O artigo 9 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, en concordancia co artigo 16 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, indica que, para a súa efectividade, o instrumento en que se formalice a encomenda de xestión intersubxectiva deberá ser publicado no Diario Oficial de Galicia co contido mínimo previsto no artigo inmediatamente anterior.
En consecuencia, e para dar cumprimento a esta obriga,
DISPOÑO:
Artigo único. Darlle publicidade ao seguinte encargo a medio propio:
• Resolución do 29 de xullo de 2021 pola que se encarga ao medio propio Tecnologías y Servicios Agrarios, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsatec) o servizo para o apoio técnico na tramitación das liñas de axudas xestionadas polo Instituto de Estudos do Territorio.
• Actividade: Tragsatec realizará tarefas de apoio técnico na tramitación das liñas de axudas xestionadas polo Instituto de Estudos do Territorio, que consistirán na codificación e gravación de datos recollidos nos expedientes vinculados ás solicitudes de axudas recibidos, así como na preparación da documentación necesaria para a súa resolución.
• Natureza e alcance da xestión encomendada: o encargo ten natureza de encomenda de xestión intersubxectiva a unha entidade con carácter de medio propio e servizo técnico da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 9 e 47 e seguintes da Lei 16/2010, do 17 de decembro, e no artigo 13.2 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.
Tal condición de medio propio está recollida na disposición adicional vixésimo cuarta da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a cal establece que a empresa de Transformación Agraria, S.A., S.M.E., M.P. (Tragsa) e a súa filial Tragsatec terán a consideración de medios propios personificados e servizos técnicos da Administración das comunidades autónomas –entre outras–, sempre que se cumpran os requisitos establecidos no punto 2º da letra d) do número 2 do artigo 32 e nas letras a) e b) do número 4 do mesmo artigo, e virán obrigadas a realizar, con carácter exclusivo, os traballos que estas lles encomenden nas materias sinaladas nos números 4 e 5, dando unha especial prioridade a aqueles que sexan urxentes ou que se ordenen como consecuencia das situacións de emerxencia que se declaren.
O persoal necesario para a execución do encargo ao medio propio dependerá exclusivamente de Tragsatec, o cal terá todos os dereitos e deberes inherentes á súa condición de empregador respecto daquel, e a Administración ou poder adxudicador contratante será totalmente allea ás referidas relacións.
• Financiamento: o orzamento de execución é de trinta e cinco mil douscentos cincuenta e nove euros con dezaseis céntimos (35.259,16 €) –non aplica IVE–, con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.541E.640.01 (código de proxecto 2014 00003 «desenvolvemento e xestión da estratexia da paisaxe galega») dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.
Para todos os efectos, entenderase que o orzamento aprobado pola Comunidade Autónoma de Galicia, en canto Administración pública poder adxudicador, comprende todos os gastos directos e indirectos que a empresa deba realizar para a normal execución dos traballos encargados.
• Prazo de vixencia: do 1 de agosto de 2021 ao 31 de decembro de 2021, que poderá prorrogarse por un ano no caso de persistir a necesidade do encargo e de que exista crédito orzamentario dispoñible.
A empresa Tragsatec está obrigada ao cumprimento do prazo fixado para o encargo.
Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2021
Francisco Barea Paz
Director do Instituto de Estudos do Territorio