Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Xoves, 19 de agosto de 2021 Páx. 41796

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

CÉDULA do 13 de agosto de 2021 pola que se aclara e modifica a Resolución do 26 de xullo de 2021, que aproba o levantamento da prohibición da práctica da pesca marítima de recreo en superficie en zonas de servizo portuarias, e se aproba o procedemento de declaración responsable para a súa práctica en portos dependentes da Comunidade Autónoma de Galicia.

No DOG número 150, do 6 de agosto de 2021, publicouse a resolución que se cita no asunto, resolución en virtude da cal, con suxeición á normativa que se cita e baixo o estrito cumprimento das condicións que se insiren na propia resolución, se levanta a prohibición xeral establecida no artigo 131 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia, para a realización da actividade secundaria de pesca recreativa en zonas de servizo portuarias.

Entre as condicións a que se suxeita o levantamento da prohibición, a condición número 5 fai os pescadores responsables directos dos posibles danos a persoas ou bens tanto privados como públicos como consecuencia directa ou indirecta do acceso, estadía ou exercicio da pesca de recreo ou deportiva, responsabilidade que se atribúe de maneira exclusiva e individual aos usuarios que xeren o risco causante do sinistro; exíxese igualmente que a dita responsabilidade se faga extensible aos danos persoais que sufra o propio pescador.

Aínda que pola mera decisión de acceder e formular a declaración responsable os pescadores declaran coñecer as características da instalación e asumen o cumprimento das medidas de seguridade publicadas no sitio web de Portos de Galicia, para asegurar a dita responsabilidade a cláusula 4 da resolución no seu punto 8 exixe a disposición dunha póliza que cubra danos coas coberturas mínimas que se recollen.

Téndose constatado desde a publicación da norma que existe moita confusión tanto entre usuarios como entre as compañías aseguradoras sobre os riscos que se deben incluír nas coberturas, moi en concreto no que se refire aos riscos incluídos nos danos propios, o que, pola súa parte, ten especial transcendencia no importe das primas que se exixan polas ditas pólizas ou mesmo na posibilidade de que as empresas aseguradoras asuman estas, emítese a seguinte resolución de aclaración sobre os conceptos concretos e as coberturas mínimas que deben incluír as pólizas de seguros por danos causados ás instalacións portuarias ou a terceiros, e asemade, disponse la inclusión dunha póliza de cobertura por accidentes que poida sufrir o pescador.

En atención ao exposto e en virtude das competencias conferidas a esta presidencia polo artigo 12.3.l) da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia,

RESOLVO:

Primeiro. Aclarar a Resolución do 26 de xullo de 2021, que aproba o levantamento da prohibición da práctica da pesca marítima de recreo en superficie en zonas de servizo portuarias, no punto 8 da cláusula cuarta, que quedará redactada co seguinte teor:

«8. Sen prexuízo do anterior, os pescadores que accedan ás zonas de servizo portuarias para realizar a actividade de pesca marítima de recreo en superficie deberán dispor dunha póliza vixente de seguro de accidentes e responsabilidade civil coas seguintes coberturas mínimas:

Cobertura de seguro por danos ocasionados á Administración ou a outros terceiros cunha cobertura mínima de 450.000 euros por sinistro.

Cobertura de seguro de accidentes propios con asistencia sanitaria mínima de 300.000 euros e recomendable como ilimitada, e cobertura de falecemento cun capital mínimo de 30.000 euros».

Segundo. Modificar a Resolución do 26 de xullo de 2021, que aproba o levantamento da prohibición da práctica da pesca marítima de recreo en superficie en zonas de servizo portuarias, no punto do anexo II relativo á cobertura, que quedará redactado co seguinte teor:

Cobertura: seguro de responsabilidade civil por danos ocasionados á Administración ou a outros terceiros, cunha cobertura mínima de 450.000 euros por sinistro, e seguro de accidentes persoais con asistencia sanitaria mínima de 300.000 euros e recomendable como ilimitada, e cobertura de falecemento cun capital mínimo de 30.000 euros.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela nun prazo de dous (2) meses contados desde o día seguinte ao da notificación desta resolución.

Non obstante, os interesados poderán interpor contra esta resolución recurso potestativo de reposición no prazo dun (1) mes contado a partir do día seguinte ao desta publicación ante o mesmo órgano que a ditou, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Mediante este documento notifícase esta resolución, segundo o exixido no artigo 40 da Lei 39/2015, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2021

Susana Lenguas Gil
Presidenta de Portos de Galicia