Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 182 Martes, 21 de setembro de 2021 Páx. 46350

III. Outras disposicións

Vicepresidencia primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2021, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2021

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral
do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 2/2021,
do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

1º. De conformidade coas negociacións previas celebradas polo Grupo de Traballo constituído en cumprimento do previsto no acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia, para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas sobre os artigos 4, 11, 12, 54, 73 e 74 da Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia, ambas as dúas partes as consideran resoltas en razón dos compromisos e consideracións seguintes:

a) En relación á definición de augas continentais recollida no punto 4 do artigo 4, ambas as dúas partes entenden que tal concepto se establece para os efectos da aplicación da citada Lei de Galicia 2/2021, sen que por iso se modifique en ningún caso o disposto en relación coas augas continentais no artigo 2 e concordantes do texto refundido da Lei de augas aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, e sen prexuízo da definición de marisma dada pola Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas.

b) En relación co artigo 11 da norma, no seu parágrafo segundo, no que se refire ás concesións para aproveitamentos piscícolas, ambas as dúas partes entenden que estas concesións se refiren á exclusividade e non á ocupación do espazo físico do tramo correspondente do dominio público, así como en que, de acordo co disposto na disposición adicional segunda da propia lei, estas concesións outorgaranse sen prexuízo das autorizacións ou concesións que correspondan a outros órganos ou administracións no exercicio das súas respectivas competencias, que se outorgarán ademais en canto á orde de preeminencia destas nos termos previstos na normativa vixente e no correspondente Plan hidrolóxico.

c) A Xunta de Galicia promoverá as actuacións precisas co fin de que, atendendo ás características da actuación considerada, o informe previo a que se refire o artigo 12.6 se emita no prazo máximo de 20 días.

d) En canto ao informe a que se refire o artigo 54 no seu punto 3, ambas as dúas partes entenden que deberá emitirse pola Administración hidráulica estatal no exercicio das súas competencias nos prazos establecidos para o efecto na normativa estatal, consonte ao disposto no artigo 25.4 do citado texto refundido da Lei de augas.

e) En relación ao réxime de infraccións e sancións establecido no capítulo II do título VI da lei, e en especial, nos seus artigos 73 e 74, ambas as dúas partes entenden que ese réxime ten que interpretarse e aplicarse sen prexuízo do establecido no texto refundido da Lei de augas e a súa normativa de desenvolvemento.

2º. En razón ao acordo alcanzado, ambas as dúas partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas en relación ás disposicións recollidas neste acordo e rematada a controversia formulada.

3º. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserir o presente acordo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Isabel Rodríguez García

Ministra de Política Territorial

Alfonso Rueda Valenzuela

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo