Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Xoves, 26 de agosto de 2021 Páx. 42929

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación

EXTRACTO da Resolución do 30 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción ao parque eólico Monte Toural, sito nos concellos de Coristanco e Santa Comba (A Coruña) e promovido por Greenalia Wind Power, S.L.U. (expediente IN408A 2017/17).

A continuación recóllese a información exixida nas letras a) e b) do artigo 42.4 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, respecto da Resolución do 30 de xullo de 2021, da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Monte Toural.

a) Contido da resolución e condicións que a acompañan:

Outorgar as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico Monte Toural, sito nos concellos de Coristanco e Santa Comba (A Coruña), e promovido pola sociedade Greenalia Wind Power, S.L.U., para unha potencia de 18 MW.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, en 109.688 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

2. Para a inscrición da instalación no Rexistro Autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG núm. 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co procedemento regulamentariamente establecido.

3. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 37, do 23 de febreiro).

4. De conformidade co artigo 34.2 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, o promotor disporá dun prazo de tres anos, contados a partir do outorgamento da autorización administrativa previa e de construción, para solicitar a correspondente autorización de explotación. En caso de incumprimento, poderá producirse a revogación das mencionadas autorizacións nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou norma que a substitúa.

5. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico que lle resulten de aplicación.

6. O promotor deberá dar cumprimento a todas as condicións establecidas na declaración de impacto ambiental do 20.11.2020, así como ás establecidas no correspondente programa de vixilancia e seguimento ambiental.

7. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación.

8. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións, o promotor deberá presentar, ante a xefatura territorial, un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da normativa técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Así mesmo, deberá presentar ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións do parque eólico.

9. No caso de que se manifestasen perturbacións na recepción do sinal de televisión, directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Greenalia Wind Power, S.L.U. deberá adoptar as medidas necesarias para devolverlle á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

10. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

11. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

12. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

b) Principais motivos e consideracións en que se basea a resolución:

1. O 26.10.2017, Greenalia Power, S.L.U. (en diante, o promotor) solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a aprobación do proxecto sectorial das instalacións do parque eólico Monte Toural (en diante, o parque eólico).

O 9.3.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) notificoulle ao promotor o cumprimento dos requisitos de capacidade do solicitante e da solicitude establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro. O 16.3.2018, o promotor achegou o xustificante de pagamento da taxa correspondente á autorización administrativa das instalacións de parques eólicos.

2. O 20.4.2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que facía referencia o artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro.

3. O 10.4.2018, o promotor solicitou a declaración de interese especial para o parque eólico.

4. O 17.4.2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe a que facía referencia o artigo 33.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro.

5. O 26.4.2018, o Consello da Xunta de Galicia declarou o parque eólico como proxecto de interese especial.

6. Polo Acordo do 26 de xuño de 2018, da Xefatura Territorial da Coruña (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do parque eólico Monte Toural.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 19.7.2018 e no xornal La Voz de Galicia do 19.7.2018. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Coristanco e Santa Comba), da xefatura territorial e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación, resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública e durante a tramitación do expediente:

– Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados, maioritariamente en relación coa titularidade das parcelas, coas superficies afectadas, coa clasificación do solo, cos enderezos para os efectos de notificacións, co tipo de aproveitamento, coa comprobación das superficies afectadas e das disposicións das afeccións sobre os predios, etc.

– Na relación de bens e dereitos afectados non hai constancia dos prezos da expropiación e tanto as vías como as gabias para as redes eléctricas deben ser tratadas como afeccións de pleno dominio.

– Incorporación na relación de bens e dereitos afectados ao ter na actualidade contratos de dereito de voo ou superficie sobre as parcelas situadas no termo municipal de Coristanco.

– Os aeroxeradores AE-3, AE-4 e AE-5, así como as infraestruturas correspondentes, sitúanse no permiso de investigación Salgueiras; así mesmo, a área de afección do parque eólico superponse cos perímetros da concesión de explotación Carmen nº 1807, fracción 2 e demasías e co perímetro do permiso de investigación Salgueiras.

– Desprazamento da vía e da gabia dun predio afectado para ter un prexuízo menor.

– Opacidade e falta de participación das persoas afectadas na instalación que se pretende levar a cabo, incumpríndose así as directrices que constan na Lei 21/2013, de avaliación ambiental, así como na Lei 39/2015, do procedemento administrativo común, en canto aos procedementos que tivesen efectos sobre estes, así como facilitar a totalidade da documentación do proxecto.

– Para levar a cabo a declaración de utilidade pública debe sustentarse nunha memoria en que debe constar o indicado no punto 2 da disposición adicional primeira da Lei 5/2017, do 19 de outubro, que non figura na documentación consultada.

– O proxecto non cumpre coa normativa técnica urbanística.

– Revisión das localizacións dos aeroxeradores nos concellos, xa que existe contradicións na documentación e no DOG que deben ser aclaradas.

– O AE2 está sobre o campo de fútbol de Portorrubio; por tanto afecta un equipamento existente.

– A supresión ou desprazamento do aeroxerador AE-5 e, de levarse a cabo a construción do parque, que se indemnice economicamente.

– O parque eólico non ten posibilidade de evacuación da enerxía producida, xa que non existe conexión á rede eléctrica actual.

– A actividade agraria tanto convencional como ecolóxica sería imposible, entre outras cousas, pola contaminación do aire. O sector forestal quedaría seriamente danado, non só coa redución de terreo forestal senón tamén polos cambios que comportaría na tipoloxía de especies permitidas, altura destas, etc. Isto traería consecuencias sobre os postos de traballo que existen neste sector, así como no agrario.

– Non se achegan datos contundentes para que a Administración antepoña o dereito de aproveitamento eólico para a produción de enerxía eléctrica por parte dunha empresa privada, sobre os dereitos de todos os cidadáns a ter un medio ambiental axeitado, conservar os dereitos patrimoniais e culturais, así como as funcións que as citadas zonas desempeñan, ademais dos dereitos das persoas propietarias dos predios afectados.

– A instalación dun parque eólico non semella compatible coa protección de zonas húmidas (a Lagoa de Alcaián e o Marco do Couto), coa presenza de especies endémicas, tanto animais como vexetais, incluso algunhas en perigo de extinción e/ou consideradas vulnerables como a Euphorbia uliginosa, a Centaurea ultreiae (especie que só se dá nesta zona), a Lycopediella inundata ou a Spiranthes aestivalis. Na zona de instalación do parque foron detectadas formacións de hábitat código 4020-4030 (queirogais atlánticos).

– En canto á hidroloxía da zona, as masas de auga deberán terse máis en conta polos riscos derivados das afeccións previstas.

– A importancia histórica e arqueolóxica da zona proposta para o parque é unha das máis interesantes tanto do concello de Coristanco como da comarca de Bergantiños e de Galicia, polo que debe prevalecer o interese cultural e arqueolóxico sobre o aproveitamento enerxético.

– Impactos negativos na Fervenza de Castriz e no Túmulo Alto da Mina, así como grandes afeccións no lugar de Mira, en Coristanco, e no lugar de Sabaceda, en Santa Comba.

– A localización do proxecto non é boa nesta zona por ser de grande importancia ambiental e patrimonial; precísase un informe máis completo sobre as sinerxías no conxunto do parque, así como outra localización alternativa para o proxecto.

– Infrinxiríase numerosa lexislación ambiental promulgada coa finalidade de defender os recursos naturais a través da súa utilización racional e a conservación de especies que están amparadas e protexidas pola lexislación.

– Impacto visual e paisaxístico, así como contaminación electromagnética e contaminación acústica, con afeccións sobre a saúde dos veciños; algunhas casas atópanse a menos de 500 ou 1.000 m dos aeroxeradores.

– O promotor non tivo en conta o establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e na Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, xa que non se prevén as distancias mínimas nas repoboacións e os tipos de solo en que se prohiben as repoboacións.

– Os parques eólicos Campelo, Monte Toural e Bustelo, malia que se tramitan independentemente, formarían parte dun mesmo parque (mesmo promotor, mesma área xeográfica e incluso comparten infraestruturas), polo que debería ser un único estudo de impacto ambiental onde se estuden os efectos sinérxicos de todas as instalacións en proxecto no seu conxunto e non os impactos por separado, ademais de ter en conta o parque eólico Castelo xa en funcionamento. Deberían tramitarse os tres parques como un único proxecto en lugar de facelo separadamente, e así a tramitación ambiental sería máis restritiva.

– Coa tramitación separada dos proxectos dos tres parques eólicos (Monte Toural, Bustelo e Campelo), que forman parte dun mesmo parque, evitan a tramitación estatal, xa que debería existir un único estudo de impacto ambiental que recolla os efectos sinérxicos de todas as instalacións.

– Solicitan o rexeitamento do proxecto xa que non se xustifica o seu interese especial nin a utilidade pública dadas as afeccións á paisaxe, aos ecosistemas, ás poboacións próximas, á saúde e a falta dunha axeitada avaliación ambiental.

– A implantación dos parques eólicos (Bustelo, Campelo e Monte Toural) e da LAT Campelo Mesón é contraria aos intereses socioeconómicos dos veciños e ten un importante impacto negativo na saúde, no ambiente e na paisaxe.

– Solicitudes de denegación das autorizacións, da declaración de utilidade pública, así como da aprobación do proxecto sectorial do parque eólico e impacto ambiental.

– Indícase que a Xunta de Galicia debe aplicar a Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental, e demais lexislación ambiental en primeiro lugar, e en detrimento do regulamento do Plan sectorial eólico de Galicia. Considérase que se converteu nunha norma inválida e, por tanto, inaplicable ao non incorporar nin integrar na súa planificación a actual normativa ambiental e paisaxística, incluído o Plan de xestión do lobo de Galicia do ano 2008.

– Considérase que o Plan sectorial eólico hoxe está obsoleto xa que non ten en conta os cambios tecnolóxicos dos aeroxeradores nin os cambios socioeconómicos das áreas afectadas. Considérase que o Plan sectorial se converteu, polo transcurso dos anos, nunha norma inválida, polo que se debería revisar e proceder á súa actualización inmediata, ao abeiro da lexislación ambiental actual e con base no principio de xerarquía normativa e nulidade de pleno dereito das disposicións administrativas que vulneran normas de rango superior. A fragmentación do territorio que implica na práctica dá lugar a unha fragmentación dos hábitats e das paisaxes, que debería ser obxecto de avaliación e estudo global, por non estar nin avaliada nin valorada nin cualificada; por tanto, non poden adoptarse medidas ao respecto, co obxecto de eliminar ou minimizar os impactos negativos para as familias afectadas por proxectos como o proxecto eólico Monte Toural.

– Fragmentación de hábitats e perda de biodiversidade derivada dunha deficiente e obsoleta planificación sectorial eólica.

– Solicita a ineficacia da Resolución do 27 de abril de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do 26 de abril de 2018, do Consello da Xunta de Galicia, polo que se declaran de interese especial varios proxectos de produción de enerxía eléctrica a partir de fontes renovables e as súas infraestruturas de evacuación asociadas (DOG núm. 94, do 18 de maio) e de cantos actos administrativos deriven da tramitación dos proxectos eólicos Bustelo, Campelo e Monte Toural.

– A revisión da declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico Monte Toural por incorrer en nulidade de pleno dereito do artigo 47 e de anulabilidade do artigo 48 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ao prescindir total e absolutamente do procedemento establecido e por infracción normativa ao basearse nun plan sectorial eólico inválido e ilegal.

– Solicita a nulidade de pleno dereito da declaración de impacto ambiental favorable do proxecto eólico Monte Toural, por obviar e omitir a avaliación dos impactos do proxecto eólico sobre o lobo, ao abeiro do Convenio de Berna e o Plan galego de xestión da especie.

– A fragmentación fraudulenta dun parque de maior potencia e dimensión, motivo abondo polo que ten que ser revogada a declaración de impacto ambiental do proxecto do parque eólico.

7. O 23.7.2018, a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Cellnex Telecom, S.A., Retegal, Concello de Coristanco, Concello de Santa Comba, Consellería do Medio Rural, Augas de Galicia e Unión Fenosa Distribución, S.A.

8. O 2.8.2018, a xefatura territorial informou que a poligonal do parque eólico afecta o perímetro outorgado da concesión de explotación Carmen núm. 1807 e da solicitude dun permiso de investigación Cortegana núm. 7143.

9. O 14.9.2018, a xefatura territorial emitiu informe sobre o proxecto de execución. Coa mesma data, remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) para continuar coa tramitación do procedemento.

10. O 7.2.2019, esta dirección xeral tomou razón do cambio de denominación social de Greenalia Power, S.L.U. a favor de Greenalia Wind Power, S.L.U.

11. O 25.4.2019, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

12. O 24.7.2019, a promotora presenta unha modificación da documentación técnica de acordo cos condicionados xurdidos durante a tramitación do expediente, derivados dos informes emitidos polo Instituto de Estudos do Territorio e pola Dirección Xeral de Patrimonio Natural, consistentes basicamente en: eliminación da máquina AE02 e das súas infraestruturas asociadas, cambio de localización dos aeroxeradores AE01 e AE04, cambio de modelo de aeroxerador e modificación das plataformas de montaxe para adaptar o seu deseño ao novo modelo de aeroxerador, así como novo deseño do trazado do vieiro de acceso ás máquinas AE01, 03 e 04.

13. O 4.10.2019, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación coa modificación do proxecto recollida no antecedente anterior, o informe a que facía referencia o artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

14. O 9.10.2019 e o 15.10.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas (actualmente Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais) remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as novas separatas do proxecto de execución do parque eólico aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Cellnex Telecom, S.A., Retegal, Concello de Coristanco, Concello de Santa Comba, Augas de Galicia e Unión Fenosa Distribución, S.A.

15. Durante o trámite de avaliación de impacto ambiental a que foi sometido o proxecto, recibíronse informes dos seguintes organismos: Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Dirección Xeral de Saúde Pública, Instituto de Estudos do Territorio, Axencia Turismo de Galicia, Augas de Galicia, Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, e Concello de Coristanco.

O 20.11.2020, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico, que fixo pública mediante Anuncio do 23 de novembro de 2020 (DOG núm. 250, do 14 de decembro).

16. O 4.2.2021, a xefatura territorial emitiu o informe relativo á normativa de instalacións industriais e eléctricas do proxecto de execución do parque eólico Monte Toural nos termos municipais de Coristanco e Santa Comba (A Coruña). Xullo 2019 e da addenda ao proxecto de execución do parque eólico Monte Toural. Xaneiro 2021.

17. O parque eólico conta cos dereitos de acceso e conexión á rede para a potencia obxecto desta autorización, de acordo co informe do xestor da dita rede.

18. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 4/2014, do 8 de maio, pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, e pola Lei 9/2021, do 25 de febreiro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2021

Paula Uría Traba
Directora xeral de Planificación Enerxética
e Recursos Naturais