Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Venres, 6 de agosto de 2021 Páx. 39524

III. Outras disposicións

Valedor do Pobo

RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2021 pola que se convocan dúas bolsas destinadas a persoas con discapacidade psíquica para a formación práctica neste organismo.

O artigo 9.2 da Constitución española establece que os poderes públicos promoverán as condicións para que a igualdade do individuo e dos grupos en que se integre sexan reais e efectivas, removerán os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitarán a participación de todos os cidadáns na vida política, económica, cultural e social.

O artigo 49 da Constitución española sinala que os poderes públicos realizarán unha política de prevención, tratamento, rehabilitación e integración das persoas con discapacidade, as que prestarán a atención especializada que requiran e ampararán especialmente para que gocen dos dereitos que o título I outorga a todos os cidadáns.

O artigo 35 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e a súa inclusión social, establece que as persoas con discapacidade teñen dereito ao traballo en condicións que garantan a aplicación dos principios de igualdade de trato e non discriminación.

En atención a tales previsións legais a Valedora do Pobo convoca dúas bolsas semestrais destinadas a persoas con discapacidade psíquica, sen experiencia laboral ou moi limitada nos últimos anos, para a súa formación práctica.

Para o desenvolvemento do proceso cóntase coa colaboración de Saúde Mental-Feafes Galicia (Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental en Galicia).

A Valedora do Pobo convoca desta volta dúas bolsas destinadas a persoas con discapacidade psíquica. Ao finalizar estas bolsas farao para dúas persoas con discapacidade intelectual, ambas co fin de proporcionar formación práctica ás ditas persoas vinculada cos seus estudos.

Así, en virtude das atribucións que me confire a Lei 6/1984, do 5 de xuño, da valedora do pobo

RESOLVO:

Convocar dúas bolsas para a formación de persoas con discapacidade psíquica na Valedora do Pobo, de acordo coas seguintes.

BASES:

Primeira. Obxecto

As bolsas terán por obxecto a formación práctica na Valedora do Pobo de persoas con discapacidade psíquica, vinculada cos seus estudos, como medida para favorecer a súa inclusión.

Segunda. Requisitos

Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas que acrediten reunir todos os seguintes requisitos:

– Ser persoas con discapacidade psíquica (ou a causa de enfermidade mental) nun grao igual ou superior ao 33 %.

– Non contar con experiencia laboral, nin por conta propia nin por conta allea, nos últimos dous anos, contados a partir da data de publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia, ou, canto menos, que a dita experiencia non exceda os catro meses en tal período de dous anos.

Non poderá ser titular das bolsas:

– Quen gozase de bolsa ou práctica remunerada dalgunha Administración pública no últimos catro anos por período superior a 6 meses ou por tempo superior a 480 horas.

– Quen sexa menor de 18 anos.

As persoas nas que concorran discapacidade intelectual e psíquica só poderán presentarse a unha das convocatorias do ciclo de dous anos no que se fagan ambas; é dicir, dentro dos dous anos nos que se dean de forma sucesiva ambas as convocatorias poderán presentarse á de discapacidade psíquica ou á de discapacidade intelectual, pero non ás dúas.

Terceira. Asignacións

A bolsa comprende as seguintes asignacións:

a) Unha asignación mensual de 600 euros.

b) Un seguro que inclúa como garantías o falecemento e a invalidez permanente por accidente, que cubra o período de duración da bolsa, cun importe máximo de 300 euros.

Cuarta. Duración

Cada unha das bolsas terá a duración de seis meses e desenvolveranse de forma sucesiva. As bolsas non poderán ser prorrogadas.

Ao finalizar entregarase un certificado acreditativo.

Quinta. Natureza

A adxudicación das bolsas non supón vinculación laboral ou funcionarial entre a persoa beneficiaria e a Valedora do Pobo, nin implica compromiso que transcenda do desenvolvemento das tarefas previstas na presente convocatoria.

Sexta. Desenvolvemento da bolsa

As persoas bolseiras realizarán o seu programa formativo baixo a dirección da Xefatura de Servizo de Administración e Persoal.

Desenvolverán as súas funcións durante 3 horas e 45 minutos ao día, de luns a venres, entre as 8.00 e 15.00 horas. Habilitarase a posibilidade de acumular as horas en tres xornadas.

Terán dereito ao desfrute dos días festivos do calendario laboral, a 15 días naturais ou 11 hábiles en concepto de vacacións, e aos permisos necesarios por motivos persoais coa solicitude previa.

