Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Martes, 24 de agosto de 2021 Páx. 42500

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 5 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerán as accións formativas do Plan de formación no Xacobeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2022 e se procede á súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022 (código de procedemento TR303B).

BDNS (Identif.): 580276.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeira. Obxecto e ámbito de aplicación

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e as condicións polas que se rexerán, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, tanto as convocatorias públicas como a execución das accións formativas do Plan de formación no Xacobeo Comunidade Autónoma de Galicia dirixidas prioritariamente a persoas traballadoras ocupadas e xestionadas pola Consellería de Emprego e Igualdade (procedemento TR303B).

Tamén poderán participar nas referidas accións formativas reguladas por esta orde aqueles colectivos que, para tales efectos, se determinan no artigo 27.

2. As bases reguladoras terán vixencia temporal para o período 2021-2022.

Así mesmo, coa publicación desta orde realízase a súa primeira convocatoria para o período 2021-2022.

Segunda. Finalidade

1. As subvencións que se concedan ao abeiro do disposto nesta orde de bases reguladoras e primeira convocatoria terán como finalidade o financiamento de programas de formación destinados prioritariamente á cualificación profesional, no ámbito sectorial da hostalaría e o turismo, das persoas traballadoras ocupadas, e estarán orientados á adquisición e mellora de competencias profesionais relacionadas cos requirimentos de produtividade e competitividade das empresas do sector que teñan os seus centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A concesión das subvencións realizarase en réxime de concorrencia competitiva nos termos establecidos no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, respectando os principios de obxectividade, igualdade, transparencia e publicidade, e de acordo co establecido no artigo 4 da Orde TMS/368/2019, do 28 de marzo, polo que se desenvolve o Real decreto 694/2017, do 3 de xullo.

Terceira. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias as establecidas no artigo 5 da Orde do 5 de agosto de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras polas que se rexerán as accións formativas do Plan de formación no Xacobeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o período 2021-2022 e se procede á súa primeira convocatoria para os exercicios 2021 e 2022 (código de procedemento TR303B).

Cuarta. Financiamento da primeira convocatoria

1. Cada convocatoria determinará o importe total do crédito que se destinará a subvencións, con indicación das anualidades en que se distribuirá, as aplicacións orzamentarias a que se imputará, así como o financiamento e as reservas de crédito que, se for o caso, se establezan para determinadas accións formativas.

2. Destínase a esta primeira convocatoria un crédito por importe total de 4.000.000,00 €, distribuído en dúas anualidades, que se imputarán con cargo ás aplicacións 11.05.323B.471.0 e 11.05.323B.481.0, ou aquelas que as substitúan de conformidade coa normativa orzamentaria aplicable, con código de proxecto 2013 00493.

Aplicación orzamentaria

Anualidade 2021

Anualidade 2022

Importe total

11.05.323B.471.0

1.500.000,00 €

1.500.000,00 €

3.000.000,00 €

11.05.323B.481.0

500.000,00 €

500.000,00 €

1.000.000,00 €

Total

2.000.000,00 €

2.000.000,00 €

4.000.000,00 €

Quinta. Prazo de presentación das solicitudes

Cada convocatoria determinará o prazo de presentación de solicitudes, que non poderá ser inferior a un mes.

Na presente convocatoria o prazo de presentación será dun mes, contado desde o día da súa entrada en vigor da orde.

Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Sexta. Prazos de realización das accións formativas da primeira convocatoria

As accións formativas correspondentes á presente convocatoria non poderán comezar antes do 1 de novembro de 2021, polo que non se admitirá ningunha solicitude que formule datas anteriores.

A data límite para o remate das accións formativas que se desenvolvan exclusivamente durante a anualidade 2021 será o 20 de decembro de 2021.

Para os cursos que se desenvolvan durante as anualidades 2021 e 2022 ou exclusivamente durante a anualidade 2022, a data límite para o remate das accións formativas será o 30 de setembro de 2022.

Non poderá iniciarse ningunha acción formativa sen a validación previa, a través da aplicación informática SIFO, do cumprimento de requisitos e condicións por parte de persoal técnico da unidade administrativa competente.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2021

María Jesús Lorenzana Somoza
Conselleira de Emprego e Igualdade