Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Venres, 13 de agosto de 2021 Páx. 40534

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 3 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases B e C á mocidade galega, dirixidas ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS321A).

BDNS (Identif.): 579142.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán ser beneficiarias das axudas as persoas mozas que na data de presentación da solicitude cumpran os seguintes requisitos:

a) Teñan feitos os 18 anos, sen prexuízo da idade mínima para a obtención do permiso clase C, e non superen a idade máxima que estableza a normativa vixente do Sistema nacional de garantía xuvenil (SNGX), de conformidade co disposto no artigo 97.c) da Lei 18/2014, do 15 de outubro, de aprobación de medidas urxentes para o crecemento, a competitividade e a eficiencia.

b) Estean empadroadas na Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade mínima dun ano.

c) Estean inscritas no SNGX e figuren como persoas beneficiarias no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Estean matriculadas nunha autoescola da Comunidade Autónoma de Galicia no momento de presentaren a solicitude ou ben teñan o/os permiso/s para o/os que se solicita a axuda con data de expedición entre o 1 de xaneiro de 2021 e a data de presentación da solicitude.

Segundo. Obxecto

Establecer as bases reguladoras das axudas para a obtención dos permisos de condución clases B e C por parte das persoas mozas residentes en Galicia, coa finalidade de mellorar a súa autonomía, mobilidade e a súa empregabilidade, e proceder á súa convocatoria para o ano 2021.

Terceiro. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 3 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para facilitar a obtención dos permisos de condución clases B e C á mocidade galega, dirixidas ás persoas inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia con cargo ao Programa operativo de emprego xuvenil, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento BS321A).

Cuarto. Contía

A contía global da convocatoria é de 761.780,00 euros, cofinanciada pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo cunha porcentaxe do 91,89 %, dentro do Programa operativo de emprego xuvenil, no obxectivo temático 8, eixe prioritario 5, prioridade de investimento 8.2, obxectivo específico 8.2.2, medida 8.2.2.8.

O importe da axuda será de 400 euros para a obtención do permiso de condución clase B e de 650 € para o permiso clase C.

O importe da axuda será acumulativo no caso de que unha mesma persoa solicite axuda para a obtención de ambos os permisos obxecto da orde.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da orde de convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva, ao non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas, e concederánselles a todas aquelas persoas solicitantes que reúnan os requisitos exixidos. Se o orzamento previsto na orde non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación.

O gasto subvencionable é a suma a tanto global de obtención dos permisos de condución obxecto da orde. A xustificación do custo de obtención do/dos permiso/s de condución e do seu pagamento faranse conforme a regulación de custos simplificados, en función da xustificación da obtención do/dos permiso/s de condución obxecto da solicitude.

A xustificación da axuda presentarase con data límite do 15 de decembro de 2021.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2021

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social