As anteriores circunstancias determinaranse segundo as necesidades do servizo.

Salvo baixa médica, a ausencia xustificada ou permitida das prácticas non superará o 20 % da xornada mensual de traballo. Se se superase esta porcentaxe a Valedora do Pobo poderá rescindir a bolsa.

Sétima. Convocatoria e solicitudes

1. Convocatoria.

A convocatoria será publicada no Diario Oficial de Galicia e na web da Valedora do Pobo.

2. Presentación das solicitudes.

As solicitudes e a documentación adxunta presentaranse no rexistro da Valedora do Pobo (rúa Hórreo, nº 65, Santiago de Compostela, A Coruña) ou por calquera outro medio admitido en dereito.

3. Solicitudes e documentación que se van achegar:

As persoas interesadas deberán achegar o seguinte:

– Escrito de solicitude dirixido á Valedora do Pobo, cuberto e asinado, conforme o modelo do anexo. Só se valorarán os méritos que figuren na solicitude.

– Certificado do recoñecemento, grao e tipoloxía da discapacidade.

– Declaración responsable de non contar con experiencia laboral, nin por conta propia nin por conta allea, nos últimos dous anos, contados a partir da data de publicación da resolución de convocatoria das bolsas no Diario Oficial de Galicia, ou, canto menos, que a dita experiencia non excede os catro meses en tal período de dous anos.

– Declaración responsable de non ter sido beneficiario de bolsa ou práctica remunerada nalgunha Administración pública no últimos catro anos por período superior a 6 meses ou por tempo superior a 480 horas.

4. Prazo de presentación.

O prazo de presentación será de 10 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

5. Requirimento de documentación adicional.

A comisión de selección poderá requirir a documentación adicional que considere precisa para realizar a súa función. Deberá entregarse de tal forma que permita verificar a súa autenticidade.

6. Posibilidade de retirada posterior da documentación.

A documentación das persoas non seleccionadas poderá ser devolta a petición da interesada ou de quen fose debidamente autorizada, unha vez transcorridos dous meses desde a data na que se faga pública a adxudicación.

Oitava. Procedemento

Concluído o prazo de presentación de solicitudes, a comisión de selección comprobará o cumprimento dos requisitos. No caso de darse algunha exclusión notificarase a causa para que no prazo de 10 días hábiles poden presentarse alegacións e/ou emendas.

Posteriormente a comisión de selección avaliará os méritos alegados polas persoas admitidas, conforme os criterios sinalados na base novena. Só se valorarán os méritos que figuren na solicitude.

Para o desenvolvemento destes labores poderá interesar a achega da documentación que estime pertinente co obxecto de verificar as circunstancias postas de manifesto nas solicitudes.

Se no prazo concedido non se achegase a documentación requirida para verificar o cumprimento dos requisitos da bolsa, entenderase que a persoa desiste da súa solicitude.

Se a documentación requirida fose orientada a verificar méritos alegados e esta non se entregase no prazo sinalado pola comisión de selección, en tal caso os devanditos méritos non serán tidos en consideración.

Se a documentación requirida é para acreditar méritos de cursos oficiais, para telos en consideración como tales é necesario que se achegue o certificado emitido por organismo oficial, non por unha empresa ou entidade non oficial.

A comisión de selección elevará á Valedora do Pobo a súa proposta de concesión das bolsas e poderá incluír as persoas suplentes que considere.

A Valedora do Pobo resolverá a concesión das bolsas de acordo coa proposta da comisión de selección.

Novena. Criterios de valoración

A valoración dos méritos realizarase de acordo co seguinte baremo:

a) Titulación (ata 7 puntos):

– Formación profesional básica: 2 puntos.

– Formación profesional de grao medio. O certificado de profesionalidade será asimilado á formación profesional de grao medio: 3 puntos.

– Formación profesional de grao superior: 4 puntos.

– Título universitario: 5 puntos.

– Se os títulos de formación profesional ou universitaria son da rama administrativa, sociolóxica ou xurídica: 2 puntos máis.

Para o caso de que cos cursos profesionais para o emprego (FPE) obtívose o certificado de profesionalidade, valorarase o máis favorable para a persoa solicitante.

Se a Comisión de Selección require que se acredite a titulación que se alega deberase presentar o título ou certificado do centro ou organismo educativo de superalo.

b) Cursos e prácticas laborais (ata 10 puntos):

– Cursos de formación ou perfeccionamento convocados, organizados, impartidos ou homologados por institutos, escolas oficiais, entidades de interese público e de defensa das persoas con discapacidade e/ou axentes sociais, excluída a formación regrada.

De 12 a 20 horas: 0,25 puntos.

De 21 a 40 horas: 0,50 puntos.

De 41 a 60 horas: 0,75 puntos.

De 61 a 90 horas: 1 punto.

De 91 a 120 horas: 1,25 puntos.

De 121 a 300 horas: 2 puntos.

De 301 a 600 horas: 5 puntos.

Máis de 600 horas: 7 puntos.

Cando a duración exprésese en anos ou se indique «curso escolar», estimarase a priori unha duración de 600 horas, sen menoscabo da verificación que se faga con base na documentación que se requira.

No suposto en que a duración se exprese en meses, estes serán computados da seguinte maneira: por cada mes computaranse 60 horas.

En caso de non constar a duración do curso valorarase con 0,10 puntos.

Para o caso de que se sinalen diversos cursos de similar contido só se computará aquel que permita a obtención de maior puntuación.

Para valorar adecuadamente os cursos do presente punto, na solicitude (anexo) deberán constar as horas do curso, ou, na súa falta, os meses ou anos de duración, ou que esta foi durante un curso escolar.

– As prácticas laborais desenvolvidas en organismos públicos ou avaladas ou homologadas por estes valoraranse como cursos oficiais, en función da súa duración. En todo caso, as prácticas integradas na formación regrada ou en cursos alegados non serán obxecto de valoración adicional.

c) Demandante de emprego.

Estar rexistrado como demandante de emprego, polo menos cun ano de antigüidade ininterrompidamente, contado desde a data de publicación da convocatoria: 1 punto.

d) Que á data da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia a persoa que solicite a bolsa ou a que desempeñe os seus apoios legais estea inscrita nalgunha entidade, asociación ou fundación que teña por fin a defensa dos dereitos e/ou a atención a persoas con enfermidade mental, ou acredite a participación nas súas actividades no transcurso do último ano a contar desde a publicación da convocatoria: 1 punto.

e) Para decidir sobre empates substanciais por méritos equivalentes ou sensiblemente equivalentes, primaranse as mulleres, logo de informe de Feafes-Galicia ou de quen se considere adecuado, do seu menor grao de inclusión laboral no ámbito da convocatoria (inclusión laboral das persoas con discapacidade psíquica); se persiste, ás persoas que acheguen maior puntuación nos cursos despois de descartar o límite de puntos nese aspecto; e se persiste, ás que acrediten menor experiencia laboral nos últimos 15 anos.

Aos efectos de determinar as circunstancias do desempate requirirase a información complementaria necesaria ás persoas solicitantes afectadas.

Décima. A comisión de selección

A comisión de selección estará composta polas seguintes persoas:

Presidencia, con voto de calidade en caso de empate: a persoa titular da Xefatura de Servizo de Administración e Persoal da Valedora do Pobo.

Vogais:

– Unha persoa designada por Saúde Mental-Feafes Galicia.

– Unha persoa designada polos sindicatos máis representativos, con carácter rotatorio dos seus representantes en cada convocatoria.

Secretaría, con voz e voto: a persoa titular da Xefatura de Sección da Valedora do Pobo.

A Valedora do Pobo designará membros suplentes da comisión e coa mesma procedencia, que substituirán os titulares en caso de renuncia xustificada ou de imposibilidade para o desempeño da función.

Os nomes das persoas que compoñan a comisión de selección e dos seus suplentes publicaranse na páxina web da Valedora do Pobo con anterioridade á primeira sesión de traballo.

A persoa titular da Secretaría Xeral da Valedora do Pobo asesorará sobre o curso da convocatoria nos aspectos xurídicos ou de calquera outro tipo cando así o solicite a comisión de selección.

A comisión instruirá o procedemento de concesión da bolsa e ademais:

a) Interpretará as bases e resolverá cantas dúbidas puidesen derivarse destas.

b) Examinará as solicitudes e a documentación achegada e comprobará os datos en virtude dos cales se ha de adoptar a proposta de adxudicación e a resolución de adxudicación.

c) Valorará as solicitudes de acordo co baremo que se establece na base novena desta convocatoria.

d) Requirirá as persoas solicitantes para a corrección das solicitudes, para a achega de aclaracións ou ampliacións de información ou para a achega de documentación acreditativa.

e) Formulará a proposta de concesión das bolsas ás persoas seleccionadas.

h) Establecerá unha lista de suplentes para os casos de desistencia ou renuncia, revogación ou outras causas que deixen vacante algunha bolsa.

Décimo primeira. Publicidade da resolución de concesión das bolsas

A resolución da Valedora do Pobo pola que se concedan as bolsas publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Institución.

A identificación das persoas beneficiarias e suplentes realizarase con suficiente grao de anonimización (por exemplo, MPG…678) e as puntuacións obtidas.

O resto das persoas participantes poderán solicitar a súa puntuación, aínda que. se é o caso, constaría que resulta provisional se non se lles requirira a acreditación dos méritos.

Décimo segunda. Incorporación e vacantes

As persoas seleccionadas deberán incorporarse para o desenvolvemento dos labores de formación na data que se sinale na resolución de adxudicación.

Se transcorridos 7 días naturais desde a data establecida de incorporación, esta non se produciu, a bolsa poderase entender rexeitada, salvo causa xustificativa.

Se a bolsa resultase rexeitada ou se quedase vacante en período de vixencia, a Valedora do Pobo poderá propoñer ás persoas suplentes, na orde en que resultasen, a concesión das bolsas polo tempo que restase respecto do inicialmente previsto.

Décimo terceira. Información en materia de protección de datos

O tratamento de datos farase de acordo co Regulamento (UE) nº 2016/679, coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e co resto da lexislación española aplicable nesta materia.

Os datos persoais facilitados no proceso serán tratados para a xestión das solicitudes e o proceso de selección.

Así mesmo, os datos das persoas que resulten adxudicatarias serán tratados para a xestión, a conformación do expediente persoal, o control de cumprimento de obrigacións, o aseguramento, a xestión económica e o aboamento da bolsa.

Poden exercitarse os dereitos de acceso, rectificación, supresión e portabilidade, de limitación e oposición ao seu tratamento, así como a non ser obxecto de decisións baseadas unicamente no tratamento automatizado dos datos, cando procedan, dirixindo comunicación á Valedora do Pobo, rúa do Hórreo nº 65, 15701 Santiago de Compostela (A Coruña).

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2021

María Dolores Fernández Galiño
Valedora do Pobo

ANEXO

Convocatoria de bolsas destinadas a persoas con discapacidade psíquica para a formación prácica na Valedora do Pobo

DATOS PERSONAIS:

– Primeiro apelido:

– Segundo apelido:

– Nome:

– DNI:

– Data nacemento:

– Nacionalidade:

– Domicilio:

– Localidade:

– Teléfono:

– Correo electrónico:

MANIFIESTA:

– Que reúne todos os requisitos esixidos para ser persoa beneficiaria da bolsa.

– Que reúne os méritos que indica a continuación, respecto dos que se compromete a achegar a documentación acreditativa cando se lle requira.

DECLARACIÓN RESPONSABLE:

Fai declaración responsable:

-De non contar con experiencia laboral, nin por conta propia nin por conta allea, nos últimos dous anos, contados a partir da data de publicación da resolución de convocatoria das bolsas no Diario Oficial de Galicia, ou, canto menos, que a dita experiencia non excede os catro meses en tal período de dous anos.

– E de non ter sido beneficiario de bolsa ou práctica remunerada nalgunha Administración pública nos últimos catro anos por período superior a 6 meses ou por tempo superior a 480 horas.

DOCUMENTACIÓN que vai achegar xunto coa solicitude:

– Certificado oficial de discapacidade.

Polo exposto SOLICITA concorrer ao presente procedemento.

Sinatura da persoa solicitante.

(Sinatura)

En ………………………, … de … de 2021

VALEDORA DO POBO (Rúa do Hórreo, nº 65, 15700 Santiago de Compostela, A Coruña)

TITULACIÓN

Poñer X onde proceda

Formación profesional básica

Formación profesional de grao medio

O certificado de profesionalidade será asimilado á formación profesional de grao medio

Formación profesional de grao superior

Título universitario superior

Título de formación profesional ou universitario das ramas administrativa, sociolóxica ou xurídica

DEMANDANTE DE EMPREGO

(Durante 1 ano ou máis, ininterrompidamente, desde a data de publicación da convocatoria)

Poñer X se procede

INSCRIPCIÓN OU PARTICIPACIÓN EN ENTIDADE, ASOCIACIÓN OU FUNDACIÓN

(De defensa dos dereitos e/ou atención ás persoas con discapacidade psíquica)

Poñer X se procede

Relación de cursos e prácticas laborais

Cursos ou prácticas (denominación)

Organismo ou entidade

Duración (horas, meses, anos ou curso escolar)