Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Venres, 20 de agosto de 2021 Páx. 42014

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 4 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022. Programa III: axudas ao mantemento do custo salarial nos CEE (código de procedemento TR341M).

BDNS (Identif.): 579694.

De conformidade co previsto nos artigos 18 e 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

Os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento (DOG núm. 138, do 19 de xullo), sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos no capítulo IV das bases reguladoras.

Así mesmo, poderán ser beneficiarias aquelas entidades que na data de presentación da solicitude de axudas teñan solicitada a súa cualificación como centro especial de emprego ou ampliación de novos centros de traballo.

Segundo. Obxecto

O obxecto deste programa é axudar os CEE a financiaren o custo salarial de todas as persoas traballadoras con discapacidade contratadas en centros de traballo do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro. Contía e condicións da subvención

Subvencionarase cun importe do 50 % do salario mínimo interprofesional (SMI) correspondente ás mensualidades indicadas na convocatoria, para as persoas con discapacidade contratadas nos centros especiais de emprego que estean de alta na Seguridade Social.

Para as persoas con discapacidade incluídas nalgún dos supostos do artigo 5.2, o importe será o 60 % do SMI.

No suposto de contratos de traballo a tempo parcial, a contía da subvención reducirase proporcionalmente. No suposto de que nun mesmo mes se produzan variacións na duración da xornada, soamente se terá en conta a porcentaxe da xornada laboral inferior para calcular a contía que se concederá nesa mensualidade.

Cuarto. Bases reguladoras e convocatoria

Orde do 4 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras de axudas a centros especiais de emprego (CEE) co fin de promover a integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para as anualidades 2021-2022 (códigos de procedemento TR341K, TR341E, TR341N e TR341M).

Quinto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse dezasete millóns setecentos mil euros (17.700.000,00 €) coa seguinte distribución por anualidades:

Anualidade 2021: seis millóns cento cinco mil euros (6.105.000 €).

Anualidade 2022: once millóns cincocentos noventa e cinco mil euros (11.595.000 €).

Sexto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será ata o día 30 de setembro de 2021.

Sétimo. Período subvencionable e xustificación das axudas

Con cargo á anualidade 2021 subvencionaranse as mensualidades de xullo a outubro de 2021.

Con cargo á anualidade orzamentaria de 2022 subvencionaranse as mensualidades de novembro e decembro de 2021 e as mensualidades de xaneiro a xuño de 2022.

A presentación da conta xustificativa necesaria para o pagamento final das axudas do Programa III de subvencións ao custo salarial (detallada por anualidades) será ao remate do período subvencionable, como data máxima o 30 de setembro de 2022.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade