Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Mércores, 18 de agosto de 2021 Páx. 41464

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 4 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de apoio á recuperación de negocios en crise ou sen remuda xeracional mediante fórmulas de economía social e se procede á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento TR802R).

A Constitución española establece no seu artigo 40 a obriga dos poderes públicos de promoveren as condicións favorables para o progreso social e económico e, de maneira especial, de realizar unha política orientada ao pleno emprego. Así mesmo, recolle no artigo 129 a obriga de promover eficazmente as diversas formas de participación na empresa e de fomentar, mediante unha lexislación adecuada, as sociedades cooperativas, así como a de establecer os medios que faciliten o acceso das persoas traballadoras á propiedade dos medios de produción.

Mentres que as sociedades laborais se atopan reguladas pola Lei 44/2015, de 14 de outubro, de sociedades laborais e participadas, a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu a competencia exclusiva en materia de cooperativas en virtude da transferencia feita pola Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, ampliando a recollida no artigo 28.7 do Estatuto de autonomía de Galicia. En virtude desta competencia, a Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, e dispón que a Xunta de Galicia, a través da consellería competente en materia de traballo, realice unha política de fomento do movemento cooperativo e adopte as medidas necesarias para promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas.

Pola súa banda, a Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, a través dunha regulación común aplicable ao conxunto das entidades que a integran, ten por finalidade recoñecer, fomentar e impulsar as ditas entidades para o eficaz cumprimento dos fins económicos e sociais que lle son propios, potenciando a súa presenza, crecemento e influencia en todos os campos da acción social, económica e empresarial, así como o establecemento de mecanismos para a súa organización e coordinación.

De acordo co disposto no Decreto 110/2020, do 6 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, no Decreto 130/2020, do 17 de setembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, correspóndenlle á Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social as competencias na comunidade autónoma en materia de cooperativismo e economía social.

En exercicio das citadas competencias, no contexto da crise provocada pola COVID-19, a consellería aprobou unha nova Axenda Emprego Galicia [20+], co dobre obxectivo de recuperar no menor prazo posible o emprego destruído ou en risco e de restaurar a senda de crecemento no mercado laboral, volvendo á dirección cara á calidade no emprego. Neste sentido, trata de adaptar a este eido o enfoque do Plan de reactivación económica da Xunta de Galicia, e sempre coa mirada posta fixamente en retomar a senda de crecemento xa consolidado coa anterior folla de ruta, a Axenda 20 para o Emprego.

As empresas de economía social e, singularmente, as cooperativas, teñen demostrado a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente activar suficientemente as súas potencialidades de emprendemento e autoemprego.

Pola súa parte, a Estratexia galega de economía social de Galicia para 2019-2021 inclúe dentro do seu reto 2 «Sustentabilidade» o apoio á transformación de empresas, e aborda tanto o diagnóstico e asesoramento de entidades con necesidade de transformación para o seu impulso empresarial, como a concesión de axudas económicas para a súa transformación en empresas de economía social.

Deste xeito, considerando tanto os documentos normativos e estratéxicos na materia e o contexto de crise provocada pola COVID-19, esta orde aborda a recuperación de negocios en crise ou sen remuda xeracional por parte das persoas traballadoras, a través da constitución de cooperativas ou sociedades laborais que impliquen o mantemento do emprego.

Estas axudas están destinadas a poñer remedio a unha grave perturbación na economía galega provocada pola COVID-19 en termos de emprego e de actividade económica e que están destinadas a facilitar o desenvolvemento desta actividade económica mediante fórmulas de economía social máis sustentables no tempo, ao abeiro das excepcións do artigo 107, número 3, letras b) e c) do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE).

Cómpre salientar que as empresas de economía social, polos principios e valores que as sustentan, poden constituír unha alternativa viable para aquelas empresas mercantís que corren perigo de peche, sexa por motivos económicos, financeiros ou comerciais, sexa por falta de remuda xeracional. Nestes contextos, e moi especialmente na situación derivada da pandemia pola COVID-19, é importante impulsar estes proxectos de transformación, apoiando as persoas traballadoras que decidan asumir a titularidade da empresa a través dunha cooperativa ou sociedade laboral, contribuíndo así a manter o emprego e a actividade económica.

Así pois, de acordo co disposto no número 3.1 do Marco nacional temporal consolidado, establécese un programa de axudas a cooperativas e sociedades laborais mediante o cal se busca facilitar o acceso á liquidez necesaria para manter a actividade económica e a protección do emprego que isto supón para loitar contra as consecuencias derivadas do eventual peche de negocios en crise por motivos económicos, financeiros ou comerciais ou por falta de remuda xeracional, que se viron acelerados polas consecuencias do gromo de COVID-19.

Desta maneira, apóiase o mantemento da actividade económica no contexto de crise provocada pola COVID-19 por parte das antigas persoas traballadoras, agora persoas socias da nova entidade, mediante axudas que faciliten a liquidez necesaria para realizar investimentos (adquisición de activos imprescindibles para a operatividade produtiva), asesoramentos (no cumprimento das preceptivas obrigas legais ou respecto da planificación e valoración económica previa ao proceso de transformación), servizos especializados enfocados á profesionalización e ao desenvolvemento estratéxico da nova entidade, e gastos correntes no inicio da súa actividade. Cómpre salientar, neste sentido, a compatibilidade desta orde de axudas con outras destinadas ao fomento do emprendemento en economía social.

No que respecta ao procedemento de concesión, establécese a concorrencia non competitiva, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Tendo en conta que a finalidade e obxecto da subvención é o fomento da recuperación da actividade económica do tecido empresarial a través das entidades da economía social de Galicia, que redundará directamente nun beneficio social e económico xeral, non se considera necesario facer unha prelación das solicitudes presentadas, pois todas as entidades en que concorran os requisitos establecidos na convocatoria acadan a dita finalidade por igual. Ademais, prevese a suficiencia do crédito para atender a totalidade das solicitudes que se poidan presentar.

As subvencións reguladas nesta orde fináncianse con cargo a fondos finalistas do Estado procedentes do Servizo Público de Emprego Estatal e recóllense no Plan anual de políticas de emprego para o 2021 como programa propio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras axústanse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en especial, no relativo aos principios de transparencia, eficacia e eficiencia na xestión, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xuño.

Por todo o exposto, consultados o Consello Galego de Cooperativas e o Consello Galego de Relacións Laborais, e de conformidade coas atribucións que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e finalidade

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do Programa de apoio á recuperación de negocios en crise ou sen remuda xeracional, mediante formulas de economía social, destinadas a remediar a grave perturbación que na economía galega provocou o gromo de COVID-19 e a impulsar a actividade económica, e proceder á súa convocatoria para os anos 2021 e 2022 (código de procedemento TR802R).

Artigo 2. Normativa aplicable

As solicitudes, a súa tramitación e resolución axustaranse ao disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento de desenvolvemento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Artigo 3. Principios de xestión

A xestión deste programa realizarase de conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de acordo cos seguintes principios:

1. Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

2. Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

3. Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 4. Financiamento

1. As axudas previstas nesta orde financiase con fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal.

2. A distribución inicial de crédito fixase na convocatoria de subvencións establecida nesta orde. Os importes consignados poderán verse modificados ou incrementados como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais.

3. Poderase ampliar a contía máxima dos créditos dispoñibles en cada convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

Así mesmo, de producirse remanentes de crédito na asignación inicial para o financiamento de cada aplicación orzamentaria, procederase á reasignación das contías sobrantes para atender as necesidades de crédito.

As ampliacións e reasignacións levaranse a cabo, logo das modificacións orzamentarias que procedan no expediente de gasto e da publicación nos mesmos medios que a convocatoria, todo iso de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 5. Definicións

1. Para os efectos desta orde entenderase por:

a) Cooperativa: sociedade cooperativa galega inscrita no Rexistro de Cooperativas de Galicia dependente da Xunta de Galicia na data de presentación da solicitude. Esta circunstancia será verificada de oficio pola Administración e deixará constancia no expediente.

b) Sociedade laboral: sociedade inscrita no Rexistro de Sociedades Laborais dependente da Xunta de Galicia e no Rexistro Mercantil na data de presentación da solicitude. Esta circunstancia será verificada de oficio pola Administración e deixará constancia no expediente.

c) Ausencia de remuda xeracional: situación en que unha entidade ou persoa autónoma se ve obrigada a cesar totalmente a súa actividade mercantil/profesional como consecuencia da xubilación ou incapacidade do/dos seu/s promotor/es.

d) Concello rural: aquel que non conta con ningunha zona densamente poboada no nivel de parroquia (ZDP), segundo a clasificación publicada polo Instituto Galego de Estatística (https://www.ige.eu/web/mostrar_paxina.jsp?paxina=003003001&idioma=gl). Para estes efectos, consideraranse concellos rurais todos os concellos galegos agás os seguintes: Cambre, A Coruña, Culleredo, Ferrol, Narón, Oleiros, Santiago de Compostela, Lugo, Barbadás, Ourense, Poio, Pontevedra e Vigo.

e) Empresa en crise: aquela que coincida coa definición establecida no punto 18 do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

2. Respecto dos conceptos subvencionables recollidos no artigo 7 entenderase por:

a) Terreos: parcelas directamente afectadas e imprescindibles para o desenvolvemento da actividade produtiva.

b) Construción: edificación feita co único propósito de albergar a actividade produtiva.

c) Instalacións técnicas: adquisición de equipamento: maquinaria, bens de equipamento ou ferramentas mediante as cales se mellore o proceso produtivo.

d) Utensilios: conxunto de útiles e instrumentos que se usan nun oficio ou nunha actividade

e) Equipamento de oficina: conxunto de mobles e demais equipamentos que serven para a actividade normal do negocio como mesas, cadeiras, andeis, mostradores, vitrinas, luminarias, etc.

f) Equipamentos informáticos: ordenadores persoais de sobremesa, ordenadores portátiles, tabletas ou similares, destinados exclusivamente ao desenvolvemento da actividade profesional da solicitante. En ningún caso se consideran subvencionables os teléfonos móbiles e smartphones.

g) Elementos de transporte: vehículos empregados para o traslado de persoas ou mercadorías directamente vinculadas coa actividade produtiva.

h) Existencias: conxunto de bens, especialmente mercadorías que aínda non se venderon ou empregaron.

i) Desenvolvemento e/ou adquisición de software para venda de produtos e/ou prestación de servizos en liña: desenvolvemento e/ou adquisición de software para solucións de e-commerce, incluíndo pasarelas de pagamento.

j) Reforma de locais de negocio: obras de sinxela técnica e escasa entidade construtiva e económica que consisten normalmente en simples reparacións, decoracións ou ornatos (incluída a rotulación) que non modifican a estrutura construtiva do local. Enténdese por local do negocio o centro de traballo declarado nos anexos. Exclúese o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma.

k) Asesoramento legal para a transformación da sociedade de capital en cooperativa ou sociedade laboral.

l) Rexistro e notaría: gastos notariais e rexistrais relativos ao proceso de constitución/modificación/reestruturación da entidade transformada. Tamén poderán incluírse gastos de informe de auditoría se resultasen legalmente preceptivos para o proceso de transformación.

