Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 167 Martes, 31 de agosto de 2021 Páx. 43319

III. Outras disposicións

Axencia Galega da Calidade Alimentaria

RESOLUCIÓN do 26 de agosto de 2021 pola que se modifica a Resolución do 3 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021.

O 18 de febreiro de 2021, a Axencia Galega da Calidade Alimentaria publicou a Resolución do 3 de febreiro de 2021 (DOG núm. 33, do 18 de febreiro) pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021.

O artigo 7 da Resolución do 3 de febreiro de 2021, relativo ao financiamento das axudas, detalla a aplicación orzamentaria, o importe previsto e a súa distribución por anualidades. As ditas axudas encádranse na medida 16 de cooperación, correspondendo coa submedida 16.20, axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no sector agroforestal.

Para o financiamento das axudas convocadas en virtude da Resolución do 3 de febreiro de 2021 foi preciso asignar os importes para cada unha das anualidades. Unha vez examinadas as solicitudes presentadas dentro desta liña de axudas, as actuacións que se poderían desenvolver para o cumprimento do obxectivo de apoio á innovación agroforestal e a execución dun maior número de proxectos exixen a redistribución dos importes iniciais entre as anualidades da axuda que financia esta convocatoria de subvencións. Este reaxuste de anualidades redundará, así, en beneficio do sector e dos colectivos destinatarios.

No artigo 22 da Resolución do 3 de febreiro de 2021 establécese que as entidades beneficiarias terán ata o 1 de outubro para presentar a documentación xustificativa da subvención na anualidade 2021. Tendo en conta que a resolución destas axudas non se produciu no prazo indicado no artigo 18 das bases reguladoras, motivada polo elevado número de solicitudes e o longo proceso de avaliación e resolución, co fin de facer viables os procesos de execución e xustificación dos investimentos, sen que con iso se cause prexuízo a terceiros, considérase necesario ampliar o prazo de xustificación.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación da Resolución do 3 de febreiro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras da concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se convocan para o ano 2021

Modifícase o parágrafo primeiro do punto 1 do artigo 7, que queda redactado do seguinte xeito:

«O financiamento das iniciativas de cooperación seleccionadas ao abeiro desta convocatoria imputarase á aplicación orzamentaria 14.A2.561A.770.0, código de proxecto 201600217, por un valor total de 2.250.000,00 euros, distribuídos nas seguintes anualidades: 339.500,00 euros en 2021, 1.167.500,00 euros en 2022 e 743.000,00 euros en 2023».

Artigo 2. Ampliación do prazo de execución e xustificación

Amplíase ata o 1 de novembro de 2021 (incluído) o prazo para executar e xustificar estas axudas na primeira anualidade.

A modificación obxecto da presente resolución, de modificación da Resolución do 3 de febreiro de 2021, non implica a apertura de novo prazo de presentación de solicitudes.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de agosto de 2021

José Luis Cabarcos Corral
Director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria