Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Mércores, 4 de agosto de 2021 Páx. 39177

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2021 pola que se publica a modificación do Acordo do Consello de Dirección do 11 de xullo de 2013 sobre delegación de competencias nas persoas titulares da Presidencia e da Dirección Xeral.

O Consello de Dirección da Agader do 11 de xullo de 2013 aprobou un Acordo sobre delegación de competencias nas persoas titulares da Presidencia e da Dirección Xeral da Agader. Este acordo, publicado mediante a Resolución do 24 de xullo de 2013, da Dirección Xeral da Agader (DOG núm. 148, do 5 de agosto), refírese, entre outros aspectos, á delegación de competencias sobre o acordo e formalización de convenios. En concreto, no número 3 do anexo sinala:

«Primeiro. Deléganse na persoa titular da Presidencia e na persoa titular da Dirección Xeral da Agader as seguintes competencias do Consello de Dirección:

I. Na persoa titular da Presidencia da Agader:

1. Acordo e formalización de convenios e contratos por importe superior a 900.000 euros, que deban concertarse con entidades públicas ou privadas para o axeitado exercicio das funcións da Axencia, en relación coa función regulada no artigo 6.1.f) do Regulamento da Agader (...).

II. Na persoa titular da Dirección Xeral da Agader:

7. Acordo e formalización de convenios e contratos por importe inferior a 900.000 euros que deba concertar a Agader con entidades públicas ou privadas para o axeitado exercicio das funcións da Axencia, en relación coa función regulada no artigo 6.1.f) do Regulamento da Agader (…)».

Non obstante, para o axeitado exercicio das funcións da Axencia cara a unha mellor visualización da representación desta, considerouse conveniente revisar o sistema de delegación de competencias vixente e o 21 de xullo de 2021 o Consello de Dirección da Agader acordou delegar, única e exclusivamente, na persoa titular da Presidencia da Agader a formalización de todos os convenios que deban concertarse con entidades públicas ou privadas, en relación coa función regulada no artigo 6.1 f) do Regulamento da Agader.

De acordo co artigo 9.3 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, as delegacións de competencias deben publicarse no Diario Oficial de Galicia.

Por todo isto,

RESOLVO:

Publicar o Acordo do Consello de Dirección da Agader polo que se modifica o Acordo do 11 de xullo de 2013 sobre delegación de competencias nas persoas titulares da Presidencia e da Dirección Xeral da Agader, e que se incorpora a esta resolución como documento anexo.

ANEXO

Acordo do Consello de Dirección da Agader do 21 de xullo de 2021

Ao abeiro do previsto no artigo 6.1.j) do Regulamento da Agader, aprobado polo Decreto 79/2001, do 8 de abril, modifícase o Acordo do Consello de Dirección da Agader do 11 de xullo de 2013 sobre delegación de competencias nas persoas titulares da Presidencia e da Dirección Xeral da Agader, de xeito que a delegación de competencias sobre a formalización de convenios que deba concertar a Agader con entidades públicas ou privadas para o axeitado exercicio das funcións da Axencia, en relación coa función regulada no artigo 6.1.f) do Regulamento da Agader, recaia exclusivamente na persoa titular da Presidencia da Agader.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2021

Inés Santé Riveira
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural