Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Xoves, 5 de agosto de 2021 Páx. 39276

III. Outras disposicións

Axencia Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 26 de xullo de 2021 pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa MOVES III) (códigos de procedemento IN421Q e IN421R).

As axudas obxecto desta convocatoria teñen o seu encaixe no Programa de incentivos a mobilidade eléctrica (programa MOVES III) aprobado por Real decreto 266/2021, do 13 de abril, co obxecto de establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas a actuacións de apoio á mobilidade eléctrica, para contribuír á descarbonización do sector do transporte e a reactivar a actividade económica do país, no marco dos obxectivos perseguidos polo Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia e polo Plan nacional integrado de enerxía e clima 2021-2030.

O citado real decreto no seu artigo 5 acorda que serán beneficiarios directos das axudas previstas neste programa as comunidades autónomas e as cidades de Ceuta e Melilla que deberán destinar o importe das axudas aos suxeitos que se enumeran no artigo 11.1 do mesmo, que son os destinatarios últimos das axudas.

A entidade responsable da execución do programa MOVES III, na Comunidade Autónoma de Galicia será o Instituto Enerxético de Galicia (Inega).

O Inega constitúese en Axencia por Decreto 142/2016, do 22 de setembro, mantendo a súa adscrición a consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, de creación do Instituto Enerxético de Galicia (DOG núm. 61, do 30 de marzo).

Entre os obxectivos básicos do Inega están o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia.

A axencia ten entre as súas funcións, a teor do disposto no artigo 8 do Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, as seguintes funcións:

a) Elaborar e propoñer á consellería competente en materia de enerxía plans e programas en materia enerxética.

b) Promover e, se for o caso, executar os plans e programas indicados, aprobados pola consellería competente en materia de enerxía.

c) Propoñer a elaboración de disposicións para o establecemento, desenvolvemento e xestión de políticas enerxéticas.

d) Elaborar programas de racionalización do uso de enerxía e promover o aproveitamento dos recursos enerxéticos.

O Inega para financiar esta convocatoria de axudas dispón nos seus orzamentos de 18.356.359,18 €, procedentes do Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa MOVES III) promovido polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico e con actuacións financiables co novo Fondo de Recuperación Next Generation EU.

Estas axudas, cando os destinatarios últimos sexan persoas físicas que realicen algunha actividade económica (autónomos), pola que ofrezan bens e/ou servizos no mercado, estarán sometidos aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Cando os destinatarios últimos destas axudas sexan empresas, persoas xurídicas que realicen algunha actividade económica e/ou mercantil, estarán sometidas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado, aplicándose a exención por categoría de axudas para a protección do ambiente.

As bases reguladoras do programa establecen que a coordinación e seguimento será realizado polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE). No exercicio destas funcións o IDAE informa que o programa MOVES III para determinados beneficiarios se acolle á categoría de Axudas para a Protección do Medio Ambiente, sección 7, artigo 36 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión. Indica que os custos subvencionables se calcularán para o Programa de incentivos 1 tendo en conta o punto 5.b) do citado artigo e para o Programa de incentivos 2 segundo o punto 5.a). Ademais o Anexo III punto segundo do Real decreto 266/2021 fixa as contías individuais de axuda de maneira que non se sobrepasen os límites establecidos no citado regulamento.

O Inega considera conveniente atribuír a colaboración, no seguimento da xestión das axudas relativas a: Programa de incentivos 1. Adquisición de vehículos eléctricos e Programa de incentivos 2. Despegue de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos (artigo 13 do Real decreto 266/2021) ás entidades colaboradoras que reúnan os requisitos establecidos no artigo 6.1 desta convocatoria.

A presente resolución, que aproba a convocatoria para os anos 2021-2023 do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa MOVES III), ditase conforme o disposto nos artigos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e nos artigos 3 e 12 das bases reguladoras.

En virtude de todo o anterior

RESOLVO:

Artigo 1. Convocatoria

1. A presente resolución ten por obxecto a aprobación da convocatoria de axudas correspondente ás anualidades 2021-2023 para a concesión de axudas correspondentes ao programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa MOVES III) de acordo coas bases reguladoras previstas no Real decreto 266/2021, do 13 de abril, polo que se aproba a concesión directa de axudas para a execución de programas de incentivos ligados á mobilidade eléctrica (MOVES III) no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia Europeo, publicado no BOE núm. 89, do 14 de abril de 2021 (código de procedemento IN421R, presentación de solicitudes), así como o procedemento de selección das entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IN421Q, adhesión de entidades colaboradoras que participen na xestión).

2. Pola presente convócanse axudas para as seguintes actuacións:

Programa de incentivos 1. Adquisición de vehículos eléctricos «enchufables» e de pila de combustible (en diante, Adquisición de vehículos eléctricos).

Programa de incentivos 2. Implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos.

Artigo 2. Réxime de concesión e normativa aplicable

1. A concesión destas axudas realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, segundo a excepción recollida no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. As solicitudes de axuda presentadas en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta resolución de convocatoria resolveranse por orde de entrada no rexistro da solicitude e ata o esgotamento do crédito, do que se fará publicidade na aplicación informática que se utiliza na xestión das axudas.

2. As axudas obxecto de esta convocatoria estarán sometidas ao disposto no Real decreto 266/2021, do 13 de abril, polo que se regula o Programa de incentivos ligados á mobilidade eléctrica (programa MOVES III) e onde se establecen as bases reguladoras destas axudas (en diante, bases reguladoras).

Ademais será de aplicación a seguinte normativa:

a) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006.

b) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

d) Lei 4/2019, do 17 de xuño, de administración dixital de Galicia.

3. Cando os destinatarios últimos destas axudas sexan persoas físicas que realicen algunha actividade económica (autónomos), pola que ofrezan bens e/ou servizos no mercado, estarán sometidos aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis.

Estas axudas, para os casos de empresas, persoas xurídicas que realicen algunha actividade económica e/ou mercantil, estarán sometidas aos requisitos e límites establecidos no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado, aplicándose a exención por categoría de axudas para a protección do medio ambiente (sección 7, artigo 36).

Artigo 3. Beneficiarios

1. Serán beneficiarios os suxeitos que se enumeran no artigo 11.1 das bases reguladoras sempre que teñan a súa residencia fiscal ou un establecemento permanente no territorio da comunidade autónoma de Galicia (para o Programa de incentivos 2 considerase que se cumpre este requisito se a actuación subvencionada se desenvolve no territorio da comunidade autónoma de Galicia). En concreto, os seguintes:

1º. As persoas físicas que desenvolvan actividades económicas, polas que ofrezan bens e/ou servizos no mercado, en cuxo caso haberán de estar dados de alta no Censo de Empresarios, Profesionais e Retenedores da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

2º. As persoas físicas maiores de idade, a excepción dos casos de discapacidade, que poderán ser menores de idade, con residencia fiscal en España e non incluídas no anterior punto.

3º. As comunidades de propietarios, reguladas pola Lei 49/1960, de 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, que haberán de cumprir co previsto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e en particular, co establecido no seu artigo 11.3.

4º. As persoas xurídicas, validamente constituídas en España no momento de presentar a solicitude, e outras entidades, con ou sen personalidade xurídica, cuxo número de identificación fiscal (NIF) comece polas letras A, B, C, D, E, F, G, J, R ou W. Tamén serán elixibles as entidades de conservación de polígonos ou sociedades agrarias de transformación cuxo NIF comece por V.

5º. As entidades locais, conforme o artigo 3 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e o sector público institucional de calquera Administración pública a que se refire o artigo 2.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, sempre que non exerzan actividades económicas polas que ofrezan bens e servizos no mercado en cuxo caso se considerarán incluídas no anterior ordinal 4º.

2. Non serán beneficiarios destas axudas:

a) Para a actuación do Programa de incentivos 1, relativa á adquisición de vehículos eléctricos, os concesionarios ou puntos de venda cuxa epígrafe da sección primeira das tarifas do imposto sobre actividades económicas sexa o 615.1 ou o 654.1, conforme o disposto polo Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro, polo que se aproban as tarifas e a instrución do imposto sobre actividades económicas.

b) Aqueles nos que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) As empresas que se atopen en situación de crise, conforme a definición que por estes efectos se realiza no Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014 e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación da Comisión, 2014/C 249/1, do 31 de xullo de 2014).

d) As empresas que se atopen suxeitas a unha orde de recuperación pendente sobre calquera axuda ou subvención que lles tivese sido outorgada con anterioridade, ben por terse declarado axuda ilegal e incompatible co mercado interior, ben por calquera tipo de incumprimento das obrigas que lle viñesen atribuídas na concesión.

Artigo 4. Financiamento e contía máxima das axudas que se van outorgar coa convocatoria

1. As subvencións previstas nesta convocatoria financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega, coa repartición plurianual recollida na seguinte táboa. O importe total asignado a esta convocatoria ascende a 18.356.359,18 euros.

Importe 2021 (€)

Importe 2022 (€)

Importe 2023 (€)

Importe 2024 (€)

Total

2.917.794,68

5.439.000,00

6.361.000,00

3.638.564,50

18.356.359,18

O orzamento por partida e anualidade redistribuírase tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia entre as seguintes partidas: 06.A3.733A.703.1, 06.A3.733A.730.1, 06.A3.733A.744.2, 06.A3.733A.762.1, 06.A3.733A.772.1 e 06.A3.733A.782.1.

2. O crédito máximo segundo a tipoloxía de proxecto será o seguinte:

Tipo de actuación

Orzamento total

Programa de incentivos 1: Adquisición de vehículos eléctricos

11.013.815,51

Programa de incentivos 2: Implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos

7.342.543,67

Total

18.356.359,18

O crédito máximo recollido na táboa anterior poderá ser redistribuído pasados tres meses desde a apertura do prazo de solicitudes para adaptarse á evolución da axuda solicitada en cada unha das epígrafes. Esta redistribución de producirse respectará, en todo caso, as porcentaxes establecidas no artigo 10.10 do Real decreto 266/2021 ata que finalice a vixencia da convocatoria. Finalizada a vixencia da convocatoria, poderá redistribuírse o orzamento nos termos recollidos no artigo 10.13 das bases reguladoras, polo que poderán tamén incorporarse, se é o caso, os remanentes correspondentes a orzamento que non se tivese podido destinar ao financiamento de investimentos directos pola Comunidade Autónoma.

3. O importe dos fondos previstos entenderase máximo, que ben cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación das solicitudes que resulte da aplicación dos criterios fixados nas bases que rexen a convocatoria.

De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal).

4. A concesión das axudas estará supeditada ao efectivo financiamento por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, no marco do plan MOVES III.

5. A contía das axudas para cada unha das actuacións ven establecida no anexo III do Real decreto 266/2021, do 13 de abril, polo que se regula o Programa de incentivos ligados á mobilidade eléctrica (programa MOVES III) publicado no BOE núm. 89 do 14 de abril de 2021.

Artigo 5. Forma de presentación das solicitudes

– Programa de incentivos 1. Adquisición de vehículos eléctricos.

Neste caso a solicitude farase a través dos concesionarios de automóbiles que actuarán como entidades colaboradoras, excepto cando o solicitante sexa o sector público, que poderá solicitar directamente.

– Programa de incentivos 2. Implantación de infraestrutura de recarga de vehículos eléctricos.

As solicitudes faranse a través de empresas con actividade de instalación de baixa tensión, que actuarán como entidades colaboradoras, salvo cando o beneficiario sexa o sector público ou empresas con actividade de estacións de servizos que poderán solicitar directamente.

Artigo 6. Procedemento de adhesión de entidades colaboradoras que participen na xestión do programa de incentivos 1 e do Programa de incentivos 2 (código de procedemento IN421Q)

1. Requisitos, condicións e solvencia.

a) Poderán ser entidades colaboradoras:

1º. Para o Programa de Incentivos 1:

Os concesionarios ou puntos de venda cuxa epígrafe da sección primeira das tarifas do imposto sobre actividades económicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 1175/1990, do 28 de setembro, sexa 615.1 comercio ao por maior de vehículos, motocicletas, bicicletas e os seus accesorios, ou 654.1 comercio ao retallo de vehículos terrestres.

2º. Para o Programa de Incentivos 2:

As empresas con actividade de instalación de baixa tensión.

Será necesario que estas empresas estean dadas de alta na Consellería de Economía, Empresa e Innovación como empresas con actividade de instalación de baixa tensión (procedemento IN609A).

b) As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión de esta e sen que isto implique a entrega e distribución dos fondos públicos aos beneficiarios, que recibirán o importe da axuda directamente do Inega.

c) Na súa relación co Inega, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:

1º. Realización ante o Inega dos trámites para solicitar a axuda.

2º. Desenvolvemento das accións vinculadas á convocatoria.

3º. Xustificación da axuda ante o Inega.

d) Para lograr a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como, a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e o Inega. As características técnicas esixibles poderán consultarse na paxina web do Inega (www.inega.gal).

e) Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo e que o soliciten no prazo que se indica no número 3 deste artigo.

f) De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio de colaboración entre elas e o Inega, no que se regularán as condicións e obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo II desta convocatoria. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei de subvencións.

g) Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas, nas que concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.

2. Formularios.

Apróbanse e incorpóranse o seguinte formulario e modelo de convenio de colaboración como anexos á presente convocatoria:

– Anexo I. Solicitude de adhesión de entidades colaboradoras.

– Anexo II. Convenio de colaboración que se vaian subscribir coas entidades colaboradoras.

3. Prazo para presentar as solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará o día hábil seguinte ao da publicación no DOG da presente convocatoria e finalizará cando remate a vixencia do programa MOVES III en Galicia, o cal sucederá, segundo o recollido no artigo 4 do Real decreto 266/2021, o 31 de decembro de 2023.

Para solicitar a súa adhesión terán que cubrir e presentar o formulario de adhesión (anexo I).

4. Obrigas e compromisos das entidades colaboradoras.

a) Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

1º. Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda Pública do Estado, da Administración autonómica así como coa Seguridade Social.

