Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Mércores, 28 de xullo de 2021 Páx. 38385

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

ACORDO do 14 de xullo de 2021, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, convocado pola Orde do 7 de xaneiro de 2020 (Diario Oficial de Galicia número 21, do 31 de xaneiro), polo que se publican diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o 14 de abril de 2021, o tribunal nomeado pola Resolución do 21 de setembro de 2020 (DOG núm. 195, do 25 de setembro) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, convocado pola Orde do 7 de xaneiro de 2020 (DOG núm. 21, do 31 de xaneiro), de conformidade co disposto nas bases da convocatoria adoptou os seguintes acordos:

Primeiro. Ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria, anular as preguntas número 13, 32, 49, 83, 88, 117. O seu lugar pasa a ser ocupado polas preguntas 161, 162, 163, 164, 165 e 166. Acórdase modificar o modelo de corrección de respostas na pregunta 148, sendo correcta a alternativa d). Desestímanse na súa totalidade as restantes reclamacións.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.1 da convocatoria, superarán o primeiro exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obteñan unha puntuación mínima de quince puntos (15 puntos). Para estes efectos, de conformidade coas bases da convocatoria, por Resolución deste tribunal, do 28 de xuño de 2021, pola que se dá publicidade aos parámetros para a cualificación do primeiro exercicio, estableceuse que superarán o primeiro exercicio as persoas aspirantes que obteñan un mínimo de 72 respostas correctas unha vez feitas as deducións por respostas incorrectas, que descontarán cada unha delas un cuarto dunha pregunta correcta. As preguntas non contestadas non penalizan nin reciben puntuación. Asignarase a valoración de 15 puntos no exercicio ás persoas aspirantes que obteñan unha nota equivalente á nota de corte fixada. O resto das persoas declaradas aptas terá unha cualificación distribuída entre os 15 e os 30 puntos, proporcional ao número de respostas correctas. Do mesmo xeito, asignarase a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

Feita a corrección en sesión do 14 de xullo de 2021, acadaron a puntuación mínima de 15 puntos un total de 23 aspirantes no conxunto de todas as quendas.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que superaron o primeiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo superior de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, no portal web corporativo funcionpublica.xunta.gal, así como a relación das que non acadaron os mínimos establecidos na base II.1.1.1 da convocatoria.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles, contados desde o seguinte ao de publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia.

Quinto. De acordo co disposto na base II.1.1.3 da convocatoria, as persoas aspirantes que superasen o primeiro exercicio disporán dun prazo de dez (10) días hábiles contado desde o seguinte ao da publicación deste acordo no Diario Oficial de Galicia, para presentar a documentación xustificativa de estar en posesión do Celga 4 ou o título equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG núm. 146, do 30 de xullo), modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 (DOG núm. 34, do 19 de febreiro).

Sexto. De conformidade co disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública, nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 14 de xullo de 2021

María Rosario Ureña Lara
Presidenta suplente do tribunal