Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Martes, 3 de agosto de 2021 Páx. 39017

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Universidade

ORDE do 21 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás galerías de arte para a participación en feiras e mercados de arte fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento CT215C).

A Xunta de Galicia ten atribuídas funcións en materia de fomento da cultura, de acordo co establecido no artigo 27.19 do Estatuto de autonomía, en consonancia co estipulado no artigo 148.1.17 da Constitución española. Dentro dese ámbito de competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade vén desenvolvendo unha serie de actuacións encamiñadas á divulgación, información e promoción da cultura, para achegar o máximo posible o noso patrimonio cultural á sociedade en xeral. Así mesmo, é competencia desta consellería o apoio ás artes plásticas e visuais e o fomento da participación en feiras e eventos que as promovan.

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade desenvolve actividades relacionadas coa promoción da cultura galega en xeral e da produción creadora en particular, fóra do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, consonte o establecido no marco de competencias vixente. As actuacións encádranse dentro dunha política baseada na identidade e na ocupación plena dos espazos que lle corresponden a Galicia, e tamén en incorporar á cultura galega o máis interesante a través dos correspondentes intercambios intelectuais. A finalidade última é crear novas vías abrindo amplos escaparates a diferentes actividades susceptibles de comunicación a través da súa venda ou exposición pública.

Como vén recollido no documento Estratexia da cultura galega 2021, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través da Secretaría Xeral de Cultura, os obxectivos de partida que se perseguen son diversos e poñen o foco en retos prioritarios, como o de estimular a produción cultural (profesional e afeccionada) e a súa distribución, consolidar o tecido industrial creativo e apoiar a innovación cultural e a transversalidade da creatividade nos sectores produtivos, así como a colaboración entre as institucións públicas e privadas no ámbito da cultura.

As galerías de arte constitúen un sector fundamental e contribúen a promover e difundir novos valores artísticos, dentro e fóra das nosas fronteiras, máis alá da súa actividade comercial. Este labor de promoción realízano principalmente a través das feiras de arte. Por este motivo, dentro das responsabilidades que lle competen, no uso das facultades que se lle confiren, e de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade establece subvencións de apoio a aquelas galerías, con sede en Galicia, que queiran participar en feiras e mercados de arte que se desenvolvan fóra da comunidade.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade quere con esta orde establecer un instrumento que, conforme a normativa legal vixente, marque as pautas para unha distribución, segundo criterios de publicidade, obxectividade e non concorrencia, dos recursos destinados á promoción das artes plásticas e visuais, axustada ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, de 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de axudas ás galerías de arte, que desenvolvan a súa actividade no ámbito da Comunidade Autónoma galega, para facilitar a súa participación en feiras e eventos do sector que teñan lugar no ano 2021 fóra da comunidade (código de procedemento CT215C).

2. Para os efectos das presentes bases, enténdense como galerías de arte as persoas físicas ou xurídicas que teñan como actividade principal a exposición aberta ao público de obras de arte cunha finalidade comercial. A Secretaría Xeral de Cultura poderá solicitar a acreditación desta circunstancia de consideralo necesario.

Artigo 2. Réxime das axudas

1. As axudas establecidas nesta orde quedan suxeitas ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24 de decembro de 2013, L352/1).

2. A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de minimis non se acumularán a ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

3. O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva de acordo co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e coas garantías previstas no artigo 31.4 da dita lei, con base no disposto no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

4. A concesión destas axudas efectuarase tendo en conta a data de presentación de cada unha das solicitudes, sempre que se cumpran os requisitos para poder ser beneficiario, e estará en calquera caso condicionada á existencia de crédito orzamentario. A elección deste procedemento vén motivada pola propia natureza das axudas, xa que a súa concesión unicamente a determina o cumprimento por parte das entidades solicitantes dos requisitos establecidos na propia orde.

O importe do crédito inicial poderá ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo co artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria son compatibles con calquera outra que poida ser concedida para a mesma finalidade. Non obstante, o importe da axuda en ningún caso poderá superar, illadamente ou en concorrencia con subvencións doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da acción que levou a cabo a persoa beneficiaria.

Artigo 3. Requisitos para obter a condición de beneficiario e exclusións

1. Dentro dos límites orzamentarios e de acordo coas condicións e criterios que se establecen, poderán ser beneficiarias das axudas convocadas pola presente orde as persoas físicas ou xurídicas, dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos culturais de carácter privado, titulares de galerías de arte, que desenvolvan as súas actividades no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter asistido e participado nunha feira ou mercado de arte fóra da Comunidade Autónoma de Galicia entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2021.

b) Estar dado de alta no imposto de actividades económicas, na actividade para a cal solicitan a subvención.

c) Inscrición como profesional dos asistentes á feira ou mercado.

d) Acreditar a relación dos asistentes coa empresa, mediante contrato ou declaración do titular da empresa beneficiaria.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas recollidas nesta orde aquelas persoas ou entidades solicitantes en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Imputación orzamentaria e contía das subvencións

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 10 40 432B 770 0 (CP 2020 00082) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, por un importe de cincuenta mil (50.000,00) euros.

2. Con carácter xeral, terán a consideración de gastos subvencionables, todos aqueles gastos correntes xerados directamente pola asistencia á feira, festival ou mercado cultural, incluídos os de desprazamento, transporte, aloxamento, mantemento, así como os dereitos ou cotas de asistencia e alugueiro de espazos de exhibición. Subvencionarase un máximo de dúas persoas asistentes por beneficiario.

Non son obxecto destas axudas os honorarios profesionais e outros similares, nin os correspondentes á elaboración de materiais de promoción.

3. No caso de asistencia e participación en feiras en España (fóra de Galicia) a subvención será, como máximo, de 2.000 € e, no caso de asistencia e participación en feiras internacionais, será como máximo de 4.000 €, dos gastos que se poidan orixinar polos conceptos reflectidos no punto 2.

Artigo 5. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, segundo o modelo que se incorpora como anexo I.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Cada galería de arte poderá presentar dúas solicitudes de subvención para a asistencia a unha feira ou mercado de arte nacional ou internacional.

3. O prazo de presentación de solicitudes será un mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. Coa solicitude deberase achegar copia da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa de representación da persoa que actúe no nome da persoa solicitante, de ser o caso. A representación deberase acreditar a través do modelo normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia ou por calquera outro medio válido en dereito. O modelo normalizado pódese descargar na seguinte ligazón https://sede.xunta.gal/modelos-normalizados

b) Memoria xustificativa da necesidade e motivación da asistencia á feira ou mercado de arte.

c) Documento de inscrición como profesional dos asistentes á feira ou mercado de arte.

d) Copia do último recibo do imposto de actividades económicas.

e) Certificado de exención do imposto de actividades económicas, no caso de proceder, ou declaración xurada de tal exención.

f) Contrato ou declaración asinada polo solicitante da relación dos asistentes coa entidade.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria de forma presencial, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

5. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 396/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Documento nacional de identidade ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa solicitante.

b) Documento nacional de identidade ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa representante.

c) NIF da entidade solicitante.

d) Alta no imposto de actividades económicas na actividade para a cal solicita a axuda.

e) Certificados da AEAT, da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e da consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, acreditativos do cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, e de non ter pendente ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

g) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada é incompleta ou presenta erros emendables, requirirase a persoa solicitante para que, no prazo de dez (10) días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se non o fixer, se terá por desistida da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Procedemento de instrución

1. A Secretaría Xeral de Cultura actuará como órgano instrutor do procedemento de concesión de subvencións e realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se deba formular a proposta de resolución.

2. Ás solicitudes que se axusten aos requisitos establecidos nesta convocatoria asignaráselles a cantidade correspondente ao ámbito xeográfico para o cal se solicita a feira ou mercado de arte, por rigorosa orde de entrada da solicitude segundo a lexislación vixente, ata que, de ser o caso, se esgote o crédito dispoñible, tendo en conta que cada solicitante poderá solicitar axuda para a asistencia a dúas feiras.

Artigo 11. Resolución

Unha vez realizada a repartición, o órgano instrutor resolverá por delegación do conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, no prazo de quince días (15), e ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 1/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nesta resolución incluirase a relación de persoas beneficiarias e cantidades concedidas por solicitude e publicarase no Diario Oficial de Galicia. Así mesmo, farase pública na páxina web oficial da Consellería de Cultura, Educación e Universidade (https://www.cultura.gal). Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os mesmos efectos.

Informarase por escrito o beneficiario sobre o importe da axuda e sobre o seu carácter de minimis, facendo unha referencia expresa ao Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1).

O prazo para ditar e notificarlles ás persoas interesadas a resolución expresa non poderá superar os cinco meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O vencemento do dito prazo sen que se notifique a resolución expresa faculta a persoa interesada para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 12. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración electrónica de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 13. Publicación dos actos

As resolucións administrativas publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web https://www.cultura.gal

Artigo 14. Aceptación e renuncia

1. Logo de notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as persoas interesadas propostas como beneficiarias dispoñerán dun prazo de dez (10) días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada pola representación da persoa beneficiaria.

2. A renuncia á subvención poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. No caso de renuncia, a persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura, por delegación da persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 15. Prazo e xustificación

1. O prazo para xustificar as axudas será:

– Para feiras e mercados de arte ata a data de aceptación da axuda, dez (10) días hábiles desde a data de aceptación.

– Para feiras e mercados de arte que teñan lugar con posterioridade á data de aceptación, dez (10) días hábiles desde o remate da feira ou mercado subvencionable.

2. Para percibiren a subvención, as persoas beneficiarias quedan obrigadas a acreditar a realización dos gastos subvencionados e a xustificar a totalidade do orzamento, no prazo establecido nesta orde.

3. Para a xustificación das axudas deberase presentar a seguinte documentación:

a) Copia do certificado de asistencia á feira ou mercado do sector, con especificación do lugar e datas de realización, emitido pola entidade organizadora, ou calquera outro documento que xustifique a entrada da persoa beneficiaria da axuda.

b) Memoria, asinada pola persoa solicitante, das actividades levadas a cabo en relación coa finalidade da subvención solicitada, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos.

c) Memoria económica que inclúa unha relación clasificada dos gastos da actividade, con identificación do acredor, do documento de gasto ou factura, o importe, a data de emisión e a data de pagamento. No caso de desprazamentos fóra da zona euro, terá que indicar a conversión a euros dos gastos xustificados, segundo establece o Banco de España ou os bancos nacionais de referencia.

d) Certificación da persoa solicitante que acredite que as facturas corresponden ás actividades obxecto da subvención.

e) Declaración das axudas solicitadas ou recibidas para o mesmo obxecto ou concepto para os cales se solicita esta subvención. Poderase empregar o modelo previsto no anexo II.

f) Unha declaración sobre calquera axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, segundo o Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 24.12.2013, L352/1).

g) Declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o seu regulamento. Poderase empregar o modelo previsto como anexo III.

4. Os gastos de transporte refírense só aos gastos de ida e volta desde Galicia á localidade onde se realice a actividade e, no caso de billetes electrónicos, deberanse xuntar as tarxetas de embarque. Nos gastos da viaxe inclúense os de emisión dos billetes, así como os correspondentes ás taxas e aos impostos directamente relacionados coa súa emisión.

5. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

a) Xustificante bancario do pagamento en que conste o número da factura obxecto de pagamento e identificación da persoa que o realiza, que deberá coincidir coa persoa beneficiaria da axuda. Non se aceptarán aquelas facturas en cuxo concepto non se estableza de maneira clara o obxecto do ben, obra ou servizo facturado.

6. A Secretaría Xeral de Cultura poderalles requirir en todo momento ás persoas solicitantes que acheguen a documentación complementaria que xulgue necesaria co fin de completar a solicitude e xustificar a axuda.

7. Cando as actividades, ademais de por esta axuda, sexan financiadas con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberanse acreditar na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As persoas beneficiarias destas axudas terán a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral de Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 17. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que a persoa beneficiaria da axuda incumpra algunha das condicións ou obrigacións estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007 citada.

3. Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 18. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 19. Información ás persoas interesadas

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Consellería de Cultura, Educación e Universidade a través dos seguintes medios:

a) Portal web oficial desta consellería (https://cultura.gal) onde, ademais de obter os modelos normalizados de solicitude, se poderá descargar o texto íntegro desta orde.

b) Así mesmo, poderase obter información xeral deste procedemento na Guía de procedementos e servizos na páxina web da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos).

Artigo 20. Remisión normativa

No desenvolvemento desta orde observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

b) Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

E supletoriamente:

c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento.

d) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

e) Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Artigo 21. Recursos

Contra os actos resolutivos, que esgotan a vía administrativa, poderá interpoñer o interesado recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a recepción da notificación de resolución, ou potestativamente interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Cultura no ámbito das súas competencias, para que dite as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
P.D. (Orde do 9.2.2021)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file