Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Luns, 20 de setembro de 2021 Páx. 46155

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 9 de setembro de 2021, da Xefatura Territorial de Lugo, polo que se notifica a resolución para o emprazamento ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a todos os interesados no procedemento ordinario 7571/2021 con motivo do recurso contra a desestimación presunta da solicitude de revisión de oficio relacionada co acordo de concentración parcelaria de Vilapedre (Vilalba), así como para a remisión do expediente ao dito tribunal.

Que mediante oficio remitido polo TSXG no procedemento ordinario número 7571/2021 orixinado polo recurso contencioso administrativo interposto por Antonio Otero Fernández contra desestimación presunta por silencio administrativo de recurso de revisión do acordo de concentración parcelaria da zona de Vilapedre (Vilalba-Lugo), ordenouse á Consellería do Medio Rural que proceda a notificar a resolución que acorde a remisión do expediente administrativo e a emprazar a cantos resulten interesados no procedemento para que poidan personarse como demandados.

De conformidade co disposto no artigo 45.1.a) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e por existir unha pluralidade indeterminada de persoas interesadas no procedemento referido, notifícaselles a estas, por medio do presente anuncio, a resolución pola que se acorda o dito emprazamento e a remisión do expediente ao dito tribunal.

Deste xeito, e segundo o establecido no artigo 49.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa, os interesados poden comparecer ante o dito tribunal como demandados no prazo de nove días.

O contido da resolución incorpórase a este anuncio como anexo.

Lugo, 9 de setembro de 2021

Mª Olga Iglesias Fontal
Xefa territorial de Lugo

ANEXO

Resolución do 9 de setembro de 2021, da Xefatura Territorial de Lugo da Consellería do Medio Rural, pola que se acorda a remisión do expediente administrativo corresondente ao recurso ordinario núm. 7571/2021 que se sigue perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, fronte a desestimación presunta por silencio de recurso administrativo con prestensións relacionadas co acordo de concentración parcelaria de Vilapedre (Vilalba, Lugo) e se emprazan ás terceiras persoas interesadas no procedemento ordinario.

Mediante oficio remitido polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no procedemento ordinario número 7571/2021, orixinado polo recurso contencioso-administrativo interposto por Antonio Otero Fernández contra a desestimación presunta por silencio administrativo do recurso de revisión do acordo de concentración parcelaria da zona de Vilapedre (Vilalba, Lugo), ordenouse á Consellería do Medio Rural que proceda a notificar a resolución que acorde a remisión do expediente administrativo e a emprazar a cantos resulten interesados no procedemento para que poidan persoarse como demandados.

O acordo de concentración parcelaria da zona de Vilapedre (Vilalba, Lugo) foi declarado firme por resolución da Dirección Xeral do Desenvolvemento Rural de data 20 de xaneiro de 2014, os predios resultantes deste proceso foron inscritos no rexistro da propiedade e os títulos de propiedade entregados aos seus destinatarios.

Non obstante as pretensións concretas do recorrente en relación cos predios a el adxudicados, solicítase a declaración de nulidade do acordo de concentración con retroacción de actuacións, polo que todas as personas físicas e xurídicas afectadas por este proceso son potenciais interesadas nos termos recollidos no artigo 21 da Lei reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

En virtude de canto antecede, en uso das atribucións conferidas,

ACORDO:

Primeiro. Ordenar a remisión ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do expediente administrativo correspondente ao recurso interposto por Antonio Otero Fernández seguido como procedemento ordinario núm. 7571/2021.

Segundo. Emprazar a todos os interesados no dito procedemento segundo o previsto no artigo 49 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa, a fin de que poidan comparecer como demandados ante o citado órgano xudicial en legal forma no prazo de 9 días a partir do día seguinte á notificación da presente resolución.

Terceiro. Acordar a notificación desta resolución a través da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) por existir unha pluralidade indeterminada de persoas interesadas no procedemento referido, todo iso de conformidade co disposto no artigo 45, números 1.a) e 3, da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e sen prexuízo das notificacións persoais que se entendan procedentes.