Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Luns, 6 de setembro de 2021 Páx. 44203

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 1 de setembro de 2021 pola que se convocan para a elección de destino provisional as persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (Diario Oficial de Galicia número 48, do 8 de marzo).

De conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e co obxecto de avanzar en facer efectivo o dereito da cidadanía a relacionarse electronicamente coas administracións públicas e a conseguinte obriga destas de dotarse dos medios e sistemas necesarios para que ese dereito poida exercerse, cómpre incorporar unha tramitación electrónica á fase de elección de destino das persoas aspirantes que superaron un proceso selectivo convocado pola Dirección Xeral da Función Pública.

A resolución dítase por delegación, de conformidade co establecido na Orde do 8 de xaneiro de 2020 sobre delegación de competencias na Dirección Xeral da Función Pública, publicada no DOG núm. 16, do 24 de xaneiro.

En virtude da Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 48, do 8 de marzo) convocouse o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas.

Pola Resolución do 30 de abril de 2021 (DOG núm. 86, do 7 de maio) foron nomeados persoal funcionario en prácticas da dita escala as persoas aspirantes que superaron a fase de oposición do proceso selectivo.

O tribunal designado para cualificar o dito proceso acordou facer pública e elevar á Dirección Xeral da Función Pública a relación de aspirantes que o superaron na súa Resolución do 28 de xullo de 2021 (DOG núm. 168, do 1 de setembro).

Co obxecto de que as persoas aspirantes que superaron o dito proceso selectivo poidan ser nomeadas persoal funcionario de carreira do corpo superior de Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, e segundo o disposto no Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e demais normativa concordante, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Publicar como anexo I a relación de persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo e que, segundo a base V.7 da convocatoria, son convocadas á elección de destino provisional, segundo a orde que, en aplicación das bases da convocatoria, deberá seguirse para os efectos da adxudicación de destino.

Segundo. Os postos ofertados e os requisitos exixidos para a súa ocupación figuran como anexo II desta resolución. As persoas aspirantes elixirán as prazas do subgrupo a que acceden e de conformidade co indicado no anexo II desta resolución.

Terceiro. Para o acceso á aplicación informática para a elección de destino, a Dirección Xeral da Función Pública remitirá ás persoas aspirantes un correo electrónico co usuario e a clave de acceso á aplicación do proceso selectivo.

No prazo máximo de dous (2) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG), a persoa aspirante, no suposto de que non recibise correctamente o seu usuario e clave, deberá poñerse en contacto co servizo informático da Dirección Xeral da Función Pública, no teléfono 881 99 98 83, para que se lle faciliten os datos necesarios.

Unha vez transcorrido o prazo sinalado no parágrafo anterior, abrirase un prazo de cinco (5) días hábiles para que as persoas aspirantes que constan no anexo I desta resolución seleccionen telematicamente, a través do sistema electrónico, os destinos ofertados por orde de prelación.

A elección de destinos deberá realizarse a través do sistema electrónico a que se poderá acceder a través da páxina web da Dirección Xeral da Función Pública funcionpublica.xunta.gal, seguindo a ruta «Función pública»–«Procesos selectivos».

Cuarto. Para a selección de destinos as persoas aspirantes deberán acceder ao sistema electrónico e proceder da seguinte forma:

Unha vez que acceda ao seu expediente electrónico, a persoa aspirante deberá, en primeiro lugar, elixir entre as opcións «Renuncia», «Solicitude de excedencia» ou «Escoller posto».

1º. De elixir a opción «Renuncia», deberaa presentar por escrito no rexistro da Xunta de Galicia no mesmo prazo previsto no parágrafo terceiro. A persoa aspirante que exerza esta opción quedará excluída do proceso e decaerá no seu dereito a ser nomeada persoal funcionario de carreira do subgrupo a que accede.

2º. De elixir a opción «Solicitude de excedencia», deberaa presentar por escrito no rexistro da Xunta de Galicia no mesmo prazo previsto no parágrafo terceiro, sempre que cumpra os requisitos exixidos no artigo 174 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia.

3º. De elixir a opción «Escoller posto», a persoa aspirante seleccionará, por orde de preferencia, os destinos que se ofertan. No suposto de que escolla un número de prazas inferior ao da posición que ocupa no proceso, as persoas aspirantes que cumpran os requisitos exixidos no artigo 174 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, poderán solicitar ser declaradas en excedencia por prestación de servizos no sector público, o que deberán de manifestar mediante a presentación dunha solicitude por escrito e no mesmo prazo previsto no parágrafo terceiro, á cal deberán achegar a copia da última orde de prelación dos postos ofertados e seleccionados no sistema electrónico debidamente asinada.

Quinto. Ás persoas aspirantes que non presenten a súa solicitude de elección no prazo sinalado, ou seleccionen un número de prazas inferior ao da posición que ocupan no proceso e non se lles adxudique ningún destino ou non presentasen a súa solicitude no xeito previsto nesta resolución, seranlles adxudicados en destino provisional os postos que lles correspondan atendendo á orde de publicación destes e ao número obtido no proceso selectivo, unha vez concluído o proceso de adxudicación dos postos ás aspirantes presentes ou representadas, entre os que quedasen sen adxudicar.

Sexto. Todas as comunicacións que formulen as persoas aspirantes dirixiranse á Consellería de Facenda e Administración Pública, Dirección Xeral da Función Pública, Servizo de Selección (Edificio Administrativo San Caetano. Santiago de Compostela). Para isto, deberán empregar o modelo co código PR004A previsto na Orde do 4 de maio de 2017 que aproba a posta en funcionamento do servizo para a presentación electrónica de solicitudes, escritos e comunicacións que non conten cun sistema electrónico específico nin cun modelo electrónico normalizado, habilitado na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal; ou ben presentará a documentación nas oficinas de Rexistro da Xunta de Galicia e nos demais lugares previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sétimo. Finalizado o prazo para a elección de destinos, a aplicación efectuará a adxudicación automática de destinos, en función do subgrupo a que se accede e a orde de prelación acadada por cada persoa aspirante no seu proceso e atendendo á orde de preferencia na selección de destinos efectuada por esta.

A adxudicación provisional de postos resolverase mediante resolución da consellería competente en materia de función pública e publicarase no DOG.

As persoas aspirantes nomeadas persoal funcionario de carreira e adxudicatarias provisionais dos postos de traballo relacionados nesta resolución disporán do prazo dun mes para tomar posesión do seu destino, desde o día seguinte ao da publicación no DOG.

As persoas aspirantes que obteñan un destino provisional deberán optar ás prazas que se oferten na elección de destino definitivo.

Oitavo. Estará á disposición das persoas aspirantes información complementaria para a utilización da aplicación informática e a presentación das solicitudes de elección de destino na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública funcionpublica.xunta.gal

Noveno. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase presentar recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Facenda e Administración Pública no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses contados desde esa mesma data, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, conforme o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2021

O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO I

Nº de orde de elección de destino

DNI

Apelidos e nome

1

***0723**

Figueiras Vázquez, Helena

2

***4136**

Nodar López, Raquel

3

***4732**

Mourelle Arnejo, Juan

4

***3895**

Álvarez Cuiñas, Alejandra

5

***4657**

Fernández Loureiro, David

ANEXO II

Prazas ofertadas

Código

Denominación

Cons.

Centro de destino

Centro directivo

Concello

Adscr.

Nivel

Formación

1

FCA291000027001095

Xefatura de equipo

FC

Delegación Lugo

Axencia Tributaria de Galicia (Servizos Periféricos)

Lugo

A1, A2

25

 

2

FCA291000036560184

Xefatura de equipo

FC

Delegación Vigo

Axencia Tributaria de Galicia (Servizos Periféricos)

Vigo

A1, A2

25

 

3

FCC040000215770016

Técnico/a financeiro/a

FC

S. X. de Recursos e Análise Orzamentaria

Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos

Santiago de Compostela

A1, A2

25

 

4

FCC040000315770007

Técnico/a financeiro/a

FC

S. X. de Programación Financeira do Sector Público Autonómico e de Seguimento de Políticas de Gasto

Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos

Santiago de Compostela

A1, A2

25

 

5

FCC030001515770005

Xefatura Servizo Fiscalización e Contabilidade I

FC

Intervención Delegada da Consellería de Economía, Emprego e Industria

Intervención Xeral da Comunidade Autónoma

Santiago de Compostela

A1, A2

28

Para persoal doutra Administración, curso de perfeccionamento de galego (R.I.)