Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Mércores, 4 de agosto de 2021 Páx. 39175

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 20 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TR349F).

BDNS (Identif.): 578044.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta orde as persoas traballadoras autónomas ou as persoas profesionais pola primeira, segunda e terceira contratación que realicen con carácter indefinido.

Segundo. Obxecto

Este programa ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á convocatoria para o ano 2021 dos incentivos á contratación indefinida inicial e á formación de persoas desempregadas realizadas por persoas traballadoras autónomas ou persoas profesionais con domicilio social e fiscal en Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 20 de xullo de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a promoción e consolidación do emprego autónomo a través do Programa I, de axudas á promoción de emprego autónomo, cofinanciado polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e do Programa II, de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (Programa de axudas a persoas traballadoras autónomas pola contratación indefinida de persoas asalariadas) (código de procedemento TR349F).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase un millón de euros (1.000.000 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

a) As solicitudes de axudas polas contratacións subvencionables realizadas entre o 1 de outubro de 2020 e a data da publicación desta orde deberán presentarse no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da publicación da orde. Entenderase como último día de prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo entenderase que o prazo expira o último día do mes.

b) As axudas previstas polas contratacións subvencionables realizadas desde a entrada en vigor desta orde deberán solicitarse ata o último día do segundo mes seguinte á data en que se inicie a relación laboral indefinida pola que se solicita subvención. Se o último día de prazo é inhábil entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

c) O prazo para a presentación das solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2021, aínda que nesa data non transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade