Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 140 Venres, 23 de xullo de 2021 Páx. 37789

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

RESOLUCIÓN do 25 de xuño de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorga autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción das instalacións relativas ao proxecto do parque eólico Prado Vello, sito nos concellos de Taboada e Chantada (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra), promovido por Breotecnia, S.A. (expediente IN661A DXIEM-08/11).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Breotecnia, S.A. en relación coa autorización administrativa previa e autorización administrativa de construción do parque eólico Prado Vello, constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. Mediante a Resolución do 20 de decembro de 2010 pola que se aproba a relación de anteproxectos de parques eólicos seleccionados ao abeiro da Orde do 29 de marzo de 2010 para a asignación de 2.325 MW de potencia na modalidade de novos parques eólicos en Galicia (DOG núm. 248, do 28 de decembro), admitiuse a trámite o parque eólico Prado Vello (en diante, o parque eólico), cunha potencia de 9 MW, promovido por Breotecnia, S.A. (en diante, a promotora).

Segundo. O 24.6.2011, a promotora solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, a inclusión no réxime especial de produción de enerxía eléctrica e a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal do parque eólico.

Terceiro. Pola Resolución do 8 de maio de 2012, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, someteuse a información pública para autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución, declaración de utilidade pública, en concreto, aprobación do seu estudo de impacto ambiental e do correspondente proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, das instalacións relativas ao parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 31.7.2012, no Boletín Oficial da provincia de Lugo do 16.7.2012, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra do 12.7.2012 (corrección de erros publicada o 19.7.2012), e nos xornais El Progreso, o 8.6.2012, e La Voz de Galicia, o 11.7.2012. Así mesmo, permaneceu exposta ao público no taboleiro de anuncios dos concellos afectados de Taboada, Chantada e Rodeiro, das xefaturas territoriais da Consellería de Economía e Industria de Lugo e de Pontevedra, das xefaturas territoriais da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas de Lugo e de Pontevedra, e da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación, resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública e na tramitación do expediente:

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados, maioritariamente en relación coa titularidade das parcelas.

– O proxecto afecta plantacións de piñeiros e castiñeiros, así como muros de peche e contención de predios, que lindan cun vieiro que se vai ampliar.

– Solicítase que se materialice sobre o terreo mediante estacas a superficie afectada, co fin de establecer con exactitude todos os elementos afectados.

– Afección do proxecto a unha explotación de porcino próxima, que pode prexudicar o normal desenvolvemento da actividade de cría dos animais.

– A superficie en que se van instalar dous dos aeroxeradores está clasificada como solo non urbanizable de protección ecolóxico paisaxístico, segundo o Plan de ordenación do concello de Taboada.

– O proxecto non conta co correspondente proxecto ou estudo de impacto ambiental.

– O proxecto afectará un vieiro recentemente asfaltado, polo que se pide un compromiso por parte da promotora de devolver o firme ao seu estado anterior ás obras, xa que o dito vieiro cobrou importancia para o tránsito pola súa proximidade ao concello de Chantada.

– Que non se autorice a afección de aeroxeradores e vieiros sobre hábitats de conservación prioritaria na UE presentes na zona, sobre especies incluídas no anexo II da Lei 42/2007, do patrimonio natural e a biodiversidade, sobre as zonas previstas para a ampliación da Rede Natura 2000, por non concorrer no proxecto ningunha das consideracións establecidas no artigo 45.6 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e a biodiversidade.

– Adopción de medidas para evitar afeccións sobre especies incluídas no anexo I da Directiva Aves, nos libros vermellos estatais e no Catálogo galego de especies ameazadas.

– Que se inclúan no proxecto medidas recomendadas nos plans de conservación de especies ameazadas da Xunta de Galicia.

– Que se adopten medidas para mitigar a mortaldade de anfibios, réptiles, aves e mamíferos nos vieiros de acceso, e de aves e morcegos por impacto cos aeroxeradores, así como perturbacións dos hábitats na contorna do parque eólico.

Cuarto. Durante a tramitación do procedemento, e de acordo co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Chantada, Concello de Rodeiro, Concello de Taboada, Galicia Vento, S.L., Retegal e Retevisión I, S.A.

Quinto. O 23.3.2012, Retegal, S.A. emitiu o correspondente condicionado, en que establecía que a promotora se comprometerá á realización dunha campaña de medidas de cobertura nas localidades da contorna, coa finalidade de comprobar que non se produciu perda ou degradación desta. Neste suposto, proporcionará os medios necesarios ou acometerá algunha actuación de extensión da cobertura que permita o restablecemento da calidade e a correcta recepción dos sinais TDT.

O 2.8.2013, a promotora achegou a súa resposta, en que se compromete a que, unha vez posto en funcionamento, se o parque eólico obstrúe ou prexudica a recepción ou emisión dos sinais de TDT daquelas instalacións que sexan titularidade de Retegal, levará a cabo as actuacións necesarias para corrixir a deficiencia de cobertura, sempre que quede acreditado que a deficiencia se produciu e que foi consecuencia directa da posta en funcionamento do parque eólico.

Sexto. O 30.3.2012, Retevisión I, S.A. emitiu, en relación coas instalacións do parque eólico, o correspondente condicionado técnico, onde comunica que non desexa manter ningunha oposición ao proxecto e solicita que se lle comunique calquera modificación nas coordenadas do parque eólico e dos aeroxeradores, para avaliar as posibles afeccións. O 2.8.2013, a promotora manifesta a súa conformidade.

Sétimo. O 27.6.2012, o Concello de Rodeiro emitiu o correspondente condicionado técnico. O 6.9.2012 e o 12.11.2012, a promotora presentou a súa resposta ao condicionado emitido polo Concello de Rodeiro.

Oitavo. O 24.7.2012, Galicia Vento, S.L. emitiu o correspondente condicionado e o 6.9.2012 a promotora achegou a súa resposta. O 15.11.2012, Galicia Vento, S.L., en vista da resposta da promotora, manifesta a súa conformidade coa autorización das instalacións do parque eólico.

Noveno. O 6.9.2012, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Pontevedra emitiu o informe sobre o proxecto de execución do parque eólico.

Décimo. O 19.10.2012, o Concello de Taboada emitiu o correspondente condicionado. O 29.11.2012, a promotora mostrou a súa conformidade.

Décimo primeiro. O 30.11.2012, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

Décimo segundo. O 9.1.2013, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Lugo emitiu o informe sobre o proxecto de execución do parque eólico.

Décimo terceiro. O 13.10.2015, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que facía referencia o artigo 37.7 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo cuarto. O 26.10.2015, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que se fixo pública mediante a Resolución do 22 de xaneiro de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas (DOG núm. 46, do 8 de marzo).

Décimo quinto. O 1.2.2021, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe en que se indica que as posicións dos tres aeroxeradores do parque eólico cumpren a distancia mínima de 500 m a núcleos de poboación regulada no Plan sectorial eólico de Galicia respecto das delimitacións de solo de núcleo rural, solo urbano e urbanizable.

Décimo sexto. O 12.4.2021, o Instituto de Estudos do Territorio informou que, de acordo co establecido na disposición transitoria única do Decreto 238/2020, do 29 de decembro, polo que se aproban as directrices de paisaxe de Galicia, non é obrigatorio que o proxecto do parque eólico adapte o seu contido ás ditas directrices.

Décimo sétimo. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para unha potencia de 9 MW, segundo informe do xestor da rede do 15.4.2019.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes:

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 20 do Decreto 230/2020, do 23 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, e na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola disposición derradeira sétima da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia (DOG núm. 203, do 25 de outubro), e pola disposición derradeira sexta da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia (DOG núm. 39, do 26 de febreiro).

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, recollidas no anexo desta resolución, e resumidas no antecedente de feito terceiro, visto o seu contido e as respostas efectuadas pola promotora, cómpre manifestar o seguinte:

1. Cómpre indicar que as alegacións relacionadas coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, así como coas compensacións económicas que poidan percibir os afectados pola eventual expropiación daqueles, serán tidas en conta na resolución do procedemento de declaración de utilidade pública do parque eólico, que non é obxecto da presente resolución. Con todo, hai que indicar que se tomou razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas.

2. En relación coa reclamación sobre os prexuízos xerados polo proxecto sobre explotacións gandeiras, bens e demais dereitos afectados, non están previstas afeccións aos usos actuais máis alá das propias zonas de implantación das infraestruturas definidas no proxecto de execución. En todo caso, no que respecta ás compensacións polas afeccións xeradas polo proxecto, no caso de que non se chegue a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

3. En canto ás alegacións relativas ás actuacións para a delimitación exacta sobre o terreo das superficies afectadas, estas deberán realizarse na fase correspondente do expediente.

4. No que respecta ás alegacións de carácter ambiental, cómpre indicar que estas foron tidas en conta na declaración de impacto ambiental emitida pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 26.10.2015, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que se pode desenvolver o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias.

O estudo do impacto ambiental someteuse a información pública, xunto co proxecto de execución, mediante a Resolución do 8 de maio de 2012, publicada no DOG núm. 145, do 31 de xullo.

Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que se someteu o proxecto, recibíronse informes dos seguintes organismos: direccións xerais do Patrimonio Cultural, de Conservación da Natureza, e de Innovación e Xestión da Saúde Publica, Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe e Instituto de Estudos do Territorio, Secretaría Xeral para o Turismo, Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Augas de Galicia e Axencia Galega de Infraestruturas.

5. As alegacións de carácter urbanístico, relativas á cualificación do solo correspondente aos terreos afectados, serán consideradas no momento de proceder á resolución da aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal. En todo caso, o proxecto que se aproba mediante esta resolución conta co informe da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, como se recolle nos antecedentes de feito décimo terceiro e décimo quinto.

Cuarto. A continuación, recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.2 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, a respecto da declaración de impacto ambiental (DIA) das instalacións do parque eólico Prado Vello, formulada pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 26.10.2015, e recollida no antecedente de feito décimo cuarto desta resolución:

a) Na epígrafe 4 da DIA recóllese a proposta de resolución, que di literalmente: «Examinada a documentación que constitúe o expediente, este Servizo de Prevención e Xestión Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran, ademais das condicións incluídas no estudo de impacto ambiental e na restante documentación avaliada, as que se recollen ao longo deste documento, tendo en conta que no caso de que exista contradición entre o indicado na antedita documentación e o establecido na presente proposta de DIA, prevalecerá o disposto nesta última».

b) A DIA que nos ocupa refírese ás instalacións do parque eólico Prado Vello.

Na epígrafe 3 da DIA recóllense as condicións que complementan, matizan ou subliñan as incluídas no estudo de impacto ambiental e a restante documentación avaliada, distribuídas nos seguintes ámbitos:

1. Protección da atmosfera.

2. Protección das augas e leitos fluviais.

3. Protección do solo e infraestruturas.

4. Xestión de residuos.

5. Protección da fauna, vexetación e hábitats naturais.

6. Protección do patrimonio cultural.

7. Integración paisaxística e restauración.

8. Programa de vixilancia e seguimento ambiental.

9. Outras condicións.

De acordo con todo o que antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar autorización administrativa previa ás instalacións do parque eólico Prado Vello, sito nos concellos de Taboada e Chantada (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra), promovido por Breotecnia, S.A., cunha potencia de 9 MW.

Segundo. Outorgar autorización administrativa de construción ao proxecto de execución das instalacións do parque eólico Prado Vello, composto polo documento: Proxecto de execución. Parque eólico Prado Vello, asinado polo enxeñeiro industrial Eloy Prada Hervella, colexiado nº 1898 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e visado polo dito Colexio o 27.5.2011, co nº de visado CO111264.

As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Breotecnia, S.A.

Domicilio social: avenida de Compostela, nº 11, entreplanta, 27200 Palas de Rei, Lugo.

Denominación: parque eólico Prado Vello.

Potencia autorizada: 9 MW.

Produción neta: 29.556 MWh/ano.

Horas equivalentes netas: 3.284 horas.

Concellos afectados: Taboada e Chantada (Lugo) e Rodeiro (Pontevedra).

Orzamento de execución material (sen IVE): 9.710.632,99 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico a que se circunscriben as autorizacións:

Vértice

Coordenadas UTM

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ED50)

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

X

Y

1

590.433

4.726.238

590.308,24

4.726.023,51

2

593.478

4.726.238

593.353,25

4.726.023,54

3

593.478

4.728.068

593.353,26

4.727.853,56

4

590.433

4.728.068

590.308,24

4.727.853,53

Coordenadas dos aeroxeradores do parque eólico:

Aeroxerador

Coordenadas UTM

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ED50)

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

X

Y

PV1

591.682

4.727.410

591.557,25

4.727.195,53

PV2

592.241

4.727.257

592.116,25

4.727.042,54

PV3

592.545

4.726.887

592.420,25

4.726.672,54

Coordenadas da torre meteorolóxica do parque eólico:

Torre meteorolóxica

Coordenadas UTM

Coordenadas UTM

(Fuso 29 ED50)

(Fuso 29 ETRS89)

X

Y

X

Y

TM

591.984

4.727.340

591.859,25

4.727.125,54

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 3 aeroxeradores Vestas V-112 de 3.000 kW de potencia nominal unitaria, altura de buxa de 84 metros e diámetro de rotor 112 metros.

– 3 centros de transformación de 3.450 kVA de potencia nominal unitaria e relación de transformación 0,65/20 kV, instalados unitariamente no interior de cada aeroxerador, celas de media tensión de 20 kV e os correspondentes equipamentos de protección, telemando e demais elementos auxiliares.

– 1 torre meteorolóxica de 81,5 m de altura.

– Rede subterránea de media tensión (20 kV), con condutor tipo DHZ1-12/20 kV, para a evacuación da enerxía xerada entre os transformadores individuais dos aeroxeradores, e entre estes e a subestación.

– Subestación transformadora 20/132 kV, tipo intemperie, con edificio de control, transformador de potencia trifásico de 11 MVA ONAN, transformador de servizos auxiliares de 100 kVA de potencia nominal e relación de transformación 20/0,42 kV, equipamentos de seccionamento, medida, protección, telemando e demais elementos auxiliares.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Breotecnia, S.A. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 86.667 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), a promotora efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar ante as xefaturas territoriais correspondentes un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución que mediante esta resolución se aproba, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

5. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, as xefaturas territoriais da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación de Lugo e Pontevedra inspeccionarán, nos seus respectivos ámbitos, a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificarán o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

6. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal da TDT, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Breotecnia, S.A. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

7. De conformidade coa disposición transitoria cuarta da Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contado desde a notificación da autorización administrativa de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

8. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

9. A promotora deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 26.10.2015, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

10. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

11. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

12. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente

Santiago de Compostela, 25 de xuño de 2021

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais

ANEXO I

Alegacións presentadas durante o período de información pública e na tramitación do expediente a que se fai referencia no antecedente de feito terceiro:

José Fernández Carballo, o 11.7.2012; Manuel Fernández Fernández, o 11.7.2012; Amparo Varela Vázquez, o 20.7.2012; Herminia Diéguez Juiz, o 24.7.2012; Patricia Arias Saá, o 26.7.2012; Javier Saá Quintas, o 26.7.2012; Josefa Vázquez Diéguez, o 30.7.2012; Serafín González Prieto, como presidente da Sociedade Galega de Historia Natural, o 9.8.2012.