Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Venres, 17 de setembro de 2021 Páx. 45821

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 13 de setembro de 2021, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publican as relacións definitivas de admitidos e excluídos no procedemento para a selección de persoal interino para o desempeño de postos reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, convocado mediante a Resolución do 14 de maio de 2021, e se fan públicos a data, a hora e o lugar de realización da proba tipo test.

De conformidade co establecido no artigo 5.3 da Orde da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 30 de novembro de 2017, pola que se establece o procedemento para a selección e nomeamento de persoal interino para o desempeño de postos reservados a persoal funcionario de Administración local con habilitación de carácter nacional, e rematado o prazo para formular reclamacións ou emendas ás solicitudes para a inclusión nas bolsas de interinos de conformidade coa convocatoria realizada pola Resolución do 14 de maio de 2021, procede publicar a relación definitiva de admitidos e excluídos para a realización da proba tipo test e de galego no proceso de selección correspondente.

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar as listaxes definitivas de admitidos e excluídos ao procedemento para a selección de persoal interino para o desempeño de postos reservados a persoal funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional, convocado pola Resolución do 14 de maio de 2021.

As listaxes definitivas de admitidos e excluídos para a realización da proba tipo test e da proba de galego, nos casos en que proceda, están á disposición das persoas interesadas na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal/detalle-procedemento?codtram=PR410A

Segundo. En virtude do previsto no artigo 4.5 da Resolución do 14 de maio de 2021, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se efectúa a convocatoria deste proceso selectivo, a Administración devolverá o importe ingresado en concepto de dereitos de exame a aquelas persoas aspirantes excluídas de maneira definitiva que así o soliciten no prazo de dous (2) meses a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia das listaxes definitivas de admitidos e excluídos.

Para iso será necesaria a presentación dun escrito en que soliciten a devolución e no cal fagan constar o número de conta bancaria (24 díxitos), a entidade financeira e a súa localidade, ou ben presenten un certificado expedido pola entidade financeira en que figuren eses datos.

Esta documentación deberá ser dirixida á Dirección Xeral de Administración Local e a súa presentación efectuarase electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, coa indicación do código PR410A.

A presentación deste escrito sen os datos indicados ou fóra de prazo supoñerá a perda do dereito á devolución do importe ingresado.

Non procederá a devolución do importe aboado en concepto de dereitos de exame nos supostos de renuncia a participar no proceso das persoas aspirantes admitidas provisional ou definitivamente.

Terceiro. Convocar as persoas admitidas con carácter definitivo para a realización da proba tipo test que terá lugar o vindeiro 25 de setembro de 2021, en chamamento único que se iniciará ás 9.00 horas, nas instalacións da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela, sitas na rúa Madrid, 2-4, 2ª planta (As Fontiñas) 15781 Santiago de Compostela.

Os/as aspirantes deberán ir provistos/as de DNI ou de documento fidedigno acreditativo da súa identidade, ao xuízo do tribunal, lapis do nº 2 e goma de borrar.

Non se permitirá o acceso ás aulas en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento de que se poida valer o/a aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.

Será de aplicación o previsto no Protocolo polo que se establece a utilización das instalacións da EGAP, publicado na seguinte ligazón: https://egap.xunta.gal/Documentos/Estaticas/[1608291780]Protocolo_uso_instalacions_EGAP.pdf

Cuarto. Publicar no enderezo https://sede.xunta.gal, no procedemento PR410A, e na páxina web Eidolocal, na epígrafe Máis información (https://www.eidolocal.gal/bolsas-interinos), as aulas da EGAP onde se efectuará a proba tipo test, así como os/as aspirantes asignados/as a cada unha delas, en función da/das subescala/s á/ás cales se presenten.

Quinto. Poñer en coñecemento dos interesados que os anuncios, avisos e resolucións correspondentes a este proceso selectivo estarán dispoñibles no enderezo https://sede.xunta.gal, no procedemento PR410A.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición, ante a directora xeral de Administración Local, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, de conformidade co disposto no artigo 8.2 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, en relación co artigo 10.1 do mesmo texto legal.

Santiago de Compostela, 13 de setembro de 2021

Natalia Prieto Viso
Directora xeral de Administración Local