Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 149 Xoves, 5 de agosto de 2021 Páx. 39236

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2021, da Secretaría Xeral da Igualdade, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación, por parte de entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2021 (código de procedemento SI461B).

En novembro de 2016, o Pleno do Congreso dos Deputados aprobou, por unanimidade, unha proposición non de lei pola que se instaba o Goberno a promover a subscrición dun pacto de Estado en materia de violencia de xénero por parte do Goberno da Nación, das comunidades autónomas e cidades con estatuto de autonomía e da Federación Española de Municipios e Provincias, que siga impulsando políticas para a erradicación da violencia sobre a muller como unha verdadeira política de Estado. Así, no seo da Comisión de Igualdade do Congreso, creouse unha subcomisión que tivo como obxectivo elaborar un informe en que se identificasen e analizasen os problemas que impiden avanzar na erradicación das diferentes formas de violencia de xénero e no cal se incluíse un conxunto de propostas de actuación, entre elas as principais reformas que se deben acometer para dar cumprimento efectivo a ese fin, así como ás recomendacións dos organismos internacionais.

Pola súa banda, a Comisión de Igualdade do Senado decidiu, o 21 de decembro de 2016, a creación dunha ponencia que estudase e avaliase, en materia de violencia de xénero, os aspectos de prevención, protección e reparación das vítimas, analizase a estratexia para acadar e implementar un pacto de Estado contra a violencia de xénero e examinase a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero. O 13 de setembro de 2017, o Pleno do Senado aprobou, por unanimidade, o Informe da ponencia de estudo para a elaboración de estratexias contra a violencia de xénero.

O 27 de decembro de 2017, todas as comunidades autónomas ratificaron de común acordo o documento final do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, que, no seu eixe 3, recolle de maneira específica medidas para «o perfeccionamento da asistencia, axuda e protección ás vítimas», e, entre elas, a elaboración de propostas para mellorar o apoio social, educativo, de formación e inserción laboral das mulleres que sofren violencia de xénero.

A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, inclúe dentro das formas de violencia de xénero a trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual. Así mesmo, a dita lei establece as medidas conducentes a coordinar e planificar os recursos necesarios, entre eles o de inserción laboral, e dedica o seu capítulo IV ás medidas no ámbito da formación e o emprego, e sinala no seu artigo 35 que, co fin de favorecer a integración sociolaboral das mulleres que sofren violencia de xénero, a Xunta de Galicia adoptará, entre outras, medidas como o establecemento dun réxime de axudas e subvencións para o fomento do emprego das mulleres que sofren violencia de xénero.

O Decreto 110/2020, do 6 de setembro, establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia e crea a Consellería de Emprego e Igualdade, e o Decreto 215/2020, do 3 de decembro, establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade. Neste último establécese que lle corresponde á Secretaría Xeral da Igualdade, como órgano superior da Administración autonómica, entre outras funcións «as de impulsar as actuacións conducentes á promoción da igualdade e á eliminación da discriminación entre mulleres e homes, así como a eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.

Considerando que a independencia económica é clave para garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero consigan maior estabilidade persoal, social e laboral, esta resolución supón un paso máis na mellora da súa inserción laboral, articulando axudas económicas ás entidades sen ánimo de lucro para fomentar a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero e que a curto prazo non poden acadar un posto de traballo no mercado laboral ordinario.

Por todo o exposto, unha vez obtidos os informes preceptivos na tramitación, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar para o ano 2021, en réxime de concorrencia non competitiva, as subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades sen ánimo de lucro, de mulleres que sofren violencia de xénero, ao abeiro do disposto na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, ata un máximo de doce (12) mensualidades para mellorar e facilitar a súa inserción laboral.

Por medio desta convocatoria as entidades terán a posibilidade de obter axudas para a contratación por conta allea de mulleres que sofren violencia de xénero (código de procedemento SI461B).

2. A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu apoderamento, e reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.

3. O procedemento de concesión destas subvencións tramítase mediante o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo a cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 da mesma lei.

4. As subvencións recollidas nesta resolución concederanse cando a contratación se produza con posterioridade á súa publicación.

Artigo 2. Financiamento

1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total de 600.000 euros, que se imputarán á aplicación orzamentaria 11.02.313D.480.2 (código do proxecto 2018 00112) dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio 2021.

A dita partida orzamentaria finánciase con fondos finalistas do Estado, que os orzamentos xerais do Estado destinan ao desenvolvemento ou ampliación das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

2. De acordo co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, excepcionalmente poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles cando o aumento veña derivado dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito; da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo. O incremento do crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade como consecuencia das circunstancias sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.

