Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Venres, 24 de setembro de 2021 Páx. 46887

III. Outras disposicións

Axencia Turismo de Galicia

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ao sector da hostalaría para a promoción da dixitalización e o márketing dixital, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TU503C).

A Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, establece entre os fins que persegue a lei, aos que a Administración autonómica acomodará as súas actuacións, a promoción e o estímulo dun sector turístico galego competitivo, de calidade e accesible, e a promoción de Galicia como destino turístico de calidade, con garantía do seu tratamento unitario na difusión interior e exterior dos recursos do país.

A Axencia Turismo de Galicia créase en virtude da autorización contida na disposición adicional cuarta da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, mediante o Decreto 196/2012, do 27 de setembro, como unha axencia pública autonómica, que terá como finalidade impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e a ordenación do turismo dentro da comunidade.

Entre os obxectivos básicos da Axencia están o desenvolvemento do turismo na Comunidade Autónoma de acordo cos principios de calidade, accesibilidade e sustentabilidade, a potenciación do turismo como un factor de crecemento económico, a valorización dos recursos turísticos e o fomento do turismo como un instrumento de reequilibrio territorial.

No eido do turismo, os establecementos hoteleiros e de restauración inciden directamente na configuración das exixencias de calidade dos servizos turísticos.

A situación xerada pola evolución da COVID-19 obrigou as autoridades públicas a xestionar a crise sanitaria establecendo medidas para protexer a saúde e a seguridade, e estas medidas comportaron a maior crise económica coñecida. O sector da hostalaría foi un dos mais afectados polas limitacións de mobilidade. Ante esta situación, a Xunta de Galicia quere impulsar un plan de axudas para incentivar a dixitalización e promocionar o márketing dixital dos establecementos hostaleiros de aloxamento e de restauración co fin de consolidar unha oferta turística de calidade, como un referente da imaxe de Galicia a nivel global e cun gran valor estratéxico na economía galega.

A potenciación do sector turístico é crucial nestes tempos de crise en que existe unha grave perturbación na economía galega provocada pola COVID-19, motivo polo que se fai necesario fortalecer a actividade económica neste ámbito, mediante axudas que apoien a súa consolidación, con fórmulas amparadas polas excepcións do artigo 107, número 3, letras b) e c), do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE), fórmulas que, por unha banda, tratan de poñer remedio a unha grave perturbación económica da economía galega e, por outra, facilitar o desenvolvemento e a consolidación do sector turístico.

Así pois, de acordo co disposto no número 3.1 do Marco nacional temporal consolidado establécese nesta orde un programa de axudas a empresas do sector turístico mediante o cal se pretende facilitar a estas entidades a liquidez necesaria para o mantemento da súa actividade económica e a protección fronte a prexuízos económicos significativos xurdidos a raíz do gromo da COVID-19.

Esta resolución ten como obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións ás empresas do sector da hostalaría para contribuír á mellora da súa competitividade para potenciar Galicia como destino turístico. Con estas subvencións prestarase apoio a un colectivo fundamental no conxunto das empresas do sector turístico promovendo o seu desenvolvemento tecnolóxico e o proceso de transformación dixital do sector.

Estas subvencións financiaranse con cargo aos créditos orzamentarios da Axencia Turismo de Galicia asignados para esta finalidade, e conforme o establecido sobre medidas de fomento no artigo 94 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia, en concordancia co sinalado no artigo 95 da dita lei e tendo en conta o determinado na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto11/2009, do 8 de xaneiro polo que se aproba o seu regulamento.

De acordo co anterior

RESOLVO:

1. Convocatoria e bases reguladoras.

1.1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión das subvencións da Axencia Turismo de Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva, aos establecementos do sector da hostalaría de Galicia para a promoción da dixitalización e o márketing dixital, e anunciar a súa convocatoria para o ano 2021 (código do procedemento TU503C).

1.2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda destinadas a apoiar a economía no contexto do actual gromo da COVID-19 en atención ao contido da Decisión da Comisión Europea SA.56851 (2020/N), do 2 de abril de 2020, e as súas modificacións.

2. Solicitudes.

1. Para poder ser beneficiario das subvencións deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo II desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.

2. As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos no devandito artigo 5 das bases reguladoras.

3. Prazo de duración do procedemento de concesión.

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

4. Información ás persoas interesadas.

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Axencia Turismo de Galicia, a través dos seguintes medios:

a) Páxina web oficial da Axencia Turismo de Galicia: http://turismo.xunta.gal/canle-profesional/promocion-do-sector/axudas-e-subvencions

b) Páxina web https://sede.xunta.gal/portada, introducindo no buscador o código de procedemento.

b) O teléfono 900 81 53 34.

c) Enderezo electrónico: fomento.turismo@xunta.gal

5. Réxime de recursos.

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Dirección da Axencia Turismo de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso- administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

6. Base de datos nacional de subvencións.

En cumprimento o disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do dito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2021

Mª Nava Castro Domínguez
Directora de Turismo de Galicia

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das subvencións para a promoción da dixitalización e o márketing dixital, e se anuncia a súa convocatoria para o ano 2021 (código de procedemento TU503C)

Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións

As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto contribuír á recuperación de destinos turísticos a través de axudas ao sector da hostalaría para a promoción da dixitalización e o márketing dixital para o ano 2021, co fin de remediar a grave perturbación que na economía galega provocou o gromo da COVID-19, facilitándolles acceso á liquidez e protección fronte a outros prexuízos económicos significativos que xurdisen por mor da COVID-19 mediante liñas de axudas que, con especial incidencia na transformación dixital, melloren a súa actividade económica e incrementen a súa competitividade.

Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas que se desenvolvan entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2021. En ningún caso se admitirán nin facturas nin xustificantes de pagamento emitidos en datas non incluídas no dito período.

2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2. Gastos subvencionables e importe máximo da subvención por entidade solicitante

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2021 con respecto aos conceptos seguintes:

1.1. Instalación de novos PMS (Property Management System).

1.2. Integración de PMS actuais.

1.3. Instalación de novos CRM (Customer Relationship Management) integrados con PMS.

1.4. Instalación de novos CRM non integrados con PMS.

1.5. CMR integrado con PMS e ferramentas de Big Data e Chatbots intelixentes.

1.6. Produtos/servizos de márketing orientados a captar e fidelizar novos mercados e clientes:

– Estudos de mercado (internacionalización, análise de competencia, benchmarking...).

– Estudos de comportamento e satisfacción de clientes (enquisas, mistery shopper, focus group...).

– Sistemas de marketing automation.

– Xestión profesionalizada de RR.SS. (redes sociais).

– Publicidade en liña.

– Campañas publicitarias con prescritores.

– Reportaxes fotográficas e de vídeo.

– Revisión das APPCC (análises de perigos e puntos control crítico).

1.7. Web corporativa con motor de reservas.

1.8. Adquisición de hardware informático.

1.9. Gastos de persoal:

– Sistemas de control do teletraballo.

1.10. Equipamento tecnolóxico:

– Equipamento tecnolóxico, directo ou indirecto, que poida servir de apoio ou difusión no control da pandemia.

– Equipamento tecnolóxico tanto básico (equipamentos informáticos, software, comunicacións, etc.) como específico.

2. En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os derivados de recargas e sancións administrativas e penais, nin ningún outro fóra dos especificados no punto dous deste artigo.

3. O importe da subvención será do 100 % para un gasto subvencionable de ata 15.000,00 euros por persoa beneficiaria.

Artigo 3. Financiamento e concorrencia

1. As subvencións obxecto desta resolución, cun crédito total de 6.000.000,00 €, imputaranse á aplicación orzamentaria 05 A2 761A 770.2, proxecto 2020 00001, cun crédito de 3.000.000,00 €, e á aplicación orzamentaria 05 A2 761A 770.0, proxecto 2015 00005, cun crédito de 3.000.000,00 €, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para 2021, sen prexuízo de ulteriores variacións producidas como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria, de conformidade co disposto no artigo 30.2 do Regulamento da Lei 9/2007 de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o que poderá dar lugar á posibilidade de atender novas solicitudes que poderán implicar a subvención oportuna.

Nestes casos o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria, sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.

2. A axuda global que unha entidade poida percibir ao abeiro do Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda destinadas a apoiar a economía no contexto do actual gromo de COVID-19 en atención ao contido da Decisión da Comisión Europea SA.56851 (2020/N), do 2 de abril de 2020, e as súas modificacións, en forma de subvencións directas, vantaxes fiscais e de pagamento e outras formas como anticipos reembolsables, garantías, préstamos e capital, todas elas antes de impostos e outras retencións, non poderá superar a cantidade de 1.800.000 €.

3. As subvencións reguladas nestas bases serán compatibles coa percepción outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo proxecto ou finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal ou de organismos internacionais, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade, procedentes doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada, segundo se establece no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 4. Beneficiarias

1. Poderán ser persoas ou entidades beneficiarias as persoas traballadoras autónomas, persoas físicas ou con persoal contratado por conta allea ao seu cargo, as microempresas e as pemes do sector de hostalaría que teñan o seu domicilio fiscal en Galicia.

Para os efectos destas axudas considéranse dentro do sector da hostalaría os hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamentos, ademais de restaurantes, bares e outros establecementos de restauración.

2. As entidades solicitantes deberán estar inscritas no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Xunta de Galicia (en adiante, REAT), con base nos artigos 50 e 51 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, do turismo de Galicia.

Os datos que figuran no REAT relativos ao establecemento, á súa titularidade e á representación, teñen que coincidir cos datos achegados polo solicitante da subvención. No caso de que o representante legal non sexa o mesmo que o que figura no REAT, deberá acreditarse esta condición coa presentación da solicitude.

3. Así mesmo, deben estar comprendidas na definición de pequena e mediana empresa (peme). Defínese peme, segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L 124, do 20.5.2003), en función dos seus efectivos, do seu volume de negocio e do seu balance anual.

Así, pequena empresa é aquela empresa que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros; mediana empresa é unha empresa que ocupa menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede os 50 millóns de euros ou cuxo balance anual non excede os 43 millóns de euros.

4. Enténdese por empresa calquera entidade que exerza unha actividade económica, con independencia da súa natureza xurídica e da súa forma de financiamento.

En todo caso, a entidade solicitante das axudas deberá acreditar que exerce actividade económica, para os efectos do previsto no parágrafo anterior.

Así mesmo, terán a consideración de empresa, para os efectos de poder ser beneficiarias das subvencións, as persoas físicas que desenvolvan a súa actividade en réxime de autónomos.

5. Os requisitos para ser beneficiarios deberán cumprirse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

6. Non poderán obter a condición de beneficiaria:

– As entidades solicitantes que xa estaban en crise o 31 de decembro de 2019. Non obstante, poderán concederse axudas a microempresas ou pequenas empresas que xa estivesen en crise o 31 de decembro de 2019 sempre e cando non se atopen inmersas nun procedemento concursal nin recibisen unha axuda de salvamento ou de reestruturación.

En todo caso, para verificar o cumprimento deste requisito, as entidades solicitantes presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non atoparse en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

– Aquelas entidades nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

– Aquelas entidades que fosen sancionadas con carácter firme por infracción grave ou moi grave en materia de turismo pola Axencia Turismo de Galicia nos últimos 2 anos.

Artigo 5. Forma e lugar de presentación das solicitudes e declaracións responsables

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, e indicaralle que, se así non o fixer, se terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación.

Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

4. As entidades solicitantes deberán declarar responsablemente, tal e como consta no anexo II:

a) Se, en relación con outras subvencións, axudas, recursos ou ingresos concedidos ou solicitados, se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, ningunha outra subvención, axuda, recurso ou ingreso para o mesmo proxecto e conceptos para os que se solicita a subvención.

b) Se se solicitou, ou non, ou se recibiu, ou non, algunha axuda en aplicación do Marco nacional temporal relativo ás medidas de axuda destinadas a apoiar a economía no contexto do actual gromo da COVID-19, e que, no seu conxunto, non superaron os límites establecidos no referido marco.

c) Non estar incursa en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Non estar incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención, particularmente as referidas a estar ao día das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e estar ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións.

e) Estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Regulamento de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

f) Que todos os datos contidos na solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

g) Que se compromete a cumprir as obrigas e requisitos que se sinalan no artigo 18 das bases reguladoras.

h) Que a empresa solicitante cumpre cos criterios de definición de peme, segundo a definición establecida pola Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DO L124, do 20.5.2003).

Artigo 6. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas achegarán coa solicitude (anexo II) a seguinte documentación para a tramitación do procedemento:

a) Acreditación da representatividade suficiente para actuar no nome da entidade solicitante.

b) Memoria explicativa en que se defina de xeito pormenorizado o investimento e as actuacións que se van desenvolver.

c) Orzamento do investimento desagregado por partidas en que se especificará o importe da execución.

d) Documentación oficial que acredite os empregados da empresa solicitante no momento da solicitude.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten.

Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se vai presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo 1, a Axencia Turismo de Galicia poderá requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano competente requirirá o interesado para que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días e indicaralle que, se non o fai, se dará por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei do procedemento administrativo común das administracións públicas.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados por outras administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI/NIE da persoa solicitante.

– DNI/NIE da persoa representante.

– NIF da entidade solicitante.

– Certificado de estar ao día no pagamento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria e coa Seguridade Social, así como de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

– Consulta de concesións de subvencións e axudas.

– Consulta de inhabilitacións de subvencións e axudas.

– Certificado de domicilio fiscal.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 10. Órganos competentes

A Xerencia da Axencia Turismo de Galicia será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención e corresponderalle á persoa titular da Dirección da axencia ditar a resolución de concesión.

Artigo 11. Instrución do procedemento

1. De conformidade co establecido no artigo 68.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu na súa petición, logo da correspondente resolución.

2. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de non admisión, en que se indicarán as causas desta.

4. O órgano instrutor realizará unha proposta de resolución na cal figurarán de xeito individualizado as persoas solicitantes propostas para obter a subvención, así como as denegacións, especificando a causa da denegación e indicando o importe da concesión que se propón para cada un deles.

5. No caso de existiren solicitudes que non acaden o dereito á subvención ao terse esgotado o crédito dispoñible, pasarán a formar dunha lista de agarda coas persoas solicitantes que poderán ser susceptibles de recibir a axuda se se produce un incremento do crédito, ben por dispor de crédito por producirse algunha renuncia ou modificación nos proxectos inicialmente propostos ou ben por incremento do orzamento inicialmente destinado a esta subvención.

Artigo 12. Audiencia

1. Unha vez instruído o procedemento, o órgano instrutor formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada que será notificada ás persoas interesadas para que, nun prazo de dez días, poidan formular alegacións e presentar os documentos e xustificacións que coiden pertinentes de acordo co establecido no artigo 21.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Porén, poderase prescindir do trámite a que se refire o punto anterior cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas pola persoa interesada. Neste caso, a proposta de resolución formulada terá o carácter de definitiva.

Artigo 13. Resolución

1. Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución definitiva que elevará á persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia para a súa resolución. A dita proposta conterá a relación de expedientes instruídos, establecida por rigorosa orde de incoación, o número de expediente, a data de presentación da solicitude, a actuación subvencionable e a contía da subvención proposta, ou ben a causa da proposta de denegación ou non admisión, segundo corresponda.

2. A persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia, en vista da proposta, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a persoa solicitante a que se lle concede a subvención, a actuación subvencionada, así como a subvención concedida e a súa contía ou, de ser o caso, a causa de non admisión ou denegación da solicitude.

3. Unha vez esgotado o crédito destinado a esta subvención, publicarase no Diario Oficial de Galicia a dita circunstancia, que suporá a non admisión dos expedientes instruídos con posterioridade ao esgotamento do orzamento previsto para esta convocatoria.

4. De conformidade co previsto no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, unha vez esgotado o crédito dispoñible, poderá ampliarse cando o aumento veña derivado dalgunha das condicións prevista no dito artigo.

3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorrese o prazo máximo para resolver sen que se ditase resolución expresa, aquelas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 14. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións na conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e polas entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 15. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente resolución de convocatoria poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a Axencia Turismo de Galicia. O prazo para a interposición do recurso de reposición será dun mes, se o acto for expreso. Transcorrido o dito prazo, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, de ser o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión. Se o acto non for expreso, a persoa solicitante e outras posibles interesadas poderán interpoñer recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produza o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Artigo 16. Modificación da resolución

1. Unha vez ditada a resolución de concesión, as persoas beneficiarias poderán solicitar a modificación do seu contido antes de que remate o prazo para a realización da actividade.

2. A modificación poderase autorizar sempre que non se danen os dereitos de terceiras persoas. En todo caso, a modificación da resolución de concesión deberá respectar o obxecto da subvención, as actuacións subvencionables e non dar lugar a actuacións deficientes e incompletas.

3. Para a modificación da resolución non poderán ser tidos en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela.

4. Xunto coa solicitude, as persoas beneficiarias deberán presentar: unha memoria xustificativa, o orzamento modificado e a relación e identificación concreta dos cambios introducidos.

5. O acto polo que se acorde ou denegue a modificación da resolución será ditado pola persoa titular da Axencia Turismo de Galicia, logo da instrución do correspondente expediente en que se lles dará audiencia ás persoas interesadas nos termos previstos no artigo 12.

6. Cando as persoas beneficiarias da subvención poñan de manifesto na xustificación que se produciron alteracións das condicións tidas en conta para a concesión desta que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei de subvencións de Galicia, téndose omitido o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, sempre e cando tal aceptación non supoña danar os dereitos de terceiras persoas.

Esta aceptación por parte do órgano concedente non exime a persoa beneficiaria das sancións que poidan corresponderlle conforme a citada Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 17. Renuncia

A renuncia á subvención poderase facer axustándose ao modelo que se inclúe como anexo III, así como por calquera outro medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

No caso de que se comunicase a renuncia en prazo, a persoa titular da axencia ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21 da citada lei.

Artigo 18. Obrigas das persoas beneficiarias

1. As persoas beneficiarias das subvencións adquiren os seguintes compromisos e obrigas, de conformidade co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo das demais obrigas que resulten da normativa aplicable:

a) Cumprir o obxectivo e realizar a actuación subvencionada ou, se é o caso, o modificado coa autorización da Axencia Turismo de Galicia.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determine a concesión ou o gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará a Axencia Turismo de Galicia, ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coas subvencións e axudas concedidas, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle á Axencia Turismo de Galicia a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Estas comunicacións deberanse efectuar tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) As persoas beneficiarias deberán dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos na lexislación mercantil e sectorial aplicable coa finalidade de garantir o exercicio adecuado das facultades de comprobación e control. Así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos.

f) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Para tales efectos, a persoa solicitante deberá achegara certificación de estar ao día nas citadas obrigas no caso de opoñerse á súa consulta ou non prestar o consentimento expreso de conformidade co disposto no artigo 8. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que a persoa solicitante ou beneficiaria ten débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase aquela para que regularice a situación e presente por si mesma o correspondente certificado.

g) As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, na cal se fará constar a subvención concedida pola Xunta de Galicia conforme o manual de identidade corporativa que estea vixente.

Igualmente, as persoas beneficiarias deberán incluír, nas súas accións promocionais, a marca Xacobeo 21-22, de acordo co manual de identidade visual, aprobado polo Decreto 167/2018, do 29 de novembro, polo que se regula a utilización da marca Xacobeo 2021 (DOG núm. 1, do 2 de xaneiro de 2019).

Os custos correspondentes á dita publicidade serán por conta da persoa beneficiaria.

h) A subministrar á Axencia Turismo de Galicia, en virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento pola Axencia Turismo de Galicia das obrigas previstas no título I da citada lei.

i) As persoas beneficiarias quedan obrigadas a reintegrar, total ou parcialmente, o importe percibido pola subvención concedida, así como os correspondentes xuros de demora devindicados desde o momento do pagamento, nos seguintes casos:

– Por incumprimento dos compromisos e obrigas relacionados neste artigo.

– Por incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos prazos e termos establecidos nesta resolución.

– Por ter obtida a subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para iso ou ocultación daquelas que o impedisen.

– Por incumprimento total ou parcial do obxectivo da actividade, do proxecto ou pola non adopción do comportamento que fundamentou a subvención.

– Por resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro; incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, ou por incumprimento do obxectivo ou a concorrencia con outras axudas para a mesma finalidade percibidas de calquera Administración ou ente público ou privado.

– Nos demais supostos previstos na normativa reguladora da subvención.

Artigo 19. Xustificación da subvención

1. A entrega da documentación xustificativa terá de prazo ata o 10 de decembro de 2021.

2. A entidade beneficiaria da subvención deberá presentar, consonte o disposto no artigo 7 destas bases, mediante a modalidade de conta xustificativa, a documentación que a continuación se indica:

a) Solicitude de cobramento asinada segundo o modelo do anexo V.

b) Facturas ou outros documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, entendendo por tal calquera documento presentado para xustificar que a contabilidade reflicte a imaxe fiel da realidade. Así como os xustificantes do pagamento.

c) Declaración de calquera outra «axuda temporal» en aplicación do Marco nacional temporal ou do Marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote de COVID-19, recollido na Comunicación da Comisión Europea do 19 de marzo de 2020 (2020/C 91 I/01) (DOUE do 20 de marzo), e as súas posteriores modificacións, segundo o modelo do anexo IV.

d) Anexo VI: modelo de declaracións actualizado.

Os gastos xustificados deberán ter correspondencia clara coas partidas do orzamento aceptadas pola Axencia Turismo de Galicia na resolución de concesión da subvención e responder de xeito indubidable á natureza da actividade subvencionada.

Só se considerará gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación determinado na normativa reguladora da subvención.

O gasto subvencionable xustificado deberá coincidir coa resolución de concesión da subvención ou coas modificacións autorizadas.

3. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido ou a concorrencia dalgunha das causas de reintegro previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia. Neste caso ditarase a oportuna resolución, nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 20. Pagamento

1. Unha vez recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da axencia, antes de proceder ao seu pagamento, realizarán as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.

Procederá a minoración da subvención concedida cando o gasto subvencionable realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración, debidamente xustificada pola entidade beneficiaria, non supoña unha realización deficiente da actuación subvencionada.

Previamente ao pagamento, deberá acreditarse que os beneficiarios se atopan ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non teñen pendente de pagamento débeda por ningún concepto coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia nin sen debedores por resolución de procedencia de reintegro.

Para tales efectos, a persoa solicitante deberá achegar as ditas certificacións de estar ao día nas citadas obrigas no caso de opoñerse á súa consulta ou non prestar o consentimento expreso de conformidade co disposto no artigo 8. No caso de que as actuacións de oficio levadas a cabo polo órgano instrutor, consonte o artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, desen como resultado que as persoas beneficiarias teñen débedas ou obrigas con algunha destas administracións, requirirase a persoa solicitante ou beneficiaria para que regularice a situación e presente por si mesma o correspondente certificado.

Asi mesmo, presentarán, segundo o modelo do anexo IV, unha declaración de calquera outra «axuda temporal» en aplicación do Marco nacional temporal ou do Marco temporal relativo ás medidas de axuda estatal destinadas a apoiar a economía no contexto do actual brote da COVID-19, recollido na Comunicación da Comisión Europea do 19 de marzo de 2020 (2020/C 91 I/01) (DOUE do 20 de marzo de 2020), e as súas posteriores modificacións.

2. As persoas ou entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar un anticipo dun 50 % da subvención concedida, ao abeiro do disposto no artigo 63 do regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada.

3. As persoas ou entidades beneficiarias, unha vez ditada a resolución de concesión da subvención, poderán solicitar pagamentos á conta tal e como se recolle no artigo 62 do regulamento da Lei de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

4. Para a realización dos pagamentos anticipados ou pagamentos á conta, deberá constituírse unha garantía do 110 % do importe das cantidades anticipadas, na forma establecida no artigo 67 do citado regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

Os pagamentos anticipados e os pagamentos a conta están exentos da obriga de constituír garantía, segundo se establece no artigo 65.4.i) do citado regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o importe da subvención non supere os 18.000 euros.

Artigo 21. Incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes de conformidade co establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

3. Cando o cumprimento pola persoa beneficiaria se aproxime de modo significativo ao cumprimento total e se acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos compromisos adquiridos, a cantidade que hai que reintegrar responderá ao principio de proporcionalidade e determinarase aplicando os mesmos criterios de avaliación que se empregaron para a concesión referidos á realidade finalmente comprobada.

4. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 22. Control

1. A Axencia Turismo de Galicia poderá realizar as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.

2. Así mesmo, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 23. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución da concesión, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, do beneficiario, do programa e crédito orzamentario, da contía e finalidade da subvención.

Igualmente, será aplicable o réxime de publicidade establecido na Lei 1/2017, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno.

As persoas interesadas poderán facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas no artigo 15.2.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Alén do anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a tres mil euros (3.000 euros), non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Axencia Turismo de Galicia.

Así mesmo, en cumprimento do disposto nos artigos 18 e 20.8 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (LXS en adiante) comunicarase a concesión das axudas reguladas nesta convocatoria á Base de datos nacional de subvencións, que operará como sistema nacional de publicidade de subvencións.

A solicitude para ser beneficiario da axuda levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda, dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, as persoas ou entidades solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións, cando concorran algunhas das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 24. Remisión normativa

Aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o seu regulamento, e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file