Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Venres, 24 de setembro de 2021 Páx. 46874

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 14 de setembro de 2021 pola que se convocan cursos de formación continua para o persoal dos corpos da Policía Local dos concellos de Galicia.

Aprobado o programa anual de actividades para o ano 2021 da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) polo Consello Reitor e de acordo co establecido no artigo 9.2.b) da Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Agasp, convócanse os cursos de formación continua dirixidos aos/ás policías locais de Galicia, correspondentes ao segundo semestre do ano 2021, cuxas bases e características se especifican no anexo desta resolución.

A Estrada, 14 de setembro de 2021

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública

ANEXO

Bases

Primeira. Destinatarios/as

Poderán participar nos cursos convocados por esta resolución os/as policías locais de Galicia e demais persoal da seguridade pública que traballa nesta comunidade autónoma (Garda Civil, Policía Nacional e Unidade da Policía Autonómica) que se atopen en situación de servizo activo ou excedencia por coidado de familiares.

A baixa laboral por incapacidade temporal impide a participación nas accións formativas convocadas, polo que, de producirse esta situación, os/as interesados/as deberán comunicalo á Agasp de maneira inmediata. No caso de non o faceren, serán penalizados coa non participación en accións formativas da Agasp nun ano que se conta desde o día seguinte a aquel en que se teña coñecemento do feito e, no caso de estar a realizar efectivamente un curso, non se emitirá diploma del.

Será revisable a admisión de persoas en baixa laboral por incapacidade temporal cando veña producida por accidente de traballo recoñecido como tal e a asistencia ao curso non interfira na recuperación.

Con carácter xeral, reservarase o 20 % das prazas convocadas para persoal das forzas e corpos de seguridade do Estado que traballen en Galicia, porcentaxe que pode ser superado no suposto de quedaren prazas vacantes.

Así mesmo, en caso de quedaren prazas vacantes, poderá acceder aos cursos convocados a través desta resolución o persoal dependente da Axencia Galega de Emerxencias e do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112-Galicia.

Se as solicitudes para participar nun curso non superan as 10 persoas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Segunda. Solicitudes

1. O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (htpp://agasp.xunta.es), sen que se admita ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o telefono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos estes datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas solicitantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

3. Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.

4. No caso de atoparse nalgún dos supostos que a seguir se indican, o/a solicitante deberá remitir á Agasp, no mesmo prazo establecido para o envío da solicitude de inscrición, a certificación orixinal ou fotocopia legalizada que acredite tal situación. Isto non será preciso se tal documentación xa está en poder da Agasp, caso este en que deberán comunicalo na propia solicitude.

a) Profesionais que estean gozando ou gozasen nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución de xornada ou dunha excedencia por coidado de familiares.

5. Cando o curso para o cal presenta solicitude requira a presentación de documentación complementaria co obxecto de acreditar circunstancias especificas de acordo cos criterios de selección, deberá remitir tal documentación por correo electrónico (formación.agasp@xunta.gal) ou de acordo co establecido no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. O prazo de presentación de solicitudes será desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG ata as 14.00 horas do día 14 de outubro de 2021.

7. O número máximo de cursos que se poden solicitar nesta convocatoria limítase a 5.

No caso de que unha mesma persoa presente mais solicitudes das permitidas, a Agasp, de xeito automático, elixirá as primeiras 5 accións formativas solicitadas.

8. Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro en que xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles. No caso de que se comprobe con posterioridade a realización simultánea de varias actividades, non se expedirá certificación de ningunha delas e o/a alumno/a non poderá participar noutro curso durante un ano desde que se detecte este feito.

Terceira. Criterios xerais de selección

Os criterios xerais de selección son os que a seguir se indican, sen prexuízo de que para cursos específicos se requiran outros diferentes, o cal se indicará na ficha de cada acción formativa concreta.

1. Menor número de cursos realizados na Agasp nos dous últimos anos.

2. Por orde de inscrición.

Terán preferencia na selección os/as candidatos/as que estean gozando ou gozasen nos dous últimos anos dunha licenza de maternidade, dun permiso de paternidade, dunha redución da xornada ou dunha excedencia para o coidado de familiares, sempre que cumpran cos requisitos obxectivos para seren destinatarios do curso.

Ademais, de conformidade co establecido no artigo 37.bis da Lei 7/2004, para a igualdade de homes e mulleres, nos cursos, xornadas ou outras actividades formativas organizadas ou financiadas pola Administración pública galega, reservarase un 50 % das prazas a mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria.

Cuarta. Admisión

1. A Agasp publicará na súa páxina web a relación de persoas seleccionadas para participaren en cada curso, así como un número adecuado de reservas, con polo menos 5 días de anticipación ao inicio de cada curso.

Os/as alumnos/as seleccionados serán informados da súa selección a través do correo electrónico e da mensaxería telefónica.

A Agasp reserva para si o dereito de solicitar aos concellos de procedencia todos aqueles datos que considere necesarios para a adecuada realización da selección.

2. O alumnado seleccionado so poderá renunciar ao curso por causas de forza maior suficientemente xustificada ou necesidade do servizo sempre que se acredite documentalmente o feito alegado polo xefe/a do corpo da Policía Local do concello en que traballe ou persoa responsable.

No caso de cambios de cuadrante ou quendas de traballo, deberán quedar acreditados suficientemente os motivos e que se coñeceron con posterioridade á solicitude de inscrición no curso.

A renuncia debe ser comunicada por escrito a través do modelo que figura na páxina web da Agasp e cunha anticipación de 3 días hábiles ao inicio do curso, co fin de poder cubrir a vacante.

A renuncia non xustificada ou a falta de acreditación documental da causa que a produce suporá a exclusión da persoa seleccionada nos seguintes 10 cursos que convoque o Servizo de Formación en Seguridade Pública da Agasp e nas cales a persoa figurase como posible destinataria, sen contar edicións repetidas, cursos xa realizados e que ao menos teñan a mesma carga horaria do curso por que foi penalizado.

Quinta. Asistencia aos cursos

1. É obrigatoria a asistencia con puntualidade a todas as sesións dos cursos.

Durante a realización dos cursos levarase un control permanente da asistencia a través dos sistemas que se establezan para o efecto e poderán realizarse controis de asistencia extraordinarios.

Unicamente se autorizará a ausencia por causas xustificadas e debidamente acreditadas, que en ningún caso poderán superar o 10 % das horas lectivas.

A ausencia xustificada superior ao 10 % do total das horas lectivas suporá a perda do dereito á expedición do diploma. No caso de haber unha segunda edición do curso en cuestión, o Servizo de Formación en Seguridade Pública poderá valorar a posibilidade de que o/a alumno/a poida recuperar as horas non realizadas na edición anterior; en todo caso, para poder valorar esta posibilidade non poden transcorrer mais de seis meses entre unha edición e a seguinte.

A falta de asistencia dun número superior ao 10 % das horas lectivas sen xustificación ou falta de acreditación documental da causa alegada no só dará lugar a perda do dereito ao diploma do curso senón tamén á penalización coa non participación en cursos da Agasp durante un ano, contado desde o día seguinte ao da finalización do curso.

2. O alumnado asistirá aos cursos co uniforme regulamentario. No caso de non facelo e de non existir causa suficientemente xustificada, a Agasp poderá impedir a asistencia ao curso e non emitirá diploma nin certificado acreditativo.

Sexta. Certificación

Nos cursos de aproveitamento o alumnado debera superar unha proba de avaliación que se levará a cabo cando terminen.

Sétima. Desenvolvemento dos cursos

1. A Agasp poderá suspender a realización de actividades formativas convocadas cando sexa necesario por motivos técnicos ou insuficiencia de solicitudes de participación.

2. A Agasp poderá modificar as datas, horarios, contidos e desenvolvemento dos cursos, así como resolver todas as continxencias e incidencias que poidan xurdir.

3. A Agasp poderá programar cursos diferentes cando así veña exixido por circunstancias que afecten a organización, xestión e docencia.

ANEXO I

Denominación da actividade

Horas

Prazas

Data de comezo

Data de remate

211324

Seguridade cidadá: práctica operativa

8

15

13 decembro

13 decembro

211325

Seguridade cidadá: práctica operativa

8

15

14 decembro

14 decembro

211326

Intervención policial con cans e demais animais

32

15

8 novembro

16 novembro

211327

Asistencia sanitaria primeiro interveniente

8

15

25 outubro

25 outubro

211328

Asistencia sanitaria primeiro interveniente

8

15

26 outubro

26 outubro

211329

Fotografía policial

40 (32 horas presenciais, 8 horas traballo)

15

8 novembro

29 novembro

211330

Actuación policial ante condutas suicidas

8

15

13 decembro

13 decembro

211331

Protección de datos no eido policial: especial referencia á Lei orgánica 7/2021

20 (12 horas presenciais, 8 horas teleformación

25

4 novembro

25 novembro

211332

Falsidade documental

4

20

27 outubro

27 outubro

211333

Habilitación no uso do inmobilizador electrónico ed. 1*

12

12

3 novembro

5 novembro

211334

Habilitación no uso do inmobilizador electrónico ed. 2*

12

12

3 novembro

5 novembro

* Terán prioridade na admisión os solicitantes procedentes de concellos en posesión do inmobilizador electrónico, que se deberá acreditar a través de comunicado oficial do concello.