A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

3. O incremento de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, se for o caso, destinarase á concesión daqueloutras solicitudes que por insuficiencia de crédito non chegaron a obter subvención.

Artigo 3. Contía da subvención

1. A contía da subvención que se concederá ás entidades sen ánimo de lucro beneficiarias será, por cada muller contratada a tempo completo, a equivalente á necesaria para sufragar durante o período de contratación, ata un máximo de doce (12) mensualidades, as retribucións salariais brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social por conta da entidade empregadora, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo convenio colectivo ou normativa laboral aplicable vixente no momento de formular a solicitude e acorde coa súa categoría profesional.

2. O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se concerten a tempo parcial.

3. Para os efectos desta subvención, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.

4. O número máximo de contratacións que se subvencionará por cada entidade solicitante establécese en dúas (2) contratacións.

5. O importe das subvencións reguladas nesta resolución en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas das distintas administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da acción que vai desenvolver a entidade beneficiaria.

Artigo 4. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias da subvención prevista nesta resolución:

a) As entidades sen ánimo de lucro.

b) As cooperativas sen ánimo de lucro segundo o disposto na disposición adicional cuarta da Lei 14/2011, do 16 de decembro, pola que se modifica a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, que acrediten o cumprimento das previsións da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, respecto dos topes máximos de traballadores ou traballadoras por conta allea.

2. Para seren beneficiarias, as entidades sen ánimo de lucro e as cooperativas sen ánimo de lucro deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Carecer de ánimo de lucro.

b) Ter o seu domicilio social en Galicia ou delegación na Comunidade Autónoma.

c) Cumprir os requisitos e as condicións establecidos na normativa xeral de subvencións.

2. Todos os requisitos exixidos se deberán cumprir na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes e se deberán manter durante todo o período de execución dos programas subvencionados.

3. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Non poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as empresas privadas, as administracións públicas, as sociedades públicas, nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas.

Artigo 5. Compatibilidade das axudas

As subvencións para as actuacións recollidas nesta convocatoria son incompatibles con calquera outra axuda pública, ou incentivo á contratación, para a mesma actuación e contratación outorgada por calquera Administración pública.

Artigo 6. Persoas destinatarias finais

1. As persoas destinatarias finais das subvencións reguladas nesta resolución serán:

a) As mulleres vítimas de violencia de xénero, incluídas as mulleres que padecesen violencia vicaria ou violencia «por interpósita persoa», con resultado de morte, inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia.

2. Para os efectos desta resolución, entenderase por mulleres en situación de violencia de xénero todas aquelas que cesasen a relación de convivencia ou dominación co agresor, se é o caso, e acrediten a situación de violencia, mediante algún dos documentos seguintes:

a) Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada polo/a secretario/a xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.

b) Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia de xénero, ou documento xudicial que declare que a muller é vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

c) Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia e/ou de trata de seres humanos con fins de explotación sexual, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.

d) Informe das forzas e corpos de seguridade que indique a existencia de indicios claros de trata de seres humanos con fins de explotación sexual.

e) Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero.

f) Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero.

g) Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.

En todo caso, a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe estar emitida ou asinada no prazo dos 24 meses anteriores á data de contratación.

Artigo 7. Requisitos da contratación

1. As contratacións polas cales se conceda a subvención deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que sexan executadas polas entidades beneficiarias en réxime de administración directa.

b) Que a duración dos contratos sexa, como mínimo, de catro (4) meses.

c) Que a contratación sexa para xornada de traballo a tempo completo ou a tempo parcial non inferior ao 50 por 100.

d) Que a entidade beneficiaria dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo dos gastos non subvencionables ao abeiro desta resolución, se for o caso.

e) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesional das mulleres contratadas.

f) Que a súa execución ou prestación se realice nun centro de traballo situado na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Con independencia da duración do contrato, o período subvencionable será, como máximo, de doce (12) meses.

Artigo 8. Profesional de referencia

A entidade beneficiaria designará unha persoa de apoio para a traballadora ou traballadoras contratada/s, que actúe como profesional de referencia no tempo que dure a contratación das ditas traballadoras e que poderá contar, pola súa vez, con apoio de persoal técnico da Secretaría Xeral da Igualdade con formación en xénero.

Artigo 9. Selección das candidatas

1. As entidades beneficiarias das axudas poderán establecer liñas de colaboración e contactar cos centros de información á muller, cos centros da Rede galega de acollemento, co Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren violencia de xénero e con calquera outro servizo público que traballe no eido da violencia de xénero, así como coas oficinas de emprego para a selección de candidatas para a súa contratación, sempre e cando estas reúnan os requisitos recollidos no artigo 6.

2. Todas as entidades indicadas no parágrafo anterior deberán cumprir a normativa de protección de datos persoais, en concreto o disposto no Regulamento (UE) nº 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos), na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa concordante.

Artigo 10. Contratación das traballadoras

1. As entidades beneficiarias, antes de realizaren a contratación, deberán remitir a selección das candidatas á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, mediante o anexo III, para a comprobación dos requisitos destas e a notificación posterior á entidade de que a selección é correcta.

2. Se a entidade non comunica a selección da/das candidata/s á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero e realiza a contratación directamente, minorarase a subvención concedida polo tempo que medie desde a realización do contrato e ata que a dita subdirección xeral notifique que as candidatas seleccionadas cumpren os requisitos desta resolución.

3. Realizados os trámites previstos no número 1 deste artigo, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación utilizando a modalidade contractual de acordo coa lexislación vixente. O contrato de traballo formalizarase por escrito e comunicarase ao Servizo Público de Emprego de Galicia.

En todo caso, no contrato de traballo subscrito deberá constar con claridade a prestación dos servizos que se contratan.

A entidade beneficiaria asume a súa condición de empregadora respecto ás traballadoras contratadas e o compromiso de cumprir a normativa laboral en materia de contratación.

Así mesmo, deberalles facilitar ás traballadoras os elementos persoais e materiais necesarios para levar a cabo o seu traballo e achegar a súa propia dirección e xestión para a articulación da colaboración conservando a estrutura de mando sobre o seu persoal, e será responsable das tarefas técnicas que desenvolvan.

A concesión e o uso destas axudas non suporán, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.

4. As entidades darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.

5. A data límite para a realización dos contratos será o 29 de outubro de 2021.

Artigo 11. Substitución de traballadoras

1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa en substitución daquela que causou baixa, durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días seguintes ao da baixa na Seguridade Social da inicialmente contratada.

2. No suposto de baixas temporais por causas que se prevexa que sexan de longa duración, superior a 30 días, a substitución só será posible logo de autorización expresa da Secretaría Xeral de Igualdade por solicitude fundamentada da entidade contratante.

3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos nesta resolución e deberá ser notificada á Secretaría Xeral da Igualdade nun prazo máximo de quince (15) días desde a correspondente contratación, indicando a causa da baixa. Na notificación, a entidade beneficiaria deberá achegar os seguintes documentos:

a) Parte de baixa na Seguridade Social da persoa substituída.

b) Parte de alta na Seguridade Social e do contrato de traballo da persoa substituta.

c) Documento de información da subvención á traballadora, debidamente asinado, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

4. Tanto no caso de extinción, como de substitución por suspensión do contrato, a selección da persoa substituta deberá levarse a cabo de acordo co disposto nos artigos 6 e 9 desta resolución.

5. De non se producir a substitución ou cando, mesmo producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo for inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, procederase á redución ou reintegro da subvención concedida polo importe correspondente. En ningún caso se poderá producir un incremento da subvención concedida e a entidade beneficiaria deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións comporten, de ser o caso.

Artigo 12. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se este último día é inhábil, entenderase prorrogado ata o primeiro día hábil seguinte. Se no mes de vencemento non hai día equivalente, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 13. Forma e lugar de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade con artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderase utilizar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación incondicionada destas bases reguladoras.

3. Será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información.

Artigo 14. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar coa súa solicitude a seguinte documentación:

1. Acreditación da persoa que asina a solicitude, en nome e representación da entidade mediante a correspondente documentación de apoderamento, resolución, mandato, certificado expedido polo secretario ou secretaria, ou acta onde se determine a dita representación.

2. Anexo II: certificación do/da representante da entidade en que consten os seguintes aspectos:

a) A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.

b) A disposición de orzamento para financiar a acción obxecto da subvención solicitada, na parte non subvencionable, de ser o caso.

c) As retribucións salariais brutas totais das traballadoras que se van contratar, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas da Seguridade Social por conta da entidade por todos os conceptos, que se lle/s abonarán á/s traballadora/s que se van contratar, segundo convenio colectivo ou normativa laboral aplicable.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común da administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada que os achegue.

3. A documentación complementaria deberase presentar electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o cal poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

4. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pódese consultar na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.

b) NIF da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento á Seguridade Social.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias á Axencia Tributaria de Galicia.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tibutarias á AEAT.

f) Certificado de estar inscrita/s no Servizo Público de Emprego de Galicia da/das candidata/s propostas para a súa contratación.

g) A condición de vítima de violencia de xénero.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente, habilitado no formulario correspondente, e achegar os ditos documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 16. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 17. Publicación na BDNS

En cumprimento do previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitiranse á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 18. Instrución

1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Secretaría Xeral da Igualdade.

2. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e ao ser unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas.

3. De conformidade co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na resolución de convocatoria, a Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero requirirá a interesada para que a emende no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fai, se considerará por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

4. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, en calquera fase do procedemento poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.

5. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta resolución ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.

Artigo 19. Resolución

1. A resolución dos expedientes das subvencións reguladas nesta resolución correspóndelle á Secretaría Xeral da Igualdade, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, que logo da fiscalización da proposta do órgano instrutor pola Intervención delegada, resolverá a concesión ou denegación da axuda mediante resolución motivada e individualizada.

2. O prazo de resolución e notificación será de tres (3) meses contados a partir da finalización do prazo de presentación da solicitude. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución pola cal se conceda a subvención indicará as contratacións subvencionables e determinará a súa duración, así como a contía da subvención que se vai outorgar, que deberán ser xustificadas na forma sinalada no artigo 23 desta resolución.

4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez días a súa aceptación e comprometerase a executar a actuación subvencionada no prazo e nas condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada, segundo o disposto no artigo 21.5, parágrafo 2º, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

5. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.

6. Será causa de denegación da concesión da subvención o esgotamento do crédito consignado para estes efectos na partida orzamentaria fixada no artigo 2 desta resolución.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Réxime de recursos

1. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, perante a secretaria xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou ben recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación no mesmo diario oficial.

2. As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro desta resolución poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, perante a Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa.

Artigo 22. Modificación da resolución de concesión

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Así mesmo, poderase acordar a modificación da resolución da subvención por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Estas bases habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa de aplicación.

Artigo 23. Xustificación e pagamento

1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. A contía da subvención concedida aboaráselles ás entidades beneficiarias nun pagamento único polo importe que lles corresponda, logo de presentar a documentación xustificativa que se relaciona no número 5 deste artigo, unha vez cumprido o obxecto para o cal foi concedida.

3. De acordo co establecido no artigo 65.4.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación cos artigos 62.3 e 67 do mesmo corpo legal, quedan exonerados da constitución de garantías os beneficiarios e as beneficiarias de subvencións con cargo aos créditos orzamentarios correspondentes ao capítulo IV, transferencias correntes, destinados a familias e institucións sen fins de lucro.

4. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación dentro do prazo de quince (15) días hábiles desde o cumprimento do obxecto para o cal foi concedida, é dicir, a contratación, e, en todo caso, con data límite do 15 de novembro de 2021.

5. Documentación xustificativa:

1. Xunto coa solicitude de pagamento (anexo IV) deberase achegar:

a) Anexo V: declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas ou subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas, para a mesma actuación, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións.

b) Anexo VI: certificado do/da representante, do/a secretario/a da entidade beneficiaria, que incluirá unha táboa coas retribucións salariais brutas da/s traballadora/s contratada/s ao abeiro desta resolución, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotizacións empresariais á Seguridade Social.

c) Contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego.

d) Partes de alta na Seguridade Social, xunto co informe de datos de cotización (IDC).

e) Documentos de información da subvención ás traballadoras, debidamente asinados, segundo modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

6. Non se poderá realizar, en ningún caso, o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias-estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

7. Transcorrido o prazo establecido sen ter presentado a documentación xustificativa, o órgano instrutor requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días a presente. Así mesmo, cando o órgano competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. A falta de presentación da xustificación ou a non corrección no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención (artigos 45 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia).

Artigo 24. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta resolución e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular as seguintes:

1. Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade á proposta de resolución, así como antes das correspondentes propostas de pagamento.

2. Realizar a actuación que fundamenta a concesión da subvención e acreditalo perante o órgano concedente, dentro do período e dos prazos establecidos, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nesta resolución e na de concesión.

3. Manter a duración temporal de cada contratación establecida na resolución de concesión.

4. Aboarlles ás persoas contratadas, con carácter mensual e mediante transferencia bancaria, os salarios que lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais de Seguridade Social totais, de ser o caso.

5. No caso de nóminas, que comportan ingresos á conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación, o importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto en que se reflicta o importe da retención ou cotización devindicadas na data de xustificación, se a entidade quedase obrigada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao do remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario.

6. Someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar a Secretaría Xeral da Igualdade e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

7. Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada, e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.

8. Comunicarlle á Secretaría Xeral da Igualdade, nun prazo de cinco (5) días, aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras contratadas, co obxecto de que poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.

9. Comunicarlle á Secretaría Xeral da Igualdade a obtención doutras subvencións ou axudas, para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.

10. Reintegrar, total ou parcialmente, a subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos nesta resolución e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

11. Utilizar os documentos de información da subvención ás traballadoras, no modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

12. Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

13. Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, en virtude da mostra seleccionada estatisticamente e/ou segundo criterios baseados no risco, poida realizar o persoal técnico da Secretaría Xeral da Igualdade.

14. Para os efectos de realizar un seguimento adecuado da execución dos proxectos por parte da Secretaría Xeral da Igualdade, a entidade beneficiaria deberase someter ao cumprimento do disposto no artigo seguinte.

Artigo 25. Seguimento

1. Sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nesta norma, co fin de efectuar un seguimento adecuado das subvencións concedidas ao abeiro desta resolución, as entidades beneficiarias deberán remitirlle á Secretaría Xeral da Igualdade, no prazo dun mes desde a finalización da última mensualidade subvencionada, a seguinte documentación:

a) Memoria final, asinada polo órgano competente da entidade, que recolla o perfil das traballadoras contratadas ao abeiro desta subvención, así como a práctica profesional adquirida e a perspectiva de inserción laboral, segundo o modelo que figura na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

b) Certificado de fin de actuación asinado polo/a representante da entidade, polo/a secretario/a da entidade, segundo o modelo que consta na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade.

c) Nóminas aboadas ás persoas traballadoras e transferencia bancaria do seu pagamento.

d) Boletíns de cotización á Seguridade Social (recibo de liquidación de cotizacións e relación nominal de persoas traballadoras ou documento equivalente expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social), así como os documentos bancarios que acrediten o seu pagamento. Esta documentación deberá ser presentada no prazo de quince (15) días desde o seu pagamento.

e) Modelo 111 e xustificantes do seu pagamento correspondentes ao período en que se levou a cabo a contratación. Esta documentación deberá ser presentada no prazo de quince (15) días desde o seu pagamento.

Artigo 26. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas e condicións contidas nesta resolución ou demais normativa aplicable, así como das que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

2. De conformidade co artigo 14.1.n) da citada Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deberá reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) Procederá o reintegro total da subvención percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer o beneficiario, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas ou subvencións que financien as actuacións subvencionadas.

b) Procederá o reintegro do 10 % da subvención percibida, no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade.

c) Procederá o reintegro do 100 % da subvención percibida no caso de incumprimento da obriga de presentación da documentación exixida no artigo 23 e, así mesmo, procederá o reintegro proporcional no caso de que a documentación presentada ao abeiro do dito artigo non xustifique a totalidade da subvención percibida.

d) Procederá o reintegro do 100 % da subvención percibida no caso de incumprimento da obriga de presentación da documentación exixida no artigo 25 e, así mesmo, procederá o reintegro proporcional no caso de que a documentación presentada ao abeiro do dito artigo non xustifique a totalidade da subvención percibida.

e) Procederá o reintegro do 100 % da subvención percibida no caso de incumprimento da obriga de satisfacer mensualmente, mediante transferencia bancaria, as obrigacións económicas de carácter salarial.

f) Procederá o reintegro do 100 % da subvención percibida no caso de incumprimento da obriga de satisfacer as obrigacións económicas de carácter salarial, establecidas polo convenio colectivo de aplicación ou normativa laboral vixente, que foron tomadas en conta para o cálculo da subvención.

2. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. As obrigas de reintegro establecidas neste artigo enténdense sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

4. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia que lle será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da axuda. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida.

Artigo 27. Transparencia e bo goberno

1. Deberáselles dar cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.

Artigo 28. Publicación dos actos

1. Publicaranse no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as subvencións concedidas, con expresión da convocatoria, o programa e crédito orzamentario o que se imputen, a entidade beneficiaria, a cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención.

2. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das entidades beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, se poidan impoñer nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 29. Información ás entidades interesadas

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI461B, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nas unidades administrativas de igualdade das delegacións territoriais da Consellería de Emprego e Igualdade, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/portada, ou da Secretaría Xeral da Igualdade, https://igualdade.xunta.gal, nos teléfonos 981 95 72 68 e 981 54 53 61, ou no enderezo electrónico: vx.igualdade@xunta.gal.

Artigo 30. Remisión normativa

En todo o non previsto nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento e demais normativa de aplicación.

Disposición adicional única. Esgotamento de crédito

Unha vez esgotado o crédito, o órgano xestor deberá publicar o esgotamento da partida orzamentaria e a inadmisión de posteriores solicitudes.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

A Secretaría Xeral da Igualdade ditará as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta resolución.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2021

Susana López Abella
Secretaría xeral da Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file