m) Plan de viabilidade da nova entidade: documento técnico asinado por un profesional con cualificación financeira acreditada que comprenda os seguintes aspectos: definición de proxecto e obxecto, estudo de mercado, causa da transformación, plan económico-financeiro e vehículo xurídico de transformación.

n) Informe de due diligence: análise do negocio ou unidade de negocio que se vai adquirir mediante a revisión do cumprimento normativo e riscos legais deste a fin de identificar potenciais vicios ocultos e/ou ulteriores responsabilidades.

o) Investigacións de mercado e análise de potencial competitivo: estudo que comprende as accións de identificación, recompilación, análise e difusión de información co propósito de mellorar a toma de decisións de márketing, así como a análise que permita determinar a capacidade da entidade para competir no mercado segundo a súa posición competitiva actual, planeando accións de mellora inmediata ou temperá.

p) Plan de márketing, de comunicación ou de relanzamento comercial: documento onde se recollen todos os estudos de mercado realizados pola empresa, os obxectivos de márketing que pretende conseguir, as estratexias que debe implementar e a planificación que debe seguir; e/ou que comprende as políticas, estratexias, recursos, obxectivos e accións de comunicación, tanto internas como externas, que se propón realizar no negocio.

q) Plan de futuro e de mellora do negocio: documento que, con estrutura de folla de ruta, inclúe propostas de mellora de procesos, produtos ou servizos que ofrece o solicitante, así como accións concretas para a posta en marcha desas melloras e resultados esperados a medio prazo (de 3 a 5 anos).

r) Plan de uso das novas tecnoloxías no negocio e/ou de optimización da produción (vinculado ou non á adquisición de activos inmateriais): estudo e planificación do uso das novas tecnoloxías da información ou da industria 4.0 na operativa do negocio para mellorar a súa competitividade.

s) Plan de xestión financeira: documento de estratexia que analiza e inclúe melloras no conxunto de decisións financeiras de planificación e control da entidade, co obxectivo de mellorar a súa viabilidade e rendibilidade.

t) Obtención de certificacións de calidade: elaboración de procedementos, informes e documentación aparellados a unha certificación de calidade que mellore a imaxe dos produtos e servizos da solicitante, favorezan o seu desenvolvemento e afiancen a súa posición no mercado, acadando con isto unha vantaxe competitiva.

u) Desenvolvemento de páxinas web: gastos de creación e desenvolvemento das páxinas web, sempre que a súa utilización estea prevista durante varios exercicios.

v) Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa: creación das imaxes, nomes, marcas e, en xeral, o conxunto de elementos que serven para conformar a identidade externa da empresa ou negocio.

w) Gastos correntes: gastos de alugamento de local de negocio e subministracións recorrentes (auga, electricidade e telefono) en que incorra a entidade transformada.

Artigo 6. Entidades beneficiarias

1. Poderanse acoller ás subvencións recollidas nesta orde, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos, as sociedades laborais ou cooperativas previstas no artigo 6 da Lei 6/2016, do 4 de maio, da economía social de Galicia, xurdidas de sociedades de capital, sociedades civís, asociacións que estivesen desenvolvendo unha actividade económica ou persoas autónomas preexistentes, a través dun proceso de transformación encadrable nalgún dos procesos que se detallan a continuación:

a) Procesos de adquisicións de activos de sociedades mercantís de capital nun proceso regulado de disolución e liquidación societario (artigos 371 e seguintes do Real decreto lexislativo 1/2010), coa finalidade de fomento da actividade económica polas persoas traballadoras da sociedade mercantil disolta en liquidación, mediante a constitución dunha nova entidade de economía social.

b) Procesos de adquisición de activos (bens e dereitos da masa activa) da titularidade dunha persoa ou entidade concursada, ou dunha ou varias unidades produtivas desta, durante a fase común ou a fase de liquidación dun procedemento concursal (Real decreto lexislativo 1/2020) coa finalidade de fomento da actividade económica polas persoas traballadoras da concursada con contrato laboral extinguido a través dunha entidade de nova constitución (sociedades laborais, cooperativas).

c) No caso de ausencia de remuda xeracional:

i. Procesos de adquisición da totalidade do capital integrante dunha sociedade civil ou de capital,mediante compravenda das súas participacións ou accións por parte das súas persoas traballadoras, coa finalidade de levar a termo a continuación total ou parcial do seu obxecto social logo de adopción, elevación a público e inscrición dos acordos de modificación estatutaria precisos para a súa transformación en sociedade laboral; ou logo de adopción, elevación a público e inscrición dos acordos de reestruturación societaria e modificación estatutaria precisos para a súa transformación en cooperativa.

ii. Procesos de adquisición do negocio dunha persoa autónoma por parte das súas persoas traballadoras, coa finalidade de levar a termo a continuación total ou parcial deste logo de adopción, elevación a público e inscrición dos acordos estatutarios precisos para a súa transformación en sociedade laboral ou cooperativa.

d) Constitución ex novo de sociedades de carácter laboral ou nunha cooperativa integradas total ou parcialmente polas persoas traballadoras cuxos contratos resultasen extinguidos por causa de crise ou xubilación do seu empregador (entendéndose como tales as sociedades de capital, sociedades civís, persoas autónomas e asociacións que estivesen desenvolvendo unha actividade económica).

2. Con carácter xeral, as entidades beneficiarias deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Ter a capacidade administrativa, financeira e operativa para cumprir as condicións da axuda.

b) Estar ao día nas súas obrigas tributarias e de Seguridade Social.

c) Non ter sido sancionadas mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións.

d) Non estar incursas nas prohibicións para obter a condición de beneficiaria sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, e no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e reunir os restantes requisitos previstos nela.

e) As cooperativas e sociedades laborais deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas legais referidas ao depósito de documentos e inscrición de acordos sociais nos rexistros competentes desde o momento de presentación da solicitude.

f) Acreditación da formalización da transformación segundo a documentación complementaria requirida no artigo 10.2.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarios destas axudas as empresas en crise en 31 de decembro de 2019, sen prexuízo da posibilidade de conceder axudas ás microempresas e pequenas empresas que estivesen en crise o 31 de decembro de 2019, sempre e cando non se atopen inmersas nun procedemento concursal nin recibisen unha axuda de salvamento ou de reestruturación.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarias aquelas entidades cuxas persoas promotoras ou integrantes das cooperativas ou sociedades laborais estean nos seguintes supostos:

i. Aqueles que con respecto da empregadora orixinaria tivesen a condición de: administradores, cónxuxes do administrador ou persoas con análoga relación de afectividade, ascendentes, descendentes e irmáns do administrador ou do cónxuxe do administrador, cónxuxes ou persoa de análoga afectividade dos ascendentes, dos descendentes e dos irmáns do administrador, persoas socias con participación igual ou superior ao 10 % do capital social. Se o órgano de administración for unha persoa xurídica, persoas socias (artigo 42.1º C. CO.), os administradores, persoas físicas representantes da persoa xurídica administrador e persoas vinculadas a este.

ii. Aqueles que fosen condenados en sentenza firme por delito contra o patrimonio, contra a orde socioeconómica, de falsidade documental, contra a Facenda pública, a Seguridade Social ou contra os dereitos das persoas traballadoras.

iii. Aqueles condenados por sentenza firme como persoa afectada pola cualificación de procedemento concursal declarado culpable.

iv. No suposto establecido no punto 1.b.i) deste artigo, incumprimento nalgún dos tres (3) últimos exercicios da obriga de depósito das contas anuais por parte da entidade cuxas participacións ou accións sexan adquiridas polas persoas traballadoras.

Artigo 7. Conceptos e contías subvencionables

1. Establécense catro categorías de conceptos subvencionables:

a) Categoría 1. Adquisición de activos.

Comprende as subvencións orientadas aos investimentos vinculados á adquisición de activos esenciais para o óptimo funcionamento da nova entidade:

i. Activos materiais:

– Terreos.

– Construcións.

– Instalacións técnicas.

– Utensilios.

– Equipamento de oficina.

– Equipamentos informáticos.

– Elementos de transporte.

– Existencias.

Estes activos poden ser novos ou de segunda man, adquiridos polas sociedades laborais/cooperativas resultantes da transformación financiada por esta orde que formen parte do inmobilizado das sociedades limitadas a extinguir e transformar.

ii. Activos inmateriais para a incorporación de novas tecnoloxías da información e das comunicacións:

– Desenvolvemento e/o adquisición de software para venda de produtos e/ou prestación de servizos en liña.

iii. Outros investimentos:

– Reforma de locais de negocio.

Os investimentos adquiridos dentro desta categoría 1 serán subvencionables ata o 80 % do seu custo de adquisición, excluído o IVE e demais tributos que puideren ser exixibles, non podendo superarse a contía de 40.000 €.

b) Categoría 2. Asesoramento.

Comprende as subvencións destinadas aos asesoramentos precisos no cumprimento das obrigas legais e no proceso de planificación e valoración económica previa ao proceso de transformación provistos por parte de profesionais coa debida acreditación para esta tarefa:

i. Asesoramento no cumprimento das obrigas legais que acompañan o proceso de transformación:

– Asesoramento legal para a transformación da sociedade de capital en cooperativa ou sociedade laboral.

– Rexistro e notaría.

ii. Asesoramento no proceso de planificación e valoración económica previa ao proceso de transformación:

– Plan de viabilidade da nova entidade (obrigatorio).

– Informe de due diligence.

Consideraranse profesionais coa debida acreditación para abordar a provisión dos servizos de asesoramento enumerados os avogados colexiados exercentes, economistas colexiados, ou ben as entidades que cumpran os requisitos de experiencia e formación acreditada en economía social.

Os asesoramentos previstos dentro desta categoría 2 serán subvencionables ata o 80 % do seu custo, excluído o IVE, e un máximo de 10.000 €.

c) Categoría 3. Profesionalización e desenvolvemento estratéxico.

Comprende os servizos de profesionalización, planificación e desenvolvemento estratéxico vinculados cos seguintes gastos específicos:

– Investigacións de mercado e análise de potencial competitivo.

– Plan de márketing, de comunicación ou de relanzamento comercial.

– Plan de futuro e de mellora do negocio.

– Plan de uso das novas tecnoloxías no negocio e/ou de optimización da produción (vinculado ou non á adquisición de activos inmateriais).

– Plan de xestión financeira.

– Obtención de certificacións de calidade.

– Desenvolvemento de páxinas web.

– Creación e desenvolvemento da imaxe corporativa.

Os servizos previstos dentro desta categoría 3 serán subvencionables ata o 80 % do seu custo, ou un máximo de 10.000 €.

d) Categoría 4. Gastos correntes.

Comprende a subvención dos gastos correntes en que incorra a entidade transformada nos doce meses seguintes á súa nova constitución.

Os gastos previstos dentro desta categoría serán subvencionables ata o 80 % do seu custo e un máximo de 10.000 €.

2. A subvención ascenderá a un máximo de 50.000,00 euros con carácter xeral por entidade transformada.

Esta contía incrementarase nas porcentaxes que se sinalan a seguir, que son acumulables entre si:

a) Un 10 % no caso de sociedades laborais ou cooperativas xurdidas dun proceso de transformación encadradas no suposto recollido no artigo 6.1.c).

b) Un 10 % no caso de que o centro de traballo da entidade transformada estea situado nun concello rural.

c) Un 10 % no caso de empresas orientadas a elaboración e venda de produtos.

Artigo 8. Subvencións no Marco nacional temporal

Estas axudas configúranse de conformidade co Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda destinadas a apoiar a economía no contexto do actual gromo de COVID-19 en atención ao contido da Decisión da Comisión Europea SA.56851 (2020/N), do 2 de abril de 2020, e as súas modificacións.

1. A axuda global que unha empresa poda percibir ao abeiro do Marco nacional temporal e do marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual crise derivada da COVID-19, recollido na Comunicación da Comisión Europea, do 19 de marzo de 2020 (2020/C 91 I/01) (DOUE do 20 de marzo de 2020), e as súas posteriores modificacións, en forma de subvencións directas, vantaxes fiscais e de pagamento ou outras formas, como anticipos reembolsables, garantías, préstamos e capital, todas elas antes de impostos e outras retencións, non poderá superar, no prazo de vixencia do Marco nacional temporal, os 1.800.000 €.

No caso de que a empresa pertenza aos sectores da pesca e a acuicultura, o límite de contía de axuda e de axuda global por empresa previsto no punto anterior será de 270.000 € e, no caso de que a empresa pertenza ao sector da produción primaria de produtos agrícolas, de 220.000 €.

2. As axudas suxeitas a este réxime poderán concederse a empresas e autónomos que non estivesen en crise segundo o disposto no artigo 2, punto 18, do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión (Regulamento xeral de exención por categorías) en 31 de decembro de 2019, sen prexuízo da posibilidade de conceder axudas ás microempresas e pequenas empresas (no sentido do anexo I do Regulamento xeral de exención por categorías) que estivesen en crise o 31 de decembro de 2019, sempre e cando non se atopen inmersas nun procedemento concursal nin recibisen unha axuda de salvamento ou de reestruturación, o que se acreditará mediante declaración responsable e segundo se define no artigo 10.

Artigo 9. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 10. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Anexo III. Comprobación de datos de terceiras persoas interesadas.

b) Cando se actúe mediante representación, poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da persoa representada, agás inscrición no Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia e o Rexistro autonómico de persoas titulares de determinados órganos ou cargos.

c) No caso de estar realizado o servizo ou feito o investimento, facturas e o seu correspondente xustificante bancario de pagamento; de non ser así, orzamento ou factura pro forma.

De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia –sempre que o gasto non estivese realizado no momento da convocatoria das axudas– cando o importe do gasto subvencionable supere a contía prevista para o contrato menor no artigo 118 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, a entidade interesada deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contracción do compromiso para a prestación, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar coa solicitude da subvención, realizarase de conformidade con criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

A entidade solicitante deberá presentar unha declaración responsable de persoas e empresas vinculadas en que acredite que as ofertas presentadas non corresponden a empresas vinculadas á solicitante nin a persoas relacionadas con ela ata o 4º grao de consanguinidade ou afinidade.

d) Unha declaración responsable do cumprimento do establecido no artigo 8.2.

e) Así mesmo, xunto coa documentación relacionada neste punto, o solicitante deberá achegar os seguintes documentos en función do suposto en que incorra respecto dos relacionados no artigo 6.1:

1) Procesos de adquisicións de activos de sociedades capital nun proceso regulado de disolución e liquidación societario (artigos 371 e seguintes do Real decreto lexistativo 1/2010), coa finalidade de fomento da actividade económica polas persoas traballadoras da sociedade mercantil disolta en liquidación, mediante a constitución dunha nova entidade de economía social.

i. Certificación do Rexistro Mercantil acreditativa de que a sociedade alleadora dos activos está disolta e en proceso de liquidación ou liquidada e extinta, e do nomeamento do seu liquidador.

ii. Documentos privados/públicos de compravenda acreditativos da adquisición de activos sociais (bens e dereitos) nun proceso disolución e liquidación societario.

iii. Documentación acreditativa do despedimento ou extinción da relación laboral das persoas socias integrantes da sociedade laboral ou cooperativa, por causas alleas á vontade do traballador, a través dalgún dos seguintes medios: comunicación escrita do empresario extintiva da relación laboral conforme o artigo 55.1 do Estatuto dos traballadores, acta de conciliación ou resolución xudicial con declaración de firmeza.

iv. Escritura de constitución e certificación de inscrición nos rexistros públicos correspondentes.

v. Libro de rexistro de accións nominativas ou do libro de rexistro de socios que reflicta a titularidade das accións ou participacións.

2) Procesos de adquisición de activos (bens e dereitos da masa activa) da titularidade dunha persoa ou entidade concursada, ou dunha ou varias unidades produtivas dela, durante a fase común ou a fase de liquidación dun procedemento concursal (Real decreto lexislativo 1/2020) coa finalidade de fomento da actividade económica polas persoas traballadoras da concursada con contrato laboral extinguido a través dunha entidade de nova constitución (sociedades laborais, cooperativas de traballo asociado ou cooperativas).

i. Auto de declaración de concurso da persoa ou entidade alleadora dos activos e copia testemuñada polo letrado da Administración de xustiza da resolución xudicial firme acreditativa da autorización para adquisición de activos da concursada ou dunha ou varias unidades produtivas desta, ou copia testemuñada polo letrado da Administración de xustiza de resolución de adxudicación firme destes en poxa xudicial ou extraxudicial liquidadora concursal.

ii. Escritura pública de outorgamento de venda directa de activos da persoa ou entidade concursada pola administración concursal.

iii. Acreditación documental dos postos de traballo inherentes á unidade produtiva que se conservarán.

3) No caso de ausencia de remuda xeracional:

I. Procesos de adquisición da totalidade do capital integrante dunha sociedade de capital mediante compravenda das súas participacións ou accións por parte das súas persoas traballadoras, coa finalidade de levar a termo a continuación total ou parcial do seu obxecto social logo de adopción, elevación a público e inscrición dos acordos de modificación estatutaria precisos para a súa transformación en sociedade laboral; ou logo de adopción, elevación a público e inscrición dos acordos de reestruturación societaria e modificación estatutaria precisos para a súa transformación en cooperativa.

i. Escritura pública de compravenda de participacións/accións sociais.

ii. Certificación ou copia testemuñada notarialmente do libro de rexistro de socios acreditativo da transmisión da totalidade de accións ou participacións sociais.

iii. Acordos de modificación estatutaria ou transformación: escrituras de elevación a público de acordos sociais de modificación estatutaria para a transformación a sociedade laboral inscritas nos rexistros públicos correspondentes, escrituras públicas de reestruturación societaria e, de ser o caso, modificación estatutaria inscrita nos rexistros públicos correspondentes para a transformación a cooperativa

II. Procesos de adquisición do negocio dunha persoa autónoma por parte das súas persoas traballadoras, coa finalidade de levar a termo a continuación total ou parcial deste logo de adopción, elevación a público e inscrición dos acordos estatutarios precisos para a súa transformación en sociedade laboral ou cooperativa.

i. Contrato de compra-venda ou contrato de cesión do contrato e subarrendamento (traspaso de negocio), conforme o disposto no artigo 32 da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos.

ii. Escrituras públicas acreditativas da constitución da nova sociedade laboral ou cooperativa.

4) Constitución ex novo de sociedades de carácter laboral ou nunha cooperativa integradas total ou parcialmente por persoas traballadoras cuxos contratos resultasen extinguidos por causa de crise ou xubilación do seu empregador.

i. Soporte documental acreditativo de despedimento ou extinción por outras causas dos contratos laborais das persoas socias promotoras da entidade de nova constitución ou cooperativistas coa persoa ou entidade empregadora, a través dalgún dos seguintes medios:

• Documentación acreditativa do despedimento ou extinción da relación laboral das persoas socias integrantes da sociedade laboral ou cooperativa, por causas alleas á vontade do traballador, a través dalgún dos seguintes medios: comunicación escrita do empresario extintiva da relación laboral conforme o artigo 55.1 do Estatuto dos traballadores, acta de conciliación ou resolución xudicial con declaración de firmeza.

• Ademais, para o caso de peche de feito sen remisión de carta de despedimento ou en situación de pendencia de declaración xudicial de extinción do contrato de traballo: testemuño de presentación de demanda ante o xulgado do social por falta de pagamento de salarios por prazo superior a tres meses, acreditación de peche do establecemento e incumprimentos do empresario mediante acta da inspección de traballo).

ii. Escritura de constitución e certificación de inscrición nos rexistros públicos correspondentes.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 11. Emenda das solicitudes

Unha vez recibidas as solicitudes, a unidade administrativa encargada da instrución do expediente comprobará se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que nun prazo de 10 días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da devandita lei.

En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización de recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas. Non obstante, naqueles supostos en que se lles requira aos solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, ou se presenten documentos posteriores, entenderase por rexistro de entrada da solicitude a data en que o dito requirimento estea correctamente atendido

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Así mesmo, deberá analizarse o Plan de viabilidade da nova entidade con base na documentación presentada e, no caso de se apreciar que non resulta viable, o órgano instrutor proporá a desestimación da solicitude por esta causa.

Esta fase completarase incorporando ao expediente a información rexistral da entidade solicitante segundo a documentación que consta na Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, así como as comprobacións no artigo 12.1 desta orde.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Número de identificación fiscal da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Número de identificación fiscal da entidade representante.

d) Alta no imposto de actividades económicas da entidade solicitante.

e) Vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social das persoas socias da entidade solicitante.

f) Certificación emitida polo Servizo Público de Emprego dos períodos de inscrición como demandante de emprego das persoas socias da entidade solicitante.

g) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

h) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Atriga.

i) Certificación de atoparse ao día nas obrigas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

j) Consulta de concesións de subvencións e axudas.

k) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

l) Consulta de concesións de axudas no ámbito do Marco nacional temporal.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación das axudas.

Artigo 13. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 14. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

Todos os tramites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Resolución e recursos

1. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Economía Social da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade.

2. A competencia para resolver as solicitudes corresponderá, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, á Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

3. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, nos termos previstos no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, segundo o cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario.

4. O prazo máximo para resolver e notificar será de tres meses desde a presentación da solicitude pola persoa interesada, sen que poida superar o 31 de decembro de 2021. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada, de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Unha vez notificada a resolución definitiva, as entidades beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

6. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada. Todo o anterior de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, e na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

7. A resolución de outorgamento da subvención comprenderá a identificación da persoa beneficiaria, a contía da subvención e as obrigas que correspondan á persoa beneficiaria, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución.

Artigo 16. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpran a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 17. Estimación parcial da solicitude

No caso de que unha solicitude de axudas comprenda gastos ou investimentos que deban ser imputados a dúas aplicacións orzamentarias e nunha delas non exista crédito suficiente, poderase estimar parcialmente a solicitude. De producirse a ampliación ou redistribución de créditos a que se refire o parágrafo 3 do artigo 4, poderanse atender as solicitudes que non puideron ser estimadas na súa integridade, por orde de presentación.

Artigo 18. Anticipos de pagamento

Realizaranse pagamentos anticipados das subvencións reguladas por estas bases, de acordo co establecido no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 63, 65 e 67 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei.

Os pagamentos anticipados suporán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo a actuación subvencionada nos casos en que o gasto aínda non estea realizado. Este pagamento quedará suxeito ás seguintes condicións:

a) Anticiparase ata o 90 % do importe da subvención concedida en cada anualidade.

b) As persoas beneficiarias quedarán exoneradas da constitución de garantía, conforme o establecido no artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

c) O pagamento realizarase de oficio tras a aceptación da subvención por parte do beneficiario

Artigo 19. Xustificación e pagamento

1. O pagamento final das subvencións quedará condicionado á presentación dunha solicitude de pagamento conforme o modelo do anexo II, acompañada da documentación xustificativa seguinte:

a) Relación dos gastos realizados.

b) Facturas e documentos bancarios acreditativos do seu efectivo pagamento.

c) Documentación xustificativa dos gastos realizados:

– Gastos da categoría 1: memoria explicativa das actuacións xunto con fotografías dos investimentos realizados, se é o caso. No caso de reforma do local deberase entregar unha fotografía do local antes da reforma e outra feita despois.

– Gastos da categoría 2: xustificantes dos servizos desenvolvidos e xustificante da cualificación dos profesionais responsables da súa elaboración.

– Gastos das categorías 3 e 4: copia acreditada dos gastos en que se incorreu.

d) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 21.h) desta orde.

e) Se é o caso, extracto do balance provisional contable da entidade beneficiaria, asinado electronicamente pola persoa responsable, que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida. Os documentos contables que se acheguen deben incluír as contas ou as subcontas en que se contabilizaron os gastos imputados, as datas e os números dos asentos contables e a indicación específica do seu cofinanciamento pola Consellería de Emprego e Igualdade. Estes documentos contables poden ir acompañados dunha breve explicación sobre a sistemática de contabilización dos gastos.

2. A presentación das solicitudes de pagamento realizarase unicamente a través de medios electrónicos, na forma sinalada no artigo 9, no prazo que se sinale na convocatoria ou, de ser o caso, o que se fixe na resolución de concesión. Non obstante, se o prazo desde a notificación da resolución ata a data establecida como límite para xustificar resulta ser inferior a dez (10) días, o prazo será de dez (10) días contados desde a dita notificación.

3. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen a ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa ou entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de 10 días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

4. A documentación exixida para a fase de pagamento poderá presentarse xunto coa solicitude de subvención, á opción da persoa ou entidade interesada. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da subvención.

5. En canto á forma de xustificación, deberá aterse ao previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 42 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Para estes efectos, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación sinalado na convocatoria.

6. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Considéranse gastos subvencionables aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo de execución establecido nesta orde.

7. As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento que establece as obrigas de facturación, e deberán estar emitidas a nome da entidade ou empresa solicitante dentro do prazo de execución establecido na convocatoria.

8. Só se admitirá como documentación xustificativa do pagamento dos gastos documentos bancarios en que consten o número de conta e a titularidade das persoas ou entidades receptoras e emisoras dos pagamentos (que deberán coincidir coas beneficiarias das axudas), así como o concepto e o importe (IVE incluído) do pagamento. Os mesmos datos deberán constar no caso de xustificantes bancarios emitidos a través da internet. Os datos dos xustificantes bancarios de pagamento deberán coincidir exactamente cos da factura. Se o importe reflectido no documento bancario non coincide por existiren varios pagamentos agrupados, deberá presentarse un desagregamento onde poidan identificarse os pagamentos en cuestión.

Non se admitirán os pagamentos en efectivo.

9. A unidade administrativa responsable da instrución do programa analizará a documentación xustificativa acreditativa da realización da actividade obxecto da subvención e emitirá unha proposta de pagamento que se elevará ao órgano competente para resolver, que será tamén o órgano competente para ordenar o pagamento.

10. O pagamento efectuarase de forma nominativa a favor das entidades beneficiarias, logo da acreditación dos gastos e pagamentos realizados, ata o tope máximo da contía inicialmente concedida como subvención.

11. Se da documentación presentada pola persoa ou entidade beneficiaria queda xustificada unha contía inferior á da subvención inicialmente concedida, o pagamento realizarase pola parte proporcional da contía da subvención efectivamente xustificada.

Se a contía xustificada é inferior á anticipada, procederá o reintegro das cantidades cobradas indebidamente, que a beneficiaria poderá ingresar de maneira voluntaria segundo o previsto no artigo 23.

12. En ningún caso poderá realizarse o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non figure ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social, teña pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

Artigo 20. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, seguindo o principio de proporcionalidade a que se refire o artigo 14.1.n) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 21. Obrigas das entidades beneficiarias

Son obrigas das persoas e entidades beneficiarias das subvencións as sinaladas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en especial as seguintes:

a) Realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Emprego e Igualdade; ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma; ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas ou doutros órganos da Administración do Estado e da Unión Europea, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto da subvención.

g) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

h) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade.

i) Manter, polo menos durante un período de dous anos desde a data da resolución de concesión, unha forma xurídica de entre as elixibles para resultasen beneficiarias da subvención concedida, así como a actividade empresarial e o emprego xerado.

O cumprimento desta obriga poderá ser comprobado, coa periodicidade que se considere oportuna, polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación.

j) Adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade con fondos recibidos polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE). De acordo con esta obriga, as entidades beneficiarias deberán anunciar no seu domicilio social e nos seus centros de traballo que están sendo subvencionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade e o SEPE. Para isto incorporarán un rótulo visible ao público de tamaño mínimo A3 que inclúa o nome da entidade, o logotipo da Xunta de Galicia, o do SEPE e o do Ministerio de Traballo e Economía Social. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre a axuda financeira recibida do SEPE.

Os formatos que se utilicen serán os proporcionados pola Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, que constan na páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade, na ligazón: https://empregoeigualdade.xunta.gal/axudas-subvencions/emprego.

Artigo 22. Réxime de incompatibilidades e concorrencia

1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles coa percepción da prestación contributiva por desemprego na súa modalidade de pagamento único, así como coas bonificacións de cotas á Seguridade Social que se establezan na normativa estatal, sempre que a relación laboral co antigo empregador estea finalizada de forma involuntaria (despedimento, finalización do contrato por cesamento de actividade...etc). En todo caso, deberán cumprir coas regras de acumulación de axudas previstas no Marco nacional temporal consolidado.

Así mesmo, tamén serán compatibles coas axudas previstas nos dous programas de Aprol-Economía social (códigos de procedemento TR802G e TR802J).

2. As axudas previstas nesta orde serán incompatibles coas subvencións establecidas nos diferentes programas dirixidos ao apoio a iniciativas de emprego, sempre que haxa identidade entre os mesmos conceptos subvencionables.

3. O importe e a intensidade máxima das subvencións para cada finalidade deberán respectar os límites que se establecen nas bases reguladoras e no Marco nacional temporal consolidado, e en ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.

Artigo 23. Reintegro e perda do dereito ao cobramento da subvención

1. A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión, de acordo co procedemento e coas causas establecidas no artigo 32 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, levará aparellada a obriga de devolver as cantidades percibidas.

2. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións e axudas concedidas no suposto de non estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de pagamento da subvención.

3. Procederá a perda do dereito ao cobramento das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007 e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

4. De conformidade co artigo 14.1, letra n), da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o importe que se deba reintegrar determinarase de acordo cos seguintes criterios de gradación dos posibles incumprimentos das condicións impostas con motivo da concesión das subvencións:

a) A obtención da subvención falseando os datos, feitos ou documentación, así como as condicións requiridas para a concesión ou ocultando aquelas que o impedisen: reintegro do 100 % da subvención concedida.

b) O incumprimento da finalidade, requisitos e condicións exixidas á entidade beneficiaria para a concesión da subvención: reintegro do 100 % da subvención concedida.

c) A resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación previstas no artigo 21.c) desta orde, o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, previstas nas letras f) e g) do artigo 21, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado: reintegro do 100 % da subvención concedida.

d) O incumprimento da obriga en materia de publicidade prevista no artigo 21.h): reintegro do 2 % da subvención concedida.

e) A percepción doutras subvencións públicas, incompatibles coa subvención prevista nesta orde: reintegro do 100 % da subvención concedida.

f) O incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos, públicos ou privados, que financien as actividades subvencionadas: reintegro do 5 % da axuda concedida.

g) O incumprimento da obriga de mantemento da forma xurídica, actividade e emprego xerado prevista no artigo 21.i): reintegro da parte proporcional da axuda.

h) O incumprimento da obriga de comunicación recollida no artigo 21.j): reintegro do 2 % da subvención concedida.

Artigo 24. Devolución voluntaria de subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as persoas e entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o ingreso na conta ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención, indicando expresamente a persoa e entidade beneficiaria da subvención e o número de expediente.

2. En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente unha memoria explicativa das circunstancias que dan lugar á devolución, con expresión das entidades afectadas, datas e calquera outra información relevante en relación coas causas que orixinan a devolución. Así mesmo, deberá conter o detalle dos cálculos efectuados con indicación da contía que se devolve. Coa memoria deberase achegar a copia xustificativa do ingreso bancario realizado.

3. A devolución voluntaria non exclúe a reclamación dos xuros de demora cando se considere procedente o reintegro da subvención.

Artigo 25. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración, a Consellería de Emprego e Igualdade levará a cabo funcións de control, avaliación e seguimento dos programas.

2. Para realizar as ditas funcións poderá utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas aos fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as persoas e entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. A Consellería de Emprego e Igualdade poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento.

A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva.

CAPÍTULO IV

Convocatoria de subvencións para os anos 2021 e 2022

Artigo 26. Convocatoria

Convócanse para os anos 2021 e 2022 as subvencións reguladas polas bases contidas nesta orde para o apoio á recuperación de negocios en crise ou sen remuda xeracional por parte das persoas traballadoras, a través da constitución de cooperativas ou sociedades laborais que impliquen o mantemento do emprego mediante formulas de economía social

A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 27. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2021, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

2. No suposto de que antes de finalizar o prazo de presentación de solicitudes se esgote o crédito establecido na convocatoria, o órgano concedente acordará a inadmisión de solicitudes e publicará tal circunstancia no DOG e na páxina web da consellería.

Artigo 28. Período de execución das accións

O período de execución de accións abranguerá desde o 1 de xaneiro de 2021 ata o 30 de setembro de 2022, coa seguinte distribución por anualidades:

– Anualidade 2021: do 1.1.2021 ao 30.10.2021.

– Anualidade 2022: do 1.11.2021 ao 30.9.2022.

Artigo 29. Xustificación das accións subvencionadas

A data máxima de presentación da solicitude de pagamento e xustificación das accións subvencionadas será: para a anualidade 2021, o 3 de decembro de 2021, e para a anualidade 2022 o 30 de outubro de 2022, sen prexuízo do disposto no artigo 19.2.

Artigo 30. Financiamento

O orzamento total das subvencións previstas nesta orde ascende a 2.500.000 €, que se financiarán con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

Aplicación orzamentaria

Código do proxecto

2021

2022

Importe

11.04.324C.471.0

2021.0067

200.000,00€

800.000,00€

1.000.000,00 €

11.04.324C.771.0

2021.0067

300.000,00€

1.200.000,00€

1.500.000,00€

Total

500.000,00€

2.000.000,00€

2.500.000,00€

Disposicións adicionais

Disposición adicional primeira. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente cobradas, respecto das resolucións concesorias de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición adicional segunda. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións derradeiras

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2021

Mª Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file