2º. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

3º. Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito co Inega.

4º. Actuar en nome e por conta do Inega para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión das subvencións sen que se produza a previa entrega e distribución dos fondos recibidos.

5º. Conservar a documentación xustificativa durante un período de 5 anos a partir do pagamento do saldo ou, a falta do dito pagamento, da operación. Este período será de 3 anos, se o financiamento é dun importe inferior ou igual a 60.000 euros.

6º. Remitir copia dixitalizada da dita documentación ao Inega.

7º. Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a axeitada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas, de acordo co disposto no artigo 13.2.j da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:

1º. Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda (anexo III) a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.

2º. Vender, xestionar ou instalar no marco da iniciativa só os equipos que cumpran coas condicións establecidas na convocatoria de axudas.

3º. Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento da convocatoria, en concreto no caso de que proceda a autorización ou inscrición da instalación no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria.

4º. Exhibir, nos seus centros de traballo ou punto de vendas durante a vixencia do programa MOVES III, un cartel de promoción deste no que se informe de que se trata dunha entidade colaboradora adherida conforme o modelo que se porá á disposición na páxina web do Inega.

5º. Facilitarlle ao Inega canta información e documentación precise para verificar a correcta aplicación das subvencións.

6º. Comunicar calquera variación que poida acontecer nos datos recollidos nos documentos achegados.

5. Adhesión simplificada.

a) Esta forma de adhesión esta unicamente dirixida ás entidades colaboradoras adheridas ao Convenio de xestión das axudas para a Actuación 1. Adquisición de vehículos de enerxías alternativas e para a Actuación 2. Implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, correspondente ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eficiente e sostible (programa MOVES II) para a anualidade 2020, reguladas na Resolución do 31 de agosto de 2020 (DOG núm. 184, do 10 de setembro de 2020) e que desexen adherirse aos procedementos de xestión das axudas para o programa de Incentivos 1- Adquisición de vehículos eléctricos ou para o programa de Incentivos 2-Implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, correspondente ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa MOVES III) para as anualidades 2021-2023.

b) A entidade colaboradora deberá acceder a aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) para cubrir a Solicitude de adhesión (anexo I) e o Convenio de colaboración (anexo II), a continuación xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos.

Por defecto, a aplicación informática cubrirá os anexos cos datos dispoñibles da convocatoria da anualidade 2020. A entidade colaboradora poderá actualizar os datos, se é o caso. No caso de modificación de datos, a entidade colaboradora deberá xuntar a documentación necesaria para xustificar estes cambios, de igual xeito que se realiza na Adhesión Común, regulada no artigo 6.6 desta convocatoria.

c) Para acceder á aplicación informática e solicitar a Adhesión simplificada, utilizara o usuario e a contrasinal outorgados polo Inega na convocatoria 2020. No caso de que algunha entidade colaboradora non recorde estes datos, poderá solicitalos a través do correo electrónico habilitado para tal efecto, indicando os seus datos para identificación.

d) Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo I), deberá presentala por vía electrónica de conformidade co establecido.

6. Adhesión común (altas de novas entidades colaboradoras).

a) A primeira vez que a entidade colaboradora acceda a aplicación asignarase un usuario e un contrasinal. Este usuario e contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda e para ver o seu estado.

b) A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para encher a Solicitude de adhesión (anexo I) e o Convenio de colaboración (anexo II), a continuación, xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos –o segundo por duplicado–.

Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo I), deberá presentala por vía electrónica de conformidade ao establecido nestas bases. As copias dos documentos dixitalizados gozarán da mesma validez e eficacia que os orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

A publicación dos formularios de solicitude no DOG farase unicamente para os efectos informativos.

c) As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

1º. Documento acreditativo de poder suficiente do representante legal da entidade.

2º. Convenio de colaboración debidamente asinado pola entidade colaboradora (anexo II).

Unha vez asinado polo Inega a entidade colaboradora poderá acceder ao citado convenio no taboleiro.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recabados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

d) A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se a entidade interesada presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos (10 MB) ou tivese un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

e) Comprobación de datos.

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

1º. NIF da entidade solicitante.

2º. DNI/NIE da persoa solicitante.

3º. DNI/NIE da persoa representante.

4º. Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT.

5º. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

6º. Certificado de estar ao día no pagamento coa Facenda autonómica.

7º. Certificación de alta no imposto de actividades económicas, cando a entidade colaboradora sexa unha empresa.

2. No caso de que a persoa interesada se opoña a esa consulta deberá indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

Cando así o esixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

f) Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

7. Órganos competentes.

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de adhesión das entidades colaboradoras, e corresponderá á directora do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven do dito procedemento.

8. Instrución do procedemento de adhesión.

a) Unha vez presentada a solicitude de adhesión xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará que reúne todos os requisitos e que se achegan todos os documentos esixidos polas bases reguladoras. De conformidade coa normativa reguladora do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos esixidos, requirirase á entidade colaboradora, para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición e arquivarase o expediente.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellería competente en materia de economía e facenda, rexistro mercantil e outros rexistros públicos.

b) De conformidade co establecido no artigo 6.1.d) desta convocatoria en canto á solvencia técnica das entidades colaboradoras, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións.

9. Resolución.

O prazo máximo para que o director do Inega resolva sobre as adhesións das entidades colaboradoras é de 20 días hábiles desde a presentación da solicitude. Pasado o devandito prazo as entidades colaboradoras poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. A resolución ditarase individualmente para cada unha das solicitudes e notificarase seguindo estritamente a súa orde de presentación, salvo que se deba emendar, momento en que se terá en conta a data de presentación da emenda.

Aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán adheridos a este programa.

10. Publicación da listaxe de entidades colaboradoras adheridas.

O Inega publicará na súa páxina web a listaxe de entidades colaboradoras adheridas a esta convocatoria de axudas para tramitar o Programa de incentivos 1 e 2, a medida que resolva o proceso de adhesión.

Artigo 7. Forma e prazo de presentación de solicitudes (código de procedemento IN421R)

1. As solicitudes serán subscritas directamente polas entidades colaboradoras, se se tramita a axuda a través destas, ou directamente polos interesados ou persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito, nos casos nos que se permita a presentación directa de solicitudes. Unha vez presentada unha solicitude non se poderá modificar o proxecto ata que recaia resolución de concesión.

2. O prazo de presentación de solicitudes comezará ás 9.00 horas do día 13 de setembro de 2021 e rematará o 31 de decembro de 2023.

3. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de conformidade ao establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes, será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas ou, se é o caso, polas entidades colaboradoras.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria e xerará a solicitude do beneficiario por duplicado.

4. A solicitude (anexo III) imprímese obrigatoriamente desde a aplicación informática.

O solicitante ou a entidade colaboradora presentará telematicamente desde a aplicación a solicitude de axuda unha vez asinada polo beneficiario ou representante, mediante o formulario normalizado accesible desde a citada aplicación informática e que se xunta como anexo III.

5. Para poder presentar unha solicitude debe ter o seguinte contido mínimo:

a) Solicitude de axuda-anexo III.

b) Autorización para a representación-anexo IV, salvo persoas físicas ou xurídicas que presenten directamente co seu certificado dixital.

c) Presentación da oferta do proxecto que se pretende levar a cabo. Achegaranse tres ofertas de distintos provedores cando o investimento sen IVE da actuación que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €, salvo para a o Programa de incentivos 1.

6. Os fondos solicitados e os validados poderán visualizarse en todo momento a través da aplicación informática. Unha vez presentada unha solicitude, a aplicación informática descontará a contía de axuda correspondente ao expediente dos fondos dispoñibles, polo tanto, a axuda máxima que se concederá ao expediente estará limitada pola axuda indicada na solicitude inicial.

De chegarse a esgotar os fondos dispoñibles, as seguintes solicitudes presentadas incluiranse nunha listaxe de espera; no momento da presentación, a aplicación informática informará da posición que ocupa a solicitude na listaxe de espera.

As inadmisións, desistimentos, denegacións, renuncias e minoracións de solicitudes con fondos asignados liberarán fondos que poderán ser reasignados aos expedientes que se atopen en listaxe de espera segundo a orde de prelación que lle corresponda.

7. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 8. Documentación complementaria (código de procedemento IN421R)

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Autorización para a representación segundo o anexo IV.

b) Cando se trate do Programa de incentivos 2. Implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos deberá acreditar a titularidade dos terreos ou inmobles sobre os que se vai executar o proxecto ou da dispoñibilidade destes, durante un período mínimo de dous anos (que permitan concretar a situación do predio ou inmoble sobre o terreo).

Para acreditar a titularidade admitiranse os seguintes documentos: titulo de propiedade ou contrato de arrendamento ou cesión de uso, acompañado de documento que acredite a titularidade do arrendador ou cedente.

Tamén se admitirá certificado catastral ou recibo de pagamento do IBI do ano anterior, acompañado de declaración responsable (asinada polo solicitante da axuda) de que os datos contidos no certificado ou no recibo non sufriron variación.

c) Para o Programa de incentivos 2, achegarase unha memoria técnica descritiva da actuación a acometer segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).

d) Presentación da oferta do proxecto que se pretende levar a cabo.

Cando o investimento sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario igual ou superior a 15.000 € o solicitante ou persoa que o represente presentará, xunto co resto da documentación complementaria, as tres ofertas da instalación que se pretende levar a cabo, isto non será aplicable no caso do Programa de incentivos 1. Adquisición de vehículos de eléctricos.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.

Non será necesario presentar as 3 ofertas, se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, debendo o beneficiario neste suposto prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

As ofertas deberán conter, como mínimo, os datos identificativos do emisor e do destinatario (razón social, enderezo, e número ou código de identificación fiscal), a data de emisión do documento, o importe por concepto (especificando se inclúe ou non IVE) e a descrición técnica dos elementos ofertados.

e) Para aqueles casos en que o IVE poida ser subvencionable por non ser recuperable conforme a lexislación vixente, será preciso comprobar a xustificación por parte dos beneficiarios de non suxeición ou exención do imposto emitida pola AEAT mediante a presentación da documentación oportuna. Con carácter xeral, salvo para persoas físicas, considerarase o IVE como non subvencionable.

f) Para o Programa de incentivos 1, no caso de operacións de renting, en todos os supostos, o destinatario último da axuda asinará un documento de cesión do dereito de cobramento a favor da compañía de renting que formalice a operación. Ademais, achegarase un certificado da conta bancaria da compañía de renting na que se solicita o pago da axuda.

g) Cando se trate dunha agrupación de persoas físicas, privadas sen personalidade, ademais da documentación sinalada nas letras a), b) e c), deberá achegar a través da entidade colaboradora a documentación seguinte:

1º. Documentación que acredite a súa constitución.

2º. Documentación que acredite a representación con que se actúa.

3º. Cando se trate do Programa de incentivos 2. Implantación de Infraestruturas de recarga, achegarase un documento no que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, ademais do importe da subvención que vai aplicar a cada un deles, que terán igualmente a condición de beneficiarios, mediante a presentación do anexo V (xúntase a título informativo). Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

A agrupación deberá nomear un representante autorizado para tramitar a subvención e non se poderá disolver en tanto estean vixentes os prazos de prescrición aplicables.

4º. Cando se trate dunha comunidade de veciños, achegarase o acordo adoptado pola maioría legalmente establecida pola correspondente comunidade de propietarios, aceptando as bases da convocatoria, comprometéndose á execución das respectivas obras no suposto de que realicen o Programa de incentivos 2. Instalación de infraestruturas de recarga e facultando o presidente ou administrador de predios para formular a solicitude de subvención. Deberán constar os compromisos asumidos por cada membro, así como o importe da subvención que se vaia aplicar a cada un deles.

h) As administracións públicas, ademais da documentación sinalada nas letras a), b) e c), deberán achegar:

1º. Acreditación do nomeamento do representante da entidade solicitante.

2º. Declaración responsable onde se acredite a súa adscrición, especificando se se refire á Administración xeral do Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia ou a unha entidade local e onde declare se desenvolve ou non actividade comercial ou mercantil.

3º. Certificado do acordo adoptado polo órgano competente polo que se aproba solicitar a axuda regulada nestas bases, se procede.

4º. No caso das administracións locais, certificación de que a entidade solicitante remitiu as contas de cada exercicio orzamentario ao Consello de Contas ao que legalmente está obrigado. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

i) As empresas, xunto coa solicitude presentarán a documentación prevista nos puntos a), b) e c) deste artigo, e cando non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público, presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente. (Non é necesario no caso de que o solicitante sexa unha empresa pública) ademais de:

1º. Documento oficial no que conste o código CNAE correspondente a actividade da empresa, tal como: declaración censual, declaración de vida laboral, imposto de actividades económicas. Tamén se aceptarán os documentos nos que aparezan as actividades recollidas no IAE que se correspondan coas seccións do CNAE 2009.

2º. Documento que acredite a existencia dun centro de traballo en Galicia ou a realización dalgunha actividade empresarial xustificable dentro do territorio da comunidade autónoma de Galicia (para o Programa de incentivos 2, considerase que se cumpre este requisito se a actuación subvencionada se desenvolve no territorio da comunidade autónoma de Galicia).

3º. No caso de empresas públicas, ademais deberá achegarse certificado do representante legal ou de persoa habilitada onde se acredite a súa condición de empresa publica.

j) Cando se trate do Programa de incentivos 1. Adquisición de vehículos eléctricos, no caso de persoas físicas con discapacidade con mobilidade reducida e vehículo adaptado ou que se adapte para a súa condución, certificado de discapacidade emitido por outra Administración distinta da Xunta de Galicia, cando proceda.

k) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente para a correcta avaliación do proxecto.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos (10MB) ou tivese un formato non admitido, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior.

5. Os interesados poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-Mi Sede, accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.

Artigo 9. Comprobación de datos (código de procedemento IN421R)

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE, da persoa solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI ou NIE, da persoa representante.

d) NIF da entidade representante.

e) Consulta dos administradores da sociedade, cando se trate dunha persoa xurídica.

f) Certificado de alta no imposto de actividades económicas.

g) Certificación de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

h) Certificación de estar ao día nas obrigas tributarias coa AEAT.

i) Certificación de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

j) Certificado de alta no Censo de Empresarios, Profesionais e Retedores ou certificado de situación censual, expedido por la Axencia Estatal da Administración Tributaria, cando se trate de profesionais autónomos.

k) Consulta de datos de vehículos coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

l) Consulta de datos de propietarios coa Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

m) Datos de residencia con fecha da última variación padroal.

Consultaranse ademais os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

– Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esa consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no modelo de solicitude (anexo III) e achegar os documentos correspondentes.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Tramites administrativos posteriores á presentación de solicitude (código de procedemento IN421R)

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).

Artigo 11. Órganos competentes

A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións e corresponde á directora do Inega ditar as diferentes resolucións que se deriven do dito procedemento.

Artigo 12. Instrución do procedemento de concesión das axudas

1. A solicitude de axuda con reserva de fondos será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos ao solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada. De ser o caso, tamén poderán ser avaliadas as solicitudes de axudas que figuren nos postos de máis prelación da listaxe de espera, sen que tal avaliación supoña garantía de que os expedientes se cheguen a subvencionar ata que, eventualmente, recaia resolución expresa de concesión de axuda.

Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase o interesado ou, se é o caso, a entidade colaboradora para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fixese, se lle terá por desistido na súa petición e se arquivará o expediente.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada a Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de economía e facenda, da verificación do DNI/NIE e datos de vehículos e propietarios na DXT.

2. Poderá requirirse ao interesado ou, se é o caso a entidade colaboradora para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

3. Tras o informe dos servizos técnico e xurídico, as solicitudes que presenten elementos de controversia serán avaliadas por un comité de avaliación formado pola persoa titular do Departamento de Enerxía, a persoa titular do Área de Aforro e Eficiencia Enerxética e un técnico do Inega. O comité de avaliación elaborará unha proposta na que figuren os criterios consensuados durante a tramitación dos expedientes e de xeito individualizado os primeiros solicitantes propostos para obter subvención, así como o importe da subvención para cada un deles.

Artigo 13. Resolución (código de procedemento IN421R)

1. Unha vez avaliada a solicitude, a proposta de resolución elevarase á directora do Inega. O procedemento de concesión resolverase no prazo máximo de 6 meses desde a data de presentación da solicitude e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o contido da resolución.

2. A resolución de concesión comprendera a identificación do beneficiario, o investimento para o Programa de incentivos 1 e o custo elixible do proxecto para o Programa de Incentivos 2 así como a contía da subvención.

Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención ao solicitante ou solicitantes seguintes na orde de entrada da solicitude.

4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de seis (6) meses, contados desde a data de presentación da solicitude ou, se é o caso da súa emenda.

Se transcorrese o prazo sen que recaese resolución expresa os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 14. Notificación (código de procedemento: IN421Q e código de procedemento IN421R)

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades colaboradoras avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os beneficiarios ou, se é o caso, as entidades colaboradoras deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

Para utilizar os servizos de Notifica.gal deberá dispoñer dun usuario e clave no servizo Chave365 ou dun certificado de persoa física ou xurídica asociado o NIF da persoa destinataria e comprobar que o seu navegador e sistema operativo cumpren os requisitos técnicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Obrigas dos beneficiarios

1. Son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en particular, as seguintes:

a) Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

b) Xustificar ante o Inega directamente ou a través da entidade colaboradora, cando proceda, que cumpre cos requisitos ou condicións que determinan a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.

c) Presentar ante o Inega directamente ou a través da entidade colaboradora seleccionada, cando proceda, as outras dúas ofertas que necesariamente teñen que acompañar a solicitude de axuda cando a actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto sen IVE para o beneficiario igual ou superior a 15.000 €. Non será precisa a presentación destas ofertas para o Programa de incentivos 1.

As ofertas presentadas teñen que ser sempre con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben. As ofertas presentadas para cada gasto non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.

d) Realizar o pagamento das facturas antes da data en que deban presentarse ante o Inega. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como se establece no artigo 20 destas convocatoria.

e) Cando non poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A renuncia tramitaraa directamente o beneficiario ou a entidade colaboradora, cando proceda, mediante a presentación do anexo VI que se xunta a título informativo e que estará dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

f) Os bens subvencionados quedarán afectos á actividade subvencionada, desde a resolución de pagamento final:

– No caso do Programa incentivos 1: un mínimo de dous anos (2 anos).

– No caso do Programa de incentivos 2: un mínimo de dous anos (2 anos), salvo no caso de recarga de acceso público que será de cinco anos (5 anos).

g) Manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable axeitado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta axuda e conservar a documentación xustificativa durante un período de 5 anos a partir do pagamento do saldo ou, a falta do dito pagamento, da operación. Este período será de 3 anos se o financiamento é dun importe inferior ou igual a 60.000 euros.

h) Comunicarlle ao Inega, directamente ou a través da entidade colaboradora, cando proceda, a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Toda referencia ás actuacións subvencionadas en publicacións, actividades de difusión, páxinas web e en xeral calquera medio de difusión debe cumprir cos requisitos que figuran no Manual de Imaxe do Programa de incentivos á mobilidade eléctrica, que estará dispoñible na web do IDAE, no que figurarán o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, o Programa de incentivos á mobilidade eficiente eléctrica, MOVES III, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia e o mecanismo de recuperación e resiliencia e tamén deberán constar o símbolo e logotipo da Xunta de Galicia e do Inega, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco da presente convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para o efecto http://www.conselleriadefacenda.es/areas-tematicas/planificacion-e-fondos/periodo-comunitario-2014-2020/medidas-antifraude/snca-olaf, e nos termos establecidos na Comunicación 1/2017, do 6 de abril, do citado servizo, que se pode consultar no enderezo web http://www.igae.pap.minhafp.gob.es/sitios/igae/es-ES/snca/Paginas/inicio.aspx

Artigo 16. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, a entidade colaboradora debe notificarllo ao órgano competente para a concesión da subvención mediante a presentación do anexo VII, acompañado de toda a documentación presentada coa solicitude que se vexa afectada.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que de xeito previo non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a Resolución de pagamento sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no punto 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.

5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado pola directora do Inega logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia aos interesados.

Artigo 17. Aceptación e renuncia

1. Transcorridos 10 días hábiles a partir do seguinte ao da notificación da resolución de concesión sen que a o beneficiario e, se é o caso, a entidade colaboradora comunique expresamente a renuncia á subvención, entenderase que o solicitante acepta a subvención e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que o beneficiario dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá comunicarllo ó Inega ou, se é o caso, a través da entidade colaboradora presentando o anexo VI por medios electrónicos a través da aplicación informática, comunicando este feito co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se notificará, de conformidade co procedemento establecido no artigo 14.2 destas convocatoria.

Artigo 18. Prazos de execución e xustificación das actuación

O prazo máximo de execución e xustificación das actuacións será de 12 meses contados desde a data de notificación da resolución de concesión.

Este prazo poderase ampliar de conformidade ao previsto no artigo 70 do Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarse de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal) .

2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación das subvencións aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 14 destas bases reguladoras.

Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesourería Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física), NIF do solicitante ( persoa xurídica) e NIF do representante da persoa xurídica.

3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente ao beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei correspondan.

Artigo 20. Documentación xustificativa do investimento

1. Os documentos de xustificación deberán presentarse dentro do prazo establecido no artigo 18 desta convocatoria, debendo estar, nese momento, os investimentos plenamente realizados e verificables.

2. Para o cobramento polo solicitante da subvención concedida, o beneficiario deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitará o pagamento mediante a presentación do anexo VIII, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).

3. Documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento:

a) Para xustificar cada un dos gastos realizados achegaranse as facturas, nas que figurará o importe total que se vai pagar, e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento da totalidade do equipamento polo solicitante.

1º A factura deberá reflectir con claridade os seguintes datos:

– Nome e NIF/NIE do beneficiario o nos casos de adquisicións por renting ou leasing financieiro a nome da empresa de renting ou leasing.

– No caso de adquisición de vehículos eléctricos: a matrícula ou número de bastidor, marca, modelo e versión do vehículo adquirido e un desconto por parte do fabricante/importador ou punto de venda antes de IVE de alomenos mil (1.000) euros polo programa MOVES III para a adquisición de vehículos M1 e N1. No resto das actuacións, o enderezo onde se realiza a obra e a descrición detallada da totalidade dos conceptos obxecto de axuda.

– Unidades.

– Provedor.

– Número de factura.

– Importe total da factura sen IVE e con IVE.

– Data da factura posterior ao 9 de abril ou da data de presentación da solicitude en función do tipo de solicitante.

Non se admiten as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen.

A expedición da factura e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se regulan as obrigas de facturación. Para o Programa de obxectivos 2 exímese da obrigación de presentar aquelas facturas que teñan un importe inferior a 3.000 euros, de conformidade co establecido pola letra b) do artigo 63 da Real decreto lei 36/2020, do 30 de decembro.

2º. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas: transferencia bancaria, e certificación bancaria, nos cales deberán estar claramente identificados:

– Destinatario último: debe quedar acreditado que o pagador é o destinatario final da axuda, xa sexa mediante un pagamento directo ou mediante un contrato de financiamento ou renting ou no seu nome (mediante a acreditación documental correspondente).

– Receptor do pagamento (empresa ou autónomo).

– Número da factura obxecto do pagamento e, se é o caso, vehículo obxecto da subvención.

– Data de pagamento (data valor) ou saída efectiva dos fondos do destinatario último da axuda, que deberá ser posterior ao 9 de abril de 2021 ou da data de presentación da solicitude de axuda en función da tipoloxía de solicitante.

– Nos casos de renting: a empresa arrendadora.

– No caso de pagamentos mediante un contrato de financiamento deberase achegar copia do contrato de financiamento.

3º. Non se admitirán os supostos de autofacturación.

4º. En ningún caso poderá concertar o beneficiario a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos recollidos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5º. Non se admitirán como xustificantes os documentos acreditativos de pagamento obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade.

6º. No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.

7º. No caso de que as persoas beneficiarias da axuda se acollan a cesión do dereito de cobramento, establecido no punto 1 do artigo 83 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, considerase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramento da subvención a favor dos cesionarios.

8º. No caso de axudas para o Programa de incentivos 1. Adquisición de vehículos eléctricos, tramitadas a través de entidades colaboradoras, nas que o beneficiario pague directamente o vehículo o provedor/fabricante, deberá achegarse Declaración responsable emitida polo provedor/fabricante onde apareza a relación de facturas e os pagamentos recibidos.

9º. En ningún caso se admitirán os pagamentos xustificados mediante recibo do provedor nin os pagamentos por caixa ou en efectivo.

b) Para o Programa de Incentivos 1. Adquisición de vehículos eléctricos ademais da documentación que figura na letra a) deberán achegar:

i. Ficha Técnica (tarxeta ITV) do vehículo adquirido.

ii. Permiso de circulación do vehículo adquirido ou do permiso de circulación provisional emitido pola Dirección Xeral de Tráfico. Nos casos nos que se emita Permiso temporal para vehículos cuxa matrícula comece pola letra P, esixirase que se xunte o permiso de circulación no prazo de 1 mes. Para os usos de servizo de taxi ou de servizos de aluguer con condutor ( VTC) verificarase que no campo D.4 do vehículo adquirido, conste PUBL-Taxi (código A04) ou «aluguer con condutor ( ACC)».

iii. No caso de renting ou leasing operativo, achegarase unha copia do contrato de renting o leasing operativo, que estableza unha duración mínima de dous anos (2 anos) e onde figure como arrendatario deste o solicitante de axuda ou potencial destinatario final da axuda. A data deste contrato deberá ser posterior ao 9 de abril de 2021 ou a data de presentación da solicitude de axuda en función da tipoloxía de solicitante. Ademais, incluirase expresamente que a empresa de renting repercutirá o total da axuda nas cotas do arrendatario que queden por aboar con efectos desde a data na que a empresa de renting reciba o importe da axuda.

No suposto de que o importe da suma de cotas pendentes por aboar fose inferior ao importe total da axuda, o contrato de renting recollerá a forma e prazo de aboamento do excedente de axuda ao destinatario último, á finalización do contrato de arrendamento.

Se a axuda tramitou directamente o destinatario último, documento de endoso ou de cesión do dereito de cobranza no que autorice á empresa de «renting» que vaia recibir a axuda.

iv. Cando se opte por achatarrar un vehículo:

1º. Certificado acreditativo da baixa definitiva do vehículo, por parte do correspondente Centro Autorizado de Tratamento de Vehículos (CAT), en nome da Dirección Xeral de Tráfico ou, no seu defecto, Informe do Rexistro Xeral de Vehículos da correspondente Xefatura Provincial de Tráfico, que acredita a baixa definitiva.

2º. Copia do Permiso de circulación do vehículo onde conste a data de primeira matriculación, data de matriculación en España e data de expedición. En ausencia de calquera destes documentos, achegarase o Informe da Dirección Xeral de Tráfico co historial do vehículo.

3º. Recibo do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica do vehículo achatarrado, debidamente aboado, alomenos desde o exercicio 2020.

v. No caso de vehículos eléctricos e de pila de combustible de ata nove meses (9 meses) de antigüidade, achegarase o permiso de circulación do vehículo a nome do concesionario, punto de venta ou fabricante/importador que realice a venta do vehículo ao destinatario último da axuda.

vi. Certificación que acredite os datos bancarios para transferencia do importe da axuda, no caso de entidades colaboradoras ou intermediarias como puntos de venda de vehículos ou empresas de renting, que adiantasen o importe da axuda ao destinatario último, acompañada da factura ou contrato e xustificante de pagamento, no suposto de entidade colaboradora ou intermediaria e acompañada do contrato, xustificante de pagamento do vehículo e o documento polo cal se cede o dereito de cobranza no suposto de entidades de renting.

c) Para o Programa de incentivos 2. Implantación de Infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, ademais da documentación que figura na letra a) debe achegar:

i. Memoria técnica ou proxecto da instalación realizada se así o require, segundo regulamento electrónico de baixa tensión.

ii. Para os casos de recarga de acceso público, localización dos sistemas de recarga, referencia destes nun plano, indicando enderezo, número e coordenadas GNSS (GPS, Galileo ou outras constelacións, compatibles co Real decreto 1071/2007, do 27 de xullo), de lonxitude e latitude. No caso de edificios e aparcadoiro, as coordenadas referiranse ao acceso principal de vehículos a este.

iii. No caso de que o beneficiario sexa unha persoa xurídica pública achegará unha certificación acreditativa da data de publicación dos pregos da licitación para a adquisición dos bens e/ou servizos obxecto da axuda, expedido polo órgano competente da persoa xurídica pública beneficiaria correspondente.

iv. Se o beneficiario é unha persoa física ou xurídica privada xuntará unha copia do contrato de subministración dos bens e/ou servizos obxecto da axuda, formalizado pola persoa física ou xurídica privada beneficiaria correspondente. A data do contrato deberá ser posterior ao 9 de abril de 2021 ou da data de presentación da solicitude de axuda en función da tipoloxía de solicitante.

v. Xustificante da solicitude de inscrición no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria no cal se recolla tanto a identificación do titular da instalación como o código de acceso, para ter a posibilidade de verificación, se for necesario.

vi. Documentación xustificativa de que a instalación conta coas preceptivas licenzas e autorizacións administrativas, no caso de que a actuación o requira.

vii. Declaración responsable, deberá acreditar que non discrimina o acceso a ningún usuario, permitindo recargar sen que medie contrato entre operador do punto de recarga e usuario, no caso de recarga de acceso público.

viii. Certificado do instalador no que se indique a data de finalización da instalación subvencionada asinado polo técnico competente, en todo caso, a data de finalización debe estar comprendida dentro do período de xustificación. Naquelas actuacións que requiran proxecto achegarase no seu lugar o certificado de dirección de obra.

Artigo 21. Incumprimentos xerais do proxecto

1. Incumprimento total.

Se se xustifican conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60% do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinará a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.

2. Incumprimento parcial.

Se a xustificación é igual ou superior ao 60 %, pero sen acadar o 100 % do investimento subvencionable, percibirá a subvención proporcional correspondente ao investimento xustificado admisible, sempre que cumpra o resto das condicións de concesión e a finalidade ou obxectivos para os que se concedeu a axuda.

Artigo 22. Pagamento das axudas

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material na que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 23. Reintegro de subvencións e réxime de sancións

1. O Inega reservase para si o dereito a realizar cantas comprobacións, inspección e demais medidas de control que se estimen oportunos para velar pola correcta aplicación dos recursos públicos, e os beneficiarios someteranse as actuacións de control que realice o Inega para o seguimento dos proxectos aprobados e as de control financeiro que correspondan a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Se no curso destas verificacións se detectase que os beneficiarios da subvencións ou as entidades colaboradora adheridas incumpriron algunha das condicións establecidas nesta bases reguladoras, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios e, se é o caso, o deber de reintegrar as cantidades obtidas indebidamente cos xuros legais que correspondan, sen prexuízo das accións legais e sancións que correspondan.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. As entidades colaboradoras e os beneficiarios das subvención, de ser o caso, estarán suxeitos ao réxime sancionador previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e desenvolto no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

Artigo 24. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda an información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 25. Incompatibilidade das subvencións

1. As subvencións concedidas ao abeiro destas convocatoria serán incompatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 16 desta convocatoria.

Artigo 26. Publicidade

1. O Inega publicará as subvencións concedidas ao amparo destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal) e no Diario Oficial de Galicia expresando a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas. Incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

Artigo 27. Información ós interesados

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

1. Na páxina web do Inega (www.inega.gal) e no correo electrónico inega.info@xunta.gal

2. No teléfono 981 54 15 00.

Artigo 28. Réxime de recursos

Contra as resolucións ditadas ao abeiro destas bases poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

1. Recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o presidente da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

2. Contra as resolucións de reintegro, recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante á directora da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2021

Paula María Uría Traba
Directora do Instituto Enerxético de Galicia

Anexos:

Anexo I. Solicitude de adhesión de entidades colaboradoras.

Anexo II. Convenio de adhesión.

Anexo III. Formulario de solicitude de axuda.

Anexo IV. Documentación de representación.

Anexo V. Declaración compromisos de execución de agrupacións.

Anexo VI. Renuncia.

Anexo VII. Solicitude de modificación de proxecto.

Anexo VIII. Solicitude de pagamento.

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO II

Convenio de colaboración entre o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e a entidade colaboradora ___________para a xestión das subvencións do Programa de incentivos 1. Adquisición de vehículos eléctricos/2. Implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos, correspondente ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa MOVES III) para as anualidades 2021 a 2025

Santiago de Compostela, ____ de _________ de ______

Dunha parte, a directora do Inega, en virtude das facultades do seu cargo e das que lle foron conferidas en virtude das atribucións que lle confire o artigo 16 do Decreto 142/2016, do 22 de setembro, polo que se modifican as normas reguladoras do Instituto Enerxético de Galicia e se aproban os estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia (DOG núm. 212, do 8 de novembro) e polo Acordo do Consello da Xunta, do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares, publicado mediante Resolución, do 8 de abril de 1991, da Consellería de Economía e Facenda.

Da outra parte___________________________________, con NIF____________, actuando en nome e representación da entidade ________________________________________________ con NIF/CIF _______________, debidamente facultado para subscribir este convenio,

EXPOÑEN:

I. Que o Inega acordou realizar unha selección de entidades colaboradoras para a tramitación das axudas para o programa estatal de incentivos a mobilidade eléctrica (programa MOVES III), estas entidades colaboradoras actuarán de ligazón entre o Inega e os beneficiarios das axudas que se convoquen para a Actuación 1. Adquisición de vehículos eléctricos e para a Actuación 2. Implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos.

II. Que ambas as partes consideran que, por razóns de eficacia na xestión e co fin de conseguir unha mellor prestación de servizos aos beneficiarios das axudas, e de conformidade cos artigos 9 e 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordan subscribir o presente convenio de colaboración, de conformidade coas seguintes estipulacións:

Primeira. Obxecto da colaboración

O obxecto deste convenio consiste en establecer un marco de colaboración entre o Inega e a entidade ________________________________________ de acordo coa Resolución do ____ de _______ de 2021, pola que se aproba a convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa MOVES III) para as anualidades 2021 a 2025 (Diario Oficial de Galicia núm. ____, de ___ de _______ de ___).

Segunda. Entidade colaboradora

A entidade ______________________________________________________ é unha entidade colaboradora que cumpre co establecido no artigo 6.1 e 6.4 da convocatoria do procedemento de concesión de axudas correspondentes ao Programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa MOVES III) para as anualidades 2021 a 2025 (código de procedemento IN421Q e IN421R) (en diante, convocatoria das axudas), que acredita o cumprimento dos requisitos para a xestión das subvencións da Actuación 1. Vehículos eléctricos/Actuación 2. Implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos e as condicións de solvencia económica e técnica previstas na mencionada resolución.

Terceira. Prazo de duración

Este convenio terá vixencia ata o 31 decembro de 2026.

Cuarta. Obrigacións da entidade colaboradora

A entidade colaboradora obrígase, ademais do establecido no artigo 6.4.a da convocatoria das axudas, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ao seguinte:

– Asumir a tramitación e xestión ante o Inega das axudas dos beneficiarios.

– Comprobar e certificar o cumprimento das condicións ou requisitos establecidos na convocatoria das axudas para que os solicitantes obteñan a condición de beneficiario, así como, a idoneidade da documentación que se lles esixe para a percepción da subvención.

– Presentar as solicitudes das axudas dos beneficiarios e a documentación xustificativa do desenvolvemento das actuacións, tal e como se recolle na convocatoria das axudas.

– Vender, xestionar ou instalar ao solicitante da axuda, no marco da iniciativa, só os equipos que cumpran coas condicións establecidas na convocatoria de axudas.

– Comunicarlle ao Inega calquera variación que se produza nos datos inicialmente indicados para adherirse a este convenio, garantindo a confidencialidade dos datos fornecidos.

– Cumprir as normas sobre confidencialidade de datos, concretamente o Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección da persoa física no que respecta ao tratamento dos datos persoais e a libre circulación destes datos e as normas que o desenvolvan.

– Atoparse sometida ás actuacións de comprobación e control previstas na letra d) do artigo 12 da mencionada Lei 9/2007.

– Atoparse ao día no pagamento das obrigacións coa Facenda Pública do Estado, da Administración autonómica así como coa Seguridade Social.

– Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.

– Conservar a documentación xustificativa durante un período de 5 anos a partir do pagamento do saldo ou, a falta do dito pagamento, da operación. Este período será de 3 anos se o financiamento é dun importe inferior ou igual a 60.000 euros.

Quinta. Compromisos da entidade colaboradora

Ademais dos compromisos establecidos no artigo 6.4.b) da convocatoria das axudas, a entidade colaboradora comprométese a:

– Coñecer o contido da convocatoria destas axudas e deste convenio e cumprir cos requisitos establecidos neles.

– Que posúe a solvencia técnica e económica segundo o establecido no artigo 6.1 da resolución.

– Que consente expresamente a utilización de medios electrónicos na comunicación entre as entidades colaboradoras e o Inega segundo o establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Que non se atopa incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de entidade colaboradora recollidas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

– Que comunicará ó Inega calquera variación que poida ocorrer nos datos recolleitos nos documentos presentados.

– Que autoriza o órgano xestor para que solicite a información necesaria en relación ao NIF da entidade colaboradora. De non dar a autorización para a comprobación mencionada, deberá presentar copia do NIF da entidade colaboradora (non do representante legal).

– Que autoriza o órgano xestor para que solicite a información necesaria para coñecer se o solicitante da adhesión está ao día nas súas obrigacións coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría da Seguridade Social e coa Facenda da administración da Comunidade Autónoma de Galicia. De non dar a autorización para a comprobación mencionada anteriormente, deberá presentar certificación xustificativa de estar ao día coas súas obrigacións cos organismos sinalados anteriormente.

Sexta. Obrigacións do Inega

– Facilitar a entidade colaboradora toda a información e documentación normalizada que precise durante a tramitación da convocatoria de axudas.

– Dispoñer na páxina web do Inega (www.inega.gal) unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas ao programa.

– Manter informada en todo momento e comunicar á entidade colaboradora o estado de tramitación das axudas.

Sétima. Xustificación dos requisitos dos beneficiarios

A xustificación polos beneficiarios das condicións establecidas para o outorgamento das subvencións correspondentes, realizarase no momento da solicitude.

A entidade colaboradora atópase obrigada a requirir aos beneficiarios a documentación establecida na convocatoria das axudas, así como a comprobar estae a gardar a mencionada documentación durante o período indicado na estipulación cuarta.

Oitava. Rexistro especial de operacións

A entidade colaboradora, para facilitar a xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas na convocatoria das axudas, levará un rexistro especial das operacións que se realicen dentro de cada convocatoria de axudas, que estará a disposición do Inega e demais órganos fiscalizadores da Comunidade Autónoma de Galicia, do Estado e da Comunidade Europea.

Neste rexistro gardarase unha copia da documentación xustificativa das operacións rexistradas, así como da documentación que lle entreguen os beneficiarios.

Novena. Requisitos da entidade e dos beneficiarios

Os requisitos que debe cumprir e facer cumprir a entidade colaboradora nas diferentes fases do procedemento de xestión das subvencións, son os que se especifican nos artigo 6.4 da convocatoria das axudas.

Décima. Xustificación das subvencións

Os beneficiarios xustificarán as subvencións, a través da entidade colaboradora, nos prazos e na forma prevista nos artigos 18 e 19 da convocatoria das axudas.

Undécima. Causas de resolución

Son causas de resolución deste convenio entre o Inega e a entidade colaboradora, o incumprimento total ou parcial dalgunha das estipulacións contidas nas súas cláusulas, no articulado das bases reguladoras das axudas, sen prexuízo da tramitación dos compromisos adquiridos con anterioridade sobre expedientes en curso, así como a falsidade ou inexactitude nos datos e documentos presentados polas entidades colaboradoras.

Décimo segunda. Incumprimento

Se no curso das verificacións que realizará o Inega, detectásese que a entidade colaboradora incumprise algunha das condicións establecidas na normativa de aplicación, resolverase a adhesión, o que implicará a perda dos beneficios.

Décimo terceira. Natureza administrativa

O presente convenio ten natureza administrativa, quedando fora do ámbito de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público; sen prexuízo da aplicación dos principios e criterios da devandita lei para resolver as dúbidas ou lagoas que puidesen presentar. Rexerase polas súas propias cláusulas e, supletoriamente, polas normas xerais do dereito administrativo. As dúbidas que poidan xurdir en relación coa interpretación e cumprimento do convenio resolveranse de común acordo, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativo.

Décimo cuarta. Normativa reguladora especial

Para todo o non previsto neste convenio, observarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Acordo do Consello da Xunta do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares; na Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público; na Lei 4/2019, do 17 de xuño, de administración dixital de Galicia. Así como no resto das normas xerais do procedemento administrativo.

Na medida en que as subvencións concedidas ao abeiro desta convocatoria están financiadas con fondos procedentes do programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica (programa MOVES III estarán sometidas ao disposto no Real decreto 266/2021, do 13 de abril, polo que se regula o programa de incentivos á mobilidade eléctrica (programa MOVES III) e onde se establecen as bases reguladoras das axudas a actuacións de apoio a mobilidade baseada en criterios de eficiencia enerxética, sustentabilidade e impulso do uso da enerxía eléctrica, incluída a disposición de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos.

(Sinatura)
Paula María Uría Traba
Directora do Instituto Enerxético de Galicia

(Sinatura)
Pola entidade colaboradora,
Representante legal de ______________

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file