O 20 de xaneiro de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas urxentes de tipo social (AUXS) para evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código do procedemento IN414D).
O 17 de xuño de 2021 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 8 de xuño de 2021 pola que se publica a ampliación do crédito da Orde do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas urxentes de tipo social (AUXS) para evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento IN414D).
No artigo 4 da Orde do 29 de decembro de 2020 prevese un crédito de 1.300.000 € para o financiamento destas axudas, con cargo á aplicación orzamentaria 06.02.733A.480.10 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021.
Prevese que se poderá ampliar o crédito máximo destinado a esta convocatoria cando o aumento veña derivado:
a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.
b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
Dado que o importe inicial establecido na Orde do 29 de decembro de 2020 e a ampliación recollida na Orde do 8 de xuño non son suficientes para pagar todas as solicitudes e que o prazo de solicitudes non remata ata o 31 de outubro de 2021, cómpre ampliar o importe do crédito destinado ás axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da referida orde, coa finalidade de conceder a subvención ao maior número de beneficiarios posibles.
Segundo o establecido no artigo 30 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, a ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
Por todo o exposto, no uso das facultades que me foron conferidas,
DISPOÑO:
Artigo único
Ampliar o importe total do crédito das axudas establecidas na Orde do 29 de decembro de 2020 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas urxentes de tipo social (AUXS) para evitar os cortes de subministración eléctrica aos consumidores vulnerables severos en risco de exclusión social, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2021 (código do procedemento IN414D), por un importe de 500.000 €, con cargo á partida orzamentaria 06.02.733A.480.10. Unha vez efectuada esta ampliación, o importe total destas axudas ascende a dous millóns cen mil euros (2.100.000 €).
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2021
Francisco José Conde López
Vicepresidente segundo e conselleiro de
Economía, Empresa e Innovación