Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Luns, 23 de agosto de 2021 Páx. 42149

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

ORDE do 4 de agosto de 2021 pola que se realiza a segunda convocatoria de axudas para o ano 2021 do Programa I de axudas ao custo salarial de persoas traballadoras en situación ou risco de exclusión social nas empresas de inserción laboral (código de procedemento TR356A).

As empresas de inserción, reguladas no ámbito estatal na Lei 44/2007, do 13 de decembro, para a regulación do réxime das empresas de inserción, constitúen unha tipoloxía especial dentro das empresas de carácter social que teñen por finalidade a integración e formación sociolaboral de persoas en situación de exclusión social como tránsito ao emprego ordinario. En virtude do disposto na Lei 31/2015, do 9 de setembro, pola que se modifica e se actualiza a normativa en materia de autoemprego e se adoptan medidas de fomento e promoción do traballo autónomo e da economía social, estas empresas teñen a consideración de entidades prestadoras de servizos de interese económico xeral.

Estas entidades son iniciativas empresariais que combinan a viabilidade económica empresarial con metodoloxías que fan posible a inserción laboral de persoas excluídas socialmente. Polo tanto, dan resposta a unha necesidade social esencial e executan unha obriga de servizo público na Comunidade Autónoma de Galicia, como é a integración sociolaboral das persoas en situación ou risco de exclusión social, e serven de instrumento de desenvolvemento da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

As axudas ás empresas de inserción laboral son compatibles co mercado interior, non constitúen axudas de Estado e están exentas da obriga de notificación establecida no artigo 108.3 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE) dado que cumpren os criterios establecidos na Decisión da Comisión 2012/21/UE, do 20 de decembro de 2011, relativa á aplicación do artigo 106, número 2, do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas estatais en forma de compensación por servizo público concedidas a algunhas empresas encargadas da xestión de servizos de interese económico xeral (DOUE L núm. 7, do 11 de xaneiro de 2012). Encádranse, máis concretamente, na categoría numerada coa letra c) do artigo 2.1 da dita decisión, referida á compensación pola prestación de servizos de interese económico xeral que atenden necesidades sociais no referente á reintegración no mercado laboral, protección e inclusión social de grupos vulnerables e poderán outorgarse por un período máximo de 10 anos.

O parámetro establecido para determinar a compensación económica pola prestación do Servizo de Interese Económico Xeral nas axudas do Programa I (axudas ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social) é o 100 % do salario mínimo interprofesional vixente.

De acordo co disposto no Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, correspóndelle a esta, entre outras materias, o exercicio das competencias relativas ás políticas activas de emprego, cooperativas e outras entidades de economía social.

Facendo uso das competencias que lle corresponden á Consellería de Emprego e Igualdade, mediante a Orde do 31 de decembro de 2020 establecía as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, realizaba a convocatoria destas axudas para o ano 2021 (DOG núm. 29, do 12 de febreiro de 2021) (códigos de procedemento TR356A e TR356C), que determinaban un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva, dado que, de acordo coa finalidade e co obxecto dos programas, non resulta necesario realizar nun único procedemento a comparación e a prelación das solicitudes presentadas, senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na entidade solicitante dos requisitos establecidos, e así ata o esgotamento do crédito orzamentario.

A dita orde estrutúrase en catro capítulos. No capítulo I determínanse as normas xerais. Nos capítulos II e III establécense as bases reguladoras específicas de dous programas de axudas: o Programa de axudas ao mantemento do custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social e o Programa de axudas para compensar os custos adicionais do emprego de persoas en risco ou situación de exclusión social, e no capítulo IV disponse a convocatoria das axudas para o ano 2021. Na convocatoria recollíase un prazo de solicitudes de dous meses desde o día seguinte ao da publicación da convocatoria para as axudas do Programa I.

Coa finalidade de que calquera empresa de inserción laboral que estea cualificada ou teña solicitada a cualificación como tal ante o rexistro administrativo de EIL da Comunidade Autónoma de Galicia poida solicitar as axudas do Programa I, poida beneficiarse das axudas deste programa e dar así igualdade de trato a todas as posibles empresas de inserción laboral, e dado que existe crédito adecuado e suficiente parece conveniente realizar unha nova convocatoria de axudas en que o prazo de solicitudes se estenda como mínimo ata o remate do período subvencionable.

De conformidade co anterior e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

RESOLVO:

Artigo 1. Bases reguladoras

As xestión de solicitudes, a instrución, a resolución e recursos, incompatibilidades, obrigas e procedementos de reintegro e demais procesos inherentes á tramitación deste programa de axudas axustaranse ao establecido nas bases reguladoras aprobadas pola Orde do 31 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás empresas de inserción laboral (EIL) e ás súas entidades promotoras, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (capítulos I e II), publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 29, do 12 de febreiro de 2021.

Artigo 2. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto realizar unha segunda convocatoria de axudas do Programa I de custo salarial das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social (procedemento TR356A) reguladas na dita Orde do 31 de decembro de 2020.

2. A finalidade destas axudas é promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, consistentes en subvencionarlles parcialmente ás empresas de inserción laboral os custos salariais das persoas traballadoras en situación ou en risco de exclusión social.

A inserción sociolaboral por medio de empresas de inserción laboral vai dirixida a persoas desempregadas que se atopen en situación ou en risco de exclusión social por concorreren nelas os supostos recollidos no artigo 3 da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galicia.

A situación e as circunstancias de risco ou exclusión social que determinen a cualificación dunha persoa como posible persoa traballadora en proceso de inserción nunha empresa de inserción laboral serán acreditadas polo Sistema galego de servizos sociais.

Os requisitos e condicións para a obtención da axuda son os establecidos no artigo 24 das bases reguladoras, e de conformidade co artigo 25 destas bases a contía da axuda será equivalente ao salario mínimo interprofesional mensual por cada persoa traballadora subvencionable, incluídas as pagas extraordinarias dos meses de decembro e xuño.

Artigo 3. Financiamento

1. Este programa de axudas está financiado con fondos finalistas do Estado recibidos do Servizo Público de Emprego Estatal, por tratarse de accións elixibles de acordo co Plan anual de política de emprego (PAPE).

2. A dotación orzamentaria ascende a 100.000,00 €, a cargo do proxecto 2015 00561 e aplicación orzamentaria 11.04.324C.470.5.

3. Estes importes poderán verse modificados ou incrementados con fondos da Comunidade Autónoma de Galicia ou da Administración do Estado como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais, todo iso de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 4. Beneficiarias das subvencións

1. Poden ser beneficiarias das axudas deste programa, de acordo co establecido no artigo 6 das bases reguladoras aprobadas pola dita Orde do 31 de decembro de 2020.

– As empresas de inserción laboral inscritas como tales no Rexistro Administrativo das Empresas de Inserción Laboral de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 156/2007, do 19 de xullo, que regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, e que teñan o centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nas bases reguladoras para as axudas do Programa I.

– Aquelas empresas que na data de presentación da solicitude da axuda teñan solicitada a súa cualificación como empresa de inserción laboral, de conformidade co Decreto 156/2007, do 19 de xullo, polo que se regula o procedemento para a cualificación das empresas de inserción laboral, se crea o seu rexistro administrativo e se establecen as medidas para o fomento da inserción sociolaboral, e a Orde do 6 de maio de 2008 pola que se regula o procedemento de cualificación das empresas de inserción laboral e a organización e funcionamento do seu rexistro administrativo. Non obstante, non se poderá pagar a axuda mentres non obteñan a dita cualificación.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas establecidas nesta orde as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

4. A xustificación por parte das entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 3 e 4 anteriores para obteren a condición de beneficiarias realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 5. Período subvencionable

O período subvencionable comprenderá desde o 1 de outubro de 2020 ata o 30 de setembro de 2021.

Artigo 6. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes das subvencións presentadas ao abeiro desta orde correspóndelle, por delegación da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade, á persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social.

Artigo 7. Solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e conforme o estipulado no artigo 9 das bases reguladoras.

2. O prazo de solicitudes será desde o día seguinte ao da publicación desta orde ata o 30 de setembro de 2021. Non obstante, se o período de presentación resulta inferior a un mes, as solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

4. As solicitudes de subvención deberán presentarse xunto coa documentación sinalada nesta orde para cada tipo de axuda e dirixiranse ao órgano competente para resolver.

5. Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 8. Documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento da información orixinal.

2. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

3. No caso de que algún dos documentos que vaia presentar de forma electrónica a persoa solicitante ou representante supere os tamaños máximos establecidos pola sede electrónica, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos. Para iso, e xunto co documento que se presenta, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número de rexistro de entrada da solicitude. Na sede electrónica da Xunta de Galicia publicarase a relación de formatos, protocolos e tamaños máximos admitidos da documentación complementaria para cada procedemento.

4. Ás solicitudes xuntarase a seguinte documentación (conforme os artigos 10.5 e 26 das bases reguladoras):

a) Poder suficiente da persoa representante para actuar en nome da entidade.

b) Memoria descritiva da entidade solicitante en que se recollan as actividades de inserción realizadas durante o último ano natural e o cumprimento dos seus obxectivos económicos e de inserción. A memoria conterá a tipoloxía das accións realizadas, os recursos aplicados e as súas fontes.

c) Relación nominal da totalidade das persoas traballadoras do cadro de persoal da empresa de inserción laboral referido ao mes en que se presenta a solicitude de subvención, segundo o modelo que consta na páxina web https://ceei.xunta.gal/recursos/axudas-e-subvencions/secretaria-xeral-de-emprego, con indicación daquelas que se atopan en proceso de inserción e daquelas polas cales se solicita subvención, se é o caso. Xuntarase folla de cálculo cuberta en formato editable.

d) Anexo III asinado polas persoas traballadoras contratadas ata a data da solicitude que son obxecto de subvención e/ou polas destinatarias finais da subvención.

e) Descrición detallada dos postos de traballo que se van cubrir e as súas características técnicas.

f) Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do pagamento das mensualidades xa aboadas na data da presentación da solicitude.

g) Relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, das mensualidades xa ingresadas na data da presentación da solicitude.

5. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a súa oposición expresa.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Artigo 9. Emenda da solicitude

A unidade administrativa encargada da instrución do expediente comprobará se a solicitude ou documentación presentada reúne os requisitos exixidos nesta orde e, no suposto de que se observe algún defecto ou sexa incompleta a documentación, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, requirirá a persoa interesada para que nun prazo de dez (10) días hábiles emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará que a persoa ou entidade interesada desiste da súa petición, logo da resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da antedita lei.

Artigo 10. Comprobación de datos

1. De conformidade co artigo 12 das bases reguladoras deste programa de axudas, para a tramitación do procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) Imposto de actividades económicas, data de alta da actividade.

d) Certificación de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

e) Certificación de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Certificación de que a entidade solicitante está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal Tributaria.

g) DNI ou NIE das persoas traballadoras obxecto da subvención e/ou destinatarias finais da subvención.

h) Informe da vida laboral das persoas traballadoras polas cales se solicita a subvención e das persoas en risco ou situación de exclusión social destinatarias finais da subvención.

i) Contratos de traballo das persoas polas cales se solicita a subvención e das persoas en risco ou situación de exclusión social destinatarias da subvención.

j) Inscrición como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego relativo ás persoas polas cales se solicita a subvención.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado nos formularios correspondentes, e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

4. A comprobación será realizada polo órgano competente en cada unha das fases de xestión, control e verificación das axudas.

Artigo 11. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará na súa páxina web oficial a relación das beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016 a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no número 4 do citado artigo.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude

1. Todos os tramites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación das solicitudes dos procedementos regulados nesta orde deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. O procedemento de concesión das subvencións previstas nesta orde realizarase en réxime de concorrencia non competitiva, nos termos previstos no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e pola finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

3. O órgano instrutor dos expedientes será a Subdirección Xeral de Economía Social, que realizará as actuacións necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

4. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. As notificacións axustaranse ao establecido nos números 5 a 8 do artigo 14 das bases reguladoras destas axudas.

Artigo 13. Resolución e recursos

1. As resolucións deberán ser sempre motivadas e nelas acordarase o outorgamento da axuda ou ben a non concesión, a desistencia ou a renuncia ao dereito, e notificaránselles ás persoas interesadas.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de tres meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro electrónico da Xunta de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Con anterioridade á interposición do dito recurso, poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición no prazo dun mes ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Notificada a resolución polo órgano competente, as entidades propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 14. Xustificación e pagamento

1. O pagamento final das subvencións quedará condicionado á presentación dunha solicitude de pagamento como data máxima o 8 de novembro de 2021, conforme o modelo do anexo V-A, acompañada da documentación xustificativa sinalada nos artigos 16.1 e 27 das bases reguladoras:

a) Detalle do pagamento solicitado (anexo V-B).

b) Documentación acreditativa (fotografías ou documentos equivalentes) do cumprimento das obrigas a que se refire o artigo 18.h) desta orde.

c) Se é o caso, extracto do balance provisional contable da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados e da subvención concedida. Os documentos contables que se acheguen deben incluír as contas ou as subcontas en que se contabilizaron os gastos imputados, as datas e os números dos asentos contables e a indicación específica do seu cofinanciamento pola Consellería de Emprego e Igualdade. Estes documentos contables poden ir acompañados dunha breve explicación sobre a sistemática de contabilización dos gastos.

d) Convenios de inserción laboral entre as empresas de inserción laboral, os servizos sociais e a persoa en proceso de inserción.

e) Recibos de salarios e documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

f) Relación nominal das persoas traballadoras (RNT) incluídas na cotización á Seguridade Social e recibo de liquidación de cotizacións (RLC), así como os documentos bancarios de transferencia acreditativos do seu pagamento, correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión.

g) Itinerarios de inserción de cada unha das persoas traballadoras en risco ou situación de exclusión social, onde consten actuacións tales como medidas de intervención e acompañamento realizadas, procesos asistidos de traballo, formación no posto de traballo, habituación laboral e social encamiñadas a satisfacer ou resolver problemas específicos derivados da situación de exclusión que lle poden dificultar á persoa un normal desenvolvemento do seu itinerario na empresa de inserción, e a avaliación sociolaboral da persoa en proceso de inserción. Todo isto de acordo coas cláusulas establecidas no convenio de inserción realizado no momento da contratación.

h) Declaración do cumprimento por parte da entidade beneficiaria da obriga de informar as persoas traballadoras respecto da subvención dos seus contratos, segundo o modelo do anexo IV.

i) Anexo III asinado polas persoas traballadoras que son obxecto de subvención contratadas con posterioridade á data de solicitude.

2. A presentación da documentación xustificativa e solicitude de pagamento realizarase na forma sinalada no artigo 9, no prazo que se sinale en cada convocatoria, ou, de ser o caso, o que se fixe na resolución de concesión. Non obstante, se o prazo desde a notificación da resolución ata a data establecida como límite para xustificar resulta ser inferior a dez (10) días, o prazo será de dez (10) días contados desde a dita notificación.

3. Transcorrido o prazo establecido para a xustificación sen a ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a persoa ou entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días a presente. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido neste parágrafo comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención, a exixencia do reintegro e as demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

4. A documentación exixida para a fase de pagamento final poderá presentarse xunto coa solicitude de subvención, a opción da persoa ou entidade interesada. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da subvención.

Disposición adicional primeira. Medidas excepcionais no caso de expedientes de regulación de emprego (ERTE) derivados da pandemia pola COVID-19

En canto se manteña a situación de ERTE derivados da pandemia pola COVID-19, aplicaranse as medidas sinaladas no artigo 63 das bases reguladoras das axudas a empresas de inserción laboral aprobadas pola Orde do 31 de decembro de 2020.

Disposición adicional segunda. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Emprego e Igualdade na persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas entidades beneficiarias.

Disposición adicional terceira. Publicación na Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file