Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Luns, 26 de xullo de 2021 Páx. 38121

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 2021, da Área de Deseño de Infraestruturas, pola que se fai pública a aprobación do expediente de información pública e, definitivamente, o proxecto de construción Fomento da mobilidade sustentable, senda na PO-223, treito O Couso-Sobral, puntos quilométricos 3+600-5+760, de clave PO/16/262.06.

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade (Orde do 7 de setembro de 2017, Diario Oficial de Galicia do 20 de setembro), vistos os informes das administracións afectadas e as alegacións formuladas no trámite de información pública, ditou o 23 de xuño de 2021 a seguinte resolución:

«Resolución pola que se aproba o expediente de información pública e, definitivamente, o proxecto de construción Fomento da mobilidade sustentible. Senda na PO-223. Treito: O Couso-Sobral, pp.qq. (puntos quilométricos) 3+600-5+760, de clave PO/16/262.06.

Antecedentes de feito:

Primeiro. No DOG núm. 200, do 2 de outubro de 2020, publicouse o Anuncio do 16 de setembro de 2020 polo que se somete ao trámite de información pública a separata para información pública do proxecto de construción Fomento da mobilidade sustentable. Senda na PO-223. Treito: O Couso-Sobral, pp.qq. 3+600-5+760, de clave PO/16/262.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado, para os efectos do previsto no artigo 56.1 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, aprobado polo Decreto do 26 de abril de 1957.

Segundo. As administracións afectadas emitiron os correspondentes informes, e no trámite de información pública formularon alegacións as persoas interesadas. A todas elas déuselles resposta motivada, segundo figura no informe que consta no expediente, que lles foi notificado ás administracións ás cales se lles deu trámite de informe e aos particulares que presentaron alegacións.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade é competente para resolver os expedientes de información pública en materia de estradas e informes das administracións afectadas, de acordo co Decreto 26/2019, do 7 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. Esta competencia atópase delegada na persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, segundo o artigo 8.1.b) da Orde do 7 de setembro de 2017 sobre delegación de competencias no secretario xeral técnico e noutros órganos e entidades públicas adscritos a esta consellería (DOG núm. 179, do 20 de setembro).

Segundo. O artigo 21.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, establece que, transcorridos os prazos dos trámites de información pública e informe das administracións afectadas e recibidas as alegacións e informes presentados, darase resposta motivada ás alegacións formuladas. O informe resultante poñerase á disposición das persoas interesadas e notificaráselles ás administracións ás cales se lles dese trámite de informe e aos particulares que presentasen alegacións. Finalmente, resolverase tamén sobre a aprobación do expediente de información pública.

Logo de revisados os informes emitidos e as alegacións formuladas, procede introducir as seguintes modificacións relativas ao trazado sometido a información pública:

• A parada de autobús e a semiglorieta do punto quilométrico (p.q.) 3+890, marxe dereita, redeseñaranse adoptando parámetros mínimos, co propósito de optimizar e reducir a afección á parcela lindeira.

• Disporanse tres prazas de aparcadoiro na vía local situada no p.q. 5+460, marxe dereita.

Deberase ter en conta o proxecto construtivo MSV na estrada PO-224, pp.qq. 2+440-2+830, Santo André de Xeve, PO/20/030.06, para os efectos de coordinar as actuacións recollidas neste, cuxo ámbito de actuación na propia PO-223 está comprendido entre os pp.qq. 4+610 e 4+830, as cales consisten en:

• Mellorar a actual intersección en cruz coa estrada autonómica PO-223, p.q. 2+670.

• Reordenar o espazo público na contorna do colexio CEIP Santo André de Xeve, como consecuencia das actuais deficiencias en canto a zonas de aparcadoiro e estacionamento, paradas de autobuses, confluencia de manobras, delimitación clara dos usos do espazo público, etc.

• Provocar unha diminución da velocidade no tramo de estudo.

• Dispoñer un itinerario peonil/ciclista que permita a conexión do núcleo poboacional de Sobral co colexio CEIP Santo André de Xeve ao longo da estrada autonómica PO-224.

O artigo 22.2 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, establece que no caso de estudos ou proxectos sometidos aos trámites de información pública e informe das administracións afectadas, unha vez emitido o informe sobre as alegacións presentadas, o órgano competente da Administración promotora da actuación debe adoptar a correspondente resolución, que pode ser de aprobación definitiva de todo o ámbito do estudo ou proxecto ou ben só dunha parte deste.

No seu número 5, o mesmo artigo indica que a aprobación definitiva dos anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción implicará a declaración de utilidade pública, a necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos necesarios para a execución das obras, dos depósitos dos materiais sobrantes, dos préstamos necesarios para executalas e para a reposición de servizos afectados, así como para a traza de planta do proxecto e as modificacións desta que, de ser o caso, se puideren aprobar posteriormente, e a urxencia da ocupación, todo iso para os efectos de expropiación, ocupación temporal ou imposición ou modificación de servidumes.

No punto 6 do mesmo artigo 22 indícase que “logo de aprobados definitivamente os anteproxectos, proxectos de trazado ou proxectos de construción, as limitacións á propiedade e á titularidade doutros dereitos establecidos nesta lei serán efectivas respecto dos terreos que afecte a actuación correspondente”.

De acordo co que establece o artigo 23 da citada Lei 8/2013, do 28 de xuño, os estudos e proxectos sometidos aos trámites de información pública en materia de estradas e informe das administracións afectadas, unha vez aprobados definitivamente, teñen a consideración de proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, segundo o disposto na lexislación autonómica de ordenación do territorio, e as determinacións que neles se conteñen terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares, e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente, sen prexuízo de que as entidades locais en que se asenten as infraestruturas obxecto do proxecto deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto.

Polo exposto, o Concello de Pontevedra deberá adaptar o seu planeamento urbanístico na súa primeira modificación ou revisión ao contido no proxecto.

Terceiro. Que simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, someteuse a información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

De acordo con todo o exposto, e logo dos informes e certificados presentados,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública do proxecto de construción Fomento da mobilidade sustentable. Senda na PO-223. Treito: O Couso-Sobral, pp.qq. 3+600-5+760, de clave PO/16/262.06, coas modificacións relativas ao trazado sometido á información pública que se indican no fundamento de dereito segundo.

Segundo. Aprobar o proxecto de construción Fomento da mobilidade sustentable. Senda na PO-223. Treito: O Couso-Sobral, pp.qq. 3+600-5+760, de clave PO/16/262.06, nos termos indicados no punto anterior.

Terceiro. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Pontevedra deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, na súa primeira modificación ou revisión.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa».

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2021

Carlos Lefler Gullón
Xefe da Área de Deseño de Infraestruturas