios que impliquen relación contractual ou estatutaria da persoa interesada, agás os que teñan carácter esporádico cunha duración acumulada inferior a dous (2) meses por ano, sempre que isto non afecte a actividade habitual no exercicio da bolsa e que se trate de ocupacións non vinculadas directa ou indirectamente co centro.

Artigo 16. Desenvolvemento das bolsas

1. No caso de renuncia á bolsa por parte da persoa beneficiaria, a vacante cubrirase polo período de desfrute restante coa persoa candidata suplente correspondente, de acordo coa lista de suplentes para cada especialidade elaborada pola comisión de avaliación.

2. De esgotárense as persoas suplentes dalgunha das especialidades, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro poderá establecer a incorporación como bolseiro/a da primeira persoa suplente daquela lista que, a criterio da unidade de destino, mellor se axuste á finalidade e obxectivos do centro.

3. As interrupcións da bolsa por supostos de baixa por incapacidade temporal (enfermidade ou accidente), risco durante o embarazo e descanso por maternidade ou paternidade non darán lugar, en ningún caso, á posibilidade de recuperar o período interrompido.

4. Por petición das persoas interesadas, ao remate da bolsa a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, logo de informe favorable do/da titor/a de formación e entrega dos informes e memorias solicitadas, expedirá certificación acreditativa de aproveitamento da bolsa.

5. Unha vez rematado o período de desfrute da bolsa, as persoas non seleccionadas poderán solicitar a devolución da documentación achegada. Transcorrido o prazo dun (1) ano procederase á eliminación da documentación non recollida.

Artigo 17. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación ou revogación da resolución de concesión.

Artigo 18. Renuncias, revogación, interrupcións, procedemento de substitución e reintegro de cantidades

1. A renuncia á bolsa, unha vez iniciado o período de desfrute desta, deberá comunicarse mediante escrito dirixido á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro con 10 días de antelación á data en que se solicita que sexa efectiva a súa renuncia. A renuncia dará lugar á devolución das cantidades percibidas en exceso, se procede, e determinará a perda dos dereitos económicos da parte da bolsa non desfrutada.

2. O/A titor/a do persoal bolseiro poderá propor á Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro a revogación da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das obrigas sinaladas.

3. As vacantes ocasionadas por renuncia ou revogación poderán cubrirse polo período de desfrute restante coa persoa candidata suplente correspondente, de acordo coa lista de suplentes para cada especialidade elaborada pola comisión de avaliación. De esgotárense as persoas suplentes dalgunha das especialidades, a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro poderá establecer a incorporación como bolseiro/a da primeira persoa suplente daquela lista que, a criterio da unidade de destino, mellor se axuste á finalidade e obxectivos do centro.

4. Procederá o reintegro das cantidades percibidas e a exixencia dos xuros de demora, cando procedan, nos casos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 19. Réxime sancionador

As infraccións administrativas cometidas en relación coas bolsas reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Réxime xurídico

Para todos aqueles aspectos non previstos nas presentes bases, aplicarase a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e a súa normativa de desenvolvemento; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os preceptos básicos do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Será de aplicación o Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

Artigo 21. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpor os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición, ante a persoa titular da Consellería do Mar, no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis (6) meses contado a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Disposición adicional

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro para ditar os actos e as instrucións necesarios para a correcta aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde producirá efectos dende o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xullo de 2021

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
missing image file
missing image file