Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 171 Luns, 6 de setembro de 2021 Páx. 44194

III. Outras disposicións

Consellería de Emprego e Igualdade

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2021 pola que se dá publicidade das bases reguladoras e da convocatoria para a selección de pequenas e medianas empresas e persoas traballadoras autónomas ás cales se prestarán servizos do programa Responsabilízate (terceira edición) (código de procedemento TR320B).

Mediante as resolucións do 21 de xuño e 7 de novembro de 2016 (DOG do 11 de xullo e 17 de novembro, respectivamente) deuse publicidade ás bases reguladoras e á convocatoria da primeira edición do programa Responsabilízate, consistente na prestación de servizos de tutela ou acompañamento en materia de responsabilidade social empresarial. A segunda edición publicouse mediante a Resolución do 1 de febreiro de 2018 (DOG do 13 de febreiro).

No ano 2020 e debido á pandemia da COVID-19 e á imposibilidade de ter reunións presenciais, non se fixo a convocatoria, polo que se dá agora publicidade á terceira edición, correspondente ao ano 2021.

No exercicio das súas funcións, a Dirección Xeral de Relacións Laborais pretende impulsar a implantación da RSE no tecido empresarial galego, a través, entre outras medidas, do establecemento dos servizos do programa Responsabilízate.

En virtude do Decreto 215/2020, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego e Igualdade, a Dirección Xeral de Relacións Laborais é competente para realizar esta convocatoria.

Na súa virtude, e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Primeiro. Publicar as bases reguladoras que rexerán a selección de pemes e persoas traballadoras autónomas, en virtude do programa Responsabilízate.

Segundo. Convocar a terceira edición do programa Responsabilízate, correspondente ao ano 2021.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2021

Elena Mancha Montero de Espinosa
Directora xeral de Relacións Laborais

Bases reguladoras para a selección de pequenas e medianas empresas e persoas traballadoras autónomas, ás cales se prestarán servizos de diagnose ou análise do estado e potencial da RSE, formación e implantación das primeiras accións, a través do programa Responsabilízate

Artigo 1. Obxecto

É obxecto da presente resolución establecer os requisitos do proceso de selección das empresas ou entidades ás cales se prestarán os servizos do programa Responsabilízate, así como proceder á súa convocatoria para o ano 2021 (TR320B).

Artigo 2. Beneficiarias

a) Poderán ser beneficiarias do programa Responsabilízate as pequenas e medianas empresas (pemes), así como as persoas traballadoras autónomas, que teñan radicado o seu domicilio social ou que conten con algún centro de traballo en Galicia.

b) Ademais do especificado no punto anterior, deberán cumprir os seguintes requisitos:

1. Ter, cando menos, unha persoa traballadora por conta allea.

2. Non superar os 50 millóns de euros de volume de negocio anual ou ter un balance anual inferior a 43 millóns de euros.

3. Non ser entidades sen ánimo de lucro.

Artigo 3. Servizos a que optarán as empresas beneficiarias do Programa:

1º. Análise do estado, potencial competitivo e situación da responsabilidade social empresarial (RSE). Trátase de avaliar o estado inicial da empresa exercendo un estudo completo nos diferentes ámbitos da empresa.

2º. Asesoramento e formación. As pemes participantes recibirán un módulo formativo para afondar no coñecemento e nas ferramentas da RSE. Asemade, as empresas recibirán un asesoramento individualizado para a construción dun plan de acción RSE.

3º. Plan de acción, implantación e seguimento das accións de RSE: a partir do informe de resultados da diagnose e da formación impartida, definirase a metodoloxía para a elaboración dun plan de acción individualizado para a implantación dun mínimo do 20 % das accións previstas no Plan de acción en RSE.

Artigo 4. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes previstas nesta resolución corresponderalle á persoa titular da Dirección Xeral de Relacións Laborais.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación de solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado incluído como anexo I desta resolución e dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

Artigo 6. Documentación complementaria.

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Copia da escritura de constitución, estatutos ou documentos análogos da empresa solicitante, de tratarse dunha persoa xurídica, que acredite o seu domicilio social e a potestade da persoa que actúa e que asina a solicitude.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán obtidos electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderán solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da empresa solicitante.

d) Vida laboral de todos os códigos de conta cotización da empresa solicitante dos 30 días inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Prazo para presentación de solicitudes

1. O prazo estará aberto desde o día seguinte ao da publicación destas bases no Diario Oficial de Galicia e ata que se acade o número de prazas máximo segundo a dispoñibilidade orzamentaria, que virá determinada pola contía de adxudicación do contrato de servizos do programa Responsabilizate.

2. Unha vez cuberto o número de prazas máximo, pecharase a inscrición, o que será comunicado a través da páxina web https://rse.xunta.gal e da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Réxime de recursos

Contra as resolucións que se diten neste procedemento pódese interpoñer recurso de alzada perante a conselleira de Emprego e Igualdade no prazo dun mes, contado a partir da notificación da resolución, conforme o previsto no artigo 121 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 10. Práctica das notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 12. Tramitación

1. Logo da recepción de solicitudes, o Servizo de Relacións Laborais e Seguridade e Saúde Laboral da Dirección Xeral de Relacións Laborais comprobará se cada solicitude presentada reúne os requisitos exixidos nos artigos anteriores.

2. As solicitudes serán atendidas por estrita orde de entrada no Rexistro da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder un mes a partir de que se peche a inscrición, que se producirá unha vez acadado o número de prazas reflectido no artigo 8.1. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude.

4. A comunicación ás entidades que sexan admitidas neste programa e a listaxe destas faranse públicas, mediante resolución, a través da páxina web https://rse.xunta.gal

Artigo 13. Datos estatísticos

A persoa beneficiaria acepta que os datos resultantes da execución do servizo, unha vez desvinculados dos datos identificativos da súa empresa, pasarán a formar parte dunha base de datos para a súa explotación multicriterio con fins estatísticos, de deseño de políticas públicas e de difusión de situacións empresariais.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2021. Elena Mancha Montero de Espinosa, directora xeral de Relacións Laborais.

missing image file
missing image file