Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Xoves, 29 de xullo de 2021 Páx. 38455

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 19 de xullo de 2021 pola que se modifica parcialmente a Orde do 17 de novembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes aos exercicios 2020 e 2021 (código de procedemento TR301V).

A Lei 30/2015, do 9 de setembro (BOE núm. 217, do 10 de setembro), pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, recolle a planificación e o financiamento do sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, a programación e a execución das accións formativas, o control, o seguimento e o réxime sancionador, así como o sistema de información, a avaliación, a calidade e a gobernanza do sistema.

O Real decreto 694/2017, do 3 de xullo (BOE núm. 159, do 5 de xullo), polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, amplía este marco normativo e regula no seu artigo 25 as axudas e as bolsas que poden percibir as persoas traballadoras desempregadas que participen nas accións formativas.

A Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo (BOE núm. 78, do 1 de abril), pola que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo, polo que se desenvolve a Lei 30/2015, do 9 de setembro, pola que se regula o Sistema de formación profesional para o emprego no ámbito laboral, en relación coa oferta formativa das administracións competentes e o seu financiamento, e se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións públicas destinadas ao seu financiamento, regula, no seu capítulo IV, as diferentes tipoloxías de bolsas e axudas.

O artigo 23.2 da Orde TMS/368/2019 dispón que as administracións públicas competentes establecerán nos seus respectivos ámbitos as contías, prazos de solicitude e concesión das bolsas e das axudas previstas, determinándose no seu anexo II as súas contías máximas.

A Orde do 17 de novembro de 2020 (DOG núm. 235, do 20 de novembro), estableceu as bases reguladoras e procedeu á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes aos exercicios 2020 e 2021 (código de procedemento TR301V).

A normativa vixente en materia de formación para o emprego no ámbito laboral establece que as accións formativas poderán impartirse nas modalidades presencial, de teleformación e/ou mixta.

Os criterios de seguimento da participación do alumnado difiren en función da modalidade de impartición en que se desenvolva a acción formativa. Así, mentres que nas accións presenciais a asistencia física ou virtual en tempo real das persoas alumnas é un factor indispensable a considerar no seguimento da súa participación no curso, nas actividades de teleformación as actuacións de seguimento focalízanse na realización en prazo dos controis periódicos do seguimento da aprendizaxe.

A aplicación de criterios diferentes de seguimento e control en función da modalidade de impartición da formación implica, entre outros aspectos, que o momento real en que se pode determinar o cumprimento efectivo dos requisitos exixidos para a liquidación das diferentes bolsas e axudas, e, en consecuencia, do seu pagamento ás persoas solicitantes, varia en función da modalidade en que se imparta a acción formativa.

Consecuentemente con todo o anteriormente exposto, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG núm. 23, do 21 de marzo), reguladora da Xunta e o seu Presidente,

DISPOÑO:

Modificar a Orde do 17 de novembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria de subvencións para a concesión directa de bolsas e axudas para persoas traballadoras desempregadas que participen en accións formativas de formación profesional para o emprego correspondentes aos exercicios 2020 e 2021 (código de procedemento TR301V).

Artigo 1. Modificación dos puntos 1 e 2, do artigo das bases reguladoras, sobre pagamento das bolsas e axudas

O artigo 24, nos seus puntos 1 e 2, queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 24. Pagamento das bolsas e axudas

1. O pagamento das subvencións por concepto de bolsas e axudas establecidas na presente orde realizarase logo da comunicación da resolución de concesión á persoa beneficiaria e terá carácter mensual cando a acción formativa se desenvolva na modalidade presencial, sempre que sexa compatible coa exixencia da contía mínima acumulada por persoa desempregada á que se refire esta orde. No primeiro pagamento incluirase o importe total das axudas devindicadas para o período correspondente ata a comunicación da resolución de concesión.

Cando a acción formativa se imparta na modalidade de teleformación e se corresponda con especialidades formativas de carácter modular, o pagamento terá lugar á finalización de cada módulo formativo. No suposto de especialidades formativas que non teñan carácter modular, o pagamento efectuarase unha vez rematada a acción formativa.

2. Todas as subvencións previstas nesta orde están supeditadas, ademais de ao cumprimento dos requisitos exixidos para cada tipo de bolsa e axuda, á asistencia á acción formativa ou á realización dos controis periódicos de seguimento, de maneira que todos os pagamentos terán lugar logo da comprobación das asistencias mensuais de cada unha das persoas beneficiarias, caso de que a modalidade de impartición sexa presencial, ou, no suposto de que a acción formativa se imparta na modalidade de teleformación, da realización en prazo dos controis de seguimento da aprendizaxe programados.

Para o caso específico da axuda por manutención esta asistencia deberá ser de mañá e tarde».

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade