Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Venres, 24 de setembro de 2021 Páx. 46880

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 2021 pola que se convoca un curso oficial de piloto profesional de aeronaves pilotadas por control remoto para as forzas e corpos de seguridade.

De acordo co establecido no artigo 4.2 da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, convócase un curso oficial de piloto profesional de aeronaves pilotadas por control remoto para as forzas e corpos de seguridade cuxas bases e características se especifican no anexo desta resolución.

A Estrada, 14 de setembro de 2021

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO I

Bases

Primeira. Destinatarios

Poderán participar nos cursos convocados por esta resolución os/as policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta comunidade autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica) que se encontren en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que, de producirse esta situación, os/as interesados/as deberán comunicarllo á Agasp de maneira inmediata. No caso de non facelo serán penalizados coa non participación en accións formativas da Agasp durante un ano contado desde o día seguinte a que se teña coñecemento do feito; no caso de estar a realizar efectivamente un curso, non se emitirá diploma del.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal cando esta veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Segunda. Desenvolvemento da convocatoria

Número de prazas.

20 prazas (10 prazas reservadas para o persoal dos corpos da Policía Local, 4 prazas reservadas para o persoal da UPA, 3 prazas reservadas para o persoal do Corpo Nacional de Policía e 3 prazas reservadas para o persoal da Garda Civil).

Terceira. Desenvolvemento da actividade

O curso vaise desenvolver na modalidade de semipresencial:

• 54 horas serán a través da plataforma de formación en liña.

• 1 fin de semana de formación presencial con prácticas de voo e exame práctico.

Cuarta. Inscrición

a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal) e non se admitirá outra forma ou modelo de solicitude.

b) É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp, manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos os ditos datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

c) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normativizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

e) No caso de atoparse nalgún dos supostos que a seguir se indican, o/a solicitante deberá remitir á Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación (non será preciso se tal documentación xa consta en poder da Agasp; neste caso, deberán comunicalo na propia solicitude):

– Profesionais que estean a gozar ou gozasen nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

f) Cando o curso para o cal presenta a solicitude requira a presentación de documentación complementaria co obxecto de acreditar circunstancias específicas de acordo cos criterios de selección, deberá remitir tal documentación por fax (886 20 61 22), por correo electrónico (formacion.agasp@xunta.gal) ou de acordo co establecido no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

g) O prazo de presentación de solicitudes será desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata as 14.00 horas do día 8 de outubro de 2021.

Quinta. Criterios de selección do alumnado participante

Terán prioridade na selección aqueles/as solicitantes que acrediten a existencia dunha UAS no seu concello ou destino de procedencia.

No suposto de non existiren solicitudes neste senso, os criterios de selección xerais son:

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos dous anos, segundo conste nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade.

Reservarase o 50 % das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos establecidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes. De non existiren suficientes solicitudes de participación de mulleres, as prazas sobrantes acrecentarán as da quenda xeral.

Sexta. Publicación das relacións do persoal seleccionado

A Agasp publicará na súa páxina web http://agasp.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar en cada curso, así como un número adecuado de reservas. Ademais, para unha maior difusión, serán informados da súa selección a través do correo electrónico e tamén, para quen facilite un número de teléfono móbil, a través de mensaxe telefónica.

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comuniquen a súa imposibilidade de asistencia con polo menos 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formacion.agasp@xunta.gal

Sétima. Dereitos e deberes do alumnado participante

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Conselleria de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

Oitiva. Certificado de aproveitamento

Unha vez finalizado o curso e feita a avaliación correspondente, expediranse os certificados de aproveitamento aos alumnos que cumpran as seguintes exixencias:

• Visualización dos contidos.

• Superación dos cuestionarios.

• Realización das tarefas segundo as exixencias indicadas.

• Realización das prácticas de voo.

• Superación da proba presencial final presencial do conxunto do curso.

Novena. Facultades da Agasp

A Agasp poderá modificar o desenvolvemento normal das actividades para adaptalas ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir os cursos, ampliar novas edicións destes ou suspendelos temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización ou docencia.

Na páxina web da Agasp publicaranse todos os datos precisos das accións formativas que se convocan nesta